30 CAMPIONATOS DO MUNDO MERECEN UN RECOÑECEMENTO

Texto elaborado por Óscar Rodríguez Martínez, socio da Asociación A Illa dos Ratos

Susana Cordeiro Coya (1978) é unha canguesa que conta cunha ampla traxectoria de éxitos a nivel internacional, sendo actualmente 30 veces campiona do mundo all styles de artes marciais en diversas categorías.

A pesar destes impresionantes logros, é moito máis coñecida a nivel internacional que no seu propio pobo, onde dende 2019 dirixe o Ximnasio Urban Studio by Seil xunto ao seu marido, o Mestre Yee Seil, creador e impulsor do TAIKIC, o método de aprendizaxe de defensa persoal que a levou a alcanzar todos eses éxitos.

SUSANA CORDEIRO

Susana Cordeiro sempre se sentiu atraída pola actividade física e por iso enfocou a súa formación ao ámbito deportivo

Na súa infancia, Susana practicou varios deportes, entre eles o taekwondo (1990-95). Durante a etapa do instituto comezou a practicar voleibol (1993-98) e chegou a competir de forma regular nun equipo federado durante varios anos, compaxinando os adestramentos cos seus estudos de bacharelato e COU.

Precisamente ao rematar o ano de COU e quedar sen poder facer o selectivo pola materia de Química, Susana estaba decidida a marchar un tempo a Londres para aprender inglés.

Curiosamente, cando xa tiña todo planificado, esta amante do deporte enterouse de que ía a impartirse un novo Ciclo Superior en Animación de Actividades Físicas e Deportivas no IES María Soliño de Cangas e a pesar de que as prazas eran moi poucas, decidiu probar sorte presentando unha solicitude de matrícula.

Tiña o billete para marchar a Londres un luns, pero o venres anterior recibiu a chamada do centro indicándolle que fora admitida e aínda que neses intres non o sabía, esta nova cambiaría a súa vida.

No ciclo tivo a oportunidade de aprender aspectos importantes da condición física e a metodoloxía para desenvolverse con soltura na organización de actividades de índole deportivo e de animación. Tras dous anos obtivo o título de Técnico Superior en Animación de Actividades Físicas e Deportivas (TAFAD), formando parte da primeira promoción que saía do centro con esa titulación (1997-99).

No mes de xuño fixo as probas de acceso para entrar en INEF en Coruña e tamén en Pontevedra pero como non conseguiu entrar e tiña traballo, decidiu continuar co seu camiño da saúde e o deporte quedándose en Cangas.

Susana Cordeiro retomou a súa actividade no mundo das artes marciais cando coñeceu ao seu actual marido, o Mestre Yee Seil, xunto ao que emprendeu varios proxectos empresariais vinculados co mundo do deporte

Dende novembro de 1998, Susana xa iniciara as prácticas do TAFAD no Ximnasio Seil que estaba baixo as gradas do campo do Alondras, e alí coñeceu ao Mestre Yee Seil. Co paso do tempo foron facéndose amigos e viron que tiñan moitas cousas en común. Fixéronse parella, casaron e tiveron dúas fillas, Gabriela (2010) e Carolina (2012)  que a día de hoxe tamén practican TAIKIC.

SUSANA CORDEIRO
As fillas de Susana tamén participaron nos Campionatos do Mundo Open organizados pola WAC en Caldas da Rainha. No ano 2016, Gabriela proclamouse campiona do mundo de formas open na categoría de 5-6 anos e no ano 2017, xa na categoría de 7 e 8 anos, repetiu éxito en formas suaves e logrou o subcampionato en formas con armas e en defensa personal street, neste caso na categoría de 6 a 9 anos. Nese mesmo ano 2017 Carolina acadou o titulo de campiona do mundo en formas open, sucedendo a súa irmán no palmarés da categoría de 5-6 anos.

Foi precisamente co Mestre Yee Seil cando Susana comezou a practicar de novo artes marciais e descubriu unha disciplina á que se enganchou dende un principio. No TAIKIC atopou o reto físico e mental que precisaba naquel momento da súa vida, no que precisamente estaba afrontando un bloqueo mental que a levaba a non poder xestionar por si mesma e de maneira axeitada algunhas situacións sociais.

Nos anos seguintes a súa traxectoria profesional foi ben intensa e sempre vinculada ao mundo do deporte. De feito, nesa etapa traballou como monitora de ximnasia de mantemento para o Concello de Moaña e como monitora de tempo libre nalgúns campamentos de verán organizados pola Asociación Ameneiro, Asociación Animo ou a Xunta de Galicia.

No ano 1999 incorporouse definitivamente ao Ximnasio Seil como monitora de musculación, fitness, ioga e aerobic e dez anos despois, xa co seu marido como socio, decidiron iniciar unha nova aventura empresarial na antiga piscina Banana en Cangas. Nesa iniciativa, a Piscina AQUA2O, compaxinou as labores de dirección do centro coas de monitora de aquagym, pilates, bodytono, natación, TAIKIC e fitness entre outras disciplinas ata que no ano 2016 coincidindo coa apertura da piscina municipal de Cangas, se viron obrigados a pechar.

SUSANA CORDEIRO
No ano 2016 Susana foi campiona do mundo en cinco categorías (Kata hard a mano valeira, Kata hard con arma, Kata soft a man valeira, Kata soft con arma e en Semicontact), e subcampiona do mundo en outras dúas (Defensa persoal e Light kick).

Pero botando man dese espírito loitador que caracteriza a esta deportista, Susana non se rendeu e pouco tempo despois abriu un novo ximnasio xunto co seu marido: o Centro Seil na Avda de Bueu.

No 2019 cambiáronse para un local da Avda de Vigo que curiosamente xa ocuparan ata 2001, e dende entón, Susana exerce de Directora do Centro Integrativo de Saúde e Deporte Urban Studio de Cangas e de monitora de adestramento funcional (monitora de TAIKIC, defensa persoal feminina, etc) e ximnasia restaurativa (asistente de fisioterapia e facilitadora de diferentes obradoiros de ioga chino ou incluso mindfulness).

Para profundizar nestes aspecto Susana estivo facendo un máster en neurociencia, intelixencias múltiples e mindfulness (2018) e un curso de psicoloxía holística (2020). Empregando os coñecementos derivados desa formación, o centro traballa cunha idea principal que coincide coa filosofía de vida de Susana: entender o deporte como algo máis global que actividade física porque nas súas palabras, “cando un se move e se centra nas cousas importantes da vida, o seu corpo cambia, pero tamén o seu cerebro e a maneira de experimentar o día a día. É importante vivir tendo presente a cultura da saúde e o benestar para que sexamos conscientes e poñamos en valor os poderes que todos temos de curarnos, de coidarnos y de ser un pouco mellores cada día.”  

O TAIKIC é un método de aprendizaxe de defensa persoal que podería definirse como “harmonía na acción”

Aínda que actualmente o TAIKIC non está recoñecido polo Consello Superior de Deportes como disciplina deportiva, si que esta rexistrada dentro da USKA (United States Karate Alliance) e vinculada coa Federación española de artes marciais e polo tanto recoñecida en España con identidade propia dende 1991.

O seu creador é o Mestre Yee Seil, marido de Susana, que leva moitos anos desenvolvendo o TAIKIC como un método de crecemento persoal e que se caracteriza por ser un sistema de aprendizaxe de defensa persoal que combina todos os aspectos posibles da loita.

SUSANA CORDEIRO
Susana, o seu marido e as súas fillas coas medallas obtidas nos Campionatos do Mundo All Style de Artes Marciais de 2017.

Como pasa noutras artes marciais, calquera persoa que o desexe pode iniciarse nesta disciplina. No TAIKIC, a metodoloxía nas primeiras etapas se centra no adestramento físico e a práctica dos movementos de defensa persoal, pero tamén se traballan outros aspectos como a autoestima.

Os alumnos van superando os diferentes graos e unha vez logran o cinto negro, comezan a traballar a un nivel máis espiritual e a desenvolver un traballo específico para adquirir as habilidades propias dos animais na natureza. Isto faise mediante a imitación dos seus movementos e grazas a este traballo se conseguen activar capacidades similares as que estes teñen na natureza.

Precisamente a perfecta execución destes movementos e formas, coas que se busca expresar o que levamos dentro de nós, é un punto forte de Susana, sendo a súa destreza un factor importante á hora de obter algún dos seus títulos mundiais en katas (hard/soft e con armas hard/soft).

O TAIKIC, un elemento clave nos éxitos deportivos de Susana Cordeiro nos Campionatos do Mundo All Styles de Artes Marciais (WAC)

Nos Campionatos do Mundo All Styles de Artes Marciais, coñecidos a nivel internacional como WAC (World All Styles Martial Arts Championship), representantes das diferentes disciplinas de artes marciais, chegados de todo o mundo, compiten en diferentes categorías, baixo un regulamento común, e son puntuados polos chamados “Grandes Mestres”.

O lugar de celebración viña sendo diferente en cada campionato, pero nos últimos anos, dende Portugal apostaron forte por este evento e celebráronse varias edicións no país veciño, concretamente en Caldas da Rainha, onde chegaron a darse cita máis de 6.000 participantes.

Hai categorías por tipo de exercicio (defensa personal, katas con ou sen armas, katas hard ou soft, full contact, etc) e por idades e o habitual é que cada participante se prepare exclusivamente para afrontar unha única competición e ir nela a polo ouro.

Por isto os éxitos de Susana son aínda máis abraiantes: comezou a competir aos 38 anos e logrou varias medallas en cada edición que participou, incluso dando o peito as súas fillas.

E todos estes logros foron posibles sen dúbida pola súa preparación a través do TAIKIC, coa que logrou ter unha gran versatilidade e precisión de movementos que lle permitiron presentarse con garantías a probas moi diferentes con excelentes resultados.

O palmarés de Susana Cordeiro podería ser maior se non fose porque os WAC non se celebraron nestes últimos anos pola pandemia da COVID-19

O ano 2018 foi o último no que se celebrou o Campionato Mundial All Styles de Artes Marciais (WAC) porque, debido a Covid-19, a organización considera que aínda non sería axeitado xuntar tantos participantes de países diferentes nunha mesma localidade.

Estamos seguros que esta competición volverá a celebrarse no futuro, e cando isto suceda, Susana estará preparada para seguir colleitando novos e importantes éxitos cos que ampliar o seu impresionante palmarés.

SUSANA CORDEIRO
Susana co seu marido mostrando o diploma e a medalla de mellor competidora da edición do WAC de 2017.

Queremos agradecer a Susana a súa colaboración para a elaboración deste artigo. Sorprende que sendo 30 veces campiona do mundo, o único recoñecemento público a esta gran loitadora canguesa sexan dúas nominacións a mellor deportista do ano na Gala do Deporte que organiza o Concello. Agardamos que este artigo no que damos a coñecer a súa historia, sexa un paso máis para que algún día os sus méritos sexan recoñecidos como se merece por parte das institucións locais. 

Óscar Rodríguez Martínez
Presidente A Illa dos Ratos en | + artigos

Socio fundador de A Illa dos Ratos.

4 comentarios

  1. Rutas sobre mulleres da historia do Morrazo polo 25 N » A Illa dos Ratos

    […] de Adicam), Carmiña Pérez Alonso (impulsora do folclore e o baile galego no Morrazo) ou Susana Cordeiro Coya (30 veces campiona do mundo All Styles de artes marciais) e tamén a colectivos como as peixeiras […]

  2. Redacción A Illa dos Ratos

    Muchísimas gracias por tus palabras. Cuando comenzamos hace seis años con este hermoso proyecto, buscábamos dar a conocer y poner en valor nuestros recursos turísticos, nuestra historia, naturaleza y etnografía, resaltando a las personas que han escrito o que escriben cada día nuestra historia, siendo referentes e inspirando a las nuevas generaciones. Con este artículo sobre Susana Cordeiro queríamos poner en valor sus logros y esperamos que sea un pequeño granito de arena de cara a que algún día le sean reconocidos a nivel institucional.

  3. Amparo

    Preciosa historia.

  4. Yee Seil

    Que bonita labor hacéis y de que manera tan extraordinaria tenéis de dar a conocer el patrimonio publico de Cangas. En este caso me siento muy orgulloso de ver como se reconocen los méritos tan importantes de Susana Cordeiro. Una canguesa que ha sido y sigue siendo, para mi y para muchos, un referente de luchadora ejemplar y consecuentemente de una labor profesional en el pueblo consolidada a través de años de dar clases y ayudar a muchos.
    Me gustaría daros humildemente mis felicitaciones y agradeceros este artículo maravilloso, escrito con tanto tacto y cariño. Susana sin duda lo merece.

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.