NOMES DA COSTA DE CANGAS DENDE O CORVEIRO ATA ALDÁN
Texto elaborado por Xerardo Dasairas Balsa, mestre xubilado e cunha dilatada traxectoria como investigador en diversos ámbitos.

A talasonimia de Cangas dende Punta Corveiro a Cabo do Home

Ao pasarmos da punta Corveiro temos as rochas Fabián e Corveiro da Masa por estar este preto da Cala da Masa (Maza?). Despois desta chegamos á Punta da Igrexiña dos Mouros, chamada así pola existencia dun castro galaico, estragado pola extracción de pedra para o porto de Vigo.
A continuación vén o Con de Nerga, pedra sobresaínte fronte a praia deste nome que provén dunha Villa Nérica romana. Logo temos a Punta e Con da Muxileira que non sabemos que quere dicir a non ser que emita muxidos e que por referencias cábelle mellor Mexiloeira como acontece noutras partes.
A Punta Promontoiro e un saínte de terra aínda que non elevado como indica o nome e preto del están o Ballote do Medio e o Ballote do Mar, este cara o Costado de Barra e que como dixemos son rochas con forma de bolo. A Enseada e Praia da Barra reciben este nome pola gran barra de area que se formaba aquí.
O cantil ao oeste chámase Costado de Barra e no mesmo localízase O Almacén, antiga fábrica de salga en ruínas. En 1896 esta salgadeira estaba en activo e contaba cun pequeno peirao e pescante ao que se podía atracar para facer aguada nunha fonte con cano que había preto de alí.
Logo temos o Cabo Pequeno e a Punta Fociño (Fusiño), que aluden ao seu tamaño e forma, e a seguir vén Punta Subrido, nome alusivo ao ruxir do mar con temporal. Por fronte desta, está a Rocha Omear? ou mellor do mear, que co vento emite un son semellante ao das ovellas.
Pasamos pola Praia de Melide e por fronte da rocha do Cabezo de Melide no mar, chegando a Punta Robaleira de fácil transcrición. Por fronte desta están as tres rochas dos Capeludos (con forma de carapuchos) e a Laxe da Robaleira. A costa vai seguir agora en elevado cantil polo Costal da Robaleira ata chegarmos a Cabo do Home tendo no mar enfronte a rocha chamada A Redonda.
A talasonimia de Cangas entre Cabo Home e Punta Couso

Este tramo, tamén elevado e cantileiro denomínase Costa da Soavela por situarse na mesma a garita principal do Facho ou Punxeiro e outros puntos de aviso de chegada de barcos inimigos como o Cabo do Home.
Por fronte deste están as Pedras das Baleas e máis adiante o Cu do Lobo, unha das furnas que existen nesta zona, aludindo á súa escuridade e perigosidade.
A Area de Besadouriños é unha zona de areal que non consideramos derivada de vesadouro pois esta palabra ten relación co arado e quizais proceda de abesourar, axexar?
Logo segue a Punta Besadouriños ou Coruxo. Este último nome fai referencia a zona rochosa elevada da raíz prerromana Cor. Por fronte están as rochas Pinelas, o Con da Fonte e O Petón.
A seguir cara o norte temos a Furna da Pomba e o Cabezo da Praia e a continuación por fronte de Punta Vixía ou Soavela están o Leixón (pedra grande) do Facho, O Cabezo e O Camouco (rocha pelada).
Continuamos polo chamado Costado do Rio ou do Facho onde desemboca o rio do Punxeiro e orixina o nome da Punta Paredón do Rio en cuxa fronte están o Pozo Negro, a Laxe da Chousa e a Illa da Chousa, aquí co significado de rede para a pesca da sardiña.
Na zona da Chan de Outeiro atópase o Con Vizoso (produtivo) e na de Punta das Osas, as Illas Osas, quizais chamadas así polo seu tamaño ou forma, a Enseada das Cunchas e o Cabalo de Aldán, alusivo ao seu tamaño ou forma. Antes da Punta da Cruz, alusiva a un naufraxio nesta zona, está outra rocha denominada Salaíños e a seguir os Baixos da Cruz.
A talasonimia de Cangas dende Punta Couso a Bon: A Enseada de Aldán.

A área de Couso cremos que recibe este nome por quedar do lado esquerdo cando os barcos saían desta enseada a mar aberto. Así se chaman en galego os costados dos barcos, correspondéndolle ao dereito (estribor) o de Arca. Ao norte da Punta de Couso atópanse as pedras chamadas As Cabadas e ao noreste a Pedra do Arestiño (de aresta=arista?).
Xa preto da costa de Couso temos o Baixo do Poste de Couce, os Baixos de García, o Con de Fóra, o Con de Terra, os Petóns e o Baixo da Quesera, o Dado do Con e a Pedra do Ferro, estes últimos por fronte da Praia e da Furna de Couso.
En canto a este último nome, cabe que lle veña a súa designación porque nos antigos balizamentos, algúns puntos perigosos sinalábanse cun ferro chantado nas rochas.
A seguir veñen as praias do Estripeiro (arbustos) e de Rabáns e máis adiante as pedras Filgueiras case por fronte da Praia e Punta da Halada que recibe este nome de cando se recollían as redes dos cercos halándoas desde terra. Por fronte da Praia da Castiñeira están, de menor a maior distancia, a rocha do Cabezo, os illotes Mixieira (mexilloneira?) e Castiñeira, os Baixos de Arcai e Carboeiro e os Cabezos de Arcai que quizais se refiran a un nome propio (Arcadio?) ou apelido do que temos constancia de existir.
Desde a Punta do Corveiro e fronte das praias da Meán, San Xián, Laxe e Carballal temos as pedras do Corveiro, O Consiño (de Con), as Pedras Agudelas e o Con de Manuel. Entre a Punta de Pinténs e a Punta da Testada (de testa=cabeza) están a praia de Pinténs, a Punta de Ameixide e a Praia de Arnelas e no mar por fronte destas, os baixos do Coteife (capa de veludo) hoxe de Ameixide, as rochas Boutelle, o Con da Arnela e o Con da Testada.
Na praia e punta de Vilariño destaca a Pedra da Pinela e a seguir temos o Areal da Lonterira, a Punta do Con, o Porto de Aldán e por fronte da Espiñeira está o Con da Xestadela. A seguir, cara o norte, temos as puntas de Pedra Rubia, Sartaxéns, Cativa e Niño do Corvo e entre elas as praias de Areacova coa Cova da Balea, Francón e Menduiña.
Entre as puntas de Niño dos Corvos, San Martiño e Morceghos atópanse as rochas da Laxa do Aire e O Poste e máis arriba xa na zona de Bon (Bueu) están a Pedra das Chivas, o Baixo da Fanequeira e a Pedra do Lago de Bon.

Xerardo Dasairas Balsa
Diplomado en Filoloxía por Maxisterio, exerceu como mestre en Cangas do Morrazo. Dende 1978 ven colaborando en prensa e revistas de Galicia con artigos referentes a etnografía, historia, arqueoloxía, patrimonio, pedagoxía e socioloxía.
-
Xerardo Dasairas Balsa#molongui-disabled-link20/05/2024
Un comentario
Talasonimia de Cangas (I) » A Illa dos Ratos
[…] SEGUINTE CAPÍTULO […]