POLÍTICO, MESTRE E ACTIVISTA CULTURAL, COMPROMETIDO SEMPRE COA LINGUA E A CULTURA GALEGA (I)

PARTE 1. O neno de Coiro que chegou a ser mestre nacional grazas a súa valía e a unha bolsa de estudos xestionada pola asistenta social de Massó.

Texto elaborado por Óscar Rodríguez Martínez, socio de A Illa dos Ratos.

“Cangas con “C” de Cultura, e Cultura contra a mentira”

Xosé Manuel Pazos Varela

Cando o pasado 25 de xaneiro de 2021 os veciños e veciñas de Cangas recibimos a nova do inesperado falecemento do noso alcalde, sentimos que coa súa partida ademais dunha gran persoa, marchaba unha parte importante da nosa historia.

A súa retranca, da que fixo gala ao longo da súa vida, o seu carácter dialogante, o afán pola lectura, os paseos, as conversas e as lecturas no Bar Alondras ou no Tostadeiro, os seus 42 anos de mestre, e sobre todo as súas gañas de cambiar o mundo foron algunhas das cousas que moitos veciños, amigos e personalidades de diferentes ámbitos recordaban nos artigos de prensa que se publicaron naqueles días. 

Mais sobre todo, Pazos foi unha persoa de cultura, un galego comprometido coa lingua e a cultura galega que abrazou dende moi novo a política, con vocación de servizo público e convencido da súa ideoloxía de esquerdas. 

Tivo a oportunidade de ocupar a alcaldía de Cangas entre o 2015 e o 2021, pero moito antes diso xa demostrara a súa valía sendo capaz de transformar, grazas ao seu empeño e bo facer, a unha concellería como a de cultura, que ata a súa chegada era considerada unha concellería menor, nunha das máis importantes do Concello de Cangas.

Xosé Manuel Pazos, o neno de Coiro que quería ser mestre

O noso protagonista chegou a este mundo nunha pequena casa de Coiro situada no número 20 do lugar da Boubeta, nas vivendas coñecidas popularmente como “o tren”.

Era o 19 de marzo de 1957, curiosamente o mesmo día e mes no que nacera o seu pai, por iso esa data sempre foi moi especial para a súa familia, que nese día celebraba dous aniversarios, dous santos e o Día do Pai.

A súa chegada encheu de ledicia aquel fogar, e pouco tempo despois a familia se ampliaría co nacemento dos seus irmáns Antonio e Jacinta.

XOSÉ MANUEL PAZOS
Xosé Manuel coa súa nai Jacinta, que ten en brazos ao seu curmán José Joaquín.

A súa nai, Jacinta Varela Germade, traballara moitos anos na fábrica de Massó e tras o seu peche rexentou unha tenda de ultramarinos na Avda. de Lugo.

Sempre dicía que o seu fillo fora un neno moi esperto e espelido. Contaba que con tres anos xa sabía ler e que unha das cousas que máis lle gustaba facer ao pequeno era subirse ao patín da casa dunha veciña para botar discursos e que lle aplaudise o seu mellor amigo.

No tema da lectura xogou un papel moi importante a súa avoa materna, Josefa, que convivía con eles na casa familiar e foi quen ensinou ao cativo a ler. Pazos sempre a lembraba con moito cariño e recordaba como sendo mozo, fora ela quen lle regalara o seu primeiro coche, un 600 de segunda man.

O seu pai era un home moi traballador chamado José Pazos Pereira que dedicou toda a súa vida á mariña mercante. Cando era aínda relativamente mozo, nunha das mareas sentiuse indisposto e a pesar de que o levaron a terra para que fose atendido polos médicos, pasado un tempo acabou falecendo. Pazos sempre tivo moi presente este triste episodio e expresaba con frecuencia o seu desexo de vivir o suficiente para superar os años vividos polo seu pai.

Xosé Manuel Pazos cursou os estudos superiores grazas a intervención de Ana María Soto Landeira, a asistenta social de Massó

Como comentamos con anterioridade, a nai do noso protagonista traballara en Massó ata que pechou a fábrica.

Este feito sería moi relevante na vida do seu neno xa que, como contamos na nosa ruta “Massó, o sentir dun pobo“, cando algún fillo/a dos traballadores/as valía para estudar, a asistenta social de Massó, Ana María Soto Landeira, se encargaba de xestionarlle unha bolsa de estudos para que puidese cursar estudos superiores.

O curioso do caso do pequeno Xosé Manuel é que non estudaba na Escola do Padroado que estaba situada no hotel do complexo industrial de Massó, senón que o fixera ata os oito anos nunha das escolas unitarias de Coiro, e aínda así, foi un dos beneficiarios desta iniciativa de Massó.

XOSÉ MANUEL PAZOS
Pazos na escola unitaria de Coiro.

Para estudar o bacharelato, había que superar antes un exame de ingreso que o pequeno preparou a conciencia na Academia Morrazo que rexentaba D. Bernardino. A proba se realizaba no Instituto Santa Irene de Vigo e Pazos superouna con nota, así que Ana María Soto Landeira procedeu a facer os trámites necesarios para que se lle concedese unha bolsa de estudos completa e puidese continuar con eles nun internado na localidade de Cheste.

No tempo que estivo en Cheste, Xosé Manuel Pazos compartiu estudos e vivencias con xente de todo o país

Para o pequeno Xosé Manuel non debeu ser nada sinxelo ter que deixar atrás a súa familia e cambiar o seu fogar en Cangas polo internado de Cheste (Valencia), pero o certo é que sempre recordaba con moito cariño aquela etapa.

Aquel centro fora concibido polas autoridades franquistas como un Centro de Orientación de Universidades Laborales (COUL), onde os nenos máis brillantes do país entraban con 10 e 11 anos para cursar os 3 últimos anos de educación primaria, o que máis tarde se chamaría Educación Xeral Básica (EXB).

XOSÉ MANUEL PAZOS
Vista aérea do antigo COUL de Cheste en 2010.

O COUL de Cheste representou o fito arquitectónico máis destacado de todo o sistema de Universidades Laborales, tanto pola grandiosidade das súas instalacións como pola súa concepción funcional e vangardista. Nel convivían máis de 5.000 nenos internos de toda a xeografía española que se beneficiaban dun modelo moi avanzado de xestión a nivel docente, humano e loxístico.

Utilizábanse métodos educativos moi modernos para a época como a aprendizaxe de idiomas con medios audiovisuais, ensinanza de técnicas de estudo e traballos ou titorías en grupos reducidos, aspectos lectivos que aínda hoxe poden considerarse vixentes.

Tras os primeiros meses de adaptación, coa chegada do Nadal, Pazos realizou unha viaxe a Galicia. Era a primeira vez que regresaba e os familiares que o esperaban na estación, desexosos de velo, non o recoñeceron cando baixou do tren. De aquí marchara un neno que estaba de bo ver e regresaba outro tan escuálido como feliz da oportunidade que estaba tendo para cumprir o seu soño de seguir estudando e non ter que ir ao mar como moitos dos seus coetáneos de Cangas.

Foi unha etapa na que Pazos aprendeu, madurou e forxou amizades coas que moitos anos despois, grazas as novas tecnoloxías, puido recuperar o contacto. Cada ano organizaban unha reunión nalgunha das súas respectivas localidades e nela se poñían ao día das súas vidas e recordaban xuntos aquelas vivencias que compartiran.

Tras un paso pola Universidade Laboral da Coruña, Xosé Manuel Pazos obtivo o Bacharelato Superior e se matriculou na Escola Universitaria de Maxisterio en Pontevedra

Pazos continuou os seus estudos de Bacharelato Superior na Universidade Laboral de A Coruña e unha vez rematados, superou o correspondente exame de reválida e se matriculou na Facultade de Maxisterio de Pontevedra.

XOSÉ MANUEL PAZOS
Pazos na súa etapa como estudante na Coruña.

Durante eses anos, para gañar algúns cartos, compaxinaba os seus estudos cun traballo polas tardes como monitor de tempo libre e no verán tamén traballaba como fontaneiro ou albanel en Cangas e Vigo.

Era un mozo tan intelixente que grazas as súas capacidades rematou a carreira en pouco tempo e dun xeito brillante, o que provocou nel que tivese moi boas perspectivas e motivación para afrontar o seguinte paso: preparar as oposicións. 

Óscar Rodríguez Martínez
Presidente A Illa dos Ratos en | + artigos

Socio fundador de A Illa dos Ratos.

Un comentario

  1. Xosé Manuel Pazos Varela, un home de cultura, honrado e xeneroso (II) » A Illa dos Ratos

    […] o primeiro artigo dedicado a figura de Xosé Manuel Pazos Varela no que abordábamos a súa infancia e mocidade, […]

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.