O ESCULTOR QUE CHEGABA A ALMA DAS PEDRAS (II)
Texto elaborado por Óscar Rodríguez Martínez, socio de A Illa dos Ratos a partir da información e fotografías facilitadas pola Fundación Xoán Piñeiro.
Neste segundo artigo adicado a figura de Xoán Piñeiro abordaremos os seus anos de madurez como artista, nos que o escultor de Nerga puido ir dando renda solta a súa creatividade de forma progresiva, sobre todo cando a ditadura comezou a abrirse ao mundo, facilitando un lento cambio no eido económico e social en España.
Os anos 50 virán marcados para Xoán Piñeiro pola estabilidade persoal e diversos traballos cos que mellorou a súa técnica
No ano 1953 Piñeiro Xoán Piñeiro viaxa a Italia co seu amigo Xavier Pousa, pintor de Goián que coñecera en Madrid en 1950, e queda impactado coa escultura do Renacemento, algo que aparecerá reflectido nas súa obras nos anos seguintes.
En 1955 o noso protagonista casa con Carmen Álvarez, prima de Pousa, coa que viviría en Madrid ata 1962 coas dúas fillas que tiñan por aquel entón. Logo chegarían outras dúas e a familia regresaría a Galicia. Durante esa etapa, Piñeiro segue a traballar na escultura por encargo, facendo bosquexos e perfeccionando a súa técnica.

En 1957 Piñeiro, xunto a outros escultores, tivo a oportunidade de traballar nos últimos arranxos do Val dos Caídos, o proxecto escultórico máis importante que se desenvolvía en España naqueles momentos.
En 1964 Piñeiro instala o estudio en Goián e dende alí traballa realizando obra pública que remata en parques, xardíns e fachadas de edificios de toda Galicia
A comezos da década dos anos 60 o monumento público adquiriu un novo pulo. Piñeiro xa estaba considerado un escultor con moita proxección e as súas obras comezaron a ser moi demandadas e a proliferar nos espazos públicos das cidades galegas máis importantes como Vigo, Ourense, A Coruña, Vilagarcía de Arousa ou mesmo Cangas do Morrazo, urbes que estaban tendo un importante desenvolvemento urbanístico derivado do crecemento económico aparellado ao aperturismo da ditadura tras o periodo de autarquía.
Precisamente por ese cambio os artistas se sentían máis libres para poder modelar e esculpir as súas obras seguindo os seus propios criterios. Pero o panorama da escultura en España volvérase certamente complexo.
O poder político continuaba sendo o principal promotor de obras escultóricas para instalar en espazos públicos pero a Igrexa e particulares con poder adquisitivo tamén empezan a ter interés en encargar un busto, unha placa ou unha escultura conmemorativa.
En 1962 Piñeiro instálase en Vigo, preto de Cangas e de Goián, nun taller habilitado nas murallas do Castro e expón por primeira vez a súa obra de xeito individual na Caixa de Aforros de Vigo. Non tardou moito en comprobar que a cidade olívica, que estaba a ter un crecemento económico e poboacional, era un mercado potencial moi importante para dar saída a súa produción escultórica grazas sobre todo a existencia das clases medias urbanas con certo poder adquisitivo como pequenos empresarios, asalariados e profesionais.
En 1964 Piñeiro montou o seu obradoiro definitivo en Goián e continuou expoñendo en Madrid, Vigo, Pontevedra, A Coruña, Santiago, por outras localidades galegas, Valladolid, Portugal…e participando en bienales, colectivas, mostras antolóxicas.
Nunha investigación realizada sobre o escultor de Nerga por parte de D. Eduardo Alfonso Fernández Sotelo (párroco do Hío e experto en Historia do Arte e Arqueoloxía) publicada na revista Arte no Morrazo en 2017, o autor afirmaba que:
“Neses anos aínda que realiza bustos por encargo e incluso acomete autorretratos, a persoa humana era a que impulsaba as súas creacións en pedra destacando as súas obras relacionadas coa maternidade. Obras como “A nena”, “Retrato de Carmiña”, “Retrato de Cuqui Piñeiro”, “Meus padres”, “Oración”, “Plañidera”, “Chorona”, “Beata”, “Foliada dos nenos”, “Nai”, en pedra; “Nai xogando co fillo”, en bronce; “Espida acostada” e “Cea” onde consegue fixar nun instante a historia dunha traición dun xeito magnífico”.
Algunhas das obras de Xoán Piñeiro en pedra e madeira







Os novos aires que trouxo na Igrexa o Concilio Vaticano II, movemento iniciado polo Papa Xoán XXIII a partir de 1962 co obxectivo de “abrir as fiestras da Igrexa para que poidamos mirar cara fóra e a xente poida mirar cara dentro“, permitiron que Piñeiro, que se definía como “católico con liberdade ideolóxica”, puidese dar libre curso a súa idea de relixión.
A chegada de curas obreiros e dunha nova concepción de relixión propiciaron que a Igrexa progresista lle encargase traballos como “A cea” (da igrexa dos xesuítas), a escultura de “San Xosé Obreiro” (1963-1965), e incluso o “Santuario da Franqueira” (1966).

No ano 1968 Xoán Piñeiro crea unha fundición á cera perdida para realizar as súas propias obras
A finais dos anos 60 o noso protagonista xa era un escultor consolidado e estaba inmerso nun proceso de experimentación. Comezou a crear pezas en bronce e o fixo ás escondidas porque sentía que tiña moita presión de amigos artistas que lle insistían en que seguira facendo o que sabía facer, porque era onde destacaba.
Pero el non cesou no seu empeño e cando chegou a dominar a técnica realizou pezas moi diferentes as que viña facendo, chegando de forma natural, case por instinto, a unha nova etapa da súa traxectoria na que desembocou na abstracción, entendida como unha forma de expresarse cunha maior liberdade imaxinativa.
Para poder facer as súas propias obras sen depender do visto bó de Madrid, decidiu crear no seu propio obradoiro unha fundición á cera perdida empregando bronce pola que nos anos seguintes pasaron moitos escultores interesados en aprender o oficio e coñecer do propio Xoán Piñeiro as características do proceso.
Esta fundición se mantería activa no tempo ata os nosos días dando lugar ao proxecto dunha fundición artística única en Galicia, o obradoiro “Arte Bronce“, que a xente seguiu coñecendo durante anos como Fundición Piñeiro e agora como Fundición Cuqui Piñeiro.
Algunhas obras de Xoán Piñeiro en bronce nesta etapa



A partir de 1975 se aprecia un cambio radical nas súas obras
A decada dos anos 70 supón un evidente cambio na maneira de facer escultura do artista. Aínda que mantén unha continuidade no discurso da obra con referencias á natureza con traballos relacionados coa terra galega e tamén co movemento humano e a maternidade, se aprecia unha modificación no xeito de expresar a obra.
Xoán Piñeiro xa é un artista consolidado no seu oficio de escultor e a medida que o contexto político e social o permite, aproveita eses novos aires de cambio para ir un paso máis alá no seu proceso de exploración artística.
Un exemplo claro desta nova etapa serían as diferentes versións de “Óvulos” na que o artista, que xa nos tiña acostumados a tratar o tema da materinidade nas súas obras, da un paso máis e alude a o momento inicial e esencial da mesma como é o feito mesmo da xestación.
Nestas pezas, o escultor desvincúlase de calquera referencia formal e recorre a siluetas orgánicas, experimenta cos ocos e formas ovoides de xeito que os espectadores visualicen a idea unha vez coñezan o título.
Algunhas obras de Xoán Piñeiro nos anos 70










Xoán Piñeiro e persoas da súa confianza foron os impulsores da creación da Asociación de Escultores Galegos en 1977
En 1977 créase a Asociación de Escultores Galegos para buscar solucións a problemática profesional e a falta de medios para sacar adiante as ideas creativas que tiñan moitos dos artistas do país. Entre os impulsores estaban Xoán Piñeiro e outros profesionais da súa confianza como Xuxo Vázquez, un dos seus principais colaboradores, e Eliseo Alonso, un dos seus mellores amigos.
En palabras do propio Piñeiro, a entidade nacía “coa idea de sacar a Galicia do aillamento no que estaba e tamén un intento de renovar o concepto escultórico e público deste momento, excluíndo toda manifestación de carácter político, relixioso ou tendencias estéticas“.
Na inauguración da primeira mostra organizada polo colectivo, os seus membros falaron da posibilidade de crear unha escola galega da escultura, unha entidade que lles permitiría contribuír a formar a estética do país e evitar que emigrasen máis escultores galegos.
A entidade converteuse nun espazo onde os artistas puideron sentirse parte dunha colectividade con intereses comúns, e facilitou a creación dunha rede que compartía e traballaba por protexer a arte e aos artistas pero logo de tres anos cesou as súas actividades coincidindo coa triste desaparición de Xoán Piñeiro nun tráxico accidente.

Un tráxico accidente de tráfico acabou coa vida de Xoán Piñeiro cando atravesaba un gran momento profesional e persoal
Comezaba unha nova década e Xoán Piñeiro estaba vivindo unha doce etapa de madurez profesional, pero o destino lle tiña gardada unha ingrata sorpresa ao gran escultor de Nerga.
O 21 de decembro de 1980, logo de asistir a unha cea con outros escultores organizada á que tamén asistira Camilo Camaño, Xoán Piñeiro decidiu coller o seu vehículo e regresar a Goián para traballar sobre unha peza que tiña no seu taller. Nunca chegou.
Segundo parece eran as tres da mañá cando o seu Land Rover chocou contra unha beirarrúa e aínda que ía a pouca velocidade acabou volcando. Debido ao impacto abriuse a porta do vehículo e Xoán Piñeiro, que non levaba o cinto, saíu despedido con tan mala sorte que levou un golpe na caluga que acabou coa súa vida no acto, unha traxedia que todas as persoas que o apreciaban tardaron moito tempo en superar.
A pesar da súa morte, o escultor de Nerga segue moi presente grazas as súas obras repartidas nos espazos públicos de toda Galicia e polo labor que realiza Fundación Xoán Piñeiro
A memoria do escultor de Nerga segue viva grazas a Fundación Xoán Piñeiro que naceu no ano 1998 co obxectivo de divulgar a súa obra e traballar a prol da promoción de artistas e o desenvolvemento escultórico en Galicia. Nesta institución traballa activamente toda a súa familia e especialmente a súa filla Cuqui, que dirixe os traballos que se realizan na fundición anexa.
Ademais, a día de hoxe, a súa obra continúa presente nas rúas de moitas cidades e tamén hai pezas súas no Museo Massó de Bueu, na colección de Afundación, Museo do Pobo Galego, Quiñones de León, Bello Piñeiro de Ferrol, Provincial de Pontevedra, Lugo, Museo Nacional de Guinea Ecuatorial, de Bellas Artes de A Coruña e na colección do Consorcio da Zona Franca.
Para rematar este artigo nos gustaría recordar as declaracións feitas pola súa viúva, Carmiña Álvarez nunha entrevista concedida a Faro de Vigo en 2017. Nela recordaba cómo ao seu marido lle gustaba meterse no seu estudo de Goián e dar renda solta a súa creatividade e do seu amor por todo a que o rodeaba e que nos serven para facernos unha idea da calidade humana de Xoán Piñeiro:
“Vou falar dunha persoa coa que convivin case 25 anos. Soamente faltaban 22 días para que se cumpliran. Estaba todo ilusionado en celebrar as vodas de prata con gaitas e xuntar a familia. Xoán disfrutaba moitísimo en xuntanzas coas súas amistades tanto que fora no taller como na casa ou outros sitios…”
Queremos agradecer a colaboración de Suso Vázquez, presidente da Fundación Xoán Piñeiro, e de Cuqui Piñeiro, filla de Xoán Piñeiro e responsable da Fundición Arte Bronce, pola súa boa predisposición e as facilidades que nos deron para a elaboración destes dous artigos. Agardamos que as persoas que aínda non coñezan a importancia da súa traxectoria teñan a oportunidade de facelo e que sirvan para poñer en valor a figura de Xoán Piñeiro, o escultor que chegaba a alma das pedras.
Óscar Rodríguez Martínez
Socio fundador de A Illa dos Ratos.
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/02/06/2020
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/09/07/2020
2 comentarios
Xoán Piñeiro, o escultor de Nerga (I) » A Illa dos Ratos
[…] en Cangas como “a estatua da fame” ou “hoxe non comemos”. SEGUINTE CAPITULO RUTA "AS ESCULTURAS DE CANGAS" RUTA "PERSONAXES DE […]
carmeniglesiasrosales@gmail.com
Excelente a traxectoria de Xoán Piñeiro, grazas por amosarnos a súa obra, tamén me gustou moito a información que nos dou a súa folla, na ruta das esculturas,parabens.