POLÍTICO, MESTRE E ACTIVISTA CULTURAL, COMPROMETIDO SEMPRE COA LINGUA E A CULTURA GALEGA (II)
PARTE 2. Os inicios de Pazos como mestre na montaña zamorana e o seu amor a primeira vista con Lubián.
Texto elaborado por Óscar Rodríguez Martínez, socio de A Illa dos Ratos.
Tras o primeiro artigo dedicado a figura de Xosé Manuel Pazos Varela no que abordábamos a súa infancia e mocidade, nesta segunda parte falaremos dos seus comezos como mestre na montaña sanabresa, prestando unha especial atención a súa estancia en Lubián.
Xosé Manuel Pazos Varela escolleu Zamora para presentarse ás oposicións e nas súas montañas comezou a exercer como mestre
Cando Pazos viña para Galicia desde Cheste, o tren que o traía sempre pasaba por Puebla de Sanabria. Viña observando a paisaxe, e quedaba tan embelecado con aquelas montañas nevadas ao pe do río Tera que cando chegou o momento, decidiu presentarse ás oposicións a mestre nacional en Zamora.
Conseguiu sacalas á primeira, sendo un dos 20 mellores de todo o estado e comezou a exercer en diversos lugares da montaña zamorana como o Colexio Monte Gándara de Puente de Sanabria ou na escola unitaria mixta de Escuredo.
Este último lugar era un pequeno pobo practicamente illado no que a maioría dos seus habitantes estaban dedicados ao pastoreo. Para ir comprar tabaco había unha hora de coche ata o pobo máis preto e nas épocas de nevaradas era tan inaccesible que so podía subir ata alí a Garda Civil.
Pazos vivía na casa dos mestres e contaba que como unha das súas paredes estaba pegada a aula, o seu despertador era cada día o murmurio dos nenos cando chegaban a escola. Unha vida en xeral bastante tranquila e monótona salvo polo gran susto que levou cando un raio alcanzou a igrexa da vila e varias pedras da espadana foron parar enriba da casa onde vivía.

Pazos exerceu catro anos en Lubián e sentiuse como na casa
Foi entón cando a súa viaxe tivo parada en Lubián. Alí estivo durante 4 anos, o tempo suficiente para integrarse perfectamente na dinámica do pobo e facer relacións sociais.
Se gañou rapidamente a simpatía de todo o pobo e fixo amizade con moitos dos pais e nais dos seus alumnos. Ademais, como bo conversador que era, gozaba mantendo interesantes tertulias cos veciños e as veces tamén con algunhas das persoas máis relevantes da vila como o alcalde ou con algúns dos enfermeiros do Centro de Saúde como Teresa, Necho ou Félix.
Outra das cousas que facía para relacionarse era acudir con entusiasmo ás reunións que organizaban os mestres e mestras de localidades próximas como Aciveiros, Porto, Chaos, Hermisende ou San Ciprián de Hermisende, onde mozos e mozas que acababan de sacar as súas prazas e que estaban naquela zona tan afastada dos seus fogares, compartían pensamentos, inquedanzas e preocupacións.
Nesas reunións xurdiron moi boas amizades. No caso de Pazos foi moi importante a estreita relación que estableceu con Felipe Lubián Lubián con quen compartía inquedanzas culturais e ideas políticas.

Curiosamente, a traxectoria posterior de ambos foi moi parecida xa que Felipe tamén se convertería en alcalde do seu pobo, Lubián, entre 1979 e 2003 e logo de ser deputado provincial no Parlamento de Castela León entre 2003 e 2007, volvería a ocupar a alcaldía ata o día de hoxe.
Tamén compartían interese polo teatro afeccionado. Cunha asociación chamada Xente Nova chegaron a representar unha pequena obra titulada “A máxica ascensión de Euripo Floro” escrita polo propio Xosé Manuel Pazos, e posteriormente crearon o grupo de teatro “Matamoura”, que tomaba o seu nome na honra do grupo homónimo que existira en Cangas antes do nacemento de Teatro de Ningures.

No ámbito puramente profesional, Pazos e Felipe daban clase a toda a E.X.B da escola de nenos de Lubián. Había tan boa sintonía entre eles que nos cursos nos que compartían docencia, se repartían entre eles as diferentes materias que había que impartir (Felipe se encargaba de Matemáticas e Ciencias Naturais e Pazos se encargaba de Lingua e Ciencias Sociais), e ademais dedicaron parte do seu tempo a preparar a persoas adultas para que puideran sacarse o certificado de escolaridade.
Lubián e as súas xentes caláronlle tanto, que Pazos necesitaba ir por alí de vez en cando e ao longo da súa vida foron moitas as viaxes que fixo a terras zamoranas acompañado pola familia ou por amigos como o artista Camilo Camaño ou o periodista do Faro de Vigo Gonzalo Martínez.

Óscar Rodríguez Martínez
Socio fundador de A Illa dos Ratos.
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/02/06/2020
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/09/07/2020
3 comentarios
Xosé Manuel Pazos Varela, un home de cultura, honrado e xeneroso (I) » A Illa dos Ratos
[…] SEGUINTE CAPÍTULO RUTA "PERSONAXES DE CANGAS" […]
Xosé Manuel Pazos Varela, un hombre de cultura, honrado y generoso (III) » A Illa dos Ratos
[…] el artículo anterior que publicamos para repasar la vida de Xosé Manuel Pazos Varela, decíamos que se encontraba […]
Xosé Manuel Pazos Varela, un home de cultura, honrado e xeneroso (III) » A Illa dos Ratos
[…] anterior artigo que publicamos para repasar a vida de Xosé Manuel Pazos Varela diciamos que estaba cómodo, […]