CON GALICIA POR BANDEIRA E CANGAS NO CORAZÓN: CANDO CANGAS SE SENTIU ORGULLOSA DUN GRUPO MUSICAL
Texto elaborado por Óscar Rodríguez Martínez, socio de A Illa dos Ratos. Fotografías cedidas pola A.C A Cepa.
Hoxe imos contarvos a fermosa historia de “Nuevas Amistades”, un grupo musical do Morrazo que, cantando en galego, acadou un gran éxito nos anos 70 do século pasado e fíxose famoso en toda España.
Algunhas das súas cancións alcanzaron os primeiros postos das listas musicais nacionais e acadaron importantes premios en festivais internacionais como Mallorca ou Miño (Ourense), pero como todo ese éxito medrou efervescente e as súas actuacións eran cada vez máis demandadas, aos seus seis membros cústaballes compaxinar os seus traballos coa devoción que tiñan pola música e isto, entre outros factores, acabaría esgotando o tempo de existencia do grupo.
A orixe de “Nuevas Amistades” foi precisamente a amizade xurdida entre un grupo de mozos do Morrazo e unhas mozas forasteiras
A finais de agosto de 1969, durante as festas de Cristo, dúas mozas chamadas Carmina e Elisa, enfermeiras de profesión, chegaban a Cangas procedentes de Madrid, onde se coñeceran mentres traballaban no Hospital “18 de Julio”.
Elisa xa coñecía o pobo porque cando era nena viña todos os anos de vacacións co colexio Casa de La Virgen de Madrid e sempre tivera no seu pensamento que cando fose maior volvería para quedar a vivir un tempo. Con esa intención, mentres non atopaban vivenda aloxáronse temporalmente nun albergue que estaba diante do peirao chamado Casa Gandón.
Uns días despois, nas festas de Darbo, Carmiña saíu a bailar cun rapaz chamado Berto que lle falou da súa paixón pola música e contoulle que daquela formaba parte, xunto a uns amigos, dun grupo chamado Los Tirans. Berto convidounas a ir a un dos seus ensaios e unha vez alí como as mozas tamén cantaban, probaron a facelo xuntos. Sorprendidos polo resultado, animáronse a crear unha nova formación á que chamaron “Nuevas Amistades” xa que acababan de coñecerse.
Como Elisa e Carmina alugaran a planta baixa dunha casa da familia Nores na zona da Pedra Alta de Cangas, decidiron instalar alí o seu local de ensaio, e xuntábanse a diario todos os seráns.
Os integrantes da formación orixinal do grupo foron Carmina Barranco (Martos, Xaén), Elisa Ocaña Torregrosa (Cobeja, Toledo), Eberto Pena Collazo (Tirán, Moaña), Paco Piñeiro (Cangas) e Mario Monroy (Moaña) que era o único instrumentista do grupo ata que pouco tempo despois incorporouse ao grupo Xexo Portela (Bueu), que tocaba a guitarra acústica de 12 cordas.
Coa chegada do Nadal, ” Nuevas Amistades” foron invitados a participar nun festival solidario que se organizou no cine Calvar de Cangas
O acto, que se ía celebrar con motivo do Nadal, incluía diversas actividades como unha pequena representación teatral ou actuacións folclóricas e de canto e ía ser retransmitida pola Radio Popular de Vigo.
Tras a actuación de “Nuevas Amistades”, ante a entusiasta resposta do público presente na sala, o locutor radiofónico asegurou: ” Ninguén é profeta na súa terra, se vos o sodes, levade sempre a Cangas no corazón“. Esa expresión impresionoulle tanto a Elisa que sempre a tivo presente cada vez que subían ao escenario.
Despois de actuar no Festival de Nadal celebrado no Cine Calvar de Cangas, o grupo comezou a despegar e participou con éxito no Festival Internacional do Miño de 1970
Despois da espectacular resposta do público nesa primeira aparición, “Nuevas Amistades” comezou a ser máis coñecida no ámbito musical. Foi nese momento cando o compositor vigués Fernando Vázquez Quiroga lles pediu arranxar e gravar a canción “Cantigas das Fontes” que quería presentar no Festival do Miño de 1970.
O grupo levou a cabo o encargo e o tema foi enviado ao festival sendo seleccionado entre as máis de 500 cancións presentadas, conseguindo estar entre as 20 cancións clasificadas de cinco países (Portugal, Francia, Inglaterra, Irlanda e España) e entre as 10 finalistas: “Manos que se alzan” (España), “Jécouterant man coeur chanter” (Francia), “Stop look and Listen” (Inglaterra), “Al otro lado del puente” (España), “El agua y Teresa” (España), “Le Cerceau”(Francia), “Dime donde estás amor” (España), “Si volviera a nacer” (España) y “Rosalía” (España).
Como non podía ser doutro xeito, a pesar de ser un grupo totalmente descoñecido, sen discos no mercado e sen representantes artísticos, os integrantes de “Nuevas Amistades” foron os encargados de defender a canción no festival.
O nivel daquela sexta edición era moi alto e os nosos protagonistas atopáronse de súpeto competindo con artistas de fama internacional, como o inglés Danny Street, que resultaría gañador, ou o francés Jean Jacques, que conseguira un meritorio sexto lugar en Eurovisión en 1969 representando a Mónaco coa canción ” Mama, mama “, cando só tiña 12 anos.
Os nosos protagonistas acadaron un meritorio terceiro posto e a partir de entón actuaron en importantes salas de todo o país e mesmo en programas de televisión .
Como exemplo, Eberto Pena lembrou, con orgullo e agarimo, nunha entrevista no Faro de Vigo, a participación de “Nuevas Amistades” no programa de TVE “Al compás de las estrellas” de Raúl Matas desde Benalmádena (Málaga), no que actuaron con Marisol.
Outra das aparicións televisivas do grupo tería lugar anos despois, o 11 de abril de 1973, en “ Estudio Abierto ” presentado por Jose María Íñigo .
En 1970 “Nuevas Amistades” asinou o seu primeiro contrato cunha discográfica e participou no prestixioso Festival Internacional de la Canción de Mallorca
Tras os éxitos acadados, o grupo asinou o seu primeiro contrato co selo discográfico Marfer. Gravaron o seu primeiro sinxelo, precisamente “Cantiga das fontes”, e pouco despois actuaron no prestixioso Festival Internacional de la Canción de Mallorca.
O certame, que cumpría a súa sétima edición, contou nesa ocasión con máis de 5.000 asistentes in situ, a cobertura de máis de 150 emisoras de radio e foi retransmitido en directo por TVE , o que permitiu que moita xente do Morrazo se puxese ante as pantallas para non perder detalle do certame que presentaba o famoso José Luis Uribarri.
Contan que era todo un espectáculo ver os bares de Cangas, Moaña e Bueu cheos para ver se gañaba “Nuevas Amistades”, que finalmente conseguirían o primeiro premio á mellor letra e o segundo á mellor canción con “La balada del marinero”, unha canción composta por Mario Monroy que trataba dun home que perdía ao seu fillo nas augas do Atlántico; ese mar, fonte de riqueza que amosa ás veces o seu lado máis cruel.
Ao seu regreso, foron recibidos na estación de tren de Vigo con pancartas e gaitas e ao chegar ao peirao de Cangas, a bordo do barco de Vapores de Pasaxe, produciuse un lanzamento de bombas de palenque.
Algúns dos compoñentes de “Nuevas Amistades” foron cambiando ao longo dos anos por diversas razóns
Nos anos seguintes algúns dos seus membros abandonaron a formación por diversos motivos: marchou Paco e chegou Antonio Camaño, a mediados de 1971 foi Berto que deixou o seu posto a Toño Parcero, que acababa de rematar o servizo militar, e no outono de 1972 incorporouse Honorato. despois da marcha de Mario.
Con estes cambios, o grupo gañou moito en instrumentación porque Camaño tocaba a guitarra, Toño tocaba a guitarra e o baixo, e Honorato tocaba a guitarra e algo de percusión, que ata entón era tarefa de Elisa (pandeireta e claves).
Con estes novos vimbios, en 1972 regresaron ao Festival do Miño e conseguiron mellorar o resultado anterior, acadando un meritorio segundo posto.
En 1973 “Nuevas Amistades” cambiou de selo discográfico e participou no Festival de Benidorm
Tras certa polémica con Marfer por cantar en galego, o grupo cambiou de discográfica e, xunto a Philips, gravaron o sinxelo “O que non chora non mama”, tema co que actuaron no Festival de Benidorm de 1973.
Despois de tres días de actuacións, “Nuevas Amistades” foron seleccionados entre os 10 finalistas e actuaron nunha gala presentada por Concha Velasco que sería retransmitida por TVE para o territorio nacional e pola OTI para América Latina.
O gañador do certame musical foi naquela ocasión Emilio José coa canción “Soledad” que axiña se popularizou en todo o territorio nacional.
Logo de cinco anos cheos de éxitos, Nuevas Amistades disolveuse en maio de 1974
Foron anos de actuacións en importantes salas e auditorios de toda a xeografía española, acadando os primeiros postos das listas radiofónicas e aparecendo nas revistas máis relevantes do ámbito musical.
En 1974 “Nuevas Amistades” aínda participou no Festival de Alcobendas, pero a experiencia non foi tan gratificante como en anteriores ocasións. Non había a mesma sintonía coa discográfica e a nivel persoal tamén se deran cambios na vida dalgúns membros do grupo: Carmina fora nai do pequeno Oliver, Elisa quería mudarse a Barcelona para ampliar os seus coñecementos de enfermería…
O grupo deralles moitas satisfaccións, pero era o momento de pechar unha etapa. Despois de sete sinxelos e dous LP, decidiron disolver o grupo e para agradecer o recoñecemento e cariño dos cangueses, regresaron ao cine Calvar para despedirse coa súa última actuación como “Nuevas Amistades”.
Algúns membros de “Nuevas Amistades” reencontraronse en 2015 para unha actuación na TVG
O 11 de decembro de 2015 algúns dos membros que pasaron polo grupo nas súas diferentes etapas, estiveron no programa LUAR da TVG convidados polo xornalista Xosé Luis Blanco Campaña e cantaron algúns temas do seu disco de panxoliñas.
Sirva este artigo para homenaxear a todos os membros de “Nuevas Amistades” por difundir a nosa cultura e lingua galega por todo o territorio nacional e por representar con orgullo ao Morrazo, logrando que toda a comarca, unida,se volcase con eles e vivise as súas actuacións en festivais ou en importantes salas de concertos, coa mesma paixón que se dun equipo de fútbol se tratase.
Óscar Rodríguez Martínez
Socio fundador de A Illa dos Ratos.
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/02/06/2020
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/09/07/2020
4 comentarios
Redacción A Illa dos Ratos
Grazas a ti, Rosa. Esperamos que os seguintes que imos a publicar tamén sexan do teu agrado e volver a verte nas nosas rutas a partir de febreiro. Unha aperta
Redacción A Illa dos Ratos
Alegrámonos moitode que che gustase o artigo. 🙂
Rosa Luengo
Me ha encantado el artículo. Moitas grazas!!!
Lucía García
Moi interesante!Sempre aprendemos cousas de Cangas.Gracias Oscar