A ASOCIACIÓN QUE IMPULSA A VIDA CULTURAL DE MEIRA
Texto elaborado por Adriana Pérez Martínez, secretaria da A.F.C.X Meiramar-Axóuxeres.
Hoxe imos a coñecer o pasado, presente e futuro doutra asociación que leva moitos anos desenvolvendo una intensa e importante labor a favor das tradicións e a cultura galega no Morrazo: A A.F.C.X Meiramar – Axóuxeres.
O nacemento de Meiramar: unha iniciativa de Leonor Rosales
A orixe de Meiramar-Axóuxeres remóntase a 1980, cando Leonor Rosales Corrales comeza a ensinar a bailar a un grupo de nenas e nenos na súa casa particular. A raíz desta pequena iniciativa familiar vaise consolidando un grupo de baile, e pronto teñen a necesidade de constituírse como asociación; é así como nace Meiramar, con José Luís Martínez como Presidente.
Naqueles primeiros anos de democracia, con Xabier Abalo como alcalde de Moaña (1979-83 e 1983-87), o goberno amosa un gran interese pola recuperación das tradicións e a cultura da vila e en 1985 contratan un gaiteiro municipal para impulsar a formación de grupos de gaitas nas asociacións folclóricas moañesas.
Cabe destacar a relevancia deste dato xa que na Historia de Galicia so se coñecen tres casos de contratacións de gaiteiros municipais: un gaiteiro na Catedral de Santiago de Compostela no século XVI; un gaiteiro na parroquia de San Martiño (Moaña) no século XVIII; e, finalmente, a contratación de Xabier Blanco en 1985 polo Concello de Moaña, que actualmente continúa a ser o único en todo o país.
Ademais, en 1987 o Concello aluga un local na Porta do Sol, en Meira, que pon a disposición do grupo de baile Meiramar e o grupo de gaitas Treboada para os seus ensaios, e pronto estes coordínanse e comezan a actuar conxuntamente en público.
En 1991 a fundadora de Meiramar e mestra de baile Leonor Rosales abandona a asociación, e con ela a Presidenta dese momento, Elvira Masey Rúa.
Coa marcha de Leonor Rosales ábrese unha nova etapa con Eugenio Piñeiro que deixará como legado a participación en festivais internacionais e a recuperación etnográfica
Unha segunda etapa inaugúrase con Eugenio Piñeiro (Geno) como Presidente da asociación (1992-2017) e propónselle a Carlos Pastoriza substituír a Leonor Rosales.
A participación en festivais folclóricos internacionais marca unha nova etapa xa que despertan gran interese na mocidade e o grupo crece rapidamente. No ano 1991 realízase a primeira viaxe internacional para participar nun festival folclórico en Atessa (Italia), e dende entón a asociación viaxa cada verán levando o seu folclore por Europa: visitamos Italia, Francia, Bélxica, Polonia, Austria, República Checa, Portugal, Holanda, Grecia, Hungría, Eslovaquia, Bosnia-Herzegovina, Croacia e Irlanda.
Desa primeira viaxe nace a idea de crear un festival folclórico internacional propio e en 1993 realízase en Meira un primeiro festival, que se consolida dende 1994 como ‘O Folclore do Mar’. O obxectivo do festival era amosar o folclore de grupos procedentes de vilas mariñeiras doutros países, aínda que co paso dos anos esta premisa iríase perdendo.
Ao longo das 26 edicións celebradas ata o momento teñen participado grupos de Holanda, República Checa, Austria, Grecia, Irlanda, Hungría, Eslovaquia, Chipre, Bielorrusia, Polonia, Bulgaria, Lituania, Serbia, Corea, México, Arxentina, Uzbekistán, Croacia, Brasil, Bosnia-Herzegovina, Ossetia do Norte, Macedonia, Chile, Alemaña, Buriatia, Rusia e Perú.
Nestes anos consigue consolidarse unha banda de gaitas formada por integrantes de Meiramar e o grupo Santa Eulalia (tamén da parroquia de Meira) baixo o nome de Banda Chandarada, ensaiada por Xabier Blanco. Ademais, ao grupo de baile súmaselles unha escisión de Santa Eulalia recentemente constituída como Axóuxeres, dando lugar a Meiramar-Axóuxeres, tal e como a coñecemos hoxe en día.
No ano 2004 confíanse a Raquel Pérez Nogueira as clases de baile infantil a un reducido grupo inicial de 5 persoas, que iría crecendo en número ata chegar a ter 45 nenas e nenos de diferentes idades.
Á par das actividades folclóricas comeza a xestarse o interese pola recuperación etnográfica da vila e a promoción doutro tipo de eventos culturais, converténdose nunha característica que marcaría o rumbo da asociación
Algunhas destas iniciativas foron a creación da Plataforma cultural de Meira en 1990, a realización de roteiros pola parroquia de Meira entre 1993 e 1998, a celebración da feira tradicional de artesanía ‘Arte na Illa’ ou a inauguración do Museo das Carreiras en 2004.
Foi o 3 decembro de 2004 cando se inaugurou o Museo das Carreiras, A industria de elaboración de fíos en Meira, por iniciativa de Meiramar-Axóuxeres, actualmente situado no cruce entre a subida ao adro de Samertolameu e a entrada ao Porto de Meira. Este museo ao aire libre consta dunha construción tradicional cunha roda de fiar, un tanque en pedra e a primeira máquina de fiar nylon de xeito automático, elementos doados de antigas industrias xa desaparecidas. Varios paneis informativos acompañan as pezas, nos que se explica o proceso de elaboración de fíos de xeito artesanal a partir de materiais naturais (cánabo, lute, estopa, etc.) nunha industria que tivo a nosa parroquia como centro importante de localización dende finais do século XIX ata mediados do século XX.
A etapa actual se caracteriza por un compromiso firme coa recuperación e difusión das tradición e a cultura galegas, liña que a A.F.C.X Meiramar – Axóuxeres prioriza sobre todo a partir de 2010
Pouco a pouco a asociación foi cambiando de rumbo cara un compromiso firme coa recuperación e difusión das tradicións e a cultura galegas. Aínda que foi un proceso que duraría varios anos, podemos sinalar o 2010 como o ano no que cambia o paradigma. Decídese por aquela época, con Eugenio Piñeiro como Presidente, dar un cambio á asociación e mudar a estética do folclore de Meiramar, pasando dun traballo máis coreográfico cara outro baseado na recuperación de bailes e músicas das aldeas de Galicia da man do mestre Manolo Cobas.
Un exemplo deste traballo de recuperación de bailes foi a recuperación do “Entroido tradicional de Meira” coas Madamas e os Galáns.
A raíz dunha convocatoria veciñal no Paso Redondo, en Meira, no ano 2009, recupéranse numerosos testemuños de veciñas e veciños da parroquia que achegan valiosa información sobre o día da festa e as personaxes emblemáticas da mesma.
Grazas en particular á boa memoria de Modesta Pena Paredes, conséguese reproducir os traxes e as danzas que bailaban cada domingo de entroido as parellas de Madamas e Galáns e o ano 2011 o entroido tradicional de Meira volve a formar parte da axenda cultural de Moaña. En 2015 aparece unha foto da veciña Blanca de Paz posando co seu traxe de Madama, o que supón o colofón final que ilustra a vestimenta destas figuras.
Tradicionalmente o domingo de entroido celebrábase unha festa entre a xente da parroquia que acudía de todas partes cos seus disfraces, xuntándose nos camiños para compartir a andaina ata o lugar da festa ao son das gaitas.
Unhas parellas baixaban dende o Paso Redondo cos traxes brancos de Madamas e Galáns e cargando con xoias de ouro. Unha serie de personaxes acompañaban ás parellas na baixada asegurándose de que ninguén se achegase a elas, coa cara tapada e servéndose de ruda para espantar á xente coa súa fedor: eran “os fedellosos”.
O grupo de baile infantil comeza a entenderse como o piar e a garantía do futuro da asociación e créase en 2010, por iniciativa da mestra Raquel Pérez Nogueira, a Rede de Festivais Infantís
O grupo de gaita e percusión diríxeo Guillerme Fervenza ‘Higgins’ nun primeiro momento e dende o 2014 Roberto Sotelo, que continúa impartindo clases na actualidade. A esta agrupación súmase un grupo de pandeireteiras dirixidas por María Menduíña (2009-2010), Rebeca Lemat (2010-2012) e Guillerme Inácio (2010-2018).
Destacan nestes anos a participación no espectáculo multidisciplinar ‘Festa na Vila’ (dirixido por Manolo Cobas e estreado en decembro de 2016) e a recuperación en 2017 da Festa popular de Bronlle.
A figura de Eugenio Piñeiro sempre estará presente para os membros da A.F.C.X Meiramar – Axóuxeres
O 31 de agosto de 2017 falece repentinamente Eugenio Piñeiro deixando un gran baleiro na asociación tras 25 anos como Presidente así como no eido cultural moañés en xeral, dada a súa gran labor cultural ao longo de toda unha vida.
A prensa de todo o país faise eco da súa morte, e centenares de persoas acoden ao seu funeral no que non falta o son das gaitas de decenas de integrantes e ex-integrantes da asociación.
Celébranse diversas homenaxes á súa labor cultural, entre as que destacan a dedicación do Entroido tradicional de Meira de 2018, coa lectura dun sentido manifesto en voz de Alba García Cortegoso, Vice-Presidenta por aquel entón da asociación, e a dedicación do XXV Festival Internacional ‘O Folclore do Mar’, celebrado en xullo de 2018.
Ambos eventos foran promovidos por Eugenio Piñeiro e celebrábanse ese ano por primeira vez sen a súa presenza. En agosto de 2018, a Comisión de Festas de Meira celebra as festas patronais de Samertolameu na súa honra cunha homenaxe na que se descubre un monumento en pedra realizado polos canteiros Manuel Gondar e Manuel Alejandro Martínez.
Os anos seguintes a asociación continúa con María Jesús Fernández como Presidenta dende 2018, mantendo os eventos xa consolidados na parroquia: o entroido de Meira, a feira Arte na Illa, O Folclore do Mar e a Festa Popular do Bronlle, aos que se suma a Foliada da Castaña Borralleira (dende 2018).
En canto ás clases, Manolo Cobas e Roberto Sotelo continúan a súa labor, aos que se suma en 2018 a mestra de pandeireta Margó L. Gayoso, e inaugúranse as aulas de acordeón en 2018 con Xerardo Quintela e a aula de guitarra e cantos de taberna en 2020 co mestre Alberto Rodríguez Graña.
Adriana Pérez Martínez
Secretaria da A.F.C.X Meiramar - Axóuxeres
-
Este autor non ten máis artigos.
7 comentarios
A.C Lembranzas da Ría (I): Historia » A Illa dos Ratos
[…] ano 1992, actualmente imparte clases en distintas asociacións como Lembranzas da Ría de Cangas , Meiramar Axóuxeres de Moaña, e o grupo Abertal de A Rúa de Valdeorras, así como en distintos centros educativos, […]
A.C Lembranzas da Ría (I): Historia » A Illa dos Ratos
[…] desde 1994. Actualmente imparte clases en diversas asociaciones como Lembranzas da Ría de Cangas, Meiramar Axóuxeres de Moaña, y el grupo Abertal de A Rúa de Valdeorras, así como en diferentes centros educativos, […]
As Carreiras de Meira (I) » A Illa dos Ratos
[…] un museo ao aire libre adicado a esas “Carreiras de Meira” que se creou a iniciativa da A.F.C.X Meiramar – Axóuxeres para explicar este oficio de confección artesanal de fíos e cordas que logo se empregaban para […]
Las Carreiras de Meira (I) » A Illa dos Ratos
[…] museo al aire libre dedicado a estas “Carreiras de Meira” que fue creado por iniciativa de la A.F.C.X Meiramar – Axóuxeres para explicar este oficio de confección artesanal de hilos y cuerdas que luego se usaban para […]
Agrupación Cultural Nós » A Illa dos Ratos
[…] se premia a Manuel P. Rúa por la publicación del libro de fotografía “Moaña”, al grupo Meiramar como organización más antigua y a Manolo Rivas por “Hacer país”. Animaron el acto “Os […]
Agrupación Cultural Nós » A Illa dos Ratos
[…] prémiase a Manuel P. Rúa pola publicación do libro de fotografía “Moaña”, ao grupo Meiramar como organización máis antiga e a Manolo Rivas por “Facer País”. Animaron o acto Os […]
Clara Claro
Tenho muito orgulho eu e o meu marido Manuel Claro de ter acompanhado, colaborado e participado arduamente desde Portugal nesta trayectoria tão grande deste grupo e ter a Eugenio Pinheiro no coração como um irmão que nao sendo familia o é e será para sempre. Bem haja e continuem a vossa labor pelo bem da cultura. Aqui ficamos sempre disponíveis para vós.