UNHA VIDA CHEA DE PAIXÓN POR CANGAS E POLA MÚSICA

Texto elaborado por Óscar Rodríguez Martínez, socio de A Illa dos Ratos en base a diversas fontes e coa colaboración de Pablo, fillo de Tucho. Fotografías cedidas pola comparsa “Os de Sempre” e a A.C. A CEPA.

Con este artigo queremos recordar e recoñecer o labor que durante moitos anos este gran amante da música, Tucho Perete, realizou na súa benquerida Cangas, onde ao longo dos anos tamén demostrou aos seus veciños a súa gran calidade humana.

Sirvan de exemplo as palabras do alcalde Xosé Manuel Pazos Varela recordando a Tucho tras a súa morte “aínda que sabemos que ninguén é indispensable neste mundo, Tucho era unha desas persoas que se achegaba moito a ser imprescindible ”.

Tucho Perete iniciouse na música con tan só oito anos da man de Xoán Rial (Palleiro) de quen recibiu clases de solfeo

Con Xoán Rial aprendeu cousas básicas como a escala ou a diferenciar os tonos musicais e máis tarde, xa con 12 anos, continuou coa súa formación no Seminario de Santiago, onde para a súa ledicia as leccións de música eran obrigatorias.

TUCHO PERETE
Recordo da infancia de Tucho, o primeiro pola esquerda.

Cando apenas contaba con 14 anos formou o seu primeiro grupo de rock,“Los Rítmicos”, xunto aos seus amigos Moncho Fernández, “Chilola” e David

Tucho e Moncho Fernández coñecéronse cando ambos contaban con 12 anos. Foi un amor a primeira vista e comezaron a compartir os poucos coñecementos de música que tiñan ata que con 14 anos formaron o grupo “Los Rítmicos”.

TUCHO PERETE
Actuación de “Los Rítmicos” con Moncho, David e Tucho en primeiro plano e Chili na batería.

Foi unha gran aventura, unha primeira experiencia compartida que sentou as bases para que Tucho e Moncho se converteran co tempo en compañeiros de fatigas. En palabras do propio Moncho Fernández “Eramos moi novos. Tiñamos unhas nocións moi básicas de solfeo e facíamos acordes de oído que non sabíamos nin cales eran porque non había a quen preguntarlle. Ademais non tiñamos instrumentos, polo que ensaiabamos coa guitarra española e cando chegaba o día da actuación pedíamos que nos prestasen unhas guitarras eléctricas“. 

“Los Rítmicos” e outros nos grupos que participou Tucho como “Los Temas” forman parte da memoria das persoas que viviron a súa xuventude no Morrazo nos anos 70 do século pasado.

TUCHO PERETE
Formación do grupo “Los Temas” con Toño Parcero, Acuña, Tucho Perete e Chani (1968).

O acordeonista Pepe Macillos, mestre musical de Tucho Perete 

Foron tempos de moitas actuacións e ensaios, pero tamén de aprendizaxe. Neste sentido, a vida fíxolles un regalo a estes rapaces cando no seu camiño se cruzou o acordeonista Pepe Macillos. Tucho sempre falaba del como o seu Mestre porque nas súas propias palabras recibira del “todo o que tiña que recibir, leccións altas de harmonía”.

A relación do vello Pepe cos mozos transformouse en pouco tempo nunha gran amizade e todas as tardes os invitaba a merendar no seu restaurante. Alí compartían as súas inquedanzas musicais e para Pepe era un gusto poder resolver as súas dúbidas e practicar con aqueles rapaces que contaban con tan bo oído musical. 

Por iso Macillos era para Tucho algo máis que un restaurante. Alí foi donde creceu a súa paixón pola música que despois o levaría a dar o salto ao mundo das orquestras.

TUCHO PERETE
Fotografía na que vemos a Tucho Perete a esquerda participando nunha actuación.

A carreira musical de Tucho tivo unha parada importante no mundo das orquestras

Con pouco máis de 20 anos Tucho tivo a oportunidade de formar parte das mellores orquestras do momento como Los seis de Galicia, Acuarela ou posteriormente Saudade 73. 

No caso da orquestra Acuarela compartiu aventura co seu inseparable Moncho Fernández e tiveron oportunidade de compartir escenario con artistas moi relevantes da época como Ana Kiro no Baile da Palma de Cangas, Al bano na Sala Paraíso en Bueu ou Mocedades en As Neves e no Casino de Vigo.

Era unha orquestra atípica para aquel momento porque entre outras cousas tiña un repertorio que se centraba en temas de grupos como por exemplo dos Beatles ou os Rolling Stones e que escapaba dos típicos éxitos do verán. Era unha orquestra cun caché elevado e moi demandada por toda a xeografía galega. Nalgunha sala importante como a Sala Miramar de Redondela os chegaron a contratalos para que actuasen cada noite a primeira hora antes do baile, momento no que a xente aproveitaba para sentarse e gozar da boa música.

TUCHO PERETE
Postal promocional da orquestra Acuarela.

Tucho fixo unha paréntese na súa carreira musical que duraría varios anos, entrou a traballar nun banco e coa chegada da democracia presentouse nas primeiras eleccións locais polo PCG, chegando a ser alcalde substituíndo Pepe “Chimé”

Pasaron os anos e Tucho decidiu facer unha paréntese na súa aventura musical. Foran moitos sábados e domingos tocando o mesmo repertorio e tanto el como Moncho, cansados, decidiron buscar outra saída no laboral.

Curiosamente, ambos rematarían traballando en algo tan oposto á música como é o sector bancario. Moncho se incorporou ao Banco Atlántico e Tucho atopou traballo na oficina que o Banesto tiña na rúa Méndez Núñez en Cangas.

Foi neste momento da súa vida cando Tucho tamén entrou na política activa. Nas primeiras eleccións democráticas a nivel local que se celebraron no ano 1979 Tucho formaba parte da lista que o Partido Comunista Galego (PCG) presentaba en Cangas. Tras o escrutinio dos votos se constituiría unha corporación na que o goberno quedaría formado por catro partidos: o PCG, UG, o BN-PG e o PSOE, quedando como alcalde Pepe “Chimé”. Este dimitiría en medio da lexislatura e dende 1982 foi Tucho quen colleu o relevo, exercendo como segundo alcalde da democracia de Cangas, cargo que compaxinaba co seu traballo no sector financeiro.

No persoal, Tucho casou e tivo un fillo e unha filla aos que inculcou o seu amor pola música

Tucho formou a súa familia coa súa muller Ana e os seus fillos Pablo e Olalla, aos que inculcou o seu gran amor pola música.

A día de hoxe, Olalla canta no Coro San Xosé e Pablo adícase profesionalmente a música, aínda que recoñece que lle levou tempo tomar ese camiño a pesar dos esforzos do seu pai por inculcarlle a súa gran paixón. “Non foi ata que uns amigos se meteron na banda de música cando comecei a involucrarme nese mundo e a aprender música clásica. Uns anos máis tarde comecei a tocar a guitarra e a pesar de que cando era máis novo non lle fixera moito caso a ese instrumento tan importante para el, sempre o tiven preto para darme bos consellos e resolver as miñas dúbidas“. 

Pablo recorda ao seu pai como “unha persoa moi popular e querido pola xente da vila. Cando tiña 6 ou 7 anos e vivían detrás da fábrica de Massó, recorda que “A casa sempre estaba chea de xente. Eran os anos posteriores a morte do ditador e recordo moita ledicia na nosa casa. Entendo que para eles era unha época de cambio e de moita esperanza“.

Ademais da afección do seu pai pola música, que era a súa vida, lembra que tamén era un gran amante da lectura e que nos últimos anos da súa vida colleulle o gusto a cociñar, e se lle daba bastante ben.

O boto moito de menos coas súas bromas e frases típicas. Recordo que cando lle preguntaban que tal estaba e el respostaba sempre “entre ben e moi ben“”.

De feito coa súa forma de ser facía bo o alcume familiar “Perete” (“demo”) que Tucho herdara, probablemente do seu tataravó ou incluso de máis atrás, e que viría a ilustrar o carácter “de boas pezas” dos seus antepasados.

Unha actuación na que Tucho compartiu escenario co seu fillo Pablo Costas.

Tucho Perete formou parte da mítica comparsa canguesa “Os de Sempre” que recuperou a tradicional Enterro do Momo de Cangas tras a ditadura franquista

Dende moi noviño a Tucho gustáballe participar activamente no Entroido. Era un tempo no que a xuventude do pobo aproveitaba esas datas de troula para dar renda solta ao seu enxeño e divertirse cos amigos.

Houbo un ano no que os da cuadrilla tiveron que ir a falar co pai de Tucho porque ao ser aínda menor de idade tiña que darlle un permiso por escrito para ir con eles a cantar. O gran Chani de “Os de Sempre” era un deses mozos e recorda con cariño aquela anécdota porque “o pai de Tucho era moi listo… ao final deixouno vir pero, tivemos que limparlle a fondo o barco”.

Anos máis tarde, o 8 de febreiro de 1991, Benigno de La Torre entrevistaba a Tucho para o Faro de Vigo xa como letrista e cabeza visible da comparsa “Os de Sempre coa seguinte introdución:

As comparsas son, sen dúbida, os verdadeiros animadores do Entroido no Morrazo. Os de Sempre son os primeiros da democracia. Liderados por Tucho Perete, ex alcalde que chegou a escribir letras en contra da súa xestión. En 1976 recuperaron o Enterro do Momo e Tucho aínda lembra bágoas dos máis anciáns, que revivían outros tempos.

Formación da comparsa “Os de Sempre” no ano 1991. Tucho aparece abaixo a esquerda coa súa guitarra.

No artigo recollíanse anécdotas ben curiosas, como cando Tucho tivo que escribir letras que ían na contra da súa propia xestión como alcalde, pero tiñan ao longo dos anos houbo moitísimas máis. Nunha ocasión os da comparsa foron a actuar no festival organizado polo Bueu Atlético Balonmán disfrazados de Gardas Civís e logo adicáronse a dirixir o tráfico confundindo aos condutores ata que foron descubertos e tiveron que escapar da Policía Local.

No ano 1986 uns amigos do Hío propuxéronlle montar unha coral e a partir de ese momento Tucho participa e impulsa varios proxectos no ámbito musical

Ao longo da súa traxectoria, Tucho tivera a oportunidade de formar parte do Coro da Catedral de Santiago e gozara moito coa experiencia. Por isto, cando uns amigos propuxéronlle formar unha coral na parroquia do Hío, non tivo moito que pensar. Para afrontar o reto da mellor maneira fixo varios cursos de música coral e técnica vocal e converteuse no primeiro director daquel coro que nacería ese mesmo ano baixo o nome de “Queixumes do Hío”.

Esta non sería a única experiencia de Tucho na música coral, xa que durante moitos anos dirixiu tamén a Coral Santiago Apóstol e o tradicional Coral San Xosé.

Actuación do Coro San Xosé na Praza do Arco. Fotografía de Gonzalo Martínez.

Durante moitos anos Tucho Perete estivo a fronte da Coral San Xosé, un coro con moita tradición en Cangas que cada noite do 19 de marzo coincidindo co día de San Xosé percorre as rúas homenaxeando cunha serenata aos Pepes, Pepas …

O Coral San Xosé é unha tradición que se remonta a 1934 e fora recuperada, tras o paréntese da ditadura, polo Mestre Eugenio Carballo e Xesús González “Felecho” ao que sucedería Tucho exercendo como director ata o fin dos seus días.

TUCHO PERETE
Un dos ensaios do Coro San Xosé (1991).

En palabras de Tucho, “o Coro San Xosé é un coro atípico formado por xente que canta noutras corais e por persoas que sen ter cantado nunca a ese nivel teñen algo especial na súa voz”. Tucho daba fe de que en Cangas hai moi boas voces, de feito dicía que “os cangueses e canguesas teñen en xeral moi bo oído musical“.

Nunha entrevista que lle fixeron no 2015 dentro do proxecto ABCD (Arquivo Biblioteca Canguesa Dixital), contaba que varios dos seus compoñentes, tanto daquela etapa como das anteriores, debido ao amor que lle tiñan a esta bonita tradición, estaban recibindo clases de solfeo no conservatorio o que elevaba o nivel do coro.

Fotografía publicada no Faro de Vigo correspondente a unha das últimas ocasións na que Tucho dirixiu o Coro San Xosé na praza do Arco.

Aínda que a actuación se realizaba cada 19 de marzo, os membros do coro comezaban a ensaiar no mes de outubro do ano anterior. Preparaban catro temas diferentes para cada ocasión cos que se recorrían varios dos estilos musicais máis coñecidos polas xentes de Cangas e iso requiría de moito traballo e ensaio.

De feito, Tucho dicía queas partituras son moi elaboradas porque hai que pensar que sempre cantamos como mínimo a catro voces, cando non a cinco ou a seis, e costa moito traballo, pero é moi fermoso ver o resultado final. A parte de orquestra, o que é facer os arranxos para flautas, violíns ou chelos, etc tamén é moi laboriosa, pero é unha cousa marabillosa cando resulta”.

O Coro San Xosé ademais de ser unha tradición popular que non se podía perder, sempre foi para Tucho algo moi importante, unha agradable experiencia que cada ano repetía e que acababa sendo un regalo que elaboraba cos membros da coral e que logo entregaba aos seus veciños.

Por isto tras a súa morte foi o seu propio fillo Pablo quen colleu o relevo na dirección contando coa axuda de Moncho Fernández e a súa dona Susana, ambos cunha extensa formación e experiencia no ámbito musical. Como curiosidade hai que comentar que decidiron que de momento, como homenaxe ao gran Tucho, o Coro non vai a preparar temas novos, senón que cada ano van a levar un repertorio con catro temas doutros anos que foron arranxados no seu momento por el.

Tucho Perete recibiu o Premio Xohan de Cangas no 2013 pola súa traxectoria e traballo no ámbito cultural e musical

Moita xente recordará precisamente a Tucho por que cada 19 de Marzo, coincidindo coa festividade de San Xosé, se poñía diante do pobo de Cangas a fronte do Coro das Pepas e os Pepes e percorría as rúas da vila co seu coro de voces afinadas homenaxeando cunha serenata aos Xosés, Xosefas, Pepes, etc. Pero as aportacións de Tucho a nosa cultural local foron moito máis importantes.

Ademais de participar na creación de diferentes grupos musicais e corais, ao longo da súa vida Tucho impartiu clases de guitarra tanto privadas como en diferentes escolas e institutos da vila. Polas súas mans pasaron moitos mozos e mozas que ademais de aprender a tocar un instrumento compartiron con el as súas inquedanzas musicais.

Por todo isto, ademais de contar con recoñecemento persoal e cultural dos seus veciños, Tucho foi galardoado co Premio Xohan de Cangas no ano 2013. Posteriormente tamén foi distinguido “Membro de honra de Amigos da Mangallona” constando nese conxunto museístico un retrato seu realizado por Camilo Caamaño Xestido.

Tras enfrontarse de xeito exemplar a unha longa enfermidade, Tucho deixou este mundo o 13 de maio de 2019

Coincidindo co falecemento de Tucho, o Faro de Vigo titulaba “Cangas dice adiós a su voz”, a voz dunha persoa que afrontou a súa enfermidade con valentía e a quen é de recibo recordar pola súa xenerosidade, a súa influencia positiva na vida de moita xente e pola súa calidade humana e tamén recoñecerlle o gran labor que durante moitos anos este gran amante da música realizou na súa benquerida Cangas.

Queremos agradecer a colaboración e facilidades que nos deron tanto Pablo como Ana para a elaboración deste artigo e tamén a colaboración de a Chani de “Os de Sempre” e de Moncho Fernández, co que tivemos oportunidade de compartir café na de “Rolindes” (Cafetería Alameda na praza do Arco), na mesma mesa onde Tucho tomaba café e facía o encrucillado do xornal cada día.

Óscar Rodríguez Martínez
Presidente A Illa dos Ratos en | + artigos

Socio fundador de A Illa dos Ratos.

4 comentarios

  1. Suso Caramuxo, historia viva de Cangas (IV) » A Illa dos Ratos

    […] entre la niebla el muelle de Cangas y al bajar del barco fueron recibidos por el Tucho «Perete» que hacía de alcalde accidental debido a que  Pepe «Chimé» estaba de viaje, y también por […]

  2. Suso Caramuxo, historia viva de Cangas (IV) » A Illa dos Ratos

    […] o peirao grande de Cangas entre a néboa e cando baixaron do barco foron recibidos por Tucho “Perete” que exercía como alcalde accidental debido a que Pepe “Chimé” estaba de viaxe, e […]

  3. Jose Chapela González, "Pepe Chimé", primeiro alcalde da democracia en Cangas » A Illa dos Ratos

    […] máis operativas, quen levaba a xestión do día a día sobre o terreo era o tenente de alcalde Tucho Perete, o seu compañeiro inseparable e man dereita, pero cando había pleno, que se celebraba os xoves, […]

  4. Alberto Paz Broullon

    Moi no artículo .
    Meus Parabens…

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.