A BANDA DE MÚSICA DE VARIAS XERACIÓNS DE CANGAS

Texto elaborado por Laura Fernández Piñeiro, Presidenta da A.C. “Belas Artes” de Cangas a partir de informacións recollidas por distintos membros da asociación ao longo dos anos. Fotografías facilitadas pola propia autora do texto.

As primeiras informacións das que se teñen constancia escrita da existencia dunha agrupación musical en Cangas, datan de outubro do ano 1850, cando un grupo de veciños comezaron a estudar solfexo para porse a tocar un instrumento.

No ano 1926 xorde a “Banda de Música de Cangas” e o seu primeiro director foi Marcelino Carballo Villaverde

Nesa primeira etapa é o coñecido Mestre Carballo quen está á fronte da Banda de Música Popular de Cangas ata a chegada da República, cando pasa a dirixir durante un tempo a Banda de Música de Silleda.

Nese momento a Banda de Música pasa a estar dirixida polo estremeño Lucas Ramírez Muñoz, que a parte de ensaiar á banda, tamén daba clases de piano, o que o facía del un gran director e mestre para as artes musicais.

O traballo dos seus compoñentes, e o tesón de “Don Lucas”, fixeron que a Banda de Música de Cangas cobrase corpo e pouco a pouco fora obtendo éxitos, chegando a ser unha das principais da provincia e manténdose activa ata a chegada da década dos corenta.

BANDA DE MÚSICA

A historia da Banda de Música de Cangas tivo unha etapa de transición tras o Guerra Civil

Ao rematar a Guerra Civil, retorna a Cangas o director Lucas Ramírez Muñoz, e forma unha nova banda que foi a Banda Xuvenil “Frente de Juventudes”, tendo a súa primeira actuación o 19 de marzo de 1941.

En outubro dese mesmo ano, márchase o director e faise cargo desta o Mestre Eugenio Carballo ata finais de 1942. No 1943 Carballo daría paso a un novo director, o carabineiro xubilado Plácido, pero desgraciadamente nese mesmo ano disólvese a banda.

No ano 1949 fórmase outra banda xuvenil dirixida polo que fora fundador da banda de música no ano 1926, o Mestre Marcelino Carballo Villaverde, a cal dura aproximadamente un ano.

Coa chegada da década dos 50 xorde a Agrupación Musical “Belas Artes” de Cangas

Logo dunha longa xestión para reagrupar aos músicos dispersos ao longo da vila, o alcalde do Ilmo. Concello de Cangas, Ladislao Castro Castro e Manuel González Martínez (“Manolito Chilola”), xunto cun pequeno grupo de entusiastas, dá lugar á aparición da Agrupación Musical “Belas Artes” de Cangas, dirixida polo Mestre Luís Rodríguez Puga, músico militar do rexemento de Murcia de Vigo.

Durante a dirección de Luís Puga, a Agrupación Musical celebrou por todo o alto a festividade da súa patroa Santa Icía (22 de novembro). Pola mañá tocábase a famosa “Diana”, e despois de escoitar a Santa Misa, celebrábase o xantar de irmandade entre os músicos e o director.

Os éxitos desta banda espallábanse por toda a xeografía galega, entre os que estaban as famosas “Verbenas de Vigo”, e as festas de Santa Rita en Vilagarcía, ademais de actuacións na veciña Portugal, como as festas de Sao Bento no pobo de Traviscoso (Monçao).

Luís Puga estivo á fronte desta banda ata o ano 1963, a partir desa época e durante nove anos a banda estivo sen director.

Polo ano 1972, Manuel Blanco Soliño e outros antigos membros reagrúpanse de novo empregando o nome á “Belas Artes”, e así formaron con tan só trece músicos, a Banda de Música “Belas Artes” de Cangas ata o ano 1982.

A partir de 1982 foi o Mestre Inocentes Camaño que exerceu de director da Banda ata a seu falecemento en 1990

Durante o ano escolar 1982-1983, comeza a funcionar, baixo o patrocinio do Ilmo. Concello de Cangas, no Colexio Público de Nazaret, a Escola de Música de Cangas, dirixida polo Mestre Eugenio Carballo e o Mestre Inocentes Camaño.

A partir de aquí, co Mestre Inocentes Camaño á cabeza, e coa colaboración entusiasta de Jesús Cordeiro, comeza a moderna traxectoria desta agrupación, coa inclusión de xente moza e de novo repertorio, pasando a ser 42 compoñentes.

No ano 1985 fúndase a Asociación Cultural “Belas Artes” de Cangas, dentro da cal se comezan a agrupar as distintas agrupacións e actividades da banda, e no ano 1988 edítase o que é o seu único disco de estudo, chamado “Cangas pobo encantador”.

BANDA DE MÚSICA
Formación da Banda de Música “Belas Artes” de Cangas en 1986.

Dende 1990, ano no que falece o Mestre Camaño, pasa a dirixir a banda o subdirector e membro da banda naquel entón, Alberto González Avilés.

Por esta agrupación pasaron directores como: Antonio Budiño Durán, Pedro García Larroque, Alfredo Sánchez Murcia, Eduardo González López, Jose Luís Loureiro Durán, Xulio Álvarez Pereiro, e Santiago Barreira Davila.

A finais de 1999, a asociación comeza a traballar na creación da Sección Xuvenil de “Belas Artes”, algo que é unha realidade uns meses máis tarde, en febreiro do ano 2000, con Carlos Graña Pérez como director.

BANDA DE MÚSICA
Concerto Homenaxe ao Mestre Inocentes Camaño na Ex-Colexiata de Cangas no ano 2000.

A Agrupación “Belas Artes” participou en diversos festivais tanto en Galicia coma no resto do territorio nacional

Ao longo destes anos “Belas Artes” participou en diversos certames acadando moi bos resultados como o Primeiro Premio da Segunda Sección no Certame de Bandas organizado pola Excma. Deputación de Pontevedra no ano 2002 e 2003, ou o Primeiro Premio da Primeira Sección no I Certame Zonal da Deputación de Pontevedra en xullo de 2008, entre outros.

BANDA DE MÚSICA
Actuación no Nadal do 2007.

O dinamismo desta entidade leva a organizar ao longo do ano diversos eventos como:

-Concerto de Marchas Procesionais. Un concerto único en Galicia onde a música é acompañada por imaxes da Semana Santa.

-Ciclo de Concertos de Verán.

-Festival de Bandas de Música (1997), festival polo que pasaron grandes agrupacións da nosa comunidade e outras de fóra. Este festival é unha continuación dos que se celebraron en Cangas durante os anos 1985, 1986, e 1987, e que tanta sona tiveron por toda Galicia, xa que os tres foron na modalidade de certame cos seus correspondentes premios.

-O Concerto de Santa Icía, no que participan de xeito conxunto a Banda de Música e Coro Popular de Santa Icía, e que se leva organizando nesta modalidade dende fai dúas décadas.

-Concerto do Venres das Dores, no Adro da Igrexa de Cangas.

-Tradicional Concerto na Romería de Darbo.

BANDA DE MÚSICA

-Concertos das Festas do Cristo, Concertos de Nadal, Concerto das Letras Galegas, Concertos benéficos, e colaboracións con outras agrupacións.

BANDA DE MÚSICA
Concerto de Nadal no Auditorio Municipal de Cangas coas formacións corais da vila. Ano 2010.

Non podemos esquecer tamén, as diversas viaxes que fixo esta agrupación, con concertos en Valladolid, Huesca, Asturias, Tarragona, Alicante, Valencia, Madrid, e Oporto.

Na actualidade, e dende finais do ano 2017, o director é Humberto Carballo Martínez, clarinetista e músico da Banda “Belas Artes” de Cangas dende os 13 anos

Durante estes últimos anos, con Humberto Carballo como director, recuperouse a Escola de Música (2019), que no seu momento pasou a mans do Concello de Cangas, e actualmente se coñece como Escola Municipal de Música Mestre Inocentes Camaño.

O obxectivo de recuperación dunha escola propia da banda, é o de crear unha canteira que lle permita futuro á agrupación e poder ofertar as prazas ás que non chega a Escola Municipal debido á gran demanda, así como ofertar especialidades que son necesarias para a banda pero que non teñen na Escola Municipal (óboe, frauta travesa, etc).

En decembro de 2019, a A.C. “Belas Artes” de Cangas recibiu o Premio Cacarexo pola súa labor formativa e social, e toda a súa traxectoria bandística.

No 2020 comezouse a traballar na recuperación da Banda Xuvenil, que levaba uns anos sen actividade. Precisamente en novembro de 2021 tiveron a súa primeira actuación como Banda Escola “Belas Artes” de Cangas, un gran triunfo que permite ganar esperanzas de futuro nesta agrupación.

BANDA DE MÚSICA

A asociación tamén está a organizar diversos obradoiros e cursos, orientados tanto a persoas que se queiran iniciar como a xente profesional, aumentando así a oferta de educación musical do pobo.

Polo tanto, na actualidade, a A.C. ”Belas Artes” de Cangas abrangue varias agrupacións e entidades como son: Banda de Música “Belas Artes” de Cangas, Banda Escola “Belas Artes” de Cangas, e Escola da Banda de Música “Belas Artes” de Cangas.

A Banda de Música “Belas Artes” de Cangas mantén viva a tradición do Concerto de Santa Icía cada ano

Como se comentaba con anterioridade, o Día de Santa Icía (patroa dos músicos), é unha festividade especial para todas as bandas.

No caso da nosa agrupación, o día comeza coa celebración da tradicional “Diana”, actividade na que pode participar quen queira, incluso músicos que non pertenzan á agrupación e que consiste en marchar polas rúas de Cangas entre as 6/7 da mañá, interpretando unha peza exclusiva dese día, avisando ao pobo que é o día de todos os músicos.

A principal finalidade histórica da “Diana” era tocarlle ás Cecilias. A banda paraba nas casas das homenaxeadas a modo de “serenata” e elas agradecían a música agasallando aos participantes con bombóns ou cousas para levar á chocolatada que aínda hoxe en día se organiza posteriormente no local da asociación, a pesar de que apenas quedan Cecilias e a banda unicamente visita unha casa.

Antigamente facíase unha misa en honor a Santa Icía, unha ofrenda, e despois comían todos xuntos. Durante moitos anos tamén se realizou un concerto de tarde na Igrexa de Cangas, no que participaba a banda acompañada do Coro Popular de Santa Icía, un coro formado por membros das corais de Cangas e que se reunía única e exclusivamente para esa data. Ao rematar facíase unha cea para os socios, músicos, e participantes do coro.

Na actualidade, e dende o ano 2017, mantense a tradición da “Diana” e trasladouse o concerto ao Auditorio Municipal de Cangas. Como novidade, este ano estreouse a Banda Escola “Belas Artes” de Cangas.

BANDA DE MÚSICA

Laura Fernández Piñeiro

Presidenta da A.C. "Belas Artes" de Cangas.

3 comentarios

  1. Suso Caramuxo, historia viva de Cangas (IV) » A Illa dos Ratos

    […] Ex-colegiata avanzaron entre una multitud que aplaudía emocionada mientras la Banda de música «Belas Artes»  interpretaba «Cangas, pueblo encantador«, uno de los himnos no oficiosos del […]

  2. Suso Caramuxo, historia viva de Cangas (IV) » A Illa dos Ratos

    […] avanzaron entre unha multitude que aplaudía emocionada mentres a Banda de música “Belas Artes” interpretaba “Cangas, pueblo encantador” un dos himnos oficiosos da […]

  3. Cangas 1617, A defensa da Vila » A Illa dos Ratos

    […] A.C.F Tromentelo, Grupo de Danzas Pais de San Roque, Ameaça de Bombo, a A.C María Soliña e a Banda de Música “Belas Artes” xa se comprometeran a participar activamente na animación do […]

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.