ACHEGARSE AO MAR EMPREGANDO OS CINCO SENTIDOS

Texto elaborado por Xosé Henrique Rivadulla Corcón, escritor, guionista, locutor e presentador galego que participou ao longo da súa traxectoria profesional en numerosos proxectos onde o mar era o protagonista. 

Unha ruta mariña dos sentidos para gozar do noso mar

Eu creo no mar. Non habería poesía sen mar.

Philip Hoare

O mar é un espazo que exerce unha potente forza de atracción dos meus sentidos, tanto por cuestións que poden explicarse racionalmente, como por cuestións que só poden explicarse poeticamente. A atracción é dunha magnitude que a miña vida, practicamente en todos os seus ámbitos, está condicionada polo mar.

Interésame sobre calquera cousa todo o que se manifesta poeticamente, seguindo os códigos da linguaxe poética, e o mar é esencialmente unha manifestación poética. Tamén nos seus aspectos máis materiais.

Como a Asociación A Illa dos Ratos ten como unha das súas razóns de ser a organización de rutas cun fondo carácter cultural, ben saben que poden facerse rutas dende moitos puntos de vista, sobre a xeografía do mar ou sobre o patrimonio mariño, por exemplo. Tamén podemos intentar indagar sobre puntos de vista diferentes, buscar outro tipo de elementos para protagonizar unha, ou varias, rutas mariñeiras.

Non pretendo ser un experto, nin sequera un aprendiz de deseñador de rutas, carezo de experiencia para esta cuestión, así que non vou intentar deseñar unha ruta. Quero establecer só un concepto “filosófico” que poda inspirar a alguén que si teña experiencia en deseñar rutas.

Interésame a parte inmaterial do mar, que evidentemente sustentase nunha materialidade, e nace, sobre todo, das sensacións que o mar produce, porque o mar é un gran fornecedor de sensacións.

Propoño unha ruta, ou múltiples, pola xeografía mariña de Cangas baseadas nos cinco sentidos

Trátase que estas rutas, camiñando pola extensa e fermosa costa de Cangas, busquen experimentar as sensación que o mar proporciona aos sentidos: a vista, o oído, o olfacto, o tacto, e o gusto.

UNHA RUTA MARIÑA DOS SENTIDOS

Podemos empezar polo sentido da vista. Para experimentar este sentido tan fermoso ir ver o mar nas súas diferentes formas de manifestarse. Ver como rompe nunha rocha, como chega a unha praia, como rompe contra os barcos atracados, como o fai contra barcos navegando, como sube e baixa co fluxo das ondas nas escaleiras do peirao, imos ver como un barco atraca, como outro sae a navegar, como os mariñeiros descargan o peixe, como arranxan un barco, como as redeiras cosen as redes…

Para o oído, sentido moi delicado, tamén escoitaremos o mar facendo todo iso que nos servía para o sentido da vista, o mar sempre fai música nesas accións, pero tamén escoitar a alguén tocando unha buguina, e o son do mar cando os barcos van rompendo a pel do mar, e na lonxa hai que escoitar o son da poxa, a que se fai a viva voz, pero tamén a electrónica, coas voces dos poxadores, compradores, mariñeiros e mariscadores, ou os percebeiros escollendo o percebe. E, como non o “infernal” son nas casetas dos mariñeiros…

O sentido do olfacto é moi especial. Á beira do mar hai que cheirar o salitre, ou o iodo nos lugares onde o mar rompe con forza. Os olores do marisco e o peixe. Para isto podemos ir á histórica praza de abastos de Cangas. Pódense recoller algas distintas e percibir os seu recendos. O vento tamén trae aromas mariños…

O tacto é fabuloso. Tocar as pedras con tanta variedade de superficies, tactos tamén moi deferentes en distintos tipos de area. Tocar as madeiras e todas as partes dos barcos e as estachas e cabos, as redes, os aparellos, distintas ferramentas. E o tacto dos peixes e mariscos, toda unha sinfonías de distintas sensación táctiles…

E por último o sentido do gusto. Isto lévanos a comer, pero imos comer cousas non cociñadas para poder apreciar o sabor do mar sen transformación. Todos os mariscos de cuncha danse para comer crús: os berberechos, as ameixas, as navallas, as ostras, vieiras, zamburiñas ou volandeiras. Claro que todo debe estar debidamente depurado.

Hai outros mariscos que crús saben fantásticos, como os ourizos e tamén os camaróns, por exemplo. Hai peixes que non precisan cociñarse, poden ir marinados con vinagre, limón, aceite e herbas aromática, tamén forman parte da nosa cultura os peixes afumados, e os peixes e cefalópodos secos…

E isto haberá que regalo cun viño que se críe a beira do mar, e como estamos no Morrazo a miña recomendación é botar man do Tinta Femia da parroquia de Cela en Bueu. Bos cociñeiros haberá que saiban preparar ben estes manxares.

A ruta mariña dos sentidos permitiría aos asistentes experimentar as sensacións que nos pode proporcionar o mar  

Amigos de A Illa dos Ratos, isto só pretende ser unha sinxela base para unha idea de rutas distintas, ou semellantes a calquera outra, pero baseadas nunha filosofía dos sentidos mariños. Poden facerse rutas concretas para cada sentido, ou rutas con todos os sentidos. Convido aos expertos en deseñar rutas a traballar sobre esta idea.

Realmente a idea nace da cotiandade do mar. Non é outra cousa que observar a realidade diaria que hai nos portos e nas ribeiras con todos os sentidos moi atentos. O mar é sobre todo territorio de traballo, pero tamén espazo de múltiples sensacións. Busquemos esas sensacións que nos pode proporcionar o mar a través dos sentidos, e sintamos o mar como un poema sensorial.

Queremos agradecer a Xosé Henrique Rivadulla Corcón a elaboración deste fermoso texto para o noso blog. Algunhas das nosas rutas como “Massó o sentir dun pobo“, “Cangas e o mar” ou “Intermareal, mar á vista” nos aportan distintos puntos de vista do noso mar, pero recollemos a súa proposta e traballaremos para ver se podemos facer realidade unha nova ruta empregando como base esta idea tan inspiradora.

Xosé Henrique Rivadulla Corcón

Escritor, guionista, locutor e presentador galego que participou ao longo da súa traxectoria profesional en numerosos proxectos onde o mar era o protagonista como "Ribeiras de Salitre", "Pescadores de historias" ou "Embarcados", programas emitidos pola TVG.

2 comentarios

  1. Carmen Iglesias Rosales

    Me parece xenial a idea de facer as rutas mariñeiras empregando todos os sentidos, ten que ser unha delicia. Vos animo a que a fagades, me encantaría participar Nela.

  2. Argen

    El mar…la mar…tan inmenso que abarca dos géneros. Tan inmenso que se necesitan todos los sentidos para conocerlo. Gracias por recordarnos la inmensidad que tenemos a nuestro alcance

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.