A XERACIÓN QUE VIU NACER O INSTITUTO DE RODEIRA

Texto elaborado por Xulio Ríos Paredes (Moaña, 1958) estudou no Instituto de Rodeira e desenvolveu no centro unha activa militancia estudantil que o levaría a ser o primeiro secretario xeral de ERGA (Estudantes Revolucionarios Galegos) nos anos setenta.

Licenciado en Dereito e funcionario público, entre outros, fundou o IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional). É un analista internacional e, sobre todo, experto en asuntos chineses, autor de varias obras en diversas linguas sobre o xigante asiático, e colaborador en medios de comunicación de varios países. É correspondente da Real Academia Galega e electivo do Consello da Cultura Galega. Premios Cátedra China e Casa Asia, viviu varios anos na China.

Collo o guante que nos ofreceu Serafín Parcero coa súa acertadísima crónica neste mesmo blog baixo o título “Os 50 anos do Instituto de Rodeira” para achegar a miña visión persoal sobre aqueles anos do instituto de Rodeira que, coincido con el, só cabe celebrar. E debíase facer.

Serafín ten razón en todo canto di e fíxonos lembrar persoas, episodios, divertimentos, en fin, que trouxo á memoria, ese espello onde vemos os ausentes, como dixera o moralista francés Joubert. Eu procurarei evitar redundancias, achegando aportes que sirvan quizais de complemento para obter unha panorámica que, sen dúbida, haberá que seguir completando coas visións e perspectivas doutros.

Ingresei no Instituto de Rodeira no curso 71-72 que por primeira vez cursaba oficialmente (antes íamos por “libre” a examinarnos a Vigo). Era o segundo ano do centro. En Cangas cursei cinco anos, dous deles como becario, que daquela comezaban a chegar en maior contía, inda que sempre escasas.

Entre os 13 e os 17 anos, foi esa unha etapa clave para a nosa formación en todos os sentidos e permitiunos acumular un capital de transcendental importancia para as nosas eleccións vitais futuras.

Naquelas cartillas de tapa dura, con selos e pólizas por todas partes, a varias tintas escribíase o noso presente, entre suspensos,  aprobados raspados e ata matriculas de honor.

O feito de nos poder matricular como “oficial” tan perto do domicilio familiar foi un cambio enorme e facilitou considerablemente o acceso á educación secundaria de moitos de nós. Nese sentido, o instituto contribuíu de forma notable a unha democratización do acceso, de forma que moitas familias de extracción traballadora preocupadas porque os seus fillos “foran máis ca eles” puideron facer realidade aquela ambición.

O cadro de profesores do Instituto de Rodeira esforzábanse en exercer unha docencia baseada en algo máis que na mera transmisión de coñecementos

Xa recordou magnificamente Serafín a moitos dos integrantes do cadro profesoral. Lonxe de calquera idealización, coincido plenamente en que na súa práctica totalidade eran grandes profesionais e grandes persoas que hoxe, coa distancia, valoramos inda máis. Moitos son a lembrar especialmente por cada un de nós en función das propias experiencias.

As profesoras de Francés, primeiro Beatriz e logo Tomasa, deixaron unha fonda impresión. Xa Serafín aludiu á presenza da música como instrumento pedagóxico. Aprendiamos francés escoitando a Brassens, Brel ou Piaf, afinando á par o noso oído e a nosa destreza lingüística. A aquelas idades, a música era un compoñente importante nas nosas vidas. Quen mais quen menos lía o Mundo Joven, a revista que dirixiu José María Iñigo entre 1968 e 1973, que tivo un forte impacto na apertura de horizontes daquela mocidade. Tanto era así que ás veces pediamos aos profesores non dar clase e escoitar música, cousa que faciamos en total silencio mentres algún que outro aproveitaba para ultimar tarefas. Era unha maneira de establecer conexións, cargar pilas e mesmo de avanzar pois axiña recuperabamos o ritmo do programa.

A min non me deu clases Francisco Rodríguez, quen pola contra exerceu como titor no meu derradeiro ano no centro. Con Vicki primeiro e Carlos Casares, despois, gozábamos das clases de literatura e do estudo dos fundamentos da linguaxe (Jakobson). Con Carlos teño lembrado nas nosas conversas de verán en Nigrán aqueles anos en que o poñíamos contra as cordas cando lle demandabamos que dera as clases en galego e el traíanos ao director Hilario á aula para nos explicar que era “ilegal”.

Manolo, en Filosofía, era gran animador de debates e anos andados temos recordado algún que outro exame. Facíanos pensar. Gerardo Sacau era un gran profesor que facía do Latín unha materia atractiva. César Varela, a pesar do árido das matemáticas, tiña unha gran complicidade cos alumnos, como tamén Manolo, o profesor de Física, ou o inmenso (na súa bonhomía) Luís Tojal, en Química orgánica. Camilo Gonsar tamén deixou unha particular pegada. Chicho, como conta Serafín, era un cacho de pan, ademais de altamente competente no seu.

Todos se esforzaban por exercer unha docencia baseada en algo máis que a mera transmisión de coñecementos. E, en verdade, con todos eles fomos quen de construír unha relación profesor-alumno baseada máis na auctoritas que na potestas, como diría probablemente Sacau, a quen teño sorprendido algunha vez camiño de Oia, onde tiña unha casa. E rememorabamos aqueles días.   

O denominador común daquel claustro era o progresismo na súa inmensa maioría, firmemente comprometido cunha atmosfera de liberdade, democrática e antifascista. Naqueles anos, coa ditadura na súa fase final, aquel clima foi un experimento exitoso, infundindo en nós valores e actitudes que axudaron a nos definir como cidadáns comprometidos coas mais diversas causas e aspiracións.  

Tamén foron tempos de militancias para os membros da “Xeración Rodeira”

Eran tamén aqueles anos de pronta militancia. Creo lembrar que foi no curso 72-73 cando dei o paso para organizar ERGA (Estudantes Revolucionarios Galegos) no centro.

A XERACIÓN RODEIRA
Mobilización estudiantil en Santiago de Compostela

Dende fóra, o Iago Santos, servía de enlace coa organización, á que eu chegaba tras mostrar certas inquedanzas no plano cultural a través do Ateneo de Moaña, onde creo chegamos a coincidir nalgún momento Serafín e máis eu, na banda dos máis novos que pululaban por alí.

ERGA axiña prendeu. Tanto que o instituto de Rodeira pasou a simbolizar en boa medida en toda Galicia, a incorporación do ensino medio á loita estudantil, ata entón basicamente universitaria, pero tamén das vilas medias onde antes predominaban de forma absoluta os centros urbanos. Chegamos a ser máis de medio cento os estudantes organizados, loxicamente na clandestinidade, inda que isto antollábase ben difícil nun centro daquelas características onde todos conviviamos a diario. Cada un con cadanseu nome de guerra, naturalmente.

Aquela loita estudantil tiña varias manifestacións. Había unha axenda reivindicativa que tanto incidía en asuntos prácticos como o transporte escolar -polo que houbo varios conflitos-, ou os déficits de calidade na construción do centro (un temporal causara enormes estragos obrigando a paralizar a actividade educativa durante máis dunha semana).

As  asembleas, manifestacións, folgas, etc., eran trazadas con meticulosidade. Outra tanto facíase no caso de campañas xerais: contra a selectividade, pola incorporación do galego no ensino, etc. Precisamente, a sanción contra Francisco Rodríguez (multa e desterro) por dar as clases en galego orixinou unha importante onda de solidariedade veciñal que tiña o instituto como lugar de referencia. Lembro que cando lle organizamos unha homenaxe, fíxoselle entrega dun diploma que se imprimira en Viláfer de maneira clandestina, co seu dono cómplice pero nervioso.

A arcaica “vietnamita” non daba feito para imprimir panfletos e atender a mil e unha causas. Os clixés mercábanse en Vigo, xunto coa tinta, nunha tenda sita en Marqués de Valladares (se preguntaban, era para o instituto). Mesmo chegouse a elaborar unha revista específica, o “Canle”, que se distribuía no instituto de xeito igualmente clandestino.

Lembro que unha vez me pillara en plena acción a que fora Miss España 1975, Olga Fernández, pero nunca dixo nada. Tamén Rafael, o bedel, a quen non se lle escapaba detalle, e acompañaba con resignada comprensión as nosas atrevidas andanzas, incluídas pintadas, fóra e dentro do centro. O activismo daqueles anos consumía moitas enerxías e tamén nos distraía, inevitablemente, dos estudos.

As actividades culturais complementarias formaban parte do proceso educativo

O apoio do profesorado foi fundamental, aflorando entre eles tamén a militancia sindical, especialmente na UTEG (Unión de Traballadores do Ensino de Galicia). Aí estaba a visita de Eduardo Blanco Amor ou os festivais con participación do Movemento Popular da Canción Galega, etc., que tanto contribuían á galeguización do colectivo estudantil. Tamén os concursos de poesía que exploraban a nosa vena literaria.

A XERACIÓN RODEIRA

A militancia de ERGA do instituto representaba un viveiro para a loita social, en plena efervescencia en toda a comarca. Os de máis idade íanse incorporando a comités de veciños e implicándose nas actividades nos respectivos municipios, en ocasións liderando a creación de organización (as “células”) e mobilizacións.

Naturalmente, aquel ambiente de axitación non pasaba desapercibido ás forzas represivas que a miúdo se apostaban na saída do instituto con claro propósito de transmitir a mensaxe de que “estaban ao tanto” do que pasaba alí dentro.

Os seguimentos ou peticións de documentación, e ata algunha visita ao domicilio (os “rexistros”) ou as chamadas ao cuartel da benemérita, formaban parte da estratexia de intimidación nun momento en que, sendo francos (con perdón), algúns tampouco sabían moi ben a que aterse.

O espallamento da conciencia estudantil no ensino medio e nas vilas pequenas de Galicia foi recoñecido no Iº Congreso de ERGA, celebrado en 1978 en Santiago de Compostela, onde resultei elixido secretario xeral tras anos exercendo esta función de maneira oficiosa.

A XERACIÓN RODEIRA

Antes, tralo 25 de Abril en Portugal (1974) e a morte de Franco (1975), xa manifestaba certa devoción polo asunto exterior alentando daquela contactos coa UEC (União de Estudantes Comunistas) e tamén con IAM (Ikasle Abertzaleen Mugimendua) ou a organización estudantil do PSAN (p).  Chegamos a elaborar un texto declarativo e houbo intercambio de visitas. Un episodio pouco coñecido na historia do nacionalismo. E todo arrancara no instituto de Rodeira.

A “Xeración Rodeira” tivo a oportunidade de recibir unha educación en valores

No persoal, o paso polo instituto, tamén induciu cambios importantes no proceso natural de conformación da identidade de cada quen. Persoalmente, por exemplo, eu cheguei moi vocacionado para a ciencia e, sen embargo, saín seducido polas letras. Unha dúbida existencial que se labrou e decantou neses anos.

As relacións coas compañeiras formaban parte da nosa convivencia cotiá e no instituto, a amizade e o respecto foron valores inculcados firmemente nun contexto onde asomaban, no tramo final, os primeiros signos dunha tímida liberdade no plano sexual. Como tamén a solidariedade, que naqueles anos era unha obriga moral que case ninguén cuestionaba, contrastando co individualismo rampante que hoxe impera de forma tan lamentable.

Moito fixen autostop, máis de Cangas para Moaña que á inversa. O coñecido como “Salto do Can” era unha referencia para arrancar aquelo de “ir a dedo”. Aproveito para agradecer a tantos aquela xenerosidade e confianza cando as liñas de bus mostraban unha frecuencia (ou prezos) que pouco se adaptaba ás nosas necesidades.

Poderíamos falar dunha “Xeración Rodeira” no sentido de fornecemento dun espírito contestatario e solidario, pero tamén de capacitación de persoas dispostas a asumir responsabilidades nos máis diversos planos da xestión social

En suma, o instituto representou un importante foco de transformación no Morrazo. E non se entende iso que chamamos “Transición” na península sen deterse no que este instituto supuxo para toda unha comunidade de estudantes ata o punto de significárense como unha xeración cun perfil moi acusado e propio.

A historiografía local é un tema pendente aínda en boa parte do territorio galego. Por desgraza, a desestruturación da nosa sociedade incide en que non contemos cunha valorización adecuada do noso patrimonio histórico, non digamos xa de tempos ancestrais senón igualmente modernos e contemporáneos.

É pouca a reflexión existente e moito o que se debe perfilar neste sentido. E nesa tarefa, no noso caso, cumpriría revalorizar o importante papel desempeñado polo instituto de Rodeira que foi un albo referencial do cambio en toda a comarca. Serafín deu no cravo.

Gañando perspectiva respecto a aqueles anos, ben poderíamos falar dunha “xeración Rodeira” no sentido de fornecemento dun espírito contestatario e solidario, pero tamén de capacitación de persoas dispostas a asumir responsabilidades nos máis diversos planos da xestión social.

A XERACIÓN RODEIRA

Xulio Ríos Paredes

Estudou no Instituto de Rodeira e desenvolveu no centro unha activa militancia estudantil que o levaría a ser o primeiro secretario xeral de ERGA (Estudantes Revolucionarios Galegos) nos anos setenta.

Licenciado en Dereito e funcionario público, entre outros, fundou o IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional). É un analista internacional e, sobre todo, experto en asuntos chineses, autor de varias obras en diversas linguas sobre o xigante asiático, e colaborador en medios de comunicación de varios países. É correspondente da Real Academia Galega e electivo do Consello da Cultura Galega. Premios Cátedra China e Casa Asia, viviu varios anos na China.

4 comentarios

  1. Mª del Carmen García Hernández

    Lin esta mañán o artigo escrito por Serafín e publicado por vos. E gracias a Serafín e a Xulio, que rematei de ler agora, volveron a miña memoria moitos recordos daqueles dous anos, nos que no primeiro con 14 anos, en 5º, era das maiores do Instituto, pero o seguinte, en 6º, xa non, porque había COU. Eu tamén me sinto moi orgullosa de formar parte das alumnas do Instituto Nacional de Enseñanza Media Mixto de Cangas, como reza o meu “Libro de Calificación Escolar”.
    Vos escribo, para que si queredes lle mandedes o meu correo a Serafín. Non dubido o que pon no seu libro, pero no meu non aparece para nada o Instituto de Vigo, e firma como secretario Morla, a quen seguro recorda Serafín porque creo que era o único profesor de Inglés, cando empezamos.

  2. Xulio Rios

    Graciñas a ti, Serafín, por nos motivar para facer memoria. Espero que outr@s se animen a compartir aquelas lembranzas e ir así completando o mosaico. Mellor 2022 para tod@s.

  3. Serafín Parcero

    Óso, con til…! Escribir cun fondo verde faise un pouco complicado…
    Parabéns de novo artigo.

  4. Serafín Parcero

    Alégrome moito, Xulio, de que te decidises a “recoller a luva” pàra darlle continuidade ao meu artigo sobre a (non) conmemoración do 50 aniversario do Instituto de Rodeira. Concordo ao cento por cento co que escribes e tamén creo que existe unha “Xeración Rodeira”. Unha xeración forxada polos tempos que nos tocou vivir, polos referentes que tivemos, tanto dentro como fóra das aulas e tamén polas nosa curiosidade intelectual e as ansias de cambio dunha situación política e social que non nos convencía.
    No artigo da miña autoría publicado neste mesmo blog, por problemas de espazo, quedaron moitos temas por seren tratados e moitas persoas sen ser nomeadas. Non me esquezo de Rafa, o bedel, nin de Maíta, a administrativa que pouco maior era ca nós cando empezou a traballar no Instituto. Con Betriz a Tomasa non tiven aulas, pois eu era de Inglés. Por desgraza tampouco coincidín nin con Paco Rodríguez nin con Carlos Casares…
    Eu tamén quixen incuír a folla da inscripción do meu libro de escolaridade, pero cos cambios de domicilio non o tiña a man para escanealo. O Instituto de Rodeira fora pensado para ser unha delegación do Santa Irene de Vigo, por iso, os libros de escolaridade de todos os alumnos/as que inauguramos o instituto no 1970 estaban cubertos no Instituto de Vigo e asinados polo seu segredario, Rufo Pérez, profesor de Matemáticas que tiña fama de “oso” e foi un dos fundadores da editorial Galaxia, Pertenceu ao grupo Ultreia. Nas eleccións municipais de 1979 formou parte, como número 4, da candidatura de Galicia Ceibe que encabezaba Leónides de Carlos.
    Moitas grazas e parabéns por tan fermoso artigo.

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.