UNHA COMUNIDADE SOLIDARIA E CON IDENTIDADE PROPIA
Texto elaborado por Belén Quinteiro Martínez, Guía Oficial do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia (PNMTIAG). Fotografías obtidas de diversas fontes e que foron feitas por Staffan Mörling, gran antropólogo sueco que realizou un gran traballo de investigación sobre a Illa de Ons, especialmente sobre as súas embarcacións tradicionais.
Nos anos 60 do século pasado a Illa de Ons contaba cunha poboación asentada de máis de 450 habitantes que formaban unha comunidade solidaria e cohesionada con cultura, crenzas e costumes propias
Hoxe imos a coñecer con detalle como era o día a día na Illa de Ons nos anos 60 do século pasado, cando o censo oficial reflexaba a existencia de 464 habitantes e 77 vivendas repartidas en sete barrios: Caño, Curro, Canexol, Pereiró, Cucorno, Chan da
Pólvora e Centulo.
Foi a última época na que a illa estivo habitada, xa que, a partir dos anos 70, as condicións de vida máis amables que había no continente impuxéronse ó tradicional e duro estilo de vida na illa. A poboación comezou a marchar co conseguinte abandono dos campos e a praia quedou sen dornas, esmorecéndose ese xeito de vivir do que imos falar hoxe.
Algúns dos aspectos aquí expostos coinciden coas costumes do rural galego da época. O que acontece na illa diferénciase pola súa particular orografía e localización xeográfica, o seu carácter insular e a xestión da administración, chea de imprecisións xurídicas ó longo do tempo.
A xente de Ons foi creando co tempo o seu particular sentido de comunidade. O grupo de trato máis frecuente estaba formando polos membros do fogar, resto de familia e os veciños da aldea. Usaban a palabra primo como sinónimo dunha persoa coa que lles agradaba pasar o tempo, polo que ó final na illa resultaban ser todos primos.
Tiñan os seus propios símbolos cos que establecían unha fronteira que os faría diferentes do continente. Por norma xeral, o que viña dos foráneos era tomado con desconfianza, esta idea é fundamental para a supervivencia da comunidade.
A vida na Illa de Ons, un exemplo dunha sociedade rural na que sempre hai algo que facer e onde as actividades están marcadas polas estacións
O que imos ver a continuación é un paseo pola illa dende o outono ó verán, para coñecer como era vivir “Alá, no medio do mar”, algo que aparece descrito perfectamente no libro co mesmo título publicado polo antropólogo Staffan Mörling e a súa dona Josefa Otero Patiño, veciña de Ons.
No outono o millo gardado nos hórreos enviábase a Bueu a moer e se mataba o porco para dispoñer de carne ao longo do resto do ano
Coa chegada do Outono, os días fanse máis curtos e a festa patronal de San Xoaquín xa queda lonxe. As leiras de millo xa están limpas e o millo apañado está gardado nos hórreos para defendelo da humidade e conservalo ben seco.
Na illa aínda se poden ver dous tipos de hórreos segundo o seu material: a maioría de madeira, similares ós da zona do Salnés, e algún exemplo de hórreo de pedra. Os hórreos de pedra aparecen nos anos da fame, cando ían á illa canteiros de Bueu para traballar simplemente a cambio de comida. Son os máis grandes do Morrazo, están no barrio de Canexol e forman parte do conxunto da antiga reitoral e escola.
O millo empregábase, sobre todo, como penso para os animais, pero tamén podíanse encher sacos de gran que se mandaban polos barcos a moer a Bueu. A fariña de millo era devolta á illa e pagábaselle ó muiñeiro un importe polo seu servizo.
Antes da matanza do porco, para aqueles que tiñan suficiente terreo para cultivar, era o momento de sementar o centeo. As familias que tiñan poucas leiras para traballar podían ser “caseiros” doutras casas. Traballaban as súas terras e vivían na casa a cambio de parte da colleita.
Nesta época facíase unha das matanzas, antes do Nadal, que debía coincidir con lúa minguante e marea baixa. O ambiente era de festa, o porco da casa era sinónimo de fartura para comer durante todo o ano: lacón, touciño, costela, xamóns, fígado, chourizas que era como lle chamaban ás morcillas, entre outros.
Os veciños non faltaban a axudar na matanza para ver o tamaño do porco e verificar quen criara o porco máis grande. Tamén eran convidados a empanada e polbo, que despois dunha dura xornada de traballo ben se agradecía.
A carne non acostumaba ser o prato principal na casas da illa, reservábase para os menús de celebracións, pero por esta época matado o porco si que podía haber empanada de zorza para comer.
Os invernos na illa eran moi duros polos temporais e moitos días non se podía ir ao mar polo que non había tanto peixe fresco
No inverno chegan os temporais e aínda así, sempre que poden as dornas saen a pescar. Nos anos 60, as familias xa tiñan un pasado mariñeiro e adoitaban ter dornas que se convertían na súa empresa.
Saír coa dorna supuña traer peixe para comer e tamén para vender como a robaliza ou rodaballo, que estaban ben pagados. Por iso, estas embarcacións eran o seu principal capital e na praia do Curro podían verse máis de 30 dornas. Estas augas sempre foron un viveiro natural único, onde o polbo continua a ser un dos pratos protagonistas.
Nos meses de inverno non había tanto peixe fresco, a alternativa era o peixe salgado das capturas doutros meses, como as maragotas, que se salgaban e espichaban en paus de metro e medio nos que se secaban na cociña.
Tamén podía haber outro pau similar co polbo seco. Se por mal tempo o barco non viña para comprar as capturas ou non podían ir a terra a vender, podíase ter a sorte de contar con centolas nalgún que outro xantar.
O 24 de decembro o ambiente era festivo dende a mañá. Pola noite non faltaba a celebración no Curro, o barrio máis preto do embarcadoiro e onde acontecía toda a actividade social e económica da illa. Nas mesas, cuncas de café e copas de licores nun ambiente onde se cantaban coplas a desafío e se bailaba ata o día de Nadal.
Xa entrado o ano novo, en febreiro ou marzo faise a primeira sementeira de patacas. As colleitas daban patacas grandes e de bo sabor e supuñan un ingrediente básico nas populares caldeiradas de polbo ou peixe que formaban parte da dieta dos habitantes da Illa de Ons.
Coa chegada da primavera os días comezaban a medrar, aumentaba a presenza de peixe nas comidas e se facía a sementeira do millo nas leiras pasada a Pascua
Na tarde do domingo de Resurrección había movemento por toda a illa. Era tradición que os afillados levasen un bo roscón ós padriños. A relación cos padriños alimentábase con coidados mutuos dende pequenos.
Tamén era unha ocasión aproveitada polos noivos para saír en parella. Cando casaba o afillado, invertíase o regalo, e era o padriño o que levaba á casa do afillado casado un bolo.
Pasada a Pascua era o momento de sementar o millo en abril. Nestes meses non se podían levar as vacas á leira xa que estaba sementada. Había que ir ó monte e ter coidado das vacas, por se pelexaban coas dalgún veciño, así o conta Xosefa Otero Patiño ;
“estábamos uns cinco ou seis no monte coas vacas […] Era pola parte de fóra da illa […] ao sur de Freitosa. Unha das vacas doutro rapaz púxose a pelexar con outra das miñas […] A súa vaca estaba entre a miña e a pendente, e como a miña podía mais, empuxaba a outra cara atrás cada vez máis, ata que caeu pola pendente ó mar. A miña vaca quedou mirando por onde caera a outra e parecía que aínda quería perseguila. Coa vara […] non sei cantos golpes lle dei, pero fixen que recuase e salveina de caer o mar […]. Despois viñeron cunha dorna buscar a vaca caída ó mar e levárona a despezar.”
No verán chegaban á illa sardiñas dos mariñeiros de Bueu e Portonovo que se conservaban para consumilas pouco a pouco e tamén se facía a colleita do centeo
Chegado o mes de xuño, tamén chegaba a calor e o San Xoán. A costume de facer fogueiras era máis difícil na illa polo escaseza de madeira. Ás veces chegaba madeira desde Bueu dos restos dalgún serradoiro.
A pouca que había era usada para quentar a casa en inverno e para cociñar. Por iso, as casas aportaban o que podían e os nenos acostumaban coller o que mar devolvía para facer as fogueiras.
Tamén chegaba o momento da colleita do centeo daqueles caseiros que tiñan campos para traballar. O centeo mallábase co mallo na eira, enriba dunha vela da dorna. Un arranxo para recoller de forma práctica o gran.
Cando o centeo estaba alto e maduro, para que os nenos non se metesen entre as altas pallas, se lles contaba que nestas leiras estaba agochado o home do sangue que bebía o sangue dos nenos e a muller do unto que lles comía o unto da barriga.
O verán tamén se notaba pola presenza de sardiñas que traían mariñeiros de Bueu e Portonovo. Había casas que intercambiaban unha patela de sardiñas por patacas e un pouco de pan. As sardiñas podíanse preparar en escabeche en barreños e íanse comendo pouco a pouco.
O final do verán chega coa Festa de San Xoaquín, celebrada en Canexol, entre os dous hórreos de pedra xa comentados. A festa era a ocasión para bailar durante 3 ou 4 noites seguidas.
Traíanse fogos desde terra, así como os conxuntos musicais que viñan a tocar á illa. Abrían o baile co pasodobre e o repertorio ía desde xotas, muiñeiras ata as cancións do momento. A festa remataba despois de moitas horas cos músicos baixando do palco tocando unha marcha, dando varias voltas o eirado coa xente detrás marcando o compás coas palmas.
E xa de volta ó outono… Este era o xeito de vida nos anos 60 nunha illa onde o mar era a fonte de cartos e comida, cunha dieta que agora chaman atlántica, nunha illa que non cubría todas a as necesidades básicas, pero que sobreviviu co seu particular sentido de comunidade
Belén Quinteiro Martínez
Guía Oficial do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia
-
Este autor non ten máis artigos.
Un comentario
Xabier López Ribera
Eu pensó que o de chamarse primos, ten que ver coa realidade de unha comunidade, con moita consanguinidade. Nun trabajo feito para a Universidade de Santiago na década de 1970, o censo da isla era 69 mulleres e 69 homes, os apellidos repetianse de forma constante. Anton Ribo.