UNHA MULLER PIONEIRA E ADIANTADA AO SEU TEMPO

Texto elaborado por Raquel Rodríguez Paz, socia de A Illa dos Ratos.

EL BRIBÓN D ELA HABANA. Paseo marítimo, 13 de Cangas.

Ás portas de celebrar o Día Internacional da Muller queremos fixar a nosa mirada nunha muller cunha vida moi intensa e descoñecida por gran parte da poboación galega, a pesar de que moitas das rúas dos nosos pobos, vilas e cidades levan o seu nome.

Falamos de Concepción Arenal, unha muller cunha gran inquietude polo saber, o coñecemento e a formación académica nun tempo no que o papel das mulleres quedaba restrinxido ao ámbito familiar de atención aos seus esposos e á crianza dos fillos e fillas.

Concepción Arenal viviu dende moi noviña a persecución e represión sufrida polo seu pai debido as súas ideas liberais e iso motivouna para intentar ser avogada 

María Concepción Jesusa Petra Vicenta Arenal Ponte naceu en Ferrol no inverno de 1820. Era filla de Concepción Ponte Tenreiro, unha muller que viña dunha familia da nobreza galega, e de Ángel del Arenal y de la Cuesta, un militar que ao longo de toda a súa vida sufriu unha continua persecución polas súas ideas de talante liberal e que terminaría falecendo de forma prematura cando a súa filla contaba con nove anos.

Cinco anos máis tarde do triste suceso, a familia trasladouse a Madrid. A idea era que Concepción Arenal estudase nun “colexio para señoritas”,  pero quizais influída pola situación vivida polo seu pai, a nosa protagonista desde ben pequena expresou abertamente o seu desexo de ser avogada, algo que naquela época non ía ser sinxelo de conseguir porque as leis impedían ás mulleres acceder aos estudos superiores.

De feito aos 21 anos, para poder ingresar como oínte na Facultade de Dereito da Universidade de Madrid, decidiu disfrazarse de home: cortou o pelo, vestiu levita, capa e sombreiro de copa. Foi descuberta e cando se revelou a súa identidade, chegou a un acordo co reitor: a alumna tiña que facer un exame para demostrar os seus coñecementos.

Os resultados foron tan bos que o reitor viuse obrigado a aceptar a Concepción Arenal no centro. Iso si, as condicións non ían ser para nada as mesmas que as dos seus compañeiros. Concepción nunca puido formalizar a matrícula na universidade, nin realizar ningún exame máis e, por suposto, non recibiu ningún título.

Tampouco lle estaba permitido relacionarse co resto de alumnos. Cada mañá, un bedel a recollía na porta do centro e a conducía ata un cuarto onde permanecía soa ata que o profesor da materia a recollía para as clases.

Unha vez na aula, sentábase nun lugar diferente e apartado dos seus compañeiros e seguía as explicacións ata que a clase concluía e de novo era recollida polo profesor, que a devolvía ao cuarto, onde esperaría ao seguinte docente. Así estivo asistindo como oínte durante catro anos, ata 1845. 

En 1848 Concepción Arenal casou con Fernando García Carrasco, avogado de profesión e periodista, tendo dous fillos aos que chamaron Ramón e Fernando García Arenal

Fernando era un home liberal que entendeu perfectamente a súa muller e de feito mantivo con ela unha relación de igualdade e no plano da intelectualidade, sempre lle permitiu que o acompañase aos faladoiros que se celebraban nos cafés da época e nos que se falaba de política e cultura.

Estas experiencias foron moi inspiradoras para Concepción Arenal e no ano 1855 empezou a colaborar no periódico La Iberia xunto a García Carrasco. 

Daqueles anos xurdiron un gran número de ensaios como: La ejecución de la pena de muerte (1867), ou Estudios penitenciarios (1877) entre outros. Neste último a escritora amosaba un país que abusaba da prisión preventiva e castigaba especialmente ás mulleres.

Concepción Arenal tamén foi unha muller pioneira na loita feminista pola igualdade a través de varias obras 

Como muller precursora na loita feminista, Concepción Arenal recolleu en varias das súas publicacións a situación social das mulleres do seu tempo e defendeu a necesidade do seu acceso a espazos ocupados polos homes para lograr a igualdade de condicións entrambos na sociedade.

Exemplos témolos en La mujer del porvenir (1869), La educación de la mujer (1892) e Estado actual de la mujer en España (1895), obras nas que a escritora non só se propón afastar os pensamentos equivocados que ten a sociedade da época sobre a muller, senón tamén reivindicar a súa capacidade intelectual e o dereito a recibir unha educación que lle permita desenvolver calquera profesión en condicións iguais aos homes.

CONCEPCIÓN ARENAL

Para ilustrar as súas ideas amosámosvos un fragmento extraído de La educación de la mujer:

“El médico, como hombre, ¿tiene derecho a ejercer su profesión? ¿Se le autoriza para ejercerla en virtud de su sexo, o de su ciencia? ¿Qué se pensaría del que, sin haber estudiado quisiera recetar u operar, y dijese al enfermo: «yo no sé medicina, ni cirugía, pero le curaré a usted porque soy hombre»? Se pensaría en enviarle a un manicomio.  Y si el hombre, no por serlo, sino por lo que sabe, puede ejercer una profesión, a la mujer que sepa lo mismo que él ¿no le asistirá igual derecho?” (Capítulo IV).

No ano 1870 fundou La Voz de la Caridad, unha plataforma para denunciar os abusos e inmoralidades tanto nos hospicios coma nos cárceres da época

Se quixeramos destacar unha característica desta muller, probablemente a poderiamos definir como una muller persistente, con grandes conviccións persoais e una loitadora por todo o que consideraba xusto.

Boa fe disto témolo no proxecto que ela dirixiu a partir do ano 1864 converténdose na primeira muller nomeada “Visitadora de Prisiones de Mujeres” polo Ministro de Gobernación, Florentino Rodríguez Vaamonde. Froito desta experiencia escribiu o libro Cartas a los delincuentes (1865) onde trata a necesidade de reformar o Código Penal despois de ver en primeira persoa as condicións infrahumanas que sufrían os reclusos españois, as irregularidades nos centros, os abusos, etc.

Concepción Arenal reivindicaba así un cambio á hora de levar a cabo a intervención e o tratamento que se había de seguir con estas persoas: “a institución penitenciaria debía ter unha función social educadora” e un carácter “plural, integral e con sentido progresista”.

Concepción Arenal tamén promoveu e colaborou con diferentes proxectos que tiñan fins sociais 

Ademais de todas estas accións para mellorar a vida das persoas, Concepción Arenal impulsou outros proxectos como a creación da “Construtora Benéfica” co obxectivo de edificar vivendas para os obreiros e tamén se implicou na organización da Cruz Vermella por aquel entón recentemente constituída.

É mester reivindicar figuras coma a de Concepción Arenal, unha muller que transgrediu os roles de xénero establecidos para acceder a espazos nos que as mulleres tiñan prohibido o acceso

Nos últimos anos da súa vida, a súa produción literaria diminuíu. Pero a pesar de que a súa saúde xa no era boa, seguiu colaborando con periódicos da época como Boletín de la Instrucción Libre de Enseñanza, La España Moderna e outros. Así o fixo ata que no mes de xaneiro de 1893 os seus padecementos empeoraron e o 4 de febreiro finou en Vigo á idade de 73 anos.

Hoxe en día as súas ideas continúan vixentes e a súa figura é recordada en moitos lugares de toda a xeografía española con algún monumento ou rúa na súa honra

A pegada do seu labor quedou reflectida en varios lugares como na súa cidade natal, Ferrol, onde se pode contemplar a escultura de pedra de Concepción Arenal, obra do artista Xosé Cid, colocada na década dos oitenta, do século XX.

CONCEPCIÓN ARENAL
Estatua de Concepción Arenal na cidade de Ferrol, a súa terra natal.

Para non esquecernos da súa traxectoria vital tamén se alza en A Coruña, cidade onde comezou a súa loita por mellorar as condicións de vida dos presos e a reforma das institucións penitenciarias, o Monumento a Concepción Arenal no interior dos Xardíns de Méndez Núñez. Obra do arquitecto Rafael González Villar, podemos observar unha gran aguia coas ás abertas e as súas garras sobre un libro aberto e unha serpe á que ameaza co seu peteiro. Uns metros máis atrás e entre dous pináculos, sitúase un medallón co rostro de Concepción Arenal.

CONCEPCIÓN ARENAL
Estatua adicada a Concepción Arenal nos xardíns de Méndez Núñez da cidade de A Coruña.

En Moaña tamén temos un bo recordo desta extraordinaria muller coa coñecida Finca de García Arenal. Situada no barrio de O Con, foron varios os veráns que pasou a nosa protagonista nesta finca ao longo da súa vida. Tal e como contamos na nosa ruta “Mulleres da Historia de Moaña“, a finca contén un pazo do século XIX con edificacións da metade do século XX rodeada dun parque botánico con diversas especies caducifolias e coníferas: carballos, loureiros, bidueiros, camelias, etc.

Para os adeptos aos filmes, deixámosvos este enlace para que poidades gozar da obra de Laura Mañá: Concepción Arenal, la visitadora de cárceles.

CONCEPCIÓN ARENAL

Raquel Rodríguez Paz
+ artigos

Socia de A Illa dos Ratos

2 comentarios

  1. Sarah Lorenzana: mestra, escritora e membro da real academia galega » A Illa dos Ratos

    […] falamos da universidade, despois das peripecias vividas por outras pioneiras como Concepción Arenal, as primeiras universitarias tituladas tiñan que superar aínda grandes dificultades, e os […]

  2. Maria rosa

    Gracias por vuestros artículos cuando os leo me siento orgulllsisima de todoa nuestra riqueza de terriña

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.