UNHA VIDA ADICADA Á RESTAURACIÓN DE TALLAS RELIXIOSAS E A CREAR OBRAS PICTÓRICAS QUE HOXE SE ATOPAN REPARTIDAS POR MEDIO MUNDO

Texto elaborado por Óscar Rodríguez Martínez, socio de A Illa dos Ratos, a partir de varias conversas co propio Suso “Caramuxo”, pintor e restaurador de imaxinería relixiosa e galardoado co Premio Ignacio Cerviño á Recuperación do Patrimonio 2022 que outorga anualmente o Concello de Cangas.

Ao longo dos anos, foron numerosas as obras pictóricas que xurdiron das mans de Suso Caramuxo e tamén as figuras de imaxinería relixiosa que pasaron polo seu taller para ser restauradas, moitas delas da autoría de Ignacio Cerviño.

A lista sería interminable porque ademais dos seus traballos na nosa contorna tamén estivo realizando actuacións noutros lugares como a Ribeira Sacra, Bande, Entrimo, Filgueira, Carballeda de Avia ou Castro Caldelas.

Neste artigo faremos un pequeno resumo dalgúns dos seus traballos máis importantes e trataremos de recoller tamén as anécdotas máis curiosas, ocorridas durante todos estes anos que Caramuxo leva en activo.

SUSO CARAMUXO

Moitas das tallas que existen na Ex-colexiata de Cangas pasaron nalgún momento polas mans de Suso Caramuxo

Moitas das imaxes relixiosas que están no principal templo da nosa vila, especialmente as que se empregan na Semana Santa de Cangas, pasaron nalgún momento polo taller de Suso Caramuxo.

Os populares “Carallotes” (Carnasedo e Francisquiño da ferramenta), San Luís, San Lourenzo, a Virxe de Fátima, a Virxe da Inmaculada, a Soidade ou o Cristo articulado do século XVIII que se emprega no “Paso da Piedade” son algúns exemplos, pero detrás deses excelentes traballos hai tamén moitas anécdotas dignas de ser contadas…

A ocasión na que, tras restaurar o Cristo do Consolo, deixaron dentro uns documentos con datos dos materiais empregados e das persoas implicadas

Nunha ocasión, Caramuxo colaborou con Julián Picasso, un restaurador madrileño, na restauración da imaxe e o retablo do Cristo do Consolo. Ao rematar, antes de poñer a parte traseira da imaxe, meteron no seu interior algúns documentos cos procedementos e produtos empregados para que nun futuro as persoas que teñan que volver a restaurar a imaxe dispoñan desa relevante información, así como os datos dos confrades, os párrocos e os restauradores, como xa tiñan feito con anterioridade noutras tallas.

Cando a pintura ao óleo aplicada sobre a figura de Simón Cirineo non secou ben e os devotos parecían manchados de sangue

Na Ex-colexiata de Cangas hai unha figura que representa a Simón de Cirene, tamén coñecido como “O Cirineo”, que se emprega no “Paso do Nazareno ou das tres caídas. Se trata dunha personaxe que aparece na biblia no momento no que Xesús de Nazaret vai camiño do Calvario cargando a cruz. Vendo que non podía con ela, os soldados romanos que o acompañaban decidiron escoller a algún veciño da zona para que lle axudase e elixiron entre o público a un veciño chamado Simón. 

Nunha ocasión, cando os confrades foron a preparar o paso para a procesión, atopáronse cun problema: a talla do Cirineo, que estaba gardada no faiado de José Solla, coñecido dono dun serradoiro da vila, fora cuberta cunha tela de vela mollada e ao retirarlla comprobaron que se descompuxera a pintura. 

Quedaban poucos días para a Semana Santa e había que buscar unha solución urxente, así que Caramuxo non puido negarse ao encargo do seu pai para que intentase restaurar a talla.

Contaba unicamente con 15 anos e non tiña aínda os coñecementos necesarios nin a pericia que agora atesoura pero aínda así foi a mercar pintura ao óleo e uns pinceis que lle pagou a Confraría, e púxose mans a obra, pintando a talla o mellor que puido.

A pintura ao óleo tarda moito en secar e a pesar de que xa pasaran uns días, cando os confrades foron a poñela no pedestal para sacala na procesión, comprobaron que aínda estaba húmida e manchaba. Aínda así consideraron que iso non era impedimento para que o paso saíse e aquela procesión foi recordada durante moito tempo porque cando os devotos e devotas pasaron os seus panos pola talla e logo polas súas caras como mandaba a tradición, estes quedaban manchados da pintura de xeito que algúns parecía que tiñan restos de sangue e outros que levaran un golpe e lles quedara un moratón.

A milagre que supuxo recuperar a faciana da talla de San Amaro que se atopaba moi afectada polo caruncho

Na Ex- colexiata de Cangas existe unha talla adicada a San Amaro que algunhas persoas atribúen ao Mestre Cerviño, aínda que Caramuxo mantén que podería ser anterior.

A imaxe estaba gardada e un día os membros da confraría déronse conta que tiña unha parte da cara e a barba moi afectada polo caruncho (“carcoma“) e moi alarmados polo seu estado acudiron a Caramuxo para que tratase de salvala.

Analizou o caso, aplicou os produtos axeitados e conseguiu recompoñerlle a cara. Logo volveu a pintala e a día de hoxe é unha das restauracións da que se sente máis orgulloso porque cando a talla chegou ao seu taller corría un gran risco de perderse.

Un “Paso da Borriquilla” feito cunha burra escuálida e Lenin enriba

O pai de Caramuxo, Valentín Bernárdez Broullón, do que falamos no primeiro artigo desta serie, levaba tempo tratando de conseguir unhas imaxes axeitadas para compoñer un “Paso da Borriquilla” que saíse na procesión do Domingo de Ramos, pero non atopaban nada que os convencese.

Foron incluso a Braga, pero como a súa visita ao país veciño tampouco tivo o éxito agardado, decidiron recorrer a Bladimiro Mielgo, un coñecido veciño da vila, escaiolista con vocación de artista autodidacta, para que construíse un paso provisional e logo que Caramuxo se encargase das policromías.

O Paso da Borriquilla feito por Bladimiro naceu coa intención de ser provisional, pero co paso do tempo consolidouse como parte da comitiva habitual do Domingo de Ramos.

Para facer a figura do Cristo recorreron a “Cholo”, da carpintería La Fe, que fixo o corpo articulado de madeira onde posteriormente incorporaron os pés, as mans e a cara que se encargara de facer Bladimiro.

Cando os traballos remataron e as creacións foron presentadas ante os membros da confraría, o resultado final non lles pareceu moi convincente… No caso da burra, a opinión maioritaria era que quedara moi delgada, “coma si pasara fame” dicía algún deles, e lle pediron a Bladimiro que a puxera un pouquiño máis “fermosa”.

Pero esta non foi a única cousa que chamou a atención dos alí presentes. Cando descubriron a figura do Cristo repararon que a súa cara era cravada á do revolucionario comunista ruso Lenin, algo que por outra parte non lles resultou tan sorprendente dado que Bladimiro sempre se declarara comunista e leninista convencido.

Dende o primeiro momento tiveron claro que non podían sacar ao Cristo con aquel rostro na procesión, pero como xa lle pedirán correccións a Bladimiro no tema da burra, trataron de convencer a Caramuxo para se encargase de facer a nova cara.

A peza acababa de ser recibida pola confraría e Caramuxo consideraba que non estaba ben actuar sobre ela sen ter antes o permiso do seu autor así que varios membros da confraría foron a falar con Bladimiro para explicarlle a situación.

Por sorte, o autor foi razoable e díxolles que como xa cobrara o traballo, non tiña ningún problema se decidían modificar algunha cousa polo que Caramuxo accedeu finalmente a facerlle un novo rostro ao Cristo.

Como necesitaba sacarlle os ollos para aproveitalos, xa que eran un elemento moi custoso, tivo que desfacer totalmente a cabeza e substituíla por unha nova, e isto permitiulle gardar na súa casa aquel rostro que tanto recordaba ao mandatario ruso.

SUSO CARAMUXO
Cara que Bladimiro lle puxera ao Cristo e que recordaba moito a Lenin.

Suso Caramuxo tamén fixo actuacións sobre tallas existentes noutras igrexas e capelas da vila de Cangas

Caramuxo tamén tivo a oportunidade de actuar sobre outras imaxes que se atopan noutros dos templos da nosa vila.

  • Igrexa de Santa María de Darbo: Santa Ana (foi restaurada por Caramuxo antes do incendio que houbo no templo no 2004).
  • Capela de San Roque do Monte: San Roque (restaurado o policromado)
  • Igrexa de San Salvador de Coiro: San Antonio.
  • Capela de Santo Domingo: San Xosé e Santa Isabel (un caso no que tivo que traballar moito para recuperar a efixie porque lle caira o teito enriba e practicamente a daban por perdida).

Outros templos da contorna tamén recorreron a pericia de Suso Caramuxo para restaurar as súas imaxes

Co paso dos anos, debido a calidade dos traballos que realizara Caramuxo, foron moitas as confrarías doutras vilas da nosa contorna que solicitaron a súa axuda para realizar o mantemento ou restauración das súas imaxes:

  • Igrexa de San Xoán de Tirán: Santa Rita, San Xosé e o Cristo das Boas Augas.
  • Capela dos Remedios de Tirán: Virxe dos Remedios.
  • Capela das Milagres de Verducedo: Virxe das Milagres.
  • Capela de San Lourenzo de Domaio: San Lourenzo.
  • Capela da Peregrina na Guía de Meira: Virxe Peregrina, San Antón, Virxe de Luján, Virxe do Carme.

Caramuxo conta cunha gran traxectoria no mundo da pintura, aplicando unha ampla variedade de técnicas nas súas obras

Como comentábamos no segundo artigo adicado a figura de Suso Caramuxo, tras a súa volta de Barcelona, xa estaba considerado un pintor mozo con moita proxección.

Co paso dos anos foron moitas as obras que Caramuxo creou cos seus pinceis, a maioría delas vendidas en pouco tempo e repartidas por medio mundo.

Conseguiu dominar con mestría diferentes técnicas como “plumilla”, “carboncillo”, óleo, pastel, acrílicos ou acuarela, e con elas realizou obras artísticas, deseñou elementos de decoración e adornos, fixo cartelería e incluso murais en locais senlleiros da vila como a cafetería do Hotel Hollywood ou a desaparecida Discoteca Thais.

Mural acrílico pintado por Caramuxo na cafetería do Hotel Hollywood de Cangas.

Tamén fixo algunha obra de modelado, sobre todo cousas pequenas como a reprodución do Cruceiro de Hío que levou as feiras de turismo ás que fixemos referencia no sexto artigo desta serie, un sarcófago exipcio esmaltado ao forno empregando ouro líquido que está en posesión da súa filla Clara ou unha urna dourada cos escudos dos Bernárdez, de Cangas e de Galicia que ten na súa casa o seu fillo Mauro.

SUSO CARAMUXO
Altar montado no Eirado do Sinal que foi realizado por Caramuxo para unha procesión de Corpus.

Queremos agradecer a Suso Caramuxo a súa colaboración para a elaboración destes oito artigos nos que repasamos a súa traxectoria e recordamos a través dos seus ollos algúns dos momentos máis importantes da historia de Cangas. Nas conversas que mantivemos con el, tivemos a oportunidade de descubrir a un importante artista e restaurador de imaxinería relixiosa, pero tamén de coñecer a unha gran persoa que estivo presente e participou en moitos dos momentos máis relevantes da historia de Cangas, polo que sempre formará parte da memoria colectiva da nosa vila.

ALGUNHAS DAS OBRAS PICTÓRICAS DE SUSO CARAMUXO

Óscar Rodríguez Martínez
Presidente A Illa dos Ratos en | + artigos

Socio fundador de A Illa dos Ratos.

Un comentario

  1. Suso Caramuxo, historia viva de Cangas (VII) » A Illa dos Ratos

    […] SEGUINTE CAPÍTULO RUTA "CANGAS E A SÚA SEMANA SANTA" […]

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.