A POSTA EN VALOR E A RECUPERACIÓN DO BAILE E A MÚSICA TRADICIONAL GALEGA COMO BANDEIRA.

Texto elaborado por Manolo Cobas, director artístico e do grupo de baile da A.C Lembranzas da Ría.

A túa tenda de xabóns e velas artesanais na rúa Pablo Iglesias, 19 baixo de Cangas.

A Asociación Cultural Lembranzas da Ría adícase á recuperación de bailes e músicas tradicionais. Isto faise posible grazas ó traballo de campo realizado polos seus compoñentes, ó cal se lle dá un carácter propio, mostrando diferentes xeitos de entender o baile e a música tradicionais.

A A.C Lembranzas da Ría fórmase en Cangas do Morrazo a finais do ano 1984, baixo a dirección de Xosé Menduíña Bastón

A asociación nace en Aldán e durante os primeiros anos realiza os seus ensaios na reitoral ata que se decide pasar a realizar os seus ensaios en Cangas, ampliando  nese momento ás súas actividades. No ano 1992 abre clases para nenos e nenas ofertando gaita, pandeireta  e canto, e baile.

LEMBRANZAS DA RÍA

Co paso do tempo os seus compoñentes mostran curiosidade e inquietude pola nosa tradición. A súa fin primordial sería dende entón a de recoller, investigar e promove-lo folclore da nosa terra. Para iso, comezaron a facer un traballo de campo percorrendo as aldeas de toda Galicia, onde o baile e máis a música, xunto co traballo, formaban parte da vida diaria. Consecuencia deste gran traballo é o repertorio que esta asociación pode mostrar ó público,  intentando en todo momento plasmar do mellor xeito posible o aprendido dos diferentes informantes.

Neste sentido cabe destacar, a recuperación feita pola asociación da Danza de Darbo e o Entroido tradicional de Damas e Galáns de Darbo.

No 2009 a A.C Lembranzas da Ría celebrou o seu XXV aniversario

Para celebrar unha data tan especial, a asociación organizou unha gala onde se xuntaron algúns dos compoñentes que pasaran polo grupo ao longo do tempo e fíxose un percorrido dende os comezos da asociación, mostrando algunhas das pezas que se bailaban no inicio ata ese momento.

LEMBRANZAS DA RÍA
Fotografía da Gala do XXV Aniversario da A.C Lembranzas da Ría

Xa nesa data, a asociación podía presumir do Premio Xiria á Labor cultural que recibira no ano 1994 ou do Premio Cacarexo do 2011. Estes premios serían a antesala do que de lle concedería no 2015: o prestixioso Premio Xohan de Cangas ao  labor cultural.

LEMBRANZAS DA RÍA

Entre as súas actuacións máis sobranceiras cabe destacar varias participacións nas Xornadas de Folclore Galego en Santiago de Compostela, actuacións fora de Galicia (como as realizadas en Salamanca, Burgos, Menorca, Madrid ou Segovia), numerosos Festivais en Portugal e no Festival De la Danse Bretonne en Guingamp na Bretaña, así como numerosas actuacións na TV como o ”Luar “ ou “Dende Galicia Para o Mundo”.

LEMBRANZAS DA RÍA

A A.C Lembranzas da Ría conta con diferentes escolas relacionadas coa musica e o baile tradicional e tamén con diversas formacións 

Dende o ano 1996 ata a actualidade, é Manolo Cobas quen dirixe o grupo grupo de baile, sendo tamén o director artístico da asociación, xunto co director de gaita Roberto Sotelo e a  directora de Canto e Pandeireta Margot Gayoso.

Dende o ano 2006, Lembranzas da Ría amplía as súas actividades dentro da asociación, con  escolas  de gaita, percusión, pandeireta, canto, baile e acordeón. Actualmente a asociación conta cunha escola entre 150 e 200 alumnos.

Simultaneamente, dentro da A.C Lembranzas da Ría conviven diferentes formacións con identidade propia.

Baile tradicional galego

Manolo Cobas é a persoa que dirixe o grupo dende 1996, baseándose no traballo de campo que está a levar a cabo polas aldeas de toda Galicia . Pretende montar un repertorio variado nos que os bailes son acompañados por pandereteiras, charanga, cuarteto ou gaiteiro solista, para deste xeito mostrar ó público un espectáculo con distintas maneiras de entender  o baile.

Manolo Cobas é mestre de baile tradicional dende o ano 1992, actualmente imparte clases en distintas asociacións como Lembranzas da Ría de Cangas , Meiramar Axóuxeres de Moaña, e o grupo Abertal de A Rúa de Valdeorras, así como en distintos centros educativos, tanto na formación regrada como en actividades extraescolares. Impartiu cursos en Lugo, Ourense, Ferrol, Santiago de Compostela, Madrid, Viseu, Madeira, Salceda de Caselas e Croacia. Compaxina a súa faceta de mestre coa de bailarín, formando parte das compañías de danza Circio e Bruma. Como músico forma parte do grupo Fiandola.

LEMBRANZAS DA RÍA

Charanga

A Charanga nace a finais do ano 2002 no seo da A. C Lembranzas da Ría, dentro da sección de acompañamento músico-instrumental.  Ata ese momento a música corría a cargo do cuarteto tradicional.  Nun comezo adicáronse só a acompañar a formación de baile, pero co paso do tempo foron numerosas as festas e festivais que requiriron da súa presenza para tocar. Foi así como se foi consolidando o cuarteto e, sobre todo, a charanga.

O seu director é Roberto Sotelo, gaiteiro formado dentro da asociación dende o ano 1999 de xeito autodidacta. Tamén foi compoñente da banda do colexio do Hío, membro da asociación Meiramar Axóuxeres, fundador e membro do cuarteto Ludovaina.  Ademais imparte clases nos grupos Antoxo de Bueu, Recordos da Nosa Terra, Pais de San Roque, Ardanceiros, etc.

Formouse como artesán na especialidade de gaita na Escola Municipal de Artes e Oficios, e é artesán de palletas.

LEMBRANZAS DA RÍA

Pandereteiras

A sección de pandeireta ten os seus comezos no ano 1988-89 e vai trocando tanto de compoñentes como de directores. A actual directora é Margot Gayoso, que pertenceu ao grupo “O Fiadeiro “ e actualmente é Mestra no Grupo “ A Buxaina “ e nas escolas de “ O Fiadeiro “ así como compoñente do Grupo “ Tanxedoras”. O seu traballo baséase no ensino de cantigas populares froito do traballo de recolleita  feita por ela mesma e pola A.C Lembranzas da Ría.

É deste xeito como o grupo aprende os cantares dos distintos puntos de Galicia  e as súas características, o que leva ás compoñentes do grupo a utilizar outros instrumentos de percusión ademais de pandeireta, como poden ser a lata, as culleres, a botella de anís, a pandeira…

LEMBRANZAS DA RÍA

ACTUACIÓNS MÁIS SOBRANCEIRAS

  • I,VII,XXIII E XXIV Festival Intercéltico do Morrazo(Pontevedra).
  • Romaría Internacional.
  • Varias participacións nas xornadas de Folclore Galego en Santiago de Compostela.
  • Festival de entrega do XV Premio ”IAR” do Folclore Galego.
  • Festivais en Ribadavia, Portomarín, Muros, Ferrol, Pontevedra, Vigo, etc
  • Festival Folclórico en Sesimbra. (Portugal).Festival Folclórico en Oporto (Portugal).
  • Festival Folclórico en Felgueiras (Portugal).
  • Actuación en Peñaranda de Bracamonde(Salamanca).
  • Actuación en Ciudad Rodrigo (Salamanca).
  • Actuación no Festival del Ajo en Vallelado (Segovia).
  • Actuación en Sasamón (Burgos).
  • Actuación en Valdemoro (Madrid).
  • Actuación en Ciudadela (Menorca)
  • Festival de la Danse Bretonne et de la Saint-Loup Guingamp. (Bretaña Francesa).
  • Varias actuacións no Programa “Luar” da TVG.
  • Actuación no Programa de TVE ”Desde Galicia Para el Mundo.
  • ”Espectáculo “ Festa Na Vila”.

O 10 de Decembro de 2016 a A.C Lembranzas da Ría estrea  o espectáculo “Festa na Vila”

Esta é unha obra baseada no baile tradicional, nas romarías e festas, amenizadas polas Bandas de Música, que tiñan un papel moi importante dentro da nosa tradición. Aínda que os nosos instrumentos máis representativos foron a Gaita e a pandeireta acompañado co canto, moitas bandas adaptaron  melodías e cantos populares aprendidos de xente da aldea para facer as súas obras.

Ao mesmo tempo, os Gaiteiros incorporaban ao seu repertorio músicas que escoitaban das bandas dándolle o seu toque persoal.  E así, confluíndo uns cos outros, xurdiron outras formacións como as murgas. Moitas festas e romarías foron amenizadas por bandas de música e gaiteiros , onde a xente bailaba e namoraba…

“Festa na Vila “ mostra o baile tradicional das romarías e festas amenizadas por bandas de música. Un percorrido dende principios de século XX,onde se pretende amosar o baile polas distintas comarcas: Ancares, Xallas, Fonsagrada, Carballo, Deza, Tabeirós, Ponteareas, Mondariz, Carballiño,…  Todo guiado e teatralizado polas actrices da Escola Municipal das Artes escénicas de Cangas. Neste espectáculo colaborou a Asociación Meiramar Axóuxeres de Moaña, a Banda de música Belas Artes de Cangas, e actualmente a Banda de Música “ Airiños do Morrazo”, de Moaña.

LEMBRANZAS DA RÍA

Durante o ano a A.C Lembranzas da Ría leva a cabo unha serie de actividades relacionadas co ciclo do ano, para que todos os membros e socios da asociación participen

Para a asociación é moi importante manter un contacto constante tanto entre os seus membros como coa realidade que os rodea. Por isto, cada ano repiten actividades como as xornadas de portas abertas, o tradicional magosto ou o seu “Serán de Lembranzas”

Pero ademais destes eventos, dende hai varios anos a asociación ven realizando diferentes actividades con identidade propia

Unha delas é o chamado Rancho de Reis. Cada ano por esa data, a asociación representa danzas de Reis de diferentes lugares de Galicia como a de Ríofrio, Cortellas, Fozara e Guláns. 

Estas danzas báilanse con Castañetas, Arcos e Paus. A vestimenta coa que se bailan estas danzas é, para os homes pantalón branco, camisa branca, faixa vermella ,dous mantóns de cachemir e un gorro vermello adornado con fitas de cores, espellos e plumas, e para as mulleres unha enagua, camisa branca e un mantón cruzado.

Todas estas Danzas seguen bailándose no se lugar de orixe  como marca a tradición o día 6 de Xaneiro.

LEMBRANZAS DA RÍA LEMBRANZAS DA RÍA LEMBRANZAS DA RÍA

Ademais deste Rancho de Reis, a asociación tamén organiza un Festival Infantil no que convida a dous grupos de Galicia cos cales se fai un intercambio cultural para que as nenas e nenos da asociación mostren o seu traballo con outras asociacións.

LEMBRANZAS DA RÍA

Outra actividade moi importante para a asociación é o seu Festival de Lembranzas que cada ano conta con algúns dos mellores grupos que hai en Galicia. Algúns dos que xa participaron foron Cantigas E Agarimos, O Fiadeiro, Donaire, Brincadeira,  Ultreia ou A Buxaina.

LEMBRANZAS DA RÍA

Queremos dar as grazas a Manolo Cobas por adicar o seu tempo a elaborar este interesante artigo e polo seu compromiso, e o da A.C Lembranzas da Ría, co baile e a música tradicional e polo seu traballo etnográfico e de recuperación ao que dedicaremos un segundo artigo no que falaremos da recuperación do Entroido Tradicional de Damas e Galáns de Darbo e a Danza e Contradanza de Darbo.  

Manolo Cobas Paredes
+ artigos

Mestre de baile tradicional galego e director artístico da A.C Lembranzas da Ría.

3 comentarios

  1. Cangas 1617, A defensa da Vila » A Illa dos Ratos

    […] que participen realizando actuacións e pasarrúas diversos colectivos como A.C Peis d´hos, A.C Lembranzas da Ría, A.C.F Tromentelo, Grupo de Danzas Pais de San Roque, Lume de Karoso, a A.C María Soliña ou a […]

  2. Cangas 1617, A defensa da Vila » A Illa dos Ratos

    […] as perspectivas presupostarias que se manexaban, pero con independencia disto, Peis d´hos, Lembranzas da Ría, A.C.F Tromentelo, Grupo de Danzas Pais de San Roque, Ameaça de Bombo, a A.C María Soliña e a […]

  3. Maria Rosa Riveiro Santamarina

    GRACIAS POR MANTENER NUESTRA CULTURA VIVA

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.