APUNTES SOBRE A TOPONIMIA URBANA DE CANGAS

Texto elaborado por Xerardo Dasairas Balsa, mestre xubilado e cunha dilatada traxectoria como investigador en diversos ámbitos.

No ano 2006, a través dunha empresa privada, tentouse a nova rotulación de preto de 500 rúas e camiños e a colocación de 30.000 números de portal cun investimento de 28.000 euros. Ao fin, o proxecto ficaría só niso e o único que se aprobaría sería a homoxeneización das placas.

En 2013 solicitaríase que se retomase o proxecto de cara a resolver demandas de reparto postal e de paquetería, confusións na relación coas administracións públicas e entes privados e cos navegadores dos vehículos ou dos teléfonos móbiles que conducen a erros e percances.

A cuestión da numeración é máis complexa e na mesma deben contemplarse os baleiros existentes nunha prospectiva de futuro só aproximada polo PXOM. Porén, non pretendemos  incidir nunha cuestión que non nos compete, senón abordar a parte didáctica que se pode tirar do estudo do rueiro local.

E é que non son exclusivamente os foráneos quen preguntan as veces polo significado ou orixe dos nomes do rueiro cangués, senón que son tamén moitos os veciños e colectivos do propio concello quen demandan, por interese real ou por simple curiosidade, datos sobre esta cuestión.

Para abordar a toponimia urbana de Cangas é necesario remontarnos as súas primeiras referencias históricas

Aínda que coidamos que xa está bastante divulgado, volveremos a remontarnos a 1451 (s. XV) cando se cita ao primeiro morador no lugar de Cangas que como dicía un cronista da época “fue fundada por los propios de la tierra”.

Ao diminuíren os ataques polo mar xa se consolida como un pequeno núcleo mariñeiro que dezasete anos despois se desenvolvería como porto de entrada e control para rendibilizar as abondosas capturas de congro (de aí a Congorza<Congroça), polbo e pixotas que citan os documentos.

Arredor deste núcleo portuario e no promontorio rochoso do Costal e o Outeiro, iría crecendo a poboación que se comunicaba coa igrexa matriz de Darbo polo Camiño Vello. Logo, a poboación iría estendéndose cara o barrio do Peñón ou do Outeiro, ocupando aínda as partes elevadas por seguridade e que máis tarde, ao diminuiren os ataques marítimos, xa avanzaría cara a beiramar.

Coa edificación da Colexiata non só se crearía a arteria principal denominada Calzada por ser a única enlousada, e chamada despois rúa Real, senón que a localización da Colexiata impulsaría o crecemento cara o leste, orixinando os barrios da Ribeira e do Señal, aludindo este ao sinal de término (hoxe escultura da serea) coa parroquia de Coiro e ao tramo de río na desembocadura do Bouzós.

TOPONIMIA URBANA DE CANGAS
Pedras do Señal que acollen a escultura “O Galeón” de Manuel Coia dende o 1º de maio de 2001.

A toponimia antiga de Cangas estaría relacionada coa vida e día a día dos seus habitantes e coas súas ocupacións

A primeira toponimia garda relación co carácter rural e mariñeiro dos primeiros moradores con zoónimos como Campo do Boi, Campo do Galo, Campo do Asno morto, Costa de Égoas…, predominando fitónimos como Fiuncheira, Loureiros, Lirio (peixe), Piñeiro, Álamos, Palma ou As Cernadas en referencia a unha tala de árbores. Tamén existía o nome de Piñeiro e agora hai unha rúa en Rodeira chamada Os Pinos que debería chamarse como a anterior pois pino en galego é empinado.

Tamén hai cosmotopónimos como Oriente, Aurora, Lúa, Sol ou Estrela (Alcalá Zamora na República) e as tres fontes antigas, Garrida, Ferreira (antes rúa da Carnicería=matadoiro/macelo) e a do Galo, para o abastecemento de cada barrio histórico.

Relacionadas coa auga, había rúas cos nomes de Rio Adega ou de Lavandeira (actual rúa Moaña) e Culler, topónimo vinculado a fontes como unha situada en Herbello ou ao mesmo nome de Culleredo.

Relativos ao exercicio de determinadas faenas relacionadas co mar temos o desaparecido Campo das Rodas, Síngulis, Berbetaña, Píos, Retrama do Costal, Retrama do Señal ou Xeiteira que incomprensiblemente se converteu en Gesteira

En alusión aos alfares ou a depósitos de arxila temos os Barreiros e o Rapadouro en referencia a este labor de cortarlle o pelo aos animais. A ocupación do fronte marítimo iría dando lugar a nomes como Ribeira, Mariña, Areal, Muelle… e os edificios ou lugares de certo interese en cada época definirían tamén a designación de rúas: Hospital, Cárcere, Malatería, da Torre (do Galo), do Adro, Fonte Nova, praza do Arco…

TOPONIMIA URBANA DE CANGAS

A toponimia urbana de Cangas tampouco é allea a relixión nin a algúns feitos históricos como a defensa da vila de Cangas ante o ataque turco berberisco de 1617 e as súas consecuencias

E nunha vila de creación arcebispal tampouco podían faltar os vías con nomes de santos como a advocación parroquial de Santiago, San Francisco, San Xosé (antes Os Barreiros) ou San Xoán que contan tamén con rúa ou praza, supoñemos que por devoción. Entre estas destacamos a de Santa Baia (Olalla, Santalla), unha advocación que non resulta estraña en Cangas pois esta mártir, ademais de torturada, é avogada dos endiañados e dos exorcismos que nos lembran ás “bruxas” locais.

Algunhas destas, desde épocas máis modernas, tamén fan lembranza no rueiro aos nomes de María Soliño, Catalina de la Iglesia ou Elvira Martínez e a de Heroes de 1617 (mellor vítimas) en memoria do coñecido asalto dos turcos. Os nomes dos lugares como Xogo da Bóla, Campo da Festa, A Feira… deixan ben claro o seu significado lúdico e utilitario.

E a formación de novas vías resolvíase daquela de xeito ben sinxelo: Rúa Nova, Rúa que vai ao mar, Rúa que cruza o Señal… Con respecto a este nome que alude ao sinal de término con Coiro, foi inicialmente un espazo aberto no que se levantaría o forte, faríase mercado e tamén traballos de cordelería e redería. A praza deste nome xorde ao se urbanizar este tramo e chamouse primeiro da Fonte Nova, logo de Afonso XIII, logo praza da Liberdade na República e finalmente praza do Señal.

Durante a ditadura de Primo de Rivera (1923-1930) a praza do Costal foi denominada Xeneral Martínez Anido e a de Síngulis, Primo de Rivera que logo foron Pi y Margall e Nicolás Salmerón durante a República. A actual rúa de Síngulis foi nestas datas adicada a Álvaro Guitián.

De orixe descoñecido, aínda que previsible, son os nomes de rúas con referencia a obras como O Derribo que pola súa situación, supoñemos que permitiría a expansión do barrio do Outeiro alá cara aos comezos do século XX pois antes non se recolle.

TOPONIMIA URBANA DE CANGAS
Perspectiva actual dos barrios do Outeiro e o Costal.

As rúas Faixa e Cega aluden a características evidentes destas: unha estreita e a outra sen saída. E máis modernos aínda son os nomes de Arco ou Atranco, referido este ao corte do vial polo paso do rio, ou o recheo de Ojea, apelido do artífice desta obra a comezos do século XX.

A rúa Progreso alude á expansión de Cangas cara o mar polos recheos de comezos do século XX, quedando hoxe aínda no lugar, a praza do Progreso. Temos tamén a do Fomento (antes Piñeiro) que alude ás instalacións de salga e conservas, propiciadas polos fomentadores que era como se lles chamou aos cataláns que as instalaron desde mediados do XVIII.

O nome de Progreso foi moi utilizado en vilas e cidades de Galicia conformando case sempre vias e prazas de expansión urbana que logo recibiron nomes de reis ou políticos importantes de cada época. Xa de tempos máis recentes son as rúas dedicadas a cidades e pobos como Buenos Aires, Ourense, Vigo, Gondomar,… a personaxes históricos como Colón, Xelmírez (Darbo), Cervantes, Concepción Arenal… ou a escritores galegos recoñecidos como Xoán de Cangas, Rosalía de Castro, Eduardo Pondal, Curros Enríquez, Celso Emilio Ferreiro…

No referente a personaxes públicos, relacionados co poder ou a política, destacaríamos a Rúa de Romay que debía o seu nome a Juan de Romay Abreu fidalgo do pazo de Entrambosrios ou do Sistro, que foi capitán e rexedor de Cangas nos comezos do século XVII. Esta rúa, a máis antiga dedicada a un personaxe, mudaría incomprensiblemente de denominación no franquismo, cambiándoa pola do menos coñecido enxeñeiro Garelly.

Neste mesmo apartado incluiríamos a rúa chamada hoxe Paseo de Castelao que primeiro foi denominada do Areal e logo Capitán Galán (República) e José Antonio, este último no Franquismo. A actual rúa Pablo Iglesias era antigamente a rúa do Hío e a que actualmente leva este nome xa fora denominada antes Afonso XII, capitán García Hernández durante a República, e no franquismo Calvo Sotelo. O actual paseo de Castelao substituiría á chamada avenida de José Antonio coa primeira corporación democrática.

Un bo exemplo de recuperación toponímica son os grafados como Camiño do Rabo da Pixota, Cantalarrana, Freixo, Pedra Choca, Lagoa, Longán, Aldea de Arriba… O sinalado como das Andias semella referirse en primeira instancia a unhas angarellas ou padiolas e por certa lóxica, ao seu uso para un posible traslado dos defuntos ao cemiterio ou dalgunha imaxe desde ese punto onde houbo unha capela a Nª. Srª. da Concepción.

Con todo, cremos que é un topónimo antigo modificado que alude ao antigo casal medieval documentado como Villantes = Villa Andes. Próxima a este lugar, estaba a carballeira de Ximeu (antropónimo Ximeno) onde se ubicou a comezos do século XX a Feira de gando e produtos do campo e se facían os mitins do 1º de Maio.

TOPONIMIA URBANA DE CANGAS
O casco histórico de Cangas na actualidade.
Xerardo Dasairas Balsa
+ artigos

Diplomado en Filoloxía por Maxisterio, exerceu como mestre en Cangas do Morrazo. Dende 1978 ven colaborando en prensa e revistas de Galicia con artigos referentes a etnografía, historia, arqueoloxía, patrimonio, pedagoxía e socioloxía.

Un comentario

  1. Toponimia urbana de Cangas (II) » A Illa dos Ratos

    […] este punto de vista, logo do comentado no primeiro artigo adicado a toponimia urbana de Cangas, neste imos reparar nalgúns nomes de viais e lugares xa […]

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.