UN HOME POLIFACÉTICO E CREATIVO QUE CON MÁIS DE 70 ANOS NON SABE QUE QUERE SER CANDO SEXA MAIOR

Texto elaborado por Óscar Rodríguez Martínez, socio fundador de A Illa dos Ratos tras varias conversas con Xaime Fandiño. 

OUTSIDER: “Que vive aparte da sociedade común, na periferia das normas sociais”

Fandiblue “O vello outsider”

Coñecín a Xaime Fandiño durante a etapa de investigación da súa próxima novela “Contubernio Picacho”, que ao parecer ven de entregar a súa editorial para que vexa a luz neste 2025.

Falamos dos seus proxectos e sorprendeume a súa interesante traxectoria vital e profesional pero sobre todo o seu afán por manterse activo logo da súa xubilación no ano 2016, sobre todo traballando de modo outsider no ámbito da interxeracionalidade.

A partir dese primeiro encontro, Xaime asistiu a algunha das rutas que desenvolvemos desde A Illa dos Ratos, sobre todo ás relacionadas coa memoria patrimonial, industrial, cultural e social de Cangas, e aproveitei para pedirlle que unha vez quedase liberado da fase creativa e de escritura da súa última novela, puidesemos conversar para coñecer máis en profundidade a súa obra e tamén as actividades nas que participa.

Un home creativo con inquedanzas culturais e musicais que participou na posta en marcha da TVG e chegou a ser decano da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigo

A maioría da xente coñece a Xaime Fandiño polo diminutivo do seu apelido. Fandi, é natural de Vigo, concretamente da rúa Pi i Margall. De mozo tocou en varias formacións musicais tales como: Los Watios, Los Santos ou Colores. Seguramente algunhas das parellas que poidan ler isto, se coñeceron bailando coas melodías que interpretaba con algunha das súas bandas nos escenarios das festas e discotecas de mediados dos setenta e principios dos oitenta.

Concretamente no ano oitenta e cinco Xaime decidiu deixar a actividade musical e marchou para Santiago. En Compostela tivo a honra de formar parte do equipo técnico-creativo encargado de poñer en marcha a TVG. Na canle autonómica  chegou a ser Xefe de Realización e a dirixir e realizar programas tales como: A Tumba Aberta, A toda máquina, Velaí, Unha de Romanos, Chambo etc, ademais de diversas galas e eventos especiais.

Xa nos noventa, simultaneando co traballo na televisión, chegada á corentena, cursou a licenciatura de xornalismo na USC que rematou no ano 95. A continuación, fixo os cursos de doutoramento na Universidade Complutense onde defendeu a tese no ano 2000, converténdose en doutor nos albores do século XXI.

A partir dese momento, xa a na cincuentena cambiou o rumbo profesional para adicarse á docencia universitaria. Despois de pasar polas figuras de profesor asociado e interino, concursou a unha praza de profesor titular na Universidade de Vigo, onde ingresou como docente e investigador na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, da que tamén foi decano. Posteriormente, presentouse de novo a outra praza, esta vez na Facultade de Comunicación da USC —os profesores-investigadores funcionarios universitarios non teñen posibilidade de traslado directo—, ingresando nesa universidade, onde se  xubilou no ano 2016.

XAIME FANDIÑO
Fotografía de Fandi realizada por Xóan Álvarez Rey.

O seu plan vital dende que se xubilou é traballar a favor da interxeracionalidade

A partir da xubilación, á vista de que despois darnos a liquidación laboral parece que aos seres humanos nos endosan una especie de liquidación social, Xaime decidiu adicar o seu plan vital a traballar a prol da interxeracionalidade, orientando a súas accións e discurso na liña de que a idade cronolóxica, e dicir, que o tempo que cada un leva sobre o planeta, non sexa un impedimento para seguir activo e audaz na sociedade. Por contra se teña en conta a heteroxeneidade dos individuos, así como o pleno dereito a decidir máis alá de calquera compoñente etaria.

Na busca de consolidar o coñecemento sobre a interxeracionalidade e as relacións humanas na vellez, no 2018 ingresou nun máster da Facultade de Filosofía da USC que rematou cun traballo para o TFM titulado “O Gueto Cronolóxico” e, neste  momento, atópase inmerso na elaboración dunha nova tese de doutoramento inscrita na Facultade de Filosofía de Santiago que, dentro do ámbito da antropoloxía versa sobre: “O hábitat e a interxeracionalidade no escenario da lonxevidade”.

No camiño de dar visibilidade á interxeracionalidade como forma de vida, pasou a converterse nun dos fundadores da Cátedra de Idadismo da Universidade de Vigo, desde onde, entre outras accións, foron os responsables de introducir a palabra “idadismo” no dicionario.

Dentro do ámbito divulgativo, Xaime creou tamén un formato televisivo denominado “Incombustibles” que, concibido desde un perspectiva interxeracional, presentaba e analizaba temas sociais de forma transversal, sen ter en conta a idade das persoas, se non simplemente a actitude e o seu plan vital.

A proposta estivo pilotada por unha especie de tribo herexe heterodoxa e interxeracional entre os que se atopaban: Teté Delgado, Manolo Botana, Luisa Veira e Carlota Mosquera. O programa  foi emitido pola TVG.

Desde hai xa varios anos, Xaime Fandiño colabora cunha columna no Faro de Vigo

Primeiro foi con “La acera volada“, unha serie de crónicas de nenez e xuventude dun vigués deslocalizado. O artigos foron condensados nun libro que se publicou no 2021 con ilustracións de Chimay, un compañeiro da banda interxeracional de Country & Blues heroico da delta do Morrazo denominada Deteriorados, no que Xaime toca o dobro.

“La acera volada”, referida ao Paseo de Alfonso, —así é como lle chamaba a xente daquel barrio— ten prólogo de Antón Reixa e epílogo de Carlos Mouriño (ex-presidente do Celta). Os dous, xunto a Fandi, conforman xeracións contiguas que habitaron naquela a cidade olívica dos sesenta no entorno do Barrio do Cura.

Fandi con Antón Reixa e Carlos Mouriño o día da presentación de “La acera volada”. Fonte: Faro de Vigo – Gran Vigo – 02 de abril de 2022.

Agora Xaime ten outra publicación mensual no Faro de Vigo titulada “Máis alá do gueto cronolóxico” onde fai reflexións diversas sobre temas sociais desde a óptica dun vello outsider.

Tras a súa xubilación Xaime Fandiño e a súa esposa decidiron pasar varios meses ao ano en Cangas, un lugar que xa coñecía e que o inspirou para as súas novelas

Bastante antes de rematar o periplo laboral, Fandi e súa compañeira pensaron que cando se xubilasen, a cidade de Vigo, sempre en constante evolución, se lles ía facer bastante inmensa e descoñecida despois de vivir tantos anos en Santiago. Así que para a súa xubilación, decidiron que querían vivir nun lugar onde a cidade olívica estivera presente, pero a horizonte óptico, por iso elixiron instalarse no Morrazo, a outra beira da ría.

Elixiron Cangas porque, ademais de ser bautizado nesta vila o pai de Xaime, el ten moi bos recordos da infancia, cando de neno viña desde Vigo á finca do señor Paco no Salgueirón, o xerente de Massó e tío do seu pai. Incluso anos máis tarde, na súa xuventude, viña no barco a pasar veladas con colegas na taberna da Perfeuta na zona do Forte.

Durante esta última etapa en Cangas, Fandiño escribiu a novela de ficción “El último concierto (cuando la vejez se torna herejía)”

El último concierto“, é unha oda en clave de comedia ácida sobre a heteroxeneidade e o dereito a decidir das persoas en calquera momento da vida. A historia sucede antes da pandemia. Nela Fandi converte a factoría de Massó nunha residencia de maiores onde, nun momento dado, varios dos internos deciden ir, sen avisar, ao Resurrection Fest de Viveiro, aínda que  antes se ven obrigados a pasar por Portugal para atender e resolver un asunto fundamental.

Trátase dunha roadmovie social, con moita acción e personaxes entrañables. De feito, nunha materia do grao da facultade de Educación Social da USC, parece que tiveron a ben poñer neste curso a novela “El último concierto”, coma unha das lecturas obrigatorias para que o alumnado poida experimentar o que significa ser maior desde unha perspectiva que alterna realidade e ficción.

A obra parece ser que naceu como unha longametraxe de ficción. Foi presentada as axudas ao desenvolvemento da Xunta de Galicia, no apartado denominado “experiencia e traxectoria audiovisual”, pero despois de toda unha vida relacionada co sector, desde a produción e a creación ata a docencia, a valoración que lle deron a Fandi foi “un cero”.

A vista do resultado, para non entrar en leas, a súa compañeira lle aconsellou que pasara do audiovisual e fixera unha novela. En menos dun ano Xaime tiña un texto definitivo e unha editorial disposta a súa publicación.

Agora que vai xa pola segunda novela, sinala que non para de agradecer a aquel tribunal que, por obra e gracia dunha valoración tan negativa respecto súa traxectoria profesional, decidira deixar o proxecto fora escenario audiovisual.

XAIME FANDIÑO
Fotografía de Fandi realizada por Xóan Álvarez Rey.

Por este motivo, sen telo pensado nin planeado a Xaime convertérono en escritor da noite para a mañá. O sexa, o que en principio podería parecer negativo, ao final, cunha dose de resiliencia e folgos para seguir adiante, as cousas poden dar un xiro de cento oitenta graos como neste caso, no que un proxecto audiovisual viuse na obriga de mudar a novela, e quen sabe se agora pechará o círculo e chegará á pantalla.

En calquera caso, aínda que xa cumpriu os 72 anos, visto o visto, aínda poden xurdir moitas sorpresas, e como sinala Fandi, parece que aínda non ten nin idea do que quere ser cando sexa maior.

“El último concierto”, foi presentado en Cangas en O Ghato de Mar a pasada primavera. O anfitrión foi o actor e humorista Xosé Antonio Touriñán, bo amigo e colega de Fandiño en diferentes proxectos audiovisuais.

En Vigo estivo acompañado na presentación por Manuel Manquiña, compañeiro dos Salesianos; en A Coruña por Teté Delgado, coa que traballou en diversos programas de televisión; en Santiago pola actriz María Vázquez e en Ourense pola música e escritora Cristina Pato.

Tamén nalgunha das presentacións estiveron presentes a prologuista da novela: Vânia de la Fuente, médica e antropóloga, responsable do Informe Mundial da ONU contra o Idadismo, e a responsable do epílogo: Mari Paz García Rubio, catedrática de dereito da USC e membro do grupo de redacción da nova lei de dependencia.

No ano 2025 chegará a segunda novela da saga titulada “Contubernio Picacho”

Agora xa con “El último concierto” en circulación —tedes que léelo, deixo a baixo a referencia—, Fandi acaba de  entregar á editorial a súa seguinte novela. Parece que está decidido a facer una triloxía. Nesta segunda parte “Contubernio Picacho”, que sairá no 2025, a vila de Cangas volve a ser raíz e eixo da historia. Se non que me digan que fan uns menonitas (uns amish de Chihuahua) instalados no val de Coiro …

Queremos agradecer a “Fandi” a súa predisposiciñon para a elaboración deste artigo. Vos animamos a ler “El último concierto” da Editorial Elvira e podedes ter máis información sobre este e outros proxectos de Xaime Fandiño na súa web http://www.xaimefandino.com

Óscar Rodríguez Martínez
Presidente A Illa dos Ratos en | + artigos

Socio fundador de A Illa dos Ratos.

Un comentario

  1. Patricia

    Cuanto de bueno en el artículo, gracias

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.