POLÍTICO, MESTRE E ACTIVISTA CULTURAL, COMPROMETIDO SEMPRE COA LINGUA E A CULTURA GALEGA (IV)
PARTE 4. A chegada á alcaldía de Cangas no 2015 para seguir traballando pola cultura, a reelección no 2019 e as complicacións da lexislatura polo goberno en minoría e os problemas de saúde.
Texto elaborado por Óscar Rodríguez Martínez, socio de A Illa dos Ratos.
No anterior artigo que publicamos sobre a figura de Xosé Manuel Pazos Varela, falabamos do seu paso polo Parlamento de Galicia e do grande labor que realizara como responsable da área cultural do Concello de Cangas.
Mentres todo iso sucedía, Pazos seguira cultivando a súa faceta creativa como dramaturgo e escritor. Incluso tivo tempo para compoñer poemas dedicados a Bernardino Graña, Celso Emilio Ferreiro, Neira Vilas ou Vidal Bolaños, algúns para regalarlle aos seus alumnos con motivo do Día das Letras Galegas, ao tempo que escribía artigos periodísticos de interese social ou político no Faro de Vigo e críticas teatrais sobre espectáculos da MITCFC para La Región ou para Atlántico Diario.
Tamén fixo colaboracións con outras persoas da cultura como Henrique Harguindey, a quen unía unha grande amizade. Tiveron varios proxectos en común e no ano 1996 incluso quedaron finalistas do premio nacional de tradución co seu traballo sobre a obra “Exercicios de estilo“, escrita por Raymond Queneau orixinalmente en francés.
Tras as eleccións autonómicas do 2001, Xosé Manuel Pazos non puido repetir como deputado e regresou á política local fundando un novo partido chamado INMO (Iniciativa polo Morrazo)
Para ás eleccións ao Parlamento de Galicia do ano 2001, o PSdeG-PSOE encabezado por Emilio Pérez Touriño non quiso reeditar o pacto de coalición con EdeG, e isto provocou que a formación tivera que presentarse en solitario con Anxo Guerreiro como candidato á presidencia da Xunta de Galicia.
O partido decidiu que pola súa experiencia na lexislatura anterior, Xosé Manuel Pazos era o candidato axeitado para ser o cabeza de lista por Pontevedra e incorporou nela a outros militantes históricos da época de EdeG-EU como como Emilio Fernández Zunzunegui “Magis“.
Lamentablemente, EdeG obtivo pouco máis de 2.000 votos e non conseguiu representación polo que Pazos tomou a decisión de regresar á política local.
Nas derradeiras eleccións municipais que se celebraran en 1999, o proxecto de Esquerda de Galicia – Os Verdes (EdeG/OV) para Cangas estivera encabezado por José Antonio Cid Novoa, un coñecido avogado da vila que tiña unha profunda amizade con Pazos dende facía moitos anos, e que se mantería ata o final dos seus días.
Co paso dos anos, Cid se convertería nun destacado militante do PSOE de Cangas e a nivel provincial, pero naquela ocasión non obtivo un bo resultado sendo o candidato de EdeG.
Esa circunstancia puido ter influencia para que Pazos decidise fundar un novo proxecto político, Iniciativa polo Morrazo (INMO), xunto a Euloxio Santos Leites, concelleiro no seu día por Esquerda de Galicia (EdeG).
Se presentaron ás eleccións municipais do 2003 en Cangas e Moaña. Os resultados obtidos permitíronlle a Euloxio entrar a formar parte do goberno de coalición de Moaña pero en Cangas, onde Pazos ía como cabeza de lista, lograron unicamente 422 votos e non obtiveron representación.
Foi un momento tan duro e decepcionante para Pazos, que tomou a decisión de deixar temporalmente a política e volver a dar clase no CEIP San Roque. Como o curso xa comezara e non había prazas dispoñibles, tivo que ocupar un posto como mestre de apoio en educación infantil e nenos con necesidades especiais, un feito que serve para ilustrar a súa calidade humana xa que viña de ser deputado autonómico e non lle caían os aneis por pasar a mañá “abrindo tapas de iogures”, como comentaba ao chegar a casa cando a súa familia lle preguntaba por como fora o seu día.
Logo dunha importante traxectoria dentro da política local, Pazos chegou a alcaldía de Cangas no ano 2015
A pausa na súa faceta política tras os decepcionantes resultados das eleccións municipais de 2003 non durou moito tempo. Pazos regresou a Esquerda Unida (EU-IU) que a partir do 2007 se integrou dentro dunha coalición de esquerdas denominada Alternativa Canguesa de Esquerdas (ACE), xunto a Frente Popular Galega (FPG), que tiña como cabeza visible a Mariano Abalo, e ao Partido Comunista de Galicia.
Con esta formación regresou entre 2007 e 2009 á Concellería de Cultura, dentro do goberno de coalición encabezado por Clara Millán (BNG), impulsando entre outros proxectos a creación da Escola Municipal de Teatro.
Nesa etapa, ademais de ocupar o cargo, continuou coa súa faceta cultural escribindo, traducindo e adaptando textos e precisamente recibiu un dos premios máis importantes da súa carreira, o Premio Max de Teatro 2008 ao mellor texto teatral en galego por “Ida e volta (Taxi)”, un texto incluído dentro da obra “Emigrados”, estreada por Teatro de Ningures o ano anterior.
Tras o goberno encabezado polo Partido Popular no período comprendido entre 2011 e 2015, Pazos foi designado como cabeza de lista de ACE e, tras os comicios, foi investido alcalde logo de selar un pacto de goberno precisamente co Bloque Nacionalista Galego (BNG) e con Asemblea pola Unidade (ASPUN).
Durante esa primeira lexislatura na alcaldía, Pazos avogou pola creación da Área Metropolitana de Vigo porque entendía que podía ser algo importante para Cangas. Participou activamente nas reunións que mantiveron os representantes dos diferentes concellos implicados co seu amigo e alcalde de Vigo, Abel Caballero, e a pesar de que na asemblea constituínte do novo ente asumiu o cargo de vicepresidente, finalmente todo o proxecto quedou en nada debido a falta de acordo entre o Concello de Vigo e a Xunta de Galicia.
Neses catro primeiros anos como alcalde, Pazos tratou de ser próximo con todo o mundo, atendendo no seu despacho aos veciños e as veciñas que o precisaban. Se sentía moi orgulloso de ter aprobado varios presupostos co apoio dos socios de goberno e de moitas das actuacións que se fixeran baixo o seu mandato como a humanización de varias rúas, a peatonalización parcial do casco vello e sobre todo da retirada dos símbolos franquistas da fachada da Ex-Colexiata.
Pero aínda quedaba moito por facer, entre outras cousas porque a pesar dos seus esforzos por entenderse co goberno da Xunta de Galicia, proxectos importantes como o Centro de Saúde de O Hío-Aldán, o CAR ou a Circunvalación de Cangas aínda non eran unha conquista para mellorar a vida dos veciños.
Estaba animado para volver a presentarse, pero nese momento, ao final da lexislatura, apareceron por primeira vez os seus problemas de saúde. Pazos sempre foi unha persoa moi positiva e proba diso é que mantiña o sorriso incluso cando acudía as sesións de quimioterapia. Loitou convencido de que ía superar aquel cancro de pulmón e cando recibiu a nova de que estaba limpo, sentiuse aliviado e moi orgulloso da súa vitoria.
Convencido de que ese problema de saúde estaba superado e ía quedar nun mal recordo, decidiu presentarse a reelección nos comicios municipais de 2019
Aquela campaña foi moi intensa e a pesar dos catro anos de desgaste que tivera ocupando a alcaldía, a coalición encabezada por Pazos foi a gañadora das eleccións.
Os resultados foron moito máis axustados que na ocasión anterior e iso fixo necesario traballar primeiro por un acordo de investidura antes de buscar un pacto de goberno coas outras forzas de esquerda.
Pazos conseguiu o primeiro obxectivo e saíu proclamado alcalde co apoio dos 14 concelleiros de ACE, BNG, AVANTE e PSOE, pero tras a investidura, a falta de acordo para formar un cuadripartito con BNG e AVANTE acabaría provocando un goberno en minoría de ACE e PSOE.
Esta circunstancia facía necesaria a existencia de acordos puntuais de ACE-PSOE con BNG e AVANTE, polo que a súa grande capacidade para negociar e o seu liderado ían ser dous factores determinantes para a gobernabilidade de Cangas.
Pero os seus problemas de saúde regresaron inesperadamente unha vez máis. Pazos afrontou esta nova batalla coas mesmas armas e actitude que o levaran a vitoria na ocasión anterior.
Propúxose manter unha axenda normal e organizaba cada xornada intentando que o seu tratamento non afectase ao seu día a día. Cando lle tocaba recibir quimio, o facía ao inicio do día e logo ía ao Concello onde permanecía ata o final da xornada.
A pesar da súa grande profesionalidade e esforzo, o feito de encabezar un goberno en minoría e ter que convivir cos seus problemas de saúde lle quitaban moita enerxía e aínda así, seguramente nos momentos nos que non tiña forzas para desempeñar as súas funcións ao 100%, esforzábase para que non se percibise debilidade na súa persoa nin no seu goberno.
Óscar Rodríguez Martínez
Socio fundador de A Illa dos Ratos.
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/02/06/2020
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/15/06/2020
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/09/07/2020
4 comentarios
Xosé Manuel Pazos Varela, un hombre de cultura, honrado y generoso (V) » A Illa dos Ratos
[…] adicional que suponía gobernar en minoría y de su estado de salud, como comentábamos en el artículo anterior, Pazos siguió desempeñando cada día su función de regidor municipal. De hecho, unos días […]
Xosé Manuel Pazos Varela, un hombre de cultura, honrado y generoso (III) » A Illa dos Ratos
[…] SIGUIENTE CAPÍTULO RUTA "PERSONAJES DE CANGAS" […]
Xosé Manuel Pazos Varela, un home de cultura, honrado e xeneroso (V) » A Illa dos Ratos
[…] da carga adicional que supoñía gobernar en minoría e do seu estado de saúde, como contabamos no anterior artigo, Pazos continuaba desempeñando cada día a súa función de rexedor municipal. De feito, uns días […]
Xosé Manuel Pazos Varela, un home de cultura, honrado e xeneroso (III) » A Illa dos Ratos
[…] SEGUINTE CAPÍTULO RUTA "PERSONAXES DE CANGAS" […]