TALENTO FUTBOLÍSTICO DE MOAÑA NO BARÇA DE CRUYFF

Texto elaborado por Óscar Rodríguez Martínez, socio de A Illa dos Ratos, a partir da entrevista mantida co propio Manolo Tomé.

No artigo de hoxe imos a repasar a traxectoria deportiva de Manuel Tomé Portela “Tomé”, moañés afincado en Cangas que moitos recordaredes porque nos últimos 35 anos adestrou entre outros a varios equipos galegos históricos como o tristemente desaparecido C.D. Ourense, o Racing de Ferrol ou o Pontevedra C.F.

Pero antes de converterse en adestrador nacional, Tomé tamén foi xogador do F.C. Barcelona e da U.D. Salamanca na Primeira División e tivo a oportunidade de gañar unha liga ao lado de Johan Cruyff e de enfrontarse a outros grandes xogadores da historia do fútbol como Maradona, Kempes, Jairzinho ou incluso Pelé.

Un mozo futbolista, forte e talentoso

Manuel Tomé Portela nace en Moaña o 3 de Marzo de 1950 e desde moi noviño demostrou unha gran paixón polo fútbol. Sendo un neno, ademais de xogar en diferentes equipos da localidade, era un espectador habitual daqueles míticos partidos que xogaban na praia de A Xunqueira os equipos “dos maiores” como o Meira ou o Acción Católica.

Entre todos aqueles xogadores afeccionados, o pequeno Tomé, que tiña como ídolo futbolístico a Luis Suárez, admiraba a “Pajicho”, un dianteiro centro que destacaba polo seu bo xogo e os seus goles.

MANOLO TOMÉ
Tomé conseguiu coñecer ao seu ídolo Luis Suárez nun partido no Vicente Calderón.

Con 13 anos, cando Tomé estaba estudando no Instituto Santa Irene de Vigo, se incorpora a un equipo chamado Florida que sería o paso previo a fichar polo Rápido de Bouzas Xuvenil. Alí foi onde Tomé comezou a destacar como un gran goleador, sendo un dianteiro centro forte e efectivo e xunto aos seus compañeiros conseguiu o campionato galego.

A seguinte parada na carreira de Tomé sería o Alondras C.F. que naquela época estaba nunha Terceira División moi diferente á de hoxe en día, composta por equipos de Galicia e Asturias. Alí Tomé xogaría con grandes compañeiros e xogadores como Del Rio, San Gabriel, Pazolo ou Manolo Vidal. 

Ao final desa tempada, o Alondras C.F. decidiu traspasar a Tomé e ao seu compañeiro Eloy, un dianteiro centro que xa coincidirá tamén con Tomé no Rápido de Bouzas, ao C.D. Ourense.

Na cidade das Burgas estaría tres tempadas que recorda con especial cariño tanto polos compañeiros cos que tivo a oportunidade de xogar, como polo trato que lle dispensou a afección 

A primeira tempada co C.D. Ourense foi a 1970/71. Houbo una reestruturación nas divisións e se estableceu una nova Terceira División na que os equipos repartíanse en 4 grupos. O equipo, que quedou enmarcado no grupo I xunto a outros clubs de Galicia, Asturias, País Vasco, Zamora e A Rioxa, rematou segundo clasificándose para unha promoción na que caería eliminado contra o Langreo da Segunda División.

Na 1971/72 o equipo empezou moi mal e houbo un cambio de adestrador. Chegou Manolín, un vasco que xogara con Di Stéfano no Real Madrid, e o equipo enderezou o rumbo pero non o suficiente para alcanzar as primeiras posicións.

Curiosamente aquel ano o C.D. Ourense fichou para a segunda volta a Lito, outro moañés que xogara en equipos como o R.C. Celta, o Racing de Ferrol ou o Hércules de Alacante e ao que lle dedicamos tamén un artigo no noso blog.

Ese mesmo ano Tomé estivo una semana en Madrid probando co Real Madrid que adestraba Miguel Muñoz e onde destacaban xogadores como Groso ou Amancio. Ao final non houbo acordo económico co C.D. Ourense e Tomé voltou a Galicia para liderar ao equipo na seguinte tempada, que sería a mellor da súa estancia en Ourense.

Esa tempada 1972-73 o C.D. Ourense tivo una grandísima tempada que culminaría co primeiro posto e o ascenso a Segunda División. Este gran equipo deixou ademais para o recordo unha épica participación na Copa do Xeneralísimo onde conseguiron eliminar a Real Sociedade tras derrotar aos donostiarras por 1-3 no mítico estadio de Atocha e volver a gañar por 4-3 no Couto logo de levantarlles o 0-2 que reflexaba o marcador ao final da primeira metade.

C. D. OURENSE – Tempada 1972-73 – Santamaría, José Luis, Mantecón, Manolín (adestrador), Fuertes, Tomé, Birichinaga e Pichi (masaxista); Valera-Pérez, Seijas, Orúe, Montenegro e García.

Tras as súas grandes actuacións no C.D. Ourense o F.C. Barcelona interesouse por incorporalo ás súas filas e alí coincidiría con grandes figuras da historia do fútbol como Johan Cruyff

As grandes cualidades e rendemento de Tomé fixeron que un periódico da época, o “Dicen”, o elexira como mellor xogador do grupo I da Terceira División na tempada 1972/73 e isto fixo que chamase a atención de varios equipos de categorías superiores.

O C.D. Ourense estaba preparando a nova tempada na Segunda División e disputou algún torneos amistosos contra equipos de maior categoría. Nun que xogaron en Salamanca, participaron o equipo local, o C.D. Ourense, o Benfica e o Anderlecht e ata alí desprazouse o adestrador do Barça, Rinus Michels, para ver as evolucións de Tomé.

Pero foi tras o Trofeo Cidade de Vigo, onde o C.D. Ourense empatou 1-1 contra o Chelsea o 18 de agosto do 1973, cando Josep María Minguella presentouse nas oficinas do C.D. Ourense en representación do ao F.C. Barcelona para negociar o traspaso de Tomé. Tras as pertinentes negociacións ambas partes chegaron a un acordo por 12.000.000 pts, 3 xogadores e 1 partido a disputar no Couto.

E así chegou Tomé ao club do que fora admirador dende neno para compartir vestiario con grandes xogadores como Sotil, Heredia, Marcial, Rexach e sobre todo con Johan Cruyff.

O paso de Tomé polo F.C. Barcelona foi una excelente experiencia deportiva e persoal

A chegada de Tomé ao seu novo club supúxolle ao de Moaña ter que pasar por un período de adaptación. Moitos dos seus novos compañeiros foran ata ese momento incluso os seus ídolos e mentalmente había que xestionar ben iso. Ademais notou un cambio substancial nos sistemas de adestramentos e nas esixencias en canto a alimentación.

O noso protagonista comezou disputando co equipo culé algún dos amistosos que o club organizaba para que Cruyff, que non podía debutar no campionato nacional de liga por un problema co seu tránsfer, fose collendo a forma. Nun deles disputado en Londres fronte o Arsenal, o Barca gañou 1-3 e Tomé, agora reconvertido en lateral, marcou un gol.

E por fin chegou o día do debut en partido oficial para Tomé. Foi en Murcia cun empate a 2 tantos, na xornada seguinte ao esperado debut de Cruyff no Camp Nou fronte ao rochoso Granada que rematara con 4-0 con dous goles do novo ídolo da afección culé.

A partir de aquí foron moitos os partidos que Tomé xogou defendendo a camisola blaugrana tanto a nivel nacional como internacional en cidades como París, Budapest, Bulgaria ou Gran Bretaña. Na súa memoria hai espazo para todos eles pero os partidos máis especiais que xogou nesas tempadas foron os clásicos contra o Real Madrid.

Un deles foi curiosamente o primeiro partido que se disputou en España tras a morte de Franco en 1975. Aquel Barça – Real Madrid xogado no Camp Nou, cargado de connotacións políticas, rematou cun 2-1 a favor dos locais con gol de Rexach nas postremeiras do encontro para algarabía dos afeccionados locais.

Pero sen dúbida o partido máis especial no que participou Tomé co Barça foi aquel histórico 0-5 no Santiago Bernabeu no que disputou os últimos 20 minutos tras ingresar no campo substituíndo ao seu compañeiro Marcial.

O balance do seu paso pola cidade Condal foi positivo xa que, a excepción dalgunha que outra decepción en Europa, contou con minutos de xogo e logrou un título de Liga.

MANOLO TOMÉ
Tomé posando coa copa de campións de liga ao lado do gran Johan Cruyff.

No Trofeo Ramón de Carranza de 1974 o F.C. Barcelona de Cruyff participou xunto co Palmeiras, o R.C.D. Español e o Santos F.C. de Pelé

Aquel Trofeo Ramón de Carranza parecía preparado para unha final entre o F.C. Barcelona de Cruyff e o Santos F.C. de Pelé pero curiosamente os dous equipos perderon a súa semifinal e quedaron relegados a xogar polo terceiro e cuarto posto.

Nese partido de consolación entre o Barça e o Santos, foi onde Tomé conseguiu a mítica fotografía que ten con Pelé que garda con moito orgullo e que ten unha historia curiosa detrás.

O fotógrafo oficial do Barça, Horacio Segui, estaba facendo as históricas instantáneas nas que saían Cruyff e Pelé xuntos antes do partido. Foi entón cando Tomé, que estaba no banco con Rexach percatouse da oportunidade que tiña de sacar una foto con “O Rei”, levantouse correndo e pediulle ao fotógrafo do club que inmortalizase o momento.

MANOLO TOMÉ
Fotografía de Tomé ao lado de “O rei” Pelé na que se pode ler a dedicatoria “Para Tomé do amigo Pelé”.

Os últimos anos da carreira como futbolista de Tomé foron na U.D. Salamanca

Tras a volta ao banco do Barça de Rinus Michels na tempada 1976/77, este comunicoulle a Tomé que non contaba con el. Despois de valorar a situación e dunha discusión co míster nun adestramento, Tomé tomou a decisión de abandonar o Barça e fichar pola U.D. Salamanca.

Curiosamente Tomé tivera a oportunidade de ver o partido que a U.D. Salamanca disputara no Camp Nou no que o equipo salmantino levouse un contundente 4-0 dando una moi mala imaxe.

A pesar de iso, Tomé non tivo dúbidas. O equipo salmantino era loxicamente un club moito máis humilde que o Barça e os seus xogadores non tiña a mesma calidade, pero o seu plantel era unha gran familia na que recibiron cos brazos abertos a Tomé, que estaría no club dende 1976 ata 1983.

MANOLO TOMÉ
Formación da U.D. Salamanca a finais dos anos 70 do século pasado.

Os adestradores que pasaron durante aqueles anos polo banco do Helmántico, como Garcia Traid, que logo adestraría ao Celta, trataban de suplir as carencias técnicas dos seus xogadores cun traballo as veces excesivo do aspecto físico.

De feito, por aquel entón púxose de moda incorporar ao corpo técnico dos equipos de fútbol a preparadores físicos procedentes do atletismo e os adestramentos eran una verdadeira tortura ata o punto que algúns xogadores cando chegaban aos partidos estaban moi cansados.

A pesar de isto, nesa primeira temporada de Tomé en Salamanca o equipo foi enderezando a situación chegando incluso a vencer 0-1 no Bernabeu. Ao final de tempada a U.D. Salamanca se salvaría do descenso pero sufrindo moito xa que a partir de febreiro aos xogadores xa non lles quedaban forzas para afrontar o que quedaba de tempada debido ao exceso de traballo físico nos adestramentos.

MANOLO TOMÉ
Formación da U.D. Salamanca antes de disputar un encontro da tempada 1978/79.

Foron anos nos que Tomé defendeu as camisola do club en 148 ocasións. Tivo a oportunidade de xogar contra Maradona no Camp Nou e compartiu vestiario con grandes xogadores como Jorge D´Alessandro na portería; Corominas, Albadalejo e Juanito que chegaron do F.C. Barcelona; Reza, un arxentino que logo ficharía polo Sporting de Xixón; o portugués Alves ou o paraguaio Lobo Diarte, que posteriormente destacaría no Real Betis.

Naquela etapa ocupaba a presidencia do club un importante construtor chamado Francisco Cosme Maza. Grazas ao seu respaldo e xestión o club ofrecía interesantes condición aos xogadores e era cumpridor nos pagos. En 1977 o presidente Cosme abandonou o cargo e a partir dese momento o club entrou nunha dinámica negativa que o levaría, tras moitas tempadas na Primeira División, a descender á categoría de prata na tempada 1980/81.

A pesar do descenso, Tomé permaneceu no equipo coa ilusión de levalo de novo a Primeira División

A tempada pintaba complicada pero tras un duro ano en Segunda División, a U.D. Salamanca logrou volver á elite do fútbol español. O moañés estaba disposto a continuar un ano máis pero antes de comezar a tempada, vendo que os mandatarios non cumprían o acordado con el, Tomé decidiu abandonar o equipo e retirarse definitivamente do fútbol en activo. Foi unha decisión difícil pero o certo e que, tras a súa marcha, o equipo caería ata a Segunda División B tras dous descensos consecutivos debido a mala planificación deportiva e económica.

Confirmada a súa decisión de retirarse, Tomé centrouse en rematar a súa formación para ser adestrador nacional

Estando en activo como xogador, Tomé xa comezara a súa formación para sacar o titulo de adestrador nacional acudindo ás sesións presenciais que se organizaban en Valladolid. 

Non sería ata 1986 cando, tras un exitoso paso polo Alondras Xuvenil “B” co que conseguiu o campionato galego, debutaría como adestrador nacional na Terceira División da man do Alondras C.F.

A partir de aí, moitas experiencias vividas en varios equipos de Terceira e Segunda B como o C.D. Ourense, Pontevedra C.F, Cultural Leonesa, Racing de Ferrol, Caudal, Talavera, Torredonjimeno ou Linares.

MANOLO TOMÉ
Información recollida na páxina www.bdfutbol.com

A día de hoxe, xa retirado do fútbol, reside coa súa familia en Cangas gozando da súa xubilación e das súas afeccións como a pintura

De cando en vez aínda se reúne en Barcelona con antigos xogadores do club. De feito dende a agrupación de antigos xogadores do F.C. Barcelona sempre o invitan ao Trofeo Joan Gamper e a tradicional cea de Nadal que se celebra todos os anos e no que recordan historias e anécdotas de diferentes épocas.

Óscar Rodríguez Martínez
Presidente A Illa dos Ratos en | + artigos

Socio fundador de A Illa dos Ratos.

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.