NOVAS CALAS DE TOPONIMIA URBANA DE CANGAS
Texto elaborado por Xerardo Dasairas Balsa, mestre xubilado e cunha dilatada traxectoria como investigador en diversos ámbitos.

A toponimia ten en Galicia unha importancia relevante pois cóntanse por miles as denominacións dos lugares debido ao minifundismo territorial. No caso dos topónimos maiores, aínda que se detectan erros subsanables, o asunto normativo está bastante resolto.
Non acontece o mesmo coa microtoponimia e con algúns nomes de rueiros urbanos ou urbanizados cuxa procedencia resulta difícil de elucidar por falta de referencias e documentación.
Desde este punto de vista, logo do comentado no primeiro artigo adicado a toponimia urbana de Cangas, neste imos reparar nalgúns nomes de vías e lugares xa desaparecidos como o Socamiño en Cimadevila, o sendeiro da Laxe Grande en Liméns e outros cuxo nome xa demandaron a nosa atención desde hai tempo. Entre estes, xa falamos do Xogo da Bóla (Darbo, Nerga, Herbello…) que igual que noutras partes, alude ao lugar onde se practicaba o xogo popular dos Bolos ou o das Bochas, logo reimportado de Francia como Petanca (Pétanque). O camiño da Cachiza tamén en Vilanova é un bo exemplo de onde se practicaban antigos xogos populares autóctonos.
Os Galos, un clásico na toponimia urbana das vilas do Morrazo
Abordamos este topónimo, tirando máis do descarte que da aclaración, pois a falla de referencias fainos mover nun terreo máis especulativo. Nos catastros estatísticos dos séculos XVIII e XIX aparecen diversos topónimos dos que hoxe a penas nos quedan referencias ou mudaron por outros.
Un deles é a chamada Torre do Galo cuxo nome aínda aparece hoxe na rúa semiescalonada que sobe cara a praza do Costal onde posiblemente se localizaba.
Algunhas referencias aluden a que o baixo ou anexos desta torre foron utilizados como cárcere durante algún tempo, mais case todas as edificacións que coñecemos con ese apelativo do Galo aluden a pináculos e cataventos que coroan torres e cúpulas de igrexas.
A colocación dun galo nestes lugares ten orixe na disposición do papa Nicolás I para simbolizar, non só a triple negación de San Pedro, senón tamén a “vixilancia” da igrexa sobre os fregueses. Entre estes galos destacan algúns moi famosos como o da catedral vella de Salamanca, o de San Isidoro de León, na abadía de Cluny, na catedral de Westminster e noutras moitas igrexas.

Na catedral de Oeringhen en Alemaña consérvase un manuscrito do século XII que nos ilustra sobre o significado relixioso do galo, símbolo de San Pedro:
“De Deus é o galo digna criatura / e el é do presbítero típica figura / sobre o templo o galo, / contra o vento erguido / alza a cabeza e está prevido / así o sacerdote, cando o demo veña / pola súa grea pelexe e ao dragón deteña”.
A relación do galo con Xesucristo tamén se recolle nalgúns textos e cantigas: …naceu o Meniño cando o galo cantaba…
Mais, despois de toda esta disquisición pouco aclaratoria e por novas pistas, chegamos á conclusión de que a nosa Torre do Galo debeu ser unha atalaia ou torre que formaba parte da residencia do señor medieval de Cangas Monio Varela Fernández.
A misión desta torre sería a de observatorio portuario no alto do Costal, de vixilancia e alarma, conectada daquela visualmente co Castelo de Aravo do que Varela era o tenencieiro. O apelativo do Galo aludiría neste caso ao sentinela permanente que daba os avisos ou alarmas transmitidas desde o Castelo ou cara o mesmo.
Outro galo no nomenclátor do rueiro cangués é o de Fonte do Galo en clara alusión á existencia dun manancial no Campo do Galo de propiedade da igrexa do que se serviu durante un tempo a crecente poboación do novo barrio do Señal. Este manancial, mediante unha condución, abastecería a nova fonte que logo se ergueu na Praza Nova ou do Señal en 1885.
Polo seu carácter de manancial particular, a chamada fonte do Galo non chegaría a contar cunha estrutura que mostrase un galo esculpido ou pintado como acontece na dos Galos en Bueu ou a que había na desaparecida praia do Areal de Vigo, usada como augadoiro polos barcos e que estaba coroada cun galo que lle daba nome.

Outro galo que se fixo moi coñecido en Cangas ultimamente é o que lle foi incorporado pola agrupación de San Pedro, ao paso que sae en Semana Santa o venres de mañanciña e que cacarexa ao turrarlle do rabo.
“Campo das Rodas”, exemplo de toponimia urbana de Cangas
O Campo das Rodas é un interesante topónimo do que xa falamos noutras ocasións e atopábase á esquerda do inicio do Camiño Vello de Darbo, nunha zona que semellaba estar dedicada exclusivamente aos labores de soguería ou cordoaría tan necesaria nas artes de pesca e no manexo dos barcos a vela.
Preto da praza do Sinal, localizaríase despois outro espazo co mesmo nome, o que é lóxico tendo en conta que a actividade mariñeira foise desprazando cara a praia da Ribeira do mesmo nome.
Tamén hai lugares no interior galego que se chaman Campo de Rodas pero estes aluden aos terreiros nos que os cabaleiros de San Xoán (Rhodas) adoitaban realizar os seus exercicios de guerra.
Porén, o noso Campo das Rodas e coidamos que tamén a praia de Rodas (das rodas) nas Cíes, quizais a da Rodeira (?) e xa sen dúbida, as Rodas no campo de San Domingos en Pontevedra, aluden aos artiluxios que se utilizaban na confección de todo tipo de cordas con liño, cánabo e outras febras téxtiles que logo conformaban as artes de pesca denominadas cairas (corda moi longa do cerco real), cordas, espiñeis ou as betas que cada mariñeiro aportaba como quiñón aos cercos e sacadas.
Consta que neste entorno do Costal e do Campo das Rodas aínda se cultivaba o cánabo nos comezos do século XVII, período no que se inicia o declive dos cercos reais.

As rodas a que aludimos foron, para maior ilustración, o precedente das “carreiras” (as que manexan o Carro) industriais que florecerían en Moaña desde finais do século XIX.
O topónimo Síngulis podería ter relación co termo cíngulo
Preto deste lugar das Rodas, estaba a praza de Síngulis que se quixo traducir como un signulis derivado de signo en base a que o cruceiro así denominado (chamado en realidade da Virxe do Amparo) se considerase un sinal dos límites da vila de Cangas e incluso temos lido, sen nada que o documente, que era onde a Inquisición local encausaba á bruxas (?).
O cruceiro, moi posterior no tempo á delimitación da parroquia, segregada de Darbo e ao tempo das “bruxas”, sitúase no comezo do Camiño Vello a Darbo e recibe esta denominación por proximidade á contigua e verdadeira praza de Síngulis. O caso é que esta designación atopámola en documentos de 1695 xa grafado como síngulos e tamén zíngalos en referencia esta última forma a uns cintos que se usaban en determinadas cerimonias.
Outras veces, aparece reproducido como Singles e Singulis e que, por proximidade lingüística e corrixido o seseo, nos volve remitir aos cíngulos ou cintos que, cinguidos polo peito ou pola cintura no caso das mulleres, se usaban para turrar das redes desde a praia.

No peche destes cintos enganchábase o carallete ou chicote dunha braza de longo que se ataba á rede. Xa que logo, podemos intuír que Síngulis (a praza, non o cruceiro) fose o lugar onde se situase algún obradoiro no que se confeccionaban estes cintos ao igual que outros elementos relacionados coa pesca e industria do mar como veremos.

Xerardo Dasairas Balsa
Diplomado en Filoloxía por Maxisterio, exerceu como mestre en Cangas do Morrazo. Dende 1978 ven colaborando en prensa e revistas de Galicia con artigos referentes a etnografía, historia, arqueoloxía, patrimonio, pedagoxía e socioloxía.
-
Xerardo Dasairas Balsa#molongui-disabled-link20/05/2024
Un comentario
Toponimia urbana de Cangas (I) » A Illa dos Ratos
[…] casco histórico de Cangas na actualidade. SEGUINTE CAPÍTULO RUTA "RÚAS CON […]