UNHA MULLER TRANS PIONEIRA POR SER EXEMPLO DE LIBERDADE E SEMENTE DE CORPOS CEIBES NA NOSA VILA.
Texto elaborado por Lara Boubeta Bamio, vicepresidenta de CODIMO (Colectivo Diverso do Morrazo), asociación de apoio e defensa LGTBIQ+.
Sonia Cordeiro Santos naceu o 10 de novembro de 1947 en Cangas do Morrazo
A nosa protagonista chegou a este mundo a mediados do século pasado e sempre tivo claro que era unha muller.
Foi unha persoa valente e atrevida. Formaba parte da comparsa Os Diputados e, tras vestirse de muller nun entroido, tomou a decisión de amosarse tal e como ela era todos os días do ano, sen facer caso das mofas, aínda que non fixo o tránsito ata que a súa nai faleceu. Á súa familia custoulle entendelo, pero sempre respectaron a súa decisión.
Coidaba moito o seu aspecto físico e era moi presumida. Facía a manicura e ía ao salón de peiteado con frecuencia. Gustáballe calzar zapatos de tacón e lucir con moita soltura os seus vestidos e abrigos de pel.
O seu coraxe lle deu os folgos para seguir cara adiante e o seu carácter lle axudaba a enfrontarse a todo aquel que non a chamara polo seu nome.
Tamén era coñecida polo seu bo corazón e o seu cariño polos animais e nunha parte da súa vida acollía a cans sen fogar cos que se lle podía ver paseando. O seu can Toby mesmo ía con ela na moto, imaxe característica na vila.
O seu carácter emprendedor tamén a levou a gañar varios premios decorando a súa moto na festividade de San Cristobo, onde era tradicional desfilar cos vehículos adornados. Nunha ocasión, unha carnicería do pobo deulle unha cabeza de cabra disecada que colocou na parte dianteira da moto decorando tamén o resto do vehículo con palla simulando o corpo deste animal.
Sonia Cordeiro Santos viviu na rúa Castelao, onde agora se sitúa a administración de lotería A Boa Estrela
A súa residencia era unha casa familiar que herdou trala morte da súa nai e onde pasou os seus últimos días. Nela vivía tamén a que fora a súa parella durante máis de dez anos, da que sufriu abusos e malos tratos. Pese ao seu carácter, ás veces pesaba máis o corazón.
A súa familia dedicábase á venta ambulante. A súa avoa comezou co negocio vendendo froita en fronte ao Concello. Sonia continuou co negocio vendendo lambonadas e xeado no mesmo lugar, onde se situaba o cine Avenida. Tamén tivo un quiosco de chapa situado entre o Mercado e a Casa da Bola, pero lamentablemente perdeu moita clientela cando fixo o tránsito a muller e volveu á venta ambulante.
Daquela, non todo o mundo a comprendía, polo que deixaron de frecuentar o quiosco e mesmo houbo quen lle retirou a palabra
Malia iso, Sonia tiña moi boas amizades e o cariño de parte da súa familia. Tamén participou no programa de Ana Kiro que tiña por nome “Tardes con Ana”, no que contou toda a súa experiencia diante das cámaras de televisión.
Sonia Cordeiro faleceu o 3 de maio do 2010, deixándonos un bonito legado no pobo de Cangas. Nas súas últimas vontades, pediu que na necrolóxica figurara o seu verdadeiro nome e que a súa sobriña sempre a recordara como a muller que era. Foi un exemplo de valentía e coraxe e merece ser recordada como a pioneira que foi, dotando a esta vila de visibilidade e luz.
CODIMO ten intención de facer un documental sobre a súa vida e busca un lugar para poñer unha placa na súa honra
Seguimos na busca dun lugar axeitado para colocar unha placa na súa honra, xa sexa preto da que foi a súa casa ou noutro lugar que teña algún vínculo coa homenaxeada.
Tamén temos intención de facer un documental sobre a súa figura polo que desde o Colectivo Diverso do Morrazo, agradeceriamos calquera achega que poidades facernos sobre a súa persoa ao seguinte enderezo electrónico: co.di.morrazo@gmail.com
Queremos agradecer a CODIMO a elaboración deste artigo para o noso blog e agardamos que sigan traballando pola visibilidade, apoio e defensa do colectivo LGTBIQ+ no Morrazo e loitando por unha sociedade máis igualitaria e xusta.
Lara Boubeta Bamio
Vicepresidenta de CODIMO (Colectivo Diverso do Morrazo).
-
Este autor non ten máis artigos.
2 comentarios
Redacción A Illa dos Ratos
Muchas gracias por tu punto de vista. Realmente en este artículo la autora trata de poner en valor otros aspectos de una persona que, como dices, no lo tuvo fácil. No se trata de no contar la verdad sino de resaltar su importancia a la hora de abrir camino a otras personas con situaciones personales similares a la suya.
T
La Sonia que describís es una Sonia inventada. La de verdad tuvo una vida bastante jodida y no tenía ni para comer.; revisaba basuras para poder comer. Asi que contar la verdad.