A CREACIÓN DO PRIMEIRO SUPERMERCADO DE CANGAS

Texto elaborado por Óscar Rodríguez Martínez, socio de A Illa dos Ratos, a partir de varias conversas co propio Suso “Caramuxo”, pintor e restaurador de imaxinería relixiosa que foi galardoado co Premio Ignacio Cerviño á Recuperación do Patrimonio 2022 que outorga anualmente o Concello de Cangas.

Caramuxo foi un dos impulsores da Sociedade Cooperativa BUMOCA, dedicada á distribución de alimentación e que foi primeiro supermercado da vila situado na Avda de Marín

Corría o ano 1982, uns tempos nos que o país atravesaba unha gran crise económica e as familias facían as súas compras de produtos de alimentación nas tendas de barrio, onde moitas veces se lles fiaba.

Xa comezaban a aparecer os primeiros supermercados nas grandes vilas e foi entón cando Suso “Caramuxo”, xunto a outros promotores, moitos deles en situación de desemprego, se animaron a montar o primeiro supermercado da vila baixo o nome de BUMOCA Sociedade Cooperativa Limitada (F36017994), que tomaba o seu nome das iniciais dos tres pobos do Morrazo: Bueu, Cangas e Moaña.

Segundo consta na súa escritura de constitución rexistrada o 3 de febreiro de 1982 na notaria de D. Alfonso Zulueta de Haz (Vigo), entre os socios fundadores do proxecto figuraban Antonio Parcero Rial (Jose “Chata”), Emilio Comesaña Malvido, Jesús Germade Chapela (Suso), Francisco Lariño Romay (“Paco Lariño”), e o propio Suso “Caramuxo”. Posteriormente se irían incorporando novas socias como Josefa Bernárdez Barreiro “Finuca”, Olivia ou Pilar Moldes e empregadas como Concha (peixería).

A idea era abrir unha gran superficie de alimentación nunha praza como Cangas que carecía dun establecemento desas características e decidiron mercar un local para que no futuro a empresa estivese capitalizada e tivese un patrimonio propio.

Precisaban 20 millóns de pesetas e Caramuxo foi o encargado de redactar o proxecto para presentarllo as entidades financeiras. Logo de moito traballo, xa que non dispoñía das facilidades que hoxe en día temos con internet, elaborou un documento moi completo e vistoso que incluía gráficos e debuxos sobre diferentes parámetros como a evolución dos tres concellos en canto a tendas, poboación, número de vehículos, …

Foi tan exhaustivo o seu traballo que lle deron o 100% do importe solicitado, algo pouco habitual nas operacións hipotecarias, e con eses cartos mercaron un baixo moi amplo na Avda de Marín, o mesmo no que anos despois estaría o Froiz. 

SUSO CARAMUXO
Anuncio do Maximercado Bumoca que inclúe fotografías de Santoro e que foi publicado no Faro de Vigo o Domingo, 29 de Agosto de 1982.

A acollida do proxecto entre a poboación foi excelente pero as tendas tradicionais opuxéronse frontalmente a BUMOCA

En moi pouco tempo montaron o establecemento e a empresa proveedora dos bens de equipo, Mebunik, financioulles unha viaxe a “Alimentaria“, unha feira moi importante que xa se celebraba por aquel entón en Barcelona. Alí estiveron durante catro días nos que estiveron facendo contactos pero sobre todo formándose en diversas funcións: Finuca (froiteira), Pili Moldes e Olivia (caixeiras), Conchi (pescadeira) ou o propio Caramuxo (xestión).

Para os consumidores da vila foi unha revolución ter tan preto un establecemento onde podían mercar aquela gran variedade de produtos a bo prezo, pero as tendas tradicionais, que eran competencia directa, opuxéronse frontalmente ao proxecto da cooperativa e presionaron aos seus provedores para que non lle vendesen produto a BUMOCA, baixo ameaza de perdelos como clientes.

O número de proveedores quedou moi reducido e chegou un momento no que, para evitar o desabastecemento, Suso “Caramuxo” tivo que tirar de creatividade e facer verdadeiros equilibrios coa tesorería da empresa ao ter que pagar os productos en man.

Era o caso do peixe fresco que se mercaba na Praza de Bueu ou do conxelado, que conseguían grazas a un contacto que lles traía peixe dende Vigo procedente da pesca de altura.

Para a carne recurrían a xente que mataba no Matadoiro da Congorza ou a Frigolouro, ata que encontraron a Carnicería Carlos en Beluso e a Carnicería Enrique en Cela.

Ao ter que pagar no momento de retirar a mercancía, a empresa andaba moi xusta de liquidez e a pesar de que tanto Caja Rural como o Banco Santander lles botaban unha man cando podían aguantando as letras, as veces non podían atendelas. As relacións cos proveedores se foron deteriorando e chegou un momento no que como non lle servían mercancía, Caramuxo tiña que ir cada semana a Ourense cos cartos que se facían na caixa para mercar alí os produtos que logo se vendían no supermercado.

Tras cinco anos de actividade, os cooperativistas entenderon que era o momento axeitado para aceptar unha oferta do grupo Froiz

A pesar destes inconvenientes que tiveron que superar no día a día e que provocaron a existencia de discrepancias entre algúns dos cooperativistas, este proxecto pioneiro estivo en funcionamento durante 5 anos, momento no que o grupo Froiz, que naquel momento tiña unicamente 3 supermercados en Pontevedra e que ansiaba expandir a súa actividade no Morrazo, presentoulles unha oferta que non puideron rexeitar.

Froiz quedou co patrimonio, coas débedas e cos empregados de BUMOCA, persoas moi coñecidas da vila como o carniceiro “Josiño”, que estudara para ser delineante e que se reconvertera profesionalmente dentro da cooperativa.

Suso “Caramuxo” ocupou o posto de encargado do supermercado Froiz de Cangas durante cinco anos, cando recibiu unha proposta interesante de Vegalsa. Ata ese momento esa empresa estaba centrada no comercio maiorista a través da cadea Cash Récord, pero se propuxeron abrir unha nova cadea de supermercados dedicados á venda polo miúdo que chamarían “Supertiendas” e buscaban persoal cualificado e con experiencia.

Caramuxo tivo moitas dúbidas porque se atopaba cómodo en Froiz, pero finalmente decidiu cambiar de aires. Este tipo de decisións sempre son complicadas de tomar, pero neste caso o noso protagonista acertou.

En moi pouco tempo ofrecéronlle o posto de coordinador de tendas, un cargo de adxunto a dirección con responsabilidade en recursos humanos, e tivo un papel moi relevante na expansión da marca Vegalsa Eurospar, que e empresa levou a cabo antes de asociarse con Eroski, dando lugar a Supermercados Familia.

Neses anos, Caramuxo dedicaba gran parte do seu tempo a viaxar para conseguir os locais máis axeitados para os novos puntos de venta e tamén se ocupaba de organizar a formación do novo persoal.

Grazas ao seu bo facer, a empresa pasou de ter unicamente dous supermercados (Vigo Urzáiz e Porriño) a quince establecementos distribuídos por toda a xeografía galega. Era un traballo que Caramuxo facía con gusto pero o certo é que tamén lle roubaba moito tempo e era moi estresante.

Por aquela época, Caramuxo se separou da súa muller e isto unido á tensión do traballo o levou a ter dúbidas sobre se era ese o tipo de vida que quería levar.

Tomouse un tempo para reflexionar e tras 15 días de retiro espiritual en Samos, decidiu dar un xiro radical a súa vida e centrarse na súa gran paixón, a arte e a pintura, unha etapa da súa vida que trataremos nos seguintes artigos.

Mosteiro de Samos. Fonte: www.abadiadesamos.com
Óscar Rodríguez Martínez
Presidente A Illa dos Ratos en | + artigos

Socio fundador de A Illa dos Ratos.

Un comentario

  1. Suso Caramuxo, historia viva de Cangas (IV) » A Illa dos Ratos

    […] do desfile do Momo deseñada por Caramuxo. SEGUINTE CAPÍTULO RUTA "PERSONAXES DE […]

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.