SARAH LORENZANA, UNHA MULLER ADIANTADA AO SEU TEMPO 

Texto elaborado por Sara González Gallego, socia de A Illa dos Ratos, a partir da información e fotografías recollidas no libro “Acuarela de Soños, Sarah Lorenzana” editado pola A.C. A CEPA.

Cando buscamos textos poéticos e narrativos vinculados con Cangas, non podemos obviar a existencia dunha muller nacida neste municipio, Sarah Escarpizo Lorenzana Couto (1875 – 1967), que foi mestra de ensino primario en Pontevedra e escritora de máis de 40 libros no período de finais do século XIX e primeira metade do século XX, unha época nada doada para o recoñecemento das mulleres neste eido.

Sarah Lorenzana viviu nunha época na que as mulleres non o tiñan nada fácil en xeral, e menos aínda no eido cultural 

Se falamos do contexto no que esta muller desenvolveu todo o seu traballo, atopámonos nunha época de cambio con altibaixos nos dereitos e liberdades das persoas, vivindo catro guerras, unha monarquía Borbónica en plena Restauración, a primeira ditadura de Primo de Rivera, os cambios da II República e unha posguerra coa ditadura de Franco nos seus últimos anos, dado que falecería no 1967 aos 92 anos de idade.

Concretamente, a situación que viviu no seu día a día en Cangas víase influenciada polo feito de que naquel tempo a súa riqueza económica estaba sustentada na caza da balea e na industria conserveira, esencial para o desenvolvemento da vila, contando cunha gran actividade a través de pequenas industrias e outras máis grandes coma Massó. Xustamente esta actividade foi de gran importancia para a muller, xa que foron moitas as traballadoras coas que contaba esta industria, a pesar de que as condicións fosen desiguais fronte aos homes.

As mulleres non tiñan sinxelo recibir unha educación básica nin superior nas mesmas condicións que os homes

Se falamos da educación das mulleres, ao longo do século XX foron gañando o seu dereito ao acceso da escola, o cal abriulles paso ao mundo laboral, podendo actuar por si mesmas e ser as verdadeiras protagonistas das súas vidas.

Aínda así, existían diferenzas nos contidos escolares, onde os nenos gozaban dunhas especialidades orientadas á industria, agricultura ou comercio, mentres que as nenas especializábanse nas labores da casa, hixiene persoal, costura ou debuxo de patróns, quedando ancoradas a unha fin meramente utilitaria.

En canto á ensinanza secundaria, nun principio as mulleres só tiñan dereito a examinarse e posteriormente aínda que conseguiron adentrarse nas clases, tiñan que estar sempre nun espazo discreto e aillado.

Se falamos da universidade, despois das peripecias vividas por outras pioneiras de etapas anteriores como Concepción Arenal, as primeiras universitarias tituladas tiñan que superar aínda grandes dificultades, e os títulos obtidos non lles aseguraba poder exercer da profesión. Se a todo isto sumámoslle as diferenzas de clases, podemos aínda valorar moito máis o gran mérito que tiveron mulleres coma Sarah Lorenzana.

As mulleres que escribían eran coñecidas como “literatas” e non gozaban do recoñecemento que tanto elas como as súas obras merecían 

A realidade era que moitas delas eran coñecidas como literatas, mulleres casadas que escribían á noitiña, cando tiñan ocos libres fóra das súas tarefas domésticas e labores como nais. Puxeron de moda xéneros literarios como a novela por entregas ou a de denuncia, cun estilo máis relacionado co cotiá, cunha linguaxe popular ao igual cos temas que trataban, ao non vivir polo xeral nun ambiente tan académico coma o que podían vivir os homes.

As mulleres que gozaban de certa cultura enfrontábanse á cuestión de como conseguir ingresos polas súas creacións, lograr o recoñecemento que merecían e poder ser socialmente aceptadas. Tan dura e desigual era a situación que incluso se facía habitual que escritores, maridos ou xente próxima a elas se apropiase das súas obras, de xeito que elas escribían e asumían que eles colocarían a súa sinatura. Logo existían casos que empregaban pseudónimos como Sarah Lorenzana, que asinou os seus primeiros versos como Margarita del Campo, e incluso había outras que usaban nomes masculinos.

Sarah Lorenzana foi unha adiantada ao seu tempo, nena prodixio e muller pioneira en moitos aspectos

Adentrándonos na vida da escritora Sarah Lorenzana, filla de Augusto Escarpizo Lorenzana, farmacéutico en Cangas e da pontevedresa Elisa Couto Salcedo, atopamos que obtivo o título de Mestra Superior de Instrución Primaria con 13 anos e, pouco despois, xa con 16, fundou e dirixiu en Pontevedra o Colexio da Purísima Concepción, sendo posteriormente profesora nun parvulario en Vigo.

A súa obra poética recóllese en dous libros: Lirios (1897) e Acuarelas (1905), onde mestura contos e poesías entre os que podemos destacar “Meu Leres”, adicado ao Río Lerez de Pontevedra, escrito integramente en galego e que comezaba así:

“Alá naquela terriña
Qué é currunchiño do ceo,
bicando aqueles xardíns
que chaman cibdá do Teucro,
puxo Dios pra nos mostrar
que ise chan era o seu tempro,
o río, queé dos do mundo
o máis craro, o máis poéteco…
¡Meu Leres! Ouh ! quen poidera
Decirche o que por ti sento;
amorciños que pra ti
esquirtos na y-alma levo! “

O seu percorrido como escritora foi recollido no libro “Acuarela de Soños” editado pola A.C. A CEPA no ano 2011

Sarah Lorenzana tocou os principais xéneros literarios pero gran parte das súas creacións foron libros de divulgación científica, contos e de narrativa, libros de aventuras, novelas rosas ou libros de personaxes. Ademais, colaborou en xornais e revistas españolas e estranxeiras, sendo a súa vez a secretaria para España da revista francesa L’Envolé, directora da revista El Ángel del Hogar e foi membro da Real Academia Galega.

En definitiva, agardamos que con este artigo sexamos conscientes de que no pasado houbo mulleres coma esta canguesa que, con moito traballo, puideron atopar o seu lugar nun mundo de gran desigualdade e discriminación, e que deixaron a súa pegada nel para as seguintes xeracións. Lendo as súas obras, poderemos apreciar o gran mérito que tiveron, contribuíndo dunha maneira moi relevante ao recoñecemento que hoxe en día estamos logrando as mulleres. 

Sara González Gallego

Socia de A Illa dos Ratos

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.