IMPULSANDO MOITAS INICIATIVAS PARA DINAMIZAR CANGAS II
Texto elaborado por Óscar Rodríguez Martínez, socio de A Illa dos Ratos, a partir de varias conversas co propio Suso “Caramuxo”, pintor e restaurador de imaxinería relixiosa e galardoado co Premio Ignacio Cerviño á Recuperación do Patrimonio 2022 que outorga anualmente o Concello de Cangas.
Como diciamos no artigo anterior desta serie adicada a Suso “Caramuxo”, o noso protagonista participou da organización de moitas iniciativas culturais en Cangas ao longo da súa vida. Neste cuarto artigo recordaremos a súa influencia e participación dentro do Entroido e as Festas do Cristo.
Caramuxo participou na organización das Festas do Cristo, sendo presidente da comisión en varias ocasións
As Festas do Cristo, outro dos eventos máis importantes de Cangas, tamén contou co noso protagonista entre os seus impulsores. Formando equipo con algúns dos integrantes da comparsa “Os de Sempre”, da que volveremos a falar posteriormente, conseguiron mellorar moito as celebracións incorporando algunhas iniciativas innovadoras, sobre todo a partir do ano 1980.
Ese ano foi o primeiro no que se fixo un cartel acorde coa importancia do evento e no que se publicou por primeira vez o tradicional libro das festas que incluía artigos sobre a historia da vila.
Os ingresos derivados da publicidade permitiron que os festexos fosen moito máis vistosos coa mítica noria, a praza de touros, aquel orixinal alumeado portugués ou as actuacións do Ballet Rey de Viana e do Circo dos Muchachos de Benposta.
Pero tamén houbo outra iniciativa moi emotiva da que moita xente non ten coñecemento e que xurdiu cando os organizadores das Festas foron coñecedores de que nesas datas tan sinaladas, un grupo de cangueses emigrados na Arxentina tiñan a costume de reunirse no Centro Galego de Bos Aires para celebrar con morriña as Festas do Cristo.
Pensaron que sería unha boa idea localizar a un deses matrimonios e intentar que viñeran a Cangas coincidindo cos festexos. Logo de moito traballo conseguiron contactar con eles e foi entón cando Manolo Pitán, que formaba parte de “Os de Sempre” e levaba a axencia de Viajes Azor, se puxo a traballar para traelos a Cangas.
A chegada daqueles galegos da diáspora tivo moita repercusión no pobo e Caramuxo, que aínda hoxe se sente moi orgulloso de ter participado daquela iniciativa, recorda con moito cariño aquel día no que as rúas de Cangas estaban ateigadas de xente chorando de emoción.
Os protagonistas desta fermosa historia chegaron a Cangas, vía Oporto, na véspera das Festas de San Roque do Monte, sen ter coñecemento de todas as sorpresas que os agardaban.

Cando foron a coller o barco para facer o traxecto entre Vigo e Cangas, observaron con ilusión como a compañía de pasaxes de Suso “Leta” tivera o detalle de poñerlles un barco especial e decoralo para a ocasión e saíndo do porto de Vigo, outros barcos pequenos se achegaron a eles e os acompañaron pola Ría como se da mesma procesión do Carme se tratase.
Divisaron o peirao grande de Cangas entre a néboa e cando baixaron do barco foron recibidos por Tucho “Perete” que exercía como alcalde accidental debido a que Pepe “Chimé” estaba de viaxe, e tamén por algúns dos seus familiares que foran previamente avisados (membros da familia Mallo, propietarios do que hoxe é o Hostal e Apartamentos Rodeiramar 2a).
Desde alí ata a Ex-colexiata avanzaron entre unha multitude que aplaudía emocionada mentres a Banda de música “Belas Artes” interpretaba “Cangas, pueblo encantador” un dos himnos oficiosos da vila.
Diante do Cristo engalanado, invadidos pola intensidade do momento, viñéronse abaixo e comezaron a chorar cunha gran emoción que seguiría a flor de pel na posterior recepción oficial que se lles fixo no Concello vello, como invitados de honra das Festas.
A idea era que estivesen presente nos principais eventos do programa e esa mesma noite estaba prevista unha actuación do Ballet Rey de Viana no campo de fútbol de Massó.
A actuación do Ballet Rey de Viana en Cangas foi un acontecemento que tivo moita repercusión na vila
O Ballet Galego Rey de Viana fora unha iniciativa cultural que xurdira no ano 1955 da man do coreógrafo José María Rey de Viana e a súa muller, a mestra de baile Victoria Canedo.
A súa intención era recuperar e darlle un aire máis artístico ao que naquel momento se coñecían como as “danzas galegas” e para conseguilo contaban cun nutrido grupo de bailarinas e bailaríns, gaiteiros, tamborileiros e pandeireteiras pero tamén doutro tipo de profesionais como modistos, deseñadores, esceanógrafos e técnicos de luz e son.

Logo dunha importante traxectoria recoñecida a nivel internacional, no ano 1971 a compañía foi doada polos seus fundadores á Deputación da Coruña que a partir dese momento tomou o proxecto baixo a súa protección e adicou recursos para que os seus integrantes continuasen levando polo mundo adiante esa parte tan relevante da cultura galega.
Aquela actuación se ía celebrar grazas a un convenio autonómico que establecía que o Ballet Rey de Viana actuaría en dúas ocasións en cada provincia galega, e Cangas fora unha das vilas seleccionadas dentro da provincia de Pontevedra.
Os que asistiron, contan que resultou un espectáculo memorable pero o que moita xente non sabe é que estivo a piques de non celebrarse porque nun principio José María Rey de Viana, que estaba acostumado a actuar en prazas de prestixio como Nova York, negábase a actuar naquel recinto que na súa opinión non cumpría as condicións mínimas para un espectáculo daquelas características.
Os membros da comisión de festas trataron de calmalo, lle pediron que tivera confianza neles e que os deixase traballar para acondicionalo.
Puxéronse mans a obra e mobilizaron a medio Cangas para tratar de facer nun tempo récord os vestiarios masculinos e femininos e un escenario de 200 M2. Varios almacéns da zona como o taller de La Fe ou de Aluminios Pandiña puxéronse a disposición dos organizadores, pero como pensaban que igual ían xustos de madeira, acordaron entrar na baleeira de Massó a coller algunha que había alí.
Facía poucos meses do atentado perpretado en Marín polo grupo ecoterrorista Sea Shepherd contra o Ibsa I e o Ibsa II e os ánimos estaban bastante caldeados. Caramuxo e outro compañeiro coñecido como Miguel “O Mosca” entraron sen avisar previamente a ninguén da empresa e cando estaban en plena faena, foron sorprendidos por un garda de seguridade que estaba en estado de embriaguez e que lles apuntou cunha arma.
Por sorte aquela imprudencia quedou nunha anécdota e tal e como lles dixo horas despois o encargado da baleeira, “Cantinflas”, cando foi a interesarse polo que pasara: “De la que os habéis librado“.
Mentres isto sucedía, moitos voluntarios carrexaban todas as cadeiras que había dispoñibles nos grupos escolares, empregando carros, coches e furgonetas, para que formasen parte do “patio de butacas” na que os asistentes gozarían daquela importante actuación.
Cando Rey de Viana regresou para ver como quedara o recinto tras a “reforma” e observou o esforzo que fixera todo o pobo de Cangas, dixo “yo bailo aquí aunque sea encima del canto de un duro“.
A actuación, como non podía ser doutro xeito foi todo un éxito e como era a primeira vez que a prestixiosa compañía actuaba ao aire libre, os coreógrafos decidiron aproveitar esa circunstancia para que a representación tivese un remate máis espectacular.
O acto final da representación era unha escena que se desenvolvía nunha especie de romería. Comezaba coa procesión dun santo acompañado por unhas mozas con mantón cando de súpeto, ao rematar a procesión, había un baile no que se representaba unha loita entre dous dos bailaríns.
Nese intre, cando ninguén o esperaba, un fogueteiro de Cangas vestido coa mesma roupa que o resto do elenco da obra, tirou unhas bombas que soprenderon a un público entregado, que se levantou de maneira espontánea e comezou a aplaudir efusivamente.
José María Rey de Viana saíu a saudar moi emocionado e case se axeonlla ante o pobo de Cangas, asegurando que o levaría sempre no seu corazón.

Suso “Caramuxo”, un dos promotores do “Carnaval de Cangas”
Por todos é sabido que a comparsa “Os de Sempre” tivo un papel moi relevante nas orixes do Carnaval de Cangas. Por aquela época Caramuxo colaboraba con eles deseñando os traxes, as carrozas e pintando os estandartes, e recorda con cariño moitas anécdotas.

Algunhas non se poden contar aquí, pero queremos deixar recollida unha ben curiosa que ocorreu no ano 1977 cando “Caramuxo” foi detido pola Garda Civil e levado ao cuartel que estaba situado onde hoxe temos o edificio do Concello.
Durante o franquismo, aínda que o carnaval estaba prohibido, as autoridades de Cangas facían a vista gorda para que se seguisen celebrando os Carnavales do Hío. Coa morte do ditador, a xente estaba desexosa de recuperar esas celebracións pero como non se publicara un decreto eliminando a prohibición oficialmente, había que ter coidado coa Garda Civil porque algúns dos seus membros eran bastante estritos nalgunhas ocasións.
Aquel ano a comparsa “Os de Sempre” tiña unha canción na que se criticaba a labor do alcalde do momento, D. Eduardo López Rodríguez “O Jaiba” (alcume que tiña e que significaba “nécora brava”) e no que tamén se aludía ao cura e a outros políticos como D. Fortunato, que fora o último alcalde no franquismo.
“Jaiba, Bobiño, Fortunato e Gabriel
que fixestes co pobo, acabastes con el
fixestes buzóns, fixestes chalés
e agora marchades, comendo bistés”
“Xa temos cura novo (D. Jesús) e tamén sacristán
o cura que había antes era terco e charlatán”.
A Garda Civil prendeu a Suso “Caramuxo” por entender que esas letras non eran politicamente correctas e a pesar dos seus esforzos en convencelos de que o soltasen, non o deixaron libre ata que os membros da comparsa souberon que estaba no cuartel e foron a “rescatalo”. Finalmente o Tenente Borrego atendeu a razóns, decidiu liberalo e acabaron todos xuntos tomando a “chiquita” fronte ao cuartel, na taberna do Mancha.

Óscar Rodríguez Martínez
Socio fundador de A Illa dos Ratos.
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/02/06/2020
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/15/06/2020
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/09/07/2020
Deixa a túa resposta