UN ANIMAL NON É UN XOGUETE, É UNHA VIDA

Texto elaborado por Lorena Gago Paz. Secretaria e traballadora da Protectora de Animais do Morrazo.

A historia da Protectora de Animais do Morrazo se inicia nos anos noventa, cando unha muller loitadora, Lela Soage, decide crear unha asociación para defender os dereitos e intereses dos animais da comarca.

Na actualidade, despois de máis de vinte anos, a asociación segue adiante loitando polo benestar animal. A pesar de que a súa fundadora xa non está entre nós, seguimos defendendo o gran labor ao que entregou a súa vida.

Hai cinco anos, un grupo de persoas que compartía o amor e a empatía cara aos de catro patas, decidimos xuntarnos e formar unha nova directiva para tomar as rendas da asociación e levar a cabo novos proxectos. Esta directiva consta de sete persoas (presidenta, vicepresidente, secretaria, tesoureira e tres vogais).

Actual directiva con Clara (tesoureira), Laura (presidenta) e Lore (secretaria). As tres son tamén traballadoras.

Na Protectora somos tres as traballadoras que loitamos a diario por todos e cada un dos nosos cans e cadelas. Dentro do refuxio atendemos as súas necesidades básicas realizando labores de limpeza e coidado. Fóra do refuxio encargámonos de atender a recollida de animais perdidos ou abandonados, xestionar as adopcións e as acollidas e facer un seguimento das mesmas, responder a avisos e retiradas de cans, acudir ás citas veterinarias, recadar fondos, etc.

As instalacións da protectora se atopan nunha situación moi precaria

No que respecta ás nosas instalacións hai que dicir que están moi lonxe de ser as ideais para unha protectora, xa que o material é antigo e sufriu o desgaste de moitos anos.

Investimos unha gran cantidade de cartos en material para poder conseguir unhas instalacións nas que os animais e nós mesmas esteamos seguras.

A colaboración dun grupo de voluntarios permitiunos realizar importantes reformas no refuxio. Estivemos traballando duramente para levantar novos muros, para  cementar unha zona de terra, cambiar mallas, facer portas, cambiar tellados, etc. pero aínda hai moito que facer. Entre os novos proxectos que temos en mente, pola súa urxente necesidade, está o de construír unha clínica veterinaria.

Ademais dunhas instalacións adecuadas, para facer fronte ao coidado do gran número de animais que temos ao cargo, precisamos recursos. Son múltiples as actividades e eventos que desenvolvemos para poder recadar os fondos necesarios, tendo en conta que os cartos dalgúns Concellos non chegan cando deberían.

Unha das actividades que levamos a cabo é a organización de mercados benéficos no paseo de Rodeira, en Cangas, os domingos que vai bo tempo. Contamos con merchandising da Protectora e unha morea de cousas de segunda man que a xente nos doa cun fin solidario.

Tamén participamos nas Feiras de Adopcións organizadas en diferentes municipios e organizamos concertos benéficos. Parécenos moi boa idea combinar música e solidariedade, este tipo de eventos dan moi bo resultado.

Por outra parte, temos que destacar que cada ano pomos á venda a lotería de Nadal, sempre conservando a esperanza de que nos toque.

Para colaborar coa Protectora de Animais do Morrazo existen múltiples formas

Aquelas persoas que queiran colaborar con nós, ademais de poder participar nos eventos e actividades anteriores, tamén o poden facer a través do Teaming, do apadriñamento/amadriñamento de cans e cadelas do refuxio, facéndose socios/as, realizando unha aportación aos petos que temos en diferentes establecementos, etc. Agradecemos cada doazón que se nos fai, xa sexa económica, de materiais para a mellora do refuxio, doazóns de penso, mantas e accesorios para os nosos animais, etc.

O noso traballo dentro da asociación non remata no coidado dos nosos cans e cadelas, senón que tamén pretendemos facer unha labor de concienciación sobre o benestar animal, impartindo charlas en colexios, asociacións e centros de día. Un compañeiro policía acompáñanos para facer referencia á tenencia responsable de animais. É unha actividade incrible e moi beneficiosa para o futuro, aos/ás nenos/as e maiores encántalles o contacto cos animais.

Sen os voluntarios, a actividade da Protectora de Animais do Morrazo non sería posible

Por último, queremos facer mención especial ao noso equipo de voluntariado. Estas persoas axúdannos a mellorar as nosas instalacións, traballan duramente en cada evento que organizamos, soben ao refuxio aínda que chova ou faga un temporal horrible para poder sacar a pasear os nosos cans e cadelas e traballar cos/as que máis o precisan (medos ou necesidades especiais), etc. sempre coa preocupación do noso benestar e o das nosas mascotas de catro patas.

Neste traballo vives moitas experiencias, agradables e non tan agradables. Hai días desastrosos nos que precisas moita forza para non tirar a toalla e seguir neste duro camiño e é nese momento cando un gran equipo debe permanecer unido.

Temos a sorte de contar con estas persoas marabillosas que se comprometeron con nós dende o minuto un, todo polo benestar dos nosos animais. Sempre están dispostas/os a tender unha man cando máis as necesitamos, cóidannos, mímannos, fannos sentir especiais, teñen plena confianza en nós e nós sentímonos realmente orgullosas de que decidiran formar parte do noso proxecto, da nosa vida.

Os animais do refuxio son o corazón da nosa Protectora e as persoas voluntarias son a forza, o motor que nos impulsa. Xuntas/os confiamos en poder axudar a construír unha sociedade verdadeiramente responsable e respectuosa cos animais.

Óscar Rodríguez Martínez
Presidente A Illa dos Ratos en | + artigos

Socio fundador de A Illa dos Ratos.

2 comentarios

  1. Aurelia Soage Pérez, fundadora da protectora de animais do morrazo » A Illa dos Ratos

    […] parte da súa vida ao servizo público, concretamente a crear e levantar o que hoxe en día é a Protectora de Animais do Morrazo situada na zona de Broullón en […]

  2. "Lela" Soage Pérez » A Illa dos Ratos

    […] parte da súa vida ao servizo público, concretamente a crear e levantar o que hoxe en día é a Protectora de animais do Morrazo situada na zona de Broullón en […]

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.