UN DOS FUTBOLISTAS DE MOAÑA QUE XOGOU NO CELTA

Texto elaborado por Óscar Rodríguez Martínez, socio de A Illa dos Ratos. Fotografías cedidas polo propio Lito.

Ao longo da historia foron varios os xogadores do Morrazo que pasaron polas filas do R.C Celta. Hoxe imos adicarlle este artigo ao moañés Manuel Costas Bermúdez “Lito” que defendeu con honra a camisola celeste durante catro tempadas a finais dos anos 60 do século pasado e que foi subcampión de España cos xuvenís do Celta e tamén coa selección galega, así como internacional xuvenil e sub-21 coa selección española.

Foi o mítico Pepe Villar quen descubriu a Lito cando xogaba nos infantís do Industrial de Coia

Con 12 anos e a pesar da súa pequena estatura, o noso protagonista destacaba entre os rapaces que xogaban nos equipos de afeccionados que había por aquel entón en Moaña e un dos responsables foi quen tomou a iniciativa de falarlle del ás persoas que levaban o Industrial de Coia, un club máis serio que participaba nunha liga organizada entre equipos de Vigo.

Sería precisamente un par de anos despois nun partido que Lito estaba disputando con este equipo cando chamou a atención de Pepe Villar, unha figura histórica dentro do celtismo e que naqueles intres buscaba novos talentos para o club. Pepe Villar plantouse na casa dos seus pais e despois de conseguir o seu visto bo, Lito incorporouse ao equipo xuvenil do Celta que adestraba unha vez á semana e xogaba nos fins de semana.

Pouco a pouco aquel pequeno rapaciño empezou a ser máis coñecido e cando chegou o momento o club non dubidou en darlle a oportunidade de formar parte da cadro de xogadores do primeiro equipo.

Estando xa no equipo xuvenil do Celta entrou a traballar en Ascon como oficinista para que puidese participar tamén alí como xogador do equipo da empresa no Campionato Nacional de fútbol de empresas

Curiosamente grazas a súa valía como futbolista Lito entrou a traballar nas oficinas de ASCON, o gran estaleiro de Meira, que disputaba un campionato de fútbol entre empresas a nivel nacional. Con ese traballo obtiña un salario e se o tema do fútbol no saía como quería, quen sabe, igual podía quedar alí.

O que non sospeitaba Lito era que o paso pola empresa ía traerlle ao amor da súa vida. unha rapaciña chamada Conchi que entrou a traballar de telefonista e aínda que estivo un curto período de tempo na empresa porque acabou convencendo aos seus pais para que a deixasen realizar estudos de maxisterio, foi suficiente para que xurdise o amor entre os dous e se convertesen en parella.

Cando Lito subiu ao primeiro equipo do Celta a súa relación con Conchi xa estaba consolidada e deixaría o seu traballo en ASCON.

Co equipo xuvenil do Celta logrou o subcampionato de España de 1965 tras perder a final contra o Athletic de Bilbao no que destacaban xogadores como Txetxu Rojo

Lito chegou ao equipo xuvenil do Celta que adestraba Pepe Villar con moita ilusión. Loxicamente era outra época e as condicións na que aqueles rapaces adestraban nun club humilde como era o Celta deixaban moito que desexar. Ademais dunhas instalacións bastante precarias, a falta de medios facía habitual que os xuvenís herdaran as botas, camisetas e outro material que xa non servía para o primeiro equipo.

De feito as botas daquela época tiñan uns tacos que se fixaban con puntas e as veces se soltaban e facían dano nos pés. Con este panorama tivo moitísimo mérito o gran papel que o equipo fixo no Campionato de España Xuvenil de 1965.

Despois de superar as fases previas a nivel galego e da zona noroeste, o Celta xuvenil adestrado por Pepe Villar e do que formaba parte Lito, enfrontouse nas semifinais do campionato ao Real Madrid, un club que viña de escribir as páxinas máis importantes da súa historia ata aquel momento cos seus éxitos na Copa de Europa con D. Alfredo Di Stefano como estandarte.

LITO FUTBOLISTA DO CELTA
Fotografía do partido de ida das semifinais contra o Real Madrid: De pé están Suso, Villar, Manolo, Cambeiro, Eduardo, Costas e Tapioles; abaixo temos a Plaza, Sanromán, Lito, Félix Carnero e Nuñez.

A eliminatoria disputouse a dous partidos e o Celta conseguiu eliminar ao equipo branco e clasificouse para disputar a final contra o Athletic de Bilbao que contaba cunha moi boa fornada de xogadores como Txetxu Rojo, Estéfano ou Blandino, que foran capaces de endosarlle un 0-5 ao mesmísimo F.C Barcelona no partido de volta da súa semifinal.

Aquela final disputouse no Estadio Santiago Bernabeu ante 50.000 espectadores, como antesala da final da Copa do Xeneralísimo entre o Athletic de Bilbao e o Real Zaragoza. Adiantáronse os leóns de San Mamés e empatou o Celta cun gol de Lito. Finalmente os bilbaínos marcarían outro tanto levándose o partido por 2 a 1 e deixando coa mel nos beizos aos nosos.

Coa selección galega sub-21 tamén chegou a xogar una final do campionato de España que perderon os galegos contra Valencia no estadio de Vallecas

LITO FUTBOLISTA DO CELTA
Selección Galega de xuvenís que foi subcampiona de España en 1966: De pé: Suso, Yañez, Manolo, Cambeiro, Villar, Seoane, Chiqui e Nito; abaixo temos a Vavá, Barros, Lito, Búa, Pereira e Berride.

Coa selección española sub-21 xogou en cinco ocasións fronte a Escocia, Islandia, Turquía, Alemaña e Francia

A nivel nacional a carreira de Lito tivo repercusión mediática pola súa participación coa selección española sub-21 na que compartiu vestiario con xogadores que posteriormente foron importantes no panorama futbolístico nacional como Carles Rexach, Asensi ou Quique Costas.

LITO FUTBOLISTA DO CELTA
Dianteira da selección española sub-21 en novembro de 1966 con Carles Rexach, Lito, Nebot, De Diego e Felines.

Desta etapa, na que o diario Marca chegou a alcumalo “el torito de Moaña” pola súa bravura, Lito recorda especialmente a viaxe a Islandia pola súa duración, as múltiples escalas e polo contraste respecto a nosa terra xa que atoparon unha cidade moi fría, silenciosa, en penumbra, e unas persoas que ademais de ter un idioma moi diferente ao noso tiñan un carácter moi introvertido.

O partido máis importante para Lito coa sub-21 foi o que disputou contra Francia no estadio de Vallecas no que a selección española venceu con 4-1 con dous goles do noso Lito.

LITO FUTBOLISTA DO CELTA
Lito rematando de cabeza á portería dos franceses no partido disputado en Vallecas coa selección española sub-21.

Lito subiu ao primeiro equipo do Celta na tempada 65/66 xunto con outros xogadores da canteira celeste e permaneceu no club durante catro tempadas na Segunda División

O Celta daquela época era un equipo humilde que contaba cunha gran afección formada na súa maior parte por xente de mediana idade e que enchía Balaidos en cada partido. Os catro días de adestramentos semanais facíanse no campo do Lagares e de cando en vez, sobre todo coa incorporación dun preparador físico na tempada 68/69 chamado Ortega, saían a correr ata Castrelos, facían alí uns exercicios físicos e volvían a Balaidos.

O fútbol era moi diferente ao actual: os campos estaban embarrados, os balóns volvíanse pesados coa auga e os vestiarios eran “unha habitación con bancos, perchas e pouco máis”.

Cando levabas un golpe ou tiñas unha lesión a solución era un “pinchaso de cortisona” e a correr. Loxicamente iso tiña consecuencias no físico dos xogadores que se retiraban moito antes que agora e arrastraban problemas físicos non so mentres estaban en activo, senón o resto da súa vida.

Cando Lito chegou ao primeiro equipo do Celta, o club militaba na Segunda División. Como xa dixemos, era internacional sub 21 compartindo concentración con grandes xogadores e tiña cartel de dianteiro goleador, rápido e bo rematador de cabeza a pesar da súa estatura.

Para a tempada 65/66 subiron ao primeiro equipo Quique Costas, Félix Carnero, Luís Villar, o propio Lito e Manolo, o que posteriormente sería alcumado “O gran capitán” pola súa longa traxectoria no club e o seu liderado. A chegada a un vestiario profesional por parte destes canteiráns precisou dun período de adaptación, sobre todo polas xerarquías internas que establecían xogadores veteranos como Rivera, Las Heras ou Pedrito.

LITO, FUTBOLISTA DO CELTA
Os canteiráns que subiron ao primeiro equipo do Celta: Luis Villar, Manolo, Quique Costas, Lito e Félix Carnero.

O Celta fichou do Racing de Santander ao gran goleador Abel, un xogador técnico e oportunista dentro da área que aínda hoxe e o máximo goleador da historia da Segunda División e ao longo da tempada foron dous os adestradores que pasaron polo banco celeste: Rafa, que conseguira levar ao Pontevedra C.F do “Hai que Roelo” a Primeira, e posteriormente César, o mítico ex xogador do F.C Barcelona.

Lito xogou aquela tempada 4 partidos debutando na visita do Real Oviedo a Balaidos con vitoria do Celta por 2-1 e anotando o seu primeiro gol e único gol no partido ante o Burgos no Plantío con derrota céltica por 3-2. Ese ano o máximo goleador foi Abel con 26 goles pero o Celta quedaría as portas do ascenso perdendo na promoción contra o Sabadell.

Na tempada 66/67 Lito gañou protagonismo pero o Celta rematou no terceiro posto tras a Real Sociedade e o Sporting de Gijón, fóra dos postos de ascenso e promoción, e o adestrador César deixou o cargo. Lito, que participou de 23 partidos, quedou segundo máximo goleador do equipo con 7 tantos por detrás do mítico Abel con 17.

Para o inicio da tempada 67/68 anunciouse unha restructuración da liga de Segunda División, que ata aquel momento estaba composta por dous grupos de 16 equipos, de forma que pasaría no ano seguinte a comprimirse nun único grupo de 20 equipos, polo que os últimos 8 clasificados de cada grupo pasarían a Terceira División.

LITO, FUTBOLISTA DO CELTA
Lito era un gran rematador de cabeza pola súa capacidade de salto.

Co obxectivo primario de non verse afectado por esa circunstancia, o Celta fichou para o banco a Eizaguirre que repetiu de novo un decepcionante terceiro posto na liga. Pero ese ano o Celta tivo un gran papel na Copa do Xeneralísimo acadando as semifinais despois dun partido de desempate contra o Elche no Bernabeu que se decidiu cun gol precisamente de Lito. O rival nas semifinais sería o todopoderoso Real Madrid. O Celta gañou 3-2 na ida en Balaidos pero na volta, cunha discutida actuación arbitral a cargo de Ortiz de Mendibil, o Real Madrid vencía 3-0 deixando na cuneta a un equipo que saíu do campo coa cabeza moi alta.

E chegou a tempada 68/69. O club fixo un gran esforzo para lograr o ansiado ascenso a Primeira División dez anos despois e logrouno con Abel de novo como máximo artilleiro con 13 goles. Lito participou unicamente de 13 partidos anotando 2 goles ante Rayo e o Burgos.

Ao remate da desa tempada, tras 58 partidos como celeste, o club comunicoulle a Lito que ía a ser incluído nunha operación pola que o Celta se faría cun xogador do Racing de Ferrol que se chamaba Juan e el recalaría no club da cidade departamental que acababa de ascender a Segunda División.

LITO FUTBOLISTA DO CELTA
Formación do Celta en febreiro de 1967 co mítico marcador manual de Balaidos ao fondo que foi a orixe do nome da actual bancada de Marcador. De pé temos a Herminio, Viñas, Manolo, Costas, Pedrito, Ibarreche; abaixo están os que formaban a dianteira que era Lavandera, Lito, Abel, Rivera e Suco.

Debido a isto, Lito non tería a oportunidade de xogar en Primeira co Celta a pesar de que, como xa dixemos anteriormente, na súa última tempada o equipo lograra o ansiado ascenso despois dunha década na Segunda División. Aceptou marchar do Celta non tiña os minutos que necesitaba, sobre todo pola presenza do goleador Abel, e tamén porque lle triplicaban a ficha.

Esa tempada o Racing de Ferrol conseguiu manterse na categoría de prata do fútbol español pero a directiva considerou que non se cumpriran as expectativas creadas e ofrecéronlle a Lito a carta de liberdade ao considerar que a súa ficha era demasiado alta para o rendemento que tivera ao longo da tempada.

Foi entón cando Lito exerceu de representante de si mesmo e escribiulle unha carta a César, que naquel momento adestraba ao Hércules de Alacante, para facerlle saber a sua disposición para incorporarse ao club herculano a custo cero. César coñecía as prestacións que podía dar Lito de cando adestrara en Vigo e mostrouse encantado de incorporalo a súa cadro de xogadores manténdolle a ficha que cobraba no Racing de Ferrol.

LITO FUTBOLISTA DO CELTA

E para alá se foi Lito acompañado da súa inseparable Conchi durante dous anos que recorda con cariño, pero botaba a súa terra o suficiente para tomar a decisión de voltar a Cangas e deixar o fútbol profesional con 24 anos. Para seguir activo enrolouse no Alondras que xogaba en 3ª División e centrouse en construír unha vida en familia. Nos anos seguintes montou primeiro unha sala de xogos e posteriormente, no mesmo local e xa nos anos 80, a librería Maraxe que aínda existe hoxe en día na Avenida de Marín de Cangas.

A día de hoxe Lito segue tendo boa relación con moitos dos seus ex compañeiros, sobre todo con Luis Villar pero tamén co gran capitán Manolo e con Quique Costas, que en varias ocasións cando eran xuvenís o ten invitado ao chalé que a súa familia tiña no Castro 

Tamén segue en contacto co resto de xogadores que coincidiron con el. De feito reúnense unha vez ao ano nos actos que organiza a asociación de xogadores do R.C. Celta.

Nelas recordan con cariño moitas anécdotas e vivencias como aquel derbi contra o Depor en Riazor no que o pequeno Lito leváballe todos os balóns de cabeza ao corpulento central Campanal, as concentracións no parador de Baiona, as sesións de baño e masaxe despois dos partidos en Cuntis e Caldas ou aquelas interminables viaxes no autobús que a Sociedade Galega en Cuba lle regalara ao Celta e co que cruzaban a península antes de que fora posible viaxar en avión.

LITO FUTBOLISTA DO CELTA
Vemos a Lito diante do mítico autobús averiado de camiño a un dos partidos.

Queremos dar as grazas a Lito e a Conchi por colaborar coa nosa asociación e permitirnos contar esta historia tan interesante chea de vivencias, fútbol e vida.

Óscar Rodríguez Martínez
Presidente A Illa dos Ratos en | + artigos

Socio fundador de A Illa dos Ratos.

6 comentarios

  1. Cangas en la literatura » A Illa dos Ratos

    […] la botella con el escritor Manuel María y Xosé M. del Caño o con el editor Manuel Bragado y Lito, el librero de […]

  2. Cangas na literatura » A Illa dos Ratos

    […] quede a garrafa vacía co escritor Manuel María e Xosé M. del Caño ou co editor Manuel Bragado e Lito, o futbolista libreiro de […]

  3. Tomé, futbolista do F.C Barcelona » A Illa dos Ratos

    […] aquel ano o C.D. Ourense fichou para a segunda volta a Lito, outro moañés que xogara en equipos como o R.C. Celta, o Racing de Ferrol ou o Hércules de […]

  4. Tomé, futbolista del F.C Barcelona » A Illa dos Ratos

    […] ese año el C.D. Ourense fichó para la segunda vuelta de la liga a Lito, otro jugador de Moaña que había jugado en equipos como el R.C. Celta, el Racing de Ferrol o el […]

  5. gumersindo chapela Curra

    Muchos buenos ecuerdos, de fútbol y de ser parte de mí vida como jugador de fútbol en Masso y como alumno de Conchi….un abrazo enorme para los dos, muy orgulloso de ellos y la familia de Conchi….doña Concha, su padre “O Maraxe” y su entrañable madre….. gracias por ser tan buena gente

  6. Fernando González Martinez

    Grandes recordos teño de Lito,por mediación da sua dona Conchi mestra no colexio de Tiran,Lito pasou a ser noso adestrador de fútbol en actividades extraescolares,logrou formar un nutrido grupo de rapaces no cal eu me encontraba,un día propusonos xogar no equipo que el tiña federado en Cangas co nome de Recreativo,eses rapaces de Tiran con seu intusiasmo conseguiron relegar os rapaces que xa compoñian a plantilla do Recreativo,todos de cangas os cales a maioria deixaron o club coa nova remesa de rapaces do colexio de Tiran,formamos duas categorías no clube,alevins en infantiles,pola aquela época enfrentábanos con equipos da talla do Alondras,Moaña,Lord Byron,Bueu etc,gracias a Lito y seus axudantes conseguimos ter un equipo moi exitoso,recordó que equipos como o Moaña e tamen en menor medida o Alondras o seus resultados eran escandalosos,cando se enfrentaban o recreativo eses resultados no eran o abultados que foron con outros equipos,teño moi recordos de esa época os cales con moitos de eses componentes ainda me relaciono

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.