VISITANTES INSPIRADOS POR CANGAS E NAMORADOS DELA

Texto elaborado por Nuria Otero Desojo, Guía Oficial de Galicia. Fotografías cedidas polo arquivo da A.C A Cepa.

Nesta nova viaxe ao pasado, deixamos atrás eses viaxeiros captadores de luces e sombras do anterior artigo e ímonos agora na busca da compaña doutros visitantes que tamén desatan o noso interese, homes e mulleres de letras e música, “bohemios”, inspirados noutras luces.

Concretamente neste artigo coñeceremos o caso dun escritor e notario que era irmán de Valle-Inclán, unha coñecida literata e un futbolista que, tras un accidente, converteuse nun cantante moi coñecido.

O primeiro dos visitantes ilustres de Cangas que coñeceremos será Carlos del Valle Peña, notario da vila dende 1916 ata 1930

Carlos del Valle Peña era o irmán menor de Ramón María del Valle-Inclán, o coñecido dramaturgo, poeta e novelista recordado sobre todo por ser o autor de “Luces de Bohemia” e “Divinas palabras” entre outras obras.

Como o seu irmán, Carlos cambiou o seu apelido polo do seu devanceiro Francisco del Valle-Inclán, catedrático da Universidade de Santiago de Compostela e fundador da súa primeira biblioteca.

Na súa xuventude, o noso protagonista colaborou con periódicos en Vilanova, Pontevedra e Santiago, e despois de probar no xénero lírico compoñendo cuns amigos a zarzuela cómica “Milord”, estreada no teatro-circo de Santiago, publicou no ano 1894 unha colección de contos titulada “Escenas Gallegas”.

Esta obra estaba composta por unha colección de relatos con títulos como “¡Aaau!”, “La tertulia”, “Magosto”, “El fiadeiro”, “Pepe el ciego”, “La meiga” ou “La liberala”. Estaban escritos en castelán, pero eran narracións costumistas ambientadas en Galicia nas que, con certa frecuencia, se introducía un variado repertorio de léxico galego, algo que o aproximaba á obra do seu célebre irmán.

Abandonou o seu labor literario e periodístico cando aprobou a oposición a notarías no ano 1897. Comezou a exercer como notario no Grove e Cambados e posteriormente na vila de Cangas dende 1916 ata 1930, nun despacho situado onde hoxe está a Cafetería Náutico de Rodeira, preto da gasolineira do molle, xunto ao laboratorio fotográfico de Ramón Ocaña.

De seguro que por ese despacho e pola súa casa de Cangas pasaron todos os integrantes da familia Valle-Inclán, incluído o seu irmán Ramón María. De feito sábese que a filla maior deste, María de la Concepción del Valle-Inclán “Concha”, pasaba longas tempadas na casa do seu tío Carlos polas constantes dificultades que atravesaba o matrimonio do seu pai coa actriz Josefina Blanco. Quizais grazas a isto, Concha acabaría casando na parroquia de Darbo, en outubro de 1929 co director do Instituto Nacional de Vigo, D. Jerónimo Toledano, nun enlace matrimonial apadriñado polo seu tío e a súa segunda muller.

A primeira muller de Carlos del Valle-Inclán Peña chamábase Luísa Bermúdez de Castro Vilardebó, apelidos entroncados co Pazo de Vista Alegre de Aldán, e falecera en febreiro de 1921. A pesar de que se trataba dun home tradicional, conservador e moi católico, poucos meses despois casou en Vilagarcía coa súa sobriña Catalina Peña Artime, con certo escándalo pola prontitude e certa controversia familiar polo parentesco entre ambos.

VISITANTES ILUSTRES DE CANGAS
Retrato de Carlos del Valle- Inclán Peña cedida polo arquivo particular do historiador Xerardo Dasairas Balsa.

Para ter unha idea máis ampla da súa persoa e ideoloxía, cabe dicir que foi membro activo da corrente rexionalista de Murguía. Tamén se sabe que estaba ligado a masonería de Pontevedra, e que se reunía e relacionaba no Casino de Cangas con representantes da Unión Monárquica Nacional, que derivou en Unión Patriótica durante a ditadura de Primo de Rivera. Ademais foi nomeado Cabo das Forzas Paramilitares, cargo ao que tivo que renunciar por ser incompatible co de notario, e Presidente de “El Porvenir del Morrazo”.

En 1930 abandonou Cangas para cubrir unha praza de notario en Valladolid ata 1932, ano no que se xubilou, falecendo no ano seguinte sen descendencia e con 68 anos.

Cangas, unha fugaz alegría na vida da novelista Carmen Laforet

Outra das nosas apreciadas visitantes foi unha muller de letras que estivo por estas terras nos anos 60′ do século pasado. Para a novelista Carmen Laforet, Cangas foi unha fugaz alegría que chegou a súa vida cando o seu home, Manuel Cerezales, asumiu o cargo de director de Faro de Vigo en 1961.

Este foi un feito decisivo para que Laforet coñecese Cangas e quedase namorada dun lugar onde atopou a tranquilidade e o osíxeno que necesitaba, lonxe dunha vida de aparente éxito social pero complexa polas súas circunstancias familiares e vitais.

VISITANTES ILUSTRES DE CANGAS
A escritora Carmen Laforet.

Entre Vigo e Cangas pasou os veráns de 1962 e 1963 na casa do pintor Antonio Nores en “Ríamar”, fronte a Rodeira, e tamén nunha casa na Aldea de Arriba.

Por aquel entón escribía unha das súas catro grandes novelas, “La Insolación”, logo de ter publicado “Nada” (1944), unha novela social de trazos autobiográficos pola que con 23 años se convertera na premiada máis nova en gañar o Premio Nadal de Literatura.

Casou en 1946 co periodista Manuel Cerezales e con el tivo cinco fillos. Seguiu escribindo títulos como “La Isla de los Demonios” (1952) e “La mujer nueva” (1955), mais sempre detestou a vida de esposa polas renuncias á liberdade que supuña e remataría separándose do seu home en 1970.

Co paso dos anos, a súa vida convertérase nunha continua fuga da mirada pública, sobre todo dende que o éxito a sorprendeu, quizais porque a pesar de ter un temperamento bohemio, era sensible á vida burguesa e ordenada da que procedía.

En Cangas atopou a tranquilidade que precisaba. Sentía un amor pola nosa vila difícil de explicar; segundo ela era “como se renunciara a algo grande e Cangas aparecese como outra cousa aínda máis valiosa, por iso para algúns, a literatura española está en débeda con esta vila.

A súa quinta novela estaba case rematada cando volveu a Madrid, logo de pasar unha tempada en Cangas en 1963, pero quedaría sen publicar ata que o fixeron os seus fillos de forma póstuma en 2004.

Tampouco chegaría a ver a luz a terceira parte inédita da súa triloxía “Tres pasos fuera del tiempo” titulada “Jaque Mate”, da que conta a lenda que está nunha maleta custodiada por alguén na vila.

Logo da súa separación en 1970 adicouse a viaxar e, salvo algún que outro artigo, foi deixando a escritura e a súa vida foise apagando pouco a pouco alentada polo Alzhéimer.   

Julio Iglesias pasou varios veráns da súa infancia na nosa vila cando só pensaba no fútbol e ainda non soñaba con ser unha estrela da canción 

A finais dos anos 40’, cando aínda se collían angulas no río Sinal, Cangas comezaba a recibir un turismo interior familiar procedente de Vigo, Ourense, Madrid, etc, que alugaba casas para pasar o período estival.

Foi o caso de Julio Iglesias Puga acompañado da súa muller María del Rosario de la Cueva y Perignat, coñecida na vila como “Gilda” pola súa beleza, e os tres fillos Carlos, Luís e Julio José, o noso seguinte turista “cicerone” destacado. Acostumaban instalarse na fonda do Pote co dono Evaristo, do que o famoso cantante aínda recorda as nécoras que alí comía.

Eran os tempos dos “chinchos”, os primeiros veraneantes que atraídos polo impresionante paraíso natural con praias, gastronomía caseira de excelencia e microclima amable, nos fixeron conscientes do gran tesouro que aquí tiñamos e  que aprenderiamos a valorar co tempo.

Julio Iglesias pasou varios veráns da súa infancia na nosa vila. Era unha etapa na que aínda só pensaba no fútbol e seguramente isto axudouno a facer amizade cos rapaces da vila. Con eles ten xogado moitos partidos na praia de Rodeira e saía en grupo a bañarse, pescar, coller moras ou roubar mazás nas fincas.

VISITANTES ILUSTRES DE CANGAS
Fotografía tomada á familia Iglesias na praia de Rodeira con Massó ao fondo.

Anos despois, un accidente que o apartou da vida deportiva, unha guitarra de regalo e a vida que seguía igualmente serían decisivos para o seu gran cambio e transformación. Precisamente coa canción “La vida sigue igual” participou en 1968 no Festival de Benidorm e logo en Eurovisión en 1970 con “Gwendoline“, xa casado con Isabel Preysler.

Nos anos seguintes, convertido nun cantante moi coñecido, Julio Iglesias volveu a Cangas en varias ocasións acompañado polos seus amigos.

Nos anos 70′, tras unha actuación nun abarrotado Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra con Andrés do Barro como teloneiro cantando o seu mítico tema “O tren que me leva pola beira do Miño“, viñeron a Cangas en coches de alta gama ata Casa Simón. 

Non sería a única ocasión que visitaría o restaurante de Pepe Pintos. De feito, Pepe Domingo Castaño, periodista galego e moi amigo do cantante, recordaba fai poucas datas outra viaxe que fixeran dende Miami, onde Julio fora invitado para a inauguración do Palacio dos Deportes “Miami Arena”.

Viñeran por Ibiza e na procura dun lugar con sol, dirixíronse a Cangas do Morrazo, lugar entrañable nas lembranzas do cantante, onde pasara “os mellores veráns da súa vida“, segundo as súas propias declaracións. Chegaron ao aeroporto de Vigo e logo foron en coche ata Balea, en Cangas, para degustar unha boa mariscada en Casa Simón onde sempre era atendidos esplendidamente por Pilar e Pepe. Disque naquela ocasión fixeran un “simpa” pero as propietarias actuais, as irmás Ana e Marta Pintos non se lembran desta anécdota. 

VISITANTES ILUSTRES DE CANGAS
Pepe Domingo, segundo pola esquerda, compartindo mesa e mantel con Julio Iglesias en Casa Simón.

O certo é que Casa Simón converteuse co tempo nun lugar de referencia para os visitantes “VIP” fugaces, se cadra aconsellados por algún dos cicerone da nosa vila, ou polo mesmo Julio Iglesias, do que non faltan fotos das súas visitas ao restaurante xunto a un magnífico cadro do Berbés mariñeiro de Ernesto Bao, onde noutrora partía a pasaxe as vilas do Morrazo.

Con anterioridade, Josefa e Celestino (Simón) foran os fundadores en 1948 da casa de comidas en punta Balea. Boas persoas que atendían a todos os clientes que entraban pola porta fosen mariñeiros ou personaxes máis acomodados das localidades veciñas onde chegou a sona da cociñeira e o bo produto.

Logo na época do seu fillo Pepe o negocio converteuse nun afamado restaurante dos mellores de Galicia. Ao longo do tempo os propietarios foran instalando bateas da súa propiedade para o cultivo de ostras, ameixas ou vieiras, e foi tal a sona da calidade dos seus produtos, que nos anos 60′ pasaron por alí figuras relevantes como Adolfo Suárez, Luís del Olmo, Tip e Coll ou mesmo “O Rei” Pelé.

Cangas, con luz de seu, nunca deixou indiferentes aos viaxeiros da luz, bohemios das luces, turistas e demais visitantes VIP

Eran todos eles, os protagonistas destes artigos, viaxeiros e turistas que viñan a nosa vila atraídos pola súa luz natural, a súa gastronomía excelente e o seu marco incomparable. Cangas nunca deixou indiferentes aos viaxeiros da luz, bohemios das luces, turistas e demais visitantes VIP.

Unha tradición esta de atraer ao visitante, sexa do tipo que sexa, que continúa e vai sempre en aumento nos nosos días. De feito, hoxe Cangas recibe moitos visitantes, especialmente no período estival, e segue sendo unha vila que ten luz de seu, a mesma que tamén noutro tempo non pasaba desapercibida e deixou a súa pegada impresa na vida de xente ilustre como a que vos mostramos neste artigo.

Nuria Otero Desojo
+ artigos

Guía Oficial de Galicia

Un comentario

  1. Maribel

    Interesante artigo, o igual cos anteriores… Moitas gracias por ilustrarnos!!!

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.