IMPULSANDO MOITAS INICIATIVAS PARA DINAMIZAR CANGAS I

Texto elaborado por Óscar Rodríguez Martínez, socio de A Illa dos Ratos, a partir de varias conversas co propio Suso “Caramuxo”, pintor e restaurador de imaxinería relixiosa e galardoado co Premio Ignacio Cerviño á Recuperación do Patrimonio 2022 que outorga anualmente o Concello de Cangas.

O longo da súa vida, Caramuxo foi o impulsor e participou de moitas iniciativas culturais do pobo de Cangas, tanto a título particular como acompañado dos seus amigos Avelino Avilés, Manolo Gil ou Santoro. Neste terceiro artigo recordaremos algunhas desas propostas como as Majorettes de Cangas, pero tamén falaremos da súa intervención en Argálica ou no Nadal.

Caramuxo tivo a iniciativa de crear as “Majorettes de Cangas”

Corrían os anos 70 do século pasado e Suso “Caramuxo” era un pintor novo con proxección que volvía a súa vila deixando atrás a súa etapa en Barcelona, da que falamos no artigo anterior.

Na cidade Condal descubrira iniciativas que lle pareceron moi novidosas e estaba convencido de que algunha delas serviría para dinamizar a vida cultural de Cangas.

Non tardou moito en mobilizar a algunhas mozas do pobo para montar un grupo de majorettes. Ante a falta de medios, para preparar os seus primeiros traxes improvisaban co que tiñan. Para a parte inferior do corpo empregaban unhas botas negras e as saias do uniforme do Compañía de María que usaban para as clases de ximnasia e para a parte superior, cosían chaquetas e gorros, no seu taller-estudio.

AS MAJORETTES DE CANGAS
Algunhas das mozas elaborando as súas vestimentas.

O primeiro desfile das Majorettes de Cangas foi nas Festas do Cristo de 1971. As mozas estaban bastante nerviosas pero o éxito foi tan rotundo que nos meses seguintes foron moitas as vilas que contactaron con Caramuxo dende terras galegas, asturianas e incluso de Portugal, para solicitar a presenza da agrupación nas súas festas.

AS MAJORETTES DE CANGAS
As Majorettes de Cangas, diante da fonte que había no xardín botánico de Massó. Foto de Santoro.

Foron anos moi intensos nos que ás mozas se lles ía facendo máis complicado compaxinar os ensaios e as actuacións co traballo na casa, os estudos e a vida persoal. Moitas delas foron abandonando a agrupación e logo de tres anos de actividade, esta iniciativa tan curiosa remataría por desaparecer da vida dos cangueses e canguesas, pero non da súa memoria.

Como anécdota curiosa, o día da voda de Caramuxo e a súa muller Coli, as Majorettes de Cangas estiveron presentes e participaron activamente nas celebracións. Aquel enlace non foi nada convencional porque ademais da súa presenza, os noivos decidiron ir vestidos con traxes tradicionais e ofrecer a todas as persoas que pasaron por alí un menú composto por pan de millo, viño tinto e sardiñas asadas que xa comezaran a facerse desde as dez da mañá.

Foi tal a expectación que levantou a voda, que diversos medios como La Voz de Galicia, Faro de Vigo o El Pueblo Gallego enviaron reporteiros a cubrir a noticia e incluso Santoro, que fixo o reportaxe de voda, tivo que facer unha exposición con aquelas fotografías.

Caramuxo foi un dos impulsores da creación de Argálica

Outra faceta pola que o noso protagonista se fixo moi coñecido e querido na vila, foi a de promotor, ou como di el “de armadanzas“, de moitos eventos e celebracións que aínda se realizan no pobo.

Un exemplo foi a creación en 1992 da Feira de artesanía de Galicia en Cangas – “Argálica”, unha idea de Caramuxo e do ceramista Andrés Otero coa que pretendían traer a Cangas aos artesáns máis importantes de Galicia. 

A concelleira Alba Cordeiro mostrouse disposta a darlles o respaldo institucional pero non había partida presupostaria, así que para financiar o evento, aos promotores ocorréuselles publicar unha revista onde, ademais de explicar as traxectorias dos artesáns, se incorporaba publicidade comercial.

SUSO CARAMUXO
Portada da revista de Argálica que levaba na portada o cartel deseñado por Caramuxo para a edición de 1993.

Gracias aos cartos xerados por esa vía conseguiron realizar a primeira edición que durou 15 días. Nos anos seguintes a feira e a publicación da revista se foron consolidando e a afluencia de público era tan importante que decidiron contratar azafatas para atender as necesidades dos artesáns e incorporar outras actividades complementarias á feira como actuacións folclóricas ou artesanía en vivo.

Coa chegada ao goberno de Euloxio López como alcalde e de Xosé Manuel Pazos como concelleiro de Cultura, o Concello decidiu asumir a organización da feira e Caramuxo deixou de estar vinculado ao proxecto, pero continúa sentíndose moi orgulloso de ser un dos artífices dun evento que a día de hoxe supera xa as 30 edicións.

Caramuxo tamén tivo un papel relevante dentro do Nadal de Cangas

Como xa comentamos no seu momento cando publicamos o artigo que adicamos a Avelino Avilés, Caramuxo participou moitos anos facendo de Rei Mago co propio Avilés e co seu gran amigo Santoro, empregando vistosas vestimentas que traían da Sastrería Cornejo de Madrid, unha empresa especializada en vestiario para cine, teatro e televisión.

SUSO CARAMUXO
Fotografía dos “Reis Magos de Cangas”: Santoro, Avelino Avilés e Caramuxo.

Estivo a fronte en varias ocasións da comisión de particulares que se encargaba de organizar a Cabalgata de Reis cando aínda non se encargaba o Concello. Naquela época intentaban que os desfiles fosen tan vistosos, que nunha ocasión lograron materializar a idea dun dos integrantes da comisión chamado Suso Barreiro “Pelotitas”, e trouxeron á banda de tambores da Brilat de Pontevedra.

Suso “Caramuxo” tamén se encargaba de facer os deseños doutro elemento importante na Cabalgata como eran as carrozas. As monxas do colexio Compañía de María cedían o seu pavillón de deportes para que a xente moza do pobo puidese construílas alí e mentres o facían, tamén aprendían a elaborar flores de papel, forrados e encolados de prata ou outros adornos moi vistosos.

Sempre coa supervisión dos maiores aprendían a manexar ferramentas e incluso participaban no serrado da madeira que chegaba gratis dende TAFISA a través dun camión do Concello, porque non cumpría cos estándares de calidade da empresa.

Entre os colaboradores que se implicaban no Nadal, sempre foi moi importante o papel de José Luis Barreiro, policía municipal de Cangas e verdadeiro alma máter de todo o que se facía, tanto nesa época como nos anos posteriores nos que Caramuxo xa non estaba tan implicado, aínda que seguía sendo consultado para que aportase as súas ideas e experiencia.

SUSO CARAMUXO
Un dos desfiles de Nadal organizado en Cangas.

A familia de Suso “Caramuxo” ten unha gran tradición na elaboración de beléns e nacementos de Nadal

O Nadal sempre foi unha festa moi importante para a familia dos “Caramuxos”. Os seus membros sempre foron belenistas porque dende moi novos se lles inculcaba a tradición familiar de facer nacementos cando chegaba o Nadal.

Sen ir máis lonxe, o pai de Caramuxo, Valentín Bernárdez Broullón, encargouse durante anos de elaborar o nacemento que se realizaba cada ano na Ex-Colexiata e tamén facía outro espectacular na casa familiar que estaba situada na rúa Ramón Franco número 12. Tras o seu falecemento, mentres a súa nai aínda estaba viva, Suso encargouse de manter a tradición na casa familiar, e o facía empregando as mesmas pezas únicas e de gran valor artístico que usaba o seu pai.

SUSO CARAMUXO

Ademais, na época de D. Eduardo e nos primeiros anos de D. Severo, Suso “Caramuxo” tamén pasou a ser o encargado de elaborar o nacemento que se instalaba na igrexa de Cangas, tomando o relevo do seu pai.

A día de hoxe, a tradición familiar segue vixente grazas sobre todo a súa irmá Maricarmen, que monta un espectacular nacemento na parroquia canguesa de Aldán, moi admirado polos seus veciños e para o que conta coa colaboración de Suso “Caramuxo”.

Óscar Rodríguez Martínez
Presidente A Illa dos Ratos en | + artigos

Socio fundador de A Illa dos Ratos.

4 comentarios

  1. Santoro, o fotógrafo da luz (III) » A Illa dos Ratos

    […] comentábamos nos artigos adicados ao seu gran amigo Suso Caramuxo e a Avelino Avilés, Santoro participaba activamente nas celebracións que se realizaban no pobo […]

  2. Santoro, o fotógrafo da luz (II) » A Illa dos Ratos

    […] Outro negocio que montou Santoro xunto a súa muller foi a Floristería Margaret, un comercio de decoración, onde tamén se vendían novidades como flores de tela ou animais e peixes exóticos. Estivo aberta ata mediados dos anos 90 do século pasado no local onde hoxe esta Duende e alí traballou Lina, unha irmán do seu gran amigo Caramuxo. […]

  3. Suso Caramuxo, historia viva de Cangas (II) » A Illa dos Ratos

    […] SEGUINTE CAPÍTULO RUTA "PERSONAXES DE CANGAS" […]

  4. Suso Caramuxo, historia viva de Cangas (IV) » A Illa dos Ratos

    […] diciamos no artigo anterior desta serie adicada a Suso “Caramuxo”, o noso protagonista participou da organización […]

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.