O ESCULTOR QUE CHEGABA A ALMA DAS PEDRAS

Texto elaborado por Óscar Rodríguez Martínez, socio de A Illa dos Ratos a partir da información e fotografías facilitadas pola Fundación Xoán Piñeiro.

“Estimo que non é suficiente en Escultura saber debuxar ou modelar; é necesario estudar o espírito humano, dar alma a figura, intuír a psicoloxía”

Xoán Piñeiro Nogueira (Nerga – O Hío, Cangas 1920 – O Porriño, 1980) foi un importante escultor cangués que exerceu unha notable influencia na escultura monumental pública en Galicia, sobre todo a partir dos anos 60, e que a pesar da súa repentina morte nun accidente de tráfico en 1980 continúa sendo un dos artistas máis recoñecidos e populares da segunda metade do século XX.

Neste primeiro artigo faremos un repaso dos seus inicios como escultor, poñendo especial atención na influencia que tiveron sobre a súa obra tanto a súa terra natal como o contexto histórico que lle tocou vivir.

XOÁN PIÑEIRO NOGUEIRA

Xoán Piñeiro naceu en outubro de 1920 en Nerga (O Hío), un lugar onde o mundo agrario e o mariñeiro ían da man

Xoán Piñeiro era o maior de sete irmáns. Debido a isto pronto tivo que asumir a responsabilidade de traballar para axudar o sustento da familia. Era un tempo onde as circunstancias socioeconómicas eran tan complexas que os habitantes da súa aldea, como ocorría en todo o país, se adicaban a traballar a terra, ir ao mar ou optaban pola emigración a América.

A escola non estaba entre as súas prioridades máis durante a primeira metade dos anos 30, coincidindo coa proclamación da segunda república española, Piñeiro foi experimentando e descubrindo o que máis lle gustaba sen poñer límites a súa imaxinación.

Entre o coidado do gando, as saídas esporádicas ao mar e as axudas puntuais ao seu pai, aproveitaba o seu tempo libre para tallar sobre restos de madeira ou modelar empregando anacos de barro, motivo polo que acabou sendo coñecido entre os seus veciños como “Xan Faisantos”.

Sendo xa un mozo adolescente comezou a coñecer as creacións doutros artistas con vinculación á nosa contorna como Ángel Botello Barros, cangués afincado en Vigo ou Ignacio Cerviño, o célebre mestre canteiro que foi o autor do Cruceiro do Hío.

Durante a Guerra Civil Española, Xoán Piñeiro foi chamado a filas e aínda que non chegou a entrar en combate esa experiencia marcouno de por vida

Tras o golpe militar do ano 1936 que desembocaría na Guerra Civil, o clima de confrontación primeiro e a aparición dos cadáveres nas beirarrúas e a detención dalgúns veciños despois, deixou unha fonda pegada na poboación.

Vivir naquela realidade de seguro que afectou a personalidade en formación de Xoán Piñeiro, que por aquel entón contaba unicamente con 16 anos, pero o que máis pegada lle deixaría daquela escura etapa da nosa historia foi ter que incorporarse ao exército franquista unha vez cumpriu os 18 anos.

Era o primeiro trimestre de 1939. A guerra estaba a piques de rematar e aínda que non chegou a entrar en combate, a experiencia marcouno moito, igual que lles pasou aos labregos, mariñeiros e xente con poucos recursos que foron empregados como soldados de substitución ou para controlar a retagarda e conservar as posicións.

O servizo militar de Piñeiro duraría aínda ata 1942. Realizou funcións de control da retagarda e de “limpeza” dos montes localizando e detendo fuxidos do bando republicano. Tras as experiencias vividas, Xoán Piñeiro tivo que madurar á forza polo que cando regresou a Cangas pouco quedaba daquel mozo adolescente que fora chamado a filas pouco tempo atrás.

Xoán Piñeiro regresou a Cangas tendo claro que non quería ser nin labrego nin mariñeiro e os primeiros anos da súa traxectoria como escultor se viron totalmente condicionados pola censura e as directrices do Réxime 

Tras a guerra, durante a década dos 40 a miseria e a fame se estableceron nunha sociedade totalmente esnaquizada na que se ía consolidando o poder do novo Réxime. Foron anos de medo, de silencio e de represión, onde os cadáveres ocupaban as rúas e os veciños eran detidos polo simple feito de pensar diferente.

No eido artístico a ansia por achegarse a modernidade dos demais países europeos evitou que España se convertese nun deserto creativo, pero os artistas se vían obrigados a realizar as súas obras seguindo de xeito estrito as directrices que establecían as autoridades franquistas polo que temas como o rural e a tradición, moi de gusto da ditadura, foron moi recorrentes no ámbito creativo durante ese período.

Xoán Piñeiro regresou a Cangas tendo claro que non quería ser nin labrego nin mariñeiro. Unha vez instalado na vila compaxinou traballos esporádicos no mar ou no agro coa produción de pequenos encargos e cos estudos de escultura na Escola de Artes e Oficios de Vigo que realizaría entre 1944 e 1947, influenciados totalmente pola autarquía política que caracterizaba a ditadura nos seus inicios.

A influencia falanxista na vida cotiá era moi importante e iso se plasmaba no ámbito artístico de xeito que o movemento moderno que tanto furor causara nos anos vinte e trinta non tivese cabida por ser considerado antipatriótico e se optase por un programa formativo de corte máis clásico.

XOÁN PIÑEIRO NOGUEIRA
Xoán Piñeiro na praia de Barra, en Nerga, co gaiteiro Punxeiro e outros amigos (1952).

A produción escultórica de Piñeiro, como a doutros moitos artistas, estaba totalmente condicionada nesa época polo contexto político. Non existía un mercado privado no que poder vender as creacións dos artistas e iso facía que a maioría dos encargos importantes xurdisen do sector público.

Estes encargos estaban supeditados ás directrices marcadas pola chamada “Comisión de Estilo nas Conmemoracións da Patria”, que establecía en que poses ou actitudes tiñan que amosarse as personalidades do Réxime,  e mesmo onde e como se tiñan que colocar as esculturas nos espazos elixidos. Loxicamente estes traballos aseguraban unha fonte de ingresos importante, pero tamén limitaban a creatividade do artista e a súa evolución artística e persoal.

No ano 1947 Xoán Piñeiro monta o seu propio taller e consegue unha axuda do Concello de Cangas para estudar en Santander e logo en Madrid

En 1947, Piñeiro tomou a decisión de montar un pequeno taller e para vender parte do que ía esculpindo en pequenos formatos vai a Bueu, Moaña ou Vigo onde foi facendo unha pequena carteira de clientes.

Foi unha etapa da súa vida onde quedou patente a predominancia nas súas obras dunha estética e temática moi costumista no que o mundo mariñeiro e o rural de Galicia tiñan moito peso.

Ese mesmo ano, grazas a unhas bolsas de estudos que lle concederon entre outros o Concello de Cangas e a Deputación de Pontevedra, Xoán Piñeiro se trasladaría primeiro a Santander e logo a Madrid para continuar coa súa formación.

De cando en vez viaxaba a Galicia e atendía encargos, sobre todo bustos e escultura pública e nunha das súas vacacións en Goián coñecería á muller que se convertería na súa esposa, Carmen Álvarez.

En 1947 durante a súa estancia en Santander traballa no taller de imaxinería de Andrés Novo, nunhas condicións económicas moi precarias que vai paliando grazas a algún encargos de bustos que recibe.

XOÁN PIÑEIRO NOGUEIRA
Xoán Piñeiro no taller de Santander (1947)

En 1949, grazas a outra axuda do Concello de Cangas e de Artesanía Nacional, Xoán Piñeiro chega a Madrid para iniciar os seus estudos na Academia de San Fernando, a institución que neses anos marcaba as tendencias artísticas, tanto dos creadores como dos espectadores, e os compatibiliza coa Escuela de Artes y Oficios de Vallecas.

XOÁN PIÑEIRO NOGUEIRA
Traballando no taller de Vallecas acompañado de Xavier Pousa. (1949)

En 1952 foi a Deputación de Pontevedra a que lle concedeu unha bolsa para proseguir coa súa formación. Dende os inicios na súa estadía na capital comeza a relacionarse con persoeiros importantes da cultura galega como Ramón Cabanillas, Otero Pedrayo, Alonso Montero ou Bernardino Graña, amizades que manterá co tempo e gozará en Galicia anos despois.

Desta época temos obras como “A volta o mar” (1952), instalada na Alameda Vella-Xardíns de Soage, pero tamén poderíamos destacar moitas outras como “Meus pais” (1950) que se atopa actualmente no Museo de Belas Artes da Coruña, “Plañideira” (1952) unha obra feita en madeira e que representa as típicas choronas de Cangas, “Amor de mariñeiro” (1952) ou mesmo “Autorretrato” no que quedou inmortalizado o artista en 1954.

XOÁN PIÑEIRO NOGUEIRA
A volta ao mar (1952), tamén coñecida en Cangas como “a estatua da fame” ou “hoxe non comemos”.
Óscar Rodríguez Martínez
Presidente A Illa dos Ratos en | + artigos

Socio fundador de A Illa dos Ratos.

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.