UN OFICIO ARTESANAL CON GRAN IMPORTANCIA EN MEIRA

Texto elaborado por Óscar Rodríguez Martínez, socio de A Illa dos Ratos, a partir de diversas fontes e tomando como base os contidos dos paneis explicativos do Museo das Carreiras.

Como falamos ao longo da ruta “A Moaña Mariñeira“, as mulleres veñen desempeñando un papel fundamental nas diferentes actividades vinculadas co mar. Neste artigo imos a falar dun oficio que historicamente estivo moi vinculado coa xente de Moaña, e máis concretamente da parroquia de Meira. Falamos das “carreiras”, mulleres que traballaban incansables baixo o sol, a chuvia ou o frío na fabricación artesanal de cordas e redes.

Existe un museo ao aire libre adicado a esas “Carreiras de Meira” que se creou a iniciativa da A.F.C.X Meiramar – Axóuxeres para explicar este oficio de confección artesanal de fíos e cordas que logo se empregaban para fabricar ou reparar as artes e aparellos de pesca que son de vital importancia para a xente do mar.

Segundo diversas informacións, dende tempos inmemoriais a parroquia de Meira foi unha localización moi importante desta actividade artesanal de confección de cabos e cordas

Estes produtos eran empregados en distintos oficios, tanto agrarios como mariñeiros, e gozaban de certo prestixio nas poboacións do arredor.

Para elaboralos empregábanse diferentes tipos de fibras vexetais existentes na zona: folla de cana, folla de millo, cebola, vimbio e sobre todo xunco e silveira.

AS CARREIRAS DE MEIRA
Panorámica desde A Sobreira, monte de Abelendo, dende a que se observa a Xunqueira e a Illa de San Bartolomeu (1929). Arquivo Fotográfico Pacheco, cedida para este artigo pola A.C Nós.

A silveira, unha vez quitadas as espiñas, retorcíase sobre si mesma para separar as fibras e poder empregalas con diferente grosor segundo se precisaban. Hai constancia de que con algunhas fibras de silveira e anzois de madeira de buxo se armaban liñas para a pesca da anguía.

Tamén se elaboraban os chamados “sedeños”, cordas longas e grosas usadas para suxeitar a carga do carro ou do remolque, a partir da pelaxe da cola dos cabalos ou con peles e tripas, sendo empregados neste último caso para a pesca en pouca profundidade.

En Meira chegaron a ser máis de vinte as casas que tiñan montado o seu taller na liñeira

Varias veigas no camiño da Barroca, no barrio do Pombal, adicábanse ao cultivo do liño. Eran quinteiros, longas veigas próximas ás casas dos artesáns, na que montaban un cercado cuberto que servía para protexer as persoas e o material das inclemencias do tempo

Esta fibra do liño, unha vez apañada, secábase e despois levábase a remollar no rio da Mó, en Reibón, poñendo os mollos de liño no mesmo leito do río pisados con pedras para que a corrente non as levara.

Despois de remollado, mazábase nunha mesa grande de pedra e unha vez peiteado e preparado, as mulleres puñan as estrigas ao cinto e fiábano facendo xirar un fuxo cunha man mentres que coa outra ían tirando do liño.

AS CARREIRAS DE MEIRA
Isabel Rosales , Carmen Sampedro e Carmen Martínez na Cordelería de Lino Castilla en Meira de Arriba en 1958. Fotografía do arquivo da A.C Nós.

O nome de “carreiras” vén do aparello rudimentario que se empregaba para facer as primeiras cordas que se fabricaban

Nas orixes desta actividade e antes da elaboración dun xeito máis industrial, para o trenzado das fibras e a elaboración dos diferentes cabos e cordas, empregábase un aparello rudimentario que se coñecía como “carreira”.

A carreira consistía nunha táboa que tiña nun extremo uns ganchos que se facían xirar e nos cales se enganchaban as fibras que, ao estar suxeitas no outro extremo entrelazábanse pasando polo medio a guía ou cabería. Co efecto do trenzado, a lonxitude das fibras acortábase polo que os ganchos que xiraban estaban montados enriba dun carro que se deslizaba.

Do nome deste instrumento rudimentario coidamos que provén o nome das Carreiras, aínda que existen varias hipóteses sobre a etimoloxía da verba “carreira” que nos leva a pensar neste termo como sinónimo de fileira, que precisamente se empregaba para nomear tamén a disposición en liña do liño cortado na veiga, para o que se adoitaban empregar frases como: “a ringleira do liño”, “mallar o liño na carreira” ou “fai pallicos na fileira”.

A finais do século XIX a actividade incrementouse dun xeito importante coa incorporación de innovacións tecnolóxicas

Posiblemente o feito de que a zona de Meira xa fose un centro de localización desta actividade, trouxo, a finais do século XIX, a Alejandro Castilla Castaño.

Este home nacido en 1851 no Porto de Santamaría (Cádiz) viña dende Cataluña, onde exercera de encargado na importante industria téxtil catalá. A chegada deste gran coñecedor da maquinaria industrial empregada no sector, supuxo o paso a unha confección de fíos e cabos dun xeito máis industrial e o nacemento das cordelerías, que convertiron a Meira nun dos puntos máis importantes no noroeste peninsular, subministrando a todos os portos pesqueiros da cornixa cantábrica.

Óscar Rodríguez Martínez
Presidente A Illa dos Ratos en | + artigos

Socio fundador de A Illa dos Ratos.

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.