COÑECENDO ASPECTOS DA TOPONIMIA URBANA DE CANGAS
Texto elaborado por Xerardo Dasairas Balsa, mestre xubilado e cunha dilatada traxectoria como investigador en diversos ámbitos.

O topónimo Berbetaña/Barbetaña podería relacionarse coas cordas usadas no prensado da sardiña nas fábricas de salga
Da praza de Síngulis parte a rúa chamada da Berbetaña da que ningún documento nos da pistas sobre a orixe do seu nome pero que xunto cos lugares das Rodas e dos Cíngulos volve a remitirnos á cordoaría de antano.

Porén, nun inventario dunha fábrica de salga de Beluso de comezos do século XIX, figuran “trece barbetas de mortos de primeira calidade e vintecinco xa usadas”. Estas barbetas non eran máis que unhas cordas especiais que se usaban nos espazos chamados mortos onde se realizaba o prensado da sardiña nas fábricas de salga.
É palabra catalana que literalmente significa “anaco de corda que serve para unir de lado dúas cabezas paralelas que traballan en sentidos opostos“. Bastante valor debían ter, ao figurar no inventario, incluso as xa usadas, como neste caso.
Isto lévanos a pensar se a Barbetaña era onde se fabricaban estas cordas tan estimadas, descartando que aquí houbese unha especie de trincheira ou barbeta na terminoloxía militar de artillería.

E para rematar con este conxunto de términos antigos pero moi específicos da filástica e do meollar, temos a rúa dos Píos, recipientes que servían para o encascado dos produtos fabricados alí cerca (na rúa E. Sequeiros apareceron outros) e non de salga como se apuntou pois este sistema aínda non se practicaba nas datas ás que nos referimos.
Dentro da toponimia urbana de Cangas podería ter existido unha rúa da Cordearía ou soguería
Aínda que temos lido sobre a existencia dunha rúa da Cordolería na subida de Síngulis, pouco podemos acreditar sobre a súa existencia de facto. Segundo os documentos, o oficio de cordeleiro, cordeeiro ou córdeiro non se prodiga moito en Cangas pero si aparece como un vello labor, pois cando se está a erguer a nova igrexa cara o 1496 xa actúa como representante dos veciños do novo porto, o cordeeiro Juan de Fontefría que tamén exercía como alcalde da Irmandade.
Ata 1542 non volvemos atopar outro cordeeiro e no 1752 xa era un oficio case exclusivo de mulleres pois eran seis as cordeeiras de cánabo rexistradas na vila: Josepha Rodal, Dominga Fariña, Juana Fariña, Lorenza do Bal, Rosa Vilariño e Vicenta Carballo.
Aínda que en Cangas parece un oficio exclusivo de mulleres, no mesmo ano localizamos tamén dous cordeeiros traballando en Cela, Pedro Pousío e Pedro Formoso e hai noticias doutros en Bueu e noutros portos, acreditándose este labor, a tempo parcial, ata os primeiros anos do século XX.
Nun informe de 1834 sobre a utilidade do liño na provincia de Pontevedra anótase o seu uso non só na confección de lencería senón o seu gran consumo na industria da pesca en forma de cordas, velames e redes.
Nun apartado, anota que xa chega moito fiado de Cataluña pero que en Redondela e Cangas elabóranse co liño moitas redes para o xeito. A pesar disto, en Cangas xa só se rexistra un cordeeiro en 1860, oficio que vai desaparecer cara o 1865, constatándose xa desde uns anos antes, o labor de atadeira de redes, oficio e beneficio que declaran só catro mulleres na vila nesta data.

A chegada das máquinas a vapor e a instalación de fábricas de redes como a Cordelería Ibérica de Toralla, fundada no ano en 1884 polos cataláns Mirambell, Ferrer e Fontenills, e logo a de Alejandro Castilla Castaño en 1891 en Samertolameu de Meira, irían facendo obsoleto o oficio de cordeeiro.
O incendio que arrasaría a fábrica de Toralla dous anos despois de abrir (1886) facilitaría que na parroquia moañesa se chegasen a concentrar logo, ata unha decena de novas industrias familiares de fiado.

Estas pequenas fábricas eran coñecidas popularmente como “carreiras” en alusión aos dispositivos de trenzado que en conxunto formaban o denominado Carro. Mentres, en Bueu, subsistirían como cordeeiros (1883-1900) Benito Fernández e José Leal aos que substituiría ata 1905 Benito Gómez.
Sobre os anos vinte do século XX, as carreiras de Moaña xa tiñan duplicado a produción, chegando a empregar a máis dun milleiro de mulleres que coa chegada da II República se habían organizar no sindicato “La Defensora”.

Xa que logo, as antigas materias primas como o cánabo, o liño e o xunco serían substituídos polo esparto, o sisal, o iute, a rafia… que na súa evolución a través do algodón tamén pronto lle abrirían camiño ás novas febras sintéticas como o nailon, polietileno…
Hoxe, aínda subsisten varias cordoarías en Moaña, herdeiras do que foi unha grande industria nas décadas dos anos trinta e corenta do século XX e algunha en Cangas cunha produción moi por debaixo do que era hai anos.
O cordeeiro como vello oficio detectámolo aínda en Cangas ata 1869 e en Cela ata 1873, sendo Marín e Bueu onde máis aguantaría este oficio, dándolle logo paso ás atadeiras ou redeiras.
Entre 1883 e 1886 temos a Benito Fernández e José Leal exercendo este oficio en Bueu e na Ramorta, perviviría ata os anos trinta do pasado século, Salvador Gómez “O Cordieiro” cuxa roda é a que aparece na foto desa época.
Sobre a escasa difusión que semella ter este oficio, cabe dicir que en Galicia, calquera home ou muller, tiñan coñecementos abondo para fabricar as redes, cabos, sedeños, adivais, cordas ou sogas que precisasen para o seu autoconsumo, sendo mesmo que os excedentes adoitaban venderse nas feiras.
Tamén temos unha rúa chamada Retrama que se quere relacionar coa elaboración de redes pola súa proximidade á Ribeira, tendo existido tamén outra Retrama no barrio do Costal. Aínda que, a veces, tamén aparece grafada como Retama (en galego xesta) coidamos que é un erro pois incluso xa existía unha rúa denominada A Xesteira.
Incluso poderiamos considerar como alusivo á actividade téxtil a chamada rúa Faixa, nome que se repite noutras poboacións e que como neste caso, coidamos que se refire mellor á estreiteza do terreo e non a un produto tecido por moito que saibamos que en Medellín (Colombia) teñen unha rúa dos Calzoncillos, cremos que única no mundo.
Estas faixas, como a de Vigo, son rúas que quedaron estreitas por se ter levantado nunha das súas beiras un muro ou muralla que nun momento determinado se derrubou para construír casas nese lado e permitir a continuidade ou prolongación da rúa que explicaría o topónimo rúa do Derribo.
A rúa da Faixa xa aparece documentada nos mediados do século XVIII mentres que a do Derribo non aparece con este nome ata 1918, data arredor da que se debeu efectuar tal demolición.
Outro topónimo que despertou curiosidade foi o de Pentes que aparece como apelido en varios dos damnificados do asalto turco e que nalgúns textos levou a identificar a estes veciños como procedentes do pobo do mesmo nome no concello da Gudiña en Ourense o que naquela época sería extraordinario pola lonxanía e escasa entidade desta poboación. Con máis sentido cabe pensar que fosen de Pentés (antigamente grafado Pentenes) hoxe Pinténs no Hío cuxa etimoloxía se descoñece a non ser que veña dun antropónimo Pentius.
Consultados sobre o topónimo A Rúa, onde actualmente se localiza o colexio deste nome e unhas dependencias do Concello denominadas Granxa da Rúa, cabe dicir que proveñen do apelido De la Rúa, señores do Pazo de Santa Cruz que posuían esta e outra granxa, ademais do pazo da Retirosa e outros beneficios e terras na parroquia de Coiro.
Tamén na desembocadura do rio do Señal (Bouzós) aparecen topónimos que nos retrotraen (1906) a antigas actividades mariñeiras nesta zona como Porto Meca e agrícolas como Muíño de Porto Meca, Muíño Vello e Muíño do Cruceiro dos que (pode ser o mesmo muíño con estes nomes) apenas temos referencias.
A rúa da Noria alude a un artiluxio de roda vertical que movido pola corrente servía para sacar auga, seguramente destinada ao rego das fincas da zona.
Xerardo Dasairas Balsa
Diplomado en Filoloxía por Maxisterio, exerceu como mestre en Cangas do Morrazo. Dende 1978 ven colaborando en prensa e revistas de Galicia con artigos referentes a etnografía, historia, arqueoloxía, patrimonio, pedagoxía e socioloxía.
-
Xerardo Dasairas Balsa#molongui-disabled-link20/05/2024
Deixa a túa resposta