“LELA”, A ALMA DA PROTECTORA DO MORRAZO 

Texto elaborado por Óscar Rodríguez Martínez, socio de A Illa dos Ratos e Sonia Freire Pérez, que foi a coidadora de Lela Soage nos seus últimos anos de vida.

“Un animal é unha vida, non un xoguete”.  Lela Soage

No artigo de hoxe imos a coñecer a historia de Aurelia Soage Pérez “Lela”, unha muller que adicou gran parte da súa vida ao servizo público, concretamente a crear e levantar o que hoxe en día é a Protectora de Animais do Morrazo situada na zona de Broullón en Moaña.

Para coñecer a súa historia contamos co relato de Sonia Freire, a que foi a súa coidadora durante os seus últimos catro anos de vida. Grazas a iso tivo a oportunidade de convivir con ela e compartir horas de interminables charlas sobre as súas vivencias.

A vida de Aurelia Soage Pérez foi a dunha muller entregada a mellorar a vida dos animais abandonados

O meu nome é Sonia Freire, son coidadora de profesión e tiven a gran sorte de traballar coidando a Lela nos seus últimos anos de vida nos que tivo tempo de contarme multitude de recordos e anécdotas relacionadas co seu gran soño: a Protectora de Animais do Morrazo.

Antes de comezar co meu relato quero dar as grazas á Asociación A Illa dos Ratos por ser os únicos que se interesaron por coñecer en profundidade a historia humana que hai detrás desta gran muller loitadora.

Unha nena cunha sensibilidade especial cos animais

Aurelia Soage Pérez, coñecida por todos como Lela, naceu en Tirán no ano 1941 e dende que tivo uso de razón xa se recordaba a si mesma como unha nena a que lle gustaba coidar dos animais que non tiñan un fogar.

Contoume que de camiño á escola soia deixar uns cacharriños de auga e comida ou algunha caixiña valeira para que os gatiños abandonados se refuxiasen e comesen.

Ademais polas noites, sen que o soubese a súa nai, deixaba aberta a ventá da súa habitación para que os gatiños entrasen e non tiveran que pasar a noite ao frío.

Caricatura que lle realizaron a Lela ao longo da súa vida e que tiña na súa casa. Autor descoñecido.

Sempre recordaba emocionada que a súa ilusión sempre foi poder crear un fogar para todos os animaliños abandonados e se encendía cando contaba como loitou e loitou, chegando incluso a pelearse con políticos, para conseguir crear a protectora .

Coa vida feita, Lela Soage non olvidou a súa vocación

Co paso dos anos, Lela fixo a súa vida. Casada e cun fillo, vivía en Tirán, pero rexentaba un salón de peiteados na rúa do Sol de Cangas polo que tamén era moi coñecida na vila.

Sempre me repetía unha e outra vez que a pesar de gustarlle o seu traballo, nunca deixou de adicar parte do seu tempo a que fora a súa vocación frustrada.

De feito xa antes de fundar a protectora, cando remataba o seu traballo, collía o seu coche e ía na busca dos canciños que non tiñan fogar para coidalos e atender as súas necesidades.

Contaba que collía comida e auga e iba na súa busca, en ocasións ata longas horas da madrugada. No maleteiro do seu coche sempre había caixas e bidóns para improvisarlles un refuxio.

Por máis que se esforzaba, Lela sentía que nunca facía o suficiente e o seguinte paso que se lle ocurriu dar foi acoller aos cans que atopaba pola rúa directamente na súa propia casa.

Lela co sorriso na boca acompañada de dous dos cans que tiña na súa casa.

Como era de esperar, non tardou moito en darse conta de que esa solución non era viable no longo prazo e foi entón cando falou co Concello de Moaña para que lle cedese o uso dunha antiga granxa que estaba nuns terreos de titularidade municipal, nunha zona alonxada do centro como era Broullón.

Lela comenzou coa aventura da Protectora de Animais do Morrazo a finais dos anos 80

Sabía que a partir dese intre comezaba realmente a súa gran aventura. Era consciente de que ía ter moi poucos medios pero creía cegamente no proxecto e con moita vontade e implicación iba a conseguir realizar o seu soño.

Moita xente non o sabe pero sempre estivo na protectora de forma totalmente desinteresada e incluso tivo que poñer cartos do seu propio peto para sufragar gran parte dos gastos.

Tamén sei de primeira man que moitas veces non lle daban as horas para facer as cousas como ela quería e antepoñía a súa paixón, o coidado dos animais, a súa casa e a súa propia familia, o que lle ten provocado máis dunha discusión familiar.

Lela recordaba que naqueles primeiros anos o traballo diario era moi duro para ela tanto mental como físicamente. Contábame que no inverno, cando caía a noite, tiña que andar soíña polo monte porque as instalacións non tiñan luz e para facer os baldeos dos caniles tiña que facer innumerables viaxes carrexando a man caldeiros de auga.

Lela Soage rodeada dalgúns cans nas instalacións da Protectora de Animais do Morrazo.

Co paso do tempo e grazas ao seu carácter e esforzo as cousas foron mellorando. A día de hoxe a protectora conta cun pozo e un depósito do que poden usar auga cunha mangueira para baldear.

As instalacións tamén dispoñen de electricidade pero con moi pouca potencia e cunha instalación eléctrica tan precaria que no inverno cando se vai a luz as traballadoras teñen que baixar a Broullón para acceder ao cadro xeral da luz e retomar o suministro.

Unha adopción non é un regalo, é unha vida

Esta era unha frase que Lela repetía moitas veces e sempre tiña presente, sobre todo cando me contaba as historias que había detrás de cada adopción.

Ao longo dos anos foron moitas as persoas que pasaron pola protectora con intención de adoptar algún dos animais que por diferentes circunstancias remataban alí.

O aforo teórico da protectora rondaba as 60 prazas pero sempre estaba rebasado. As veces teñen coincidido alí máis de 150 cans.

Poderiamos pensar que para Lela sería un alivio conseguir colocarlle algún can aos interesados xa que disporía de máis sitio nas instalacións e con menos cans o traballo faríaselle máis levadeiro. 

Pero Lela era moi especial co tema das adopcións e non deixaba marchar un can da protectora con calquera sen indagar sobre as circunstancias nas que os interesados querían facerse co animal.

Era unha persoa cun gran corazón, amor incondicional polos animais e moito carácter e antes de entregar o animal se aseguraba de que os interesados ían darlle un bo fogar e unha boa vida ao canciño.

Para quedar máis tranquila, despois de formalizar unha adopción incluso se pasaba coa súa furgoneta polas casas dos adoptantes para comprobar que o animal tiña unhas condicións adecuadas.

A escultura adicada aos animais abandonados, unha obra pioneira a nivel nacional

Dende o ano 2010 existe no parque de O Pontillón, frente ao edificio do actual Concello de Moaña, unha escultura adicada ao todos os animais abandonados, un monumento pioneiro a nivel estatal.

Lela participou de forma activa nas xestións para que o monumento fose unha realidade. De feito o texto que aparece escrito na placa da escultura foi elaborado de forma gratuíta por Sara, unha profe que coñecía moi ben a Lela. A pedra foi donada por Jose Fervenza e a escultura foi feita de forma altruista por Carmen Grandal “Kika”.  

Oscar e Lu, guías de A Illa dos Ratos na ruta “Mulleres da historia de Moaña”, na parada adicada a Lela diante da escultura do animal abandonado.

No acto de inauguración Lela foi a protagonista e tivo a oportunidade de dirixirse aos presentes declarando tal e como recolleu o Faro de Vigo que “este é un acto que debe servir para concienciar a xente de que o abandono tamén é un maltrato, e temos que conseguir acabar con estas prácticas porque os animais tamén teñen dereitos“.

O alcalde daquel entón, Xose Manuel Millán, respostoulle que “dende hai moito tempo todos tiñamos no corazón a necesidade de agradecerche esta labor, e esta estatua habería que facercha a ti”.  

Lela Soage o día que se inaugurou a Escultura adicada ao Animal Abandonado en Moaña (2010).

Un accidente doméstico no 2014 mermou moito a súa saúde

Despois dunha vida adicada ao coidado dos animais, no ano 2014 Lela sufriu un accidente grave na súa casa e pasou a ser ela quen precisou axuda dos demáis.

Por aqueles tempos ela xa estaba loitando contra unha enfermidade pulmonar, e tras ese accidente o seu estado de saúde agravouse polo que tivo que acostumbrarse e non ser tan activa e ficar na casa.

Aínda así o seu amor polos animais fixo que dende o minuto un se preocupase máis pola sorte dos sete cans que tiña na súa casa durante a súa convalecencia que pola súa propia saúde.

Debido as secuelas tiña dúas persoas que a coidaban día e noite: unha tiven a sorte de ser eu, Sonia Freire, e outra unha rapaza chamada Bea.

Teño que dicir que aínda estando moi enferma en canto mellorou un pouco pediunos reiteradamente que a achegásemos en cadeira de rodas ata a protectora para ver como iban as cousas. Sabiamos que estaba maliña pero por riba das súas dores e doenzas sempre estaban os seus queridos animaliños que ela consideraba “un fillo máis”.

Moita xente recorda a Lela sempre enfadada co mundo. En gran medida eu creo que a frustración por non dar atendido como ela quería aos animais. A miña experiencia con ela foi tan boa que podo afirmar que nos catro anos e tres meses que estivo ao meu coidado foi a enferma e a velliña máis boa do mundo, e me demostrou que era unha gran persoa incluso cando a súa saúde foi empeorando e quedou encamada, falecendo o 17 de agosto de 2019.

Lela merece que se recoñeza públicamente o seu gran labor

Despois de compartir tempo con Lela e coñecer todo o que fixo durante máis de 25 anos de forma altruista, entristéceme moito que ningún concello se teña acordado dela e non lle teñan dado o recoñecemento que se merece polo seu gran labor e adicación.

A miña pequena homenaxe é poñer as flores que lle podía levar ao cemiterio no monumento aos animais abandonados porque sei que a ela faríalle moita máis ilusión.

Dende a primeira publicación deste artigo o 25 de novembro de 2020, primeiro neste blog e posteriormente na revista “Cousas de…“, varios colectivos e veciños de Moaña comezaron en agosto de 2021 a recoller sinaturas para pedir que Lela Soage fose nomeada filla predilecta e se lle recoñecese publicamente o seu labor.

Tras unha longa tramitación administrativa, o pleno da corporación municipal celebrado o 19 de maio de 2022 nomea a Lela filla predilecta de Moaña e o 22 de maio de 2022 descóbrese a placa co seu nome na praza onde se atopa a escultura ao animal abandonado que dende ese momento pasa a ser a Praza de Aurelia Soage Pérez “Lela”.

Óscar Rodríguez Martínez
Presidente A Illa dos Ratos en | + artigos

Socio fundador de A Illa dos Ratos.

2 comentarios

  1. Protectora de Animais do Morrazo » A Illa dos Ratos

    […] da Protectora de Animais do Morrazo se inicia nos anos noventa, cando unha muller loitadora, Lela Soage, decide crear unha asociación para defender os dereitos e intereses dos animais da […]

  2. Protectora de Animales del Morrazo » A Illa dos Ratos

    […] la Protectora de Animales del Morrazo comienza en los años noventa, cuando una mujer luchadora, Lela Soage, decide crear una asociación para defender los derechos e intereses de los animales de la […]

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.