PAIXÓN POLOS SELOS, AS MOEDAS E A SÚA HISTORIA

Texto elaborado por Beatriz Iglesias Barreiro, secretaria da Sociedade Filatélica-Numismática Canguesa.

A Sociedade Filatélica-Numismática Canguesa foi fundada a finais de 1983, aínda que non sería ata abril do 1985 cando estaría definitivamente rexistrada e dada de alta no Goberno Civil de Pontevedra.

A que nos dedicamos? Pois para entender ben as actividades que facemos convén recordar os significados de varios conceptos:

Selo, do latín sigillum = anaco de papel, con figuras ou signos gravados, que se pega a certos documentos para darlles valor e eficacia, neste caso, para franquear ou certificar un envío postal.

Filatelia, palabra de orixe francés, mestura de outras dúas de orixe grego: philos = amor, afección; e atelia = pagado de antemán, ou sexa que, a filatelia, é a afección a coleccionar e clasificar selos, sobres e outros documentos postais, así como a estudar a historia postal.

Numismática, palabra de orixe francés, procedente á súa vez do latín: nomisma=moeda e, á súa vez, do grego. Polo tanto, é o estudo e coleccionismo de moedas, medallas e billetes.

En poucas palabras somos un grupo de persoas afeccionadas a coleccionar selos, sobres ou documentos postais e tamén moedas, medallas e billetes pero ademais de coleccionalas nos interesamos sempre polas historias que hai detrás de cada peza, algo que pode resultar as veces incluso máis gratificante que o propio feito de posuír unha determinada.

Dez anos antes do nacemento da Sociedade Filatélica-Numismática Canguesa o Grupo Filatélico de Vigo xa organizara unha exposición filatélica en Cangas

Dada a gran afección que había na nosa vila, o Grupo Filatélico de Vigo xa organizara unha exposición filatélica en Cangas, no verán de 1974, editando un sobre con mataselos conmemorativo co escudo Municipal, así como un boletín de Marcas Prefilatélicas empregadas no Morrazo na primeira metade do século XIX.

Pouco despois, en 1978,  o Grupo Filatélico de Pontevedra, escolleu a imaxe do Cruceiro do Hío para facer un mataselos conmemorativo na III Bienal de Arte.

En setembro de 1983, o Grupo Filatélico de Vigo emitiu novamente un mataselos conmemorativo co lema ¡As baleas deben vivir!. A razón pola cal escolleron dito motivo foi que no 1982, a Comisión Baleeira Internacional determinara o remate da caza comercial das baleas a través dunha moratoria internacional, que non se fixo efectiva ata tres anos máis tarde.

Esta mostra foi o detonante para que uns amigos cangueses que compartían esta bonita afección e que colaboraran activamente na súa organización, se decidisen a formar unha asociación filatélica e numismática, que se federaría na Federación Galega de Sociedades Filatélicas (FEGASOFI) a finais de 1985, sendo presidente o estimado Sr. José Freijanes, coleccionista de renome e gran persoa.

Os comezos da Sociedade Filatélica-Numismática Canguesa foron intensos e estiveron cheos de actividades en diversas ubicacións

A partir de aquí, este grupo de amigos comezou a realizar xuntanzas semanais, para intercambiar pezas e coñecementos. Organizaron moitas actividades, chegando a impartir cursiños e mostras nas escolas, así como unha excursión a Vigo para que os rapaces puidesen visitar unha exposición de selos.

En canto aos locais de reunión, a Sociedade pasou por varias localizacións, dende o antigo Casino, na rúa Eugenio Sequeiros, pasando pola antiga Casa do Mar, a Cafetería Moderno, logo na Casa da Bola e finalmente no Centro Social.

 A Sociedade Filatélica-Numismática Canguesa ten como compromiso a difusión do coleccionismo de selos e moedas en todas as súas vertentes, coa finalidade de seguir mantendo “vivo” o espírito destas pequenas pezas como colección ou como inversión

Nos reunimos semanalmente para intercambiar “experiencias” e, de xeito anual, organizamos unha exposición filatélica, na emblemática Capela do Hospital, na que os nosos asociados e outros afeccionados de toda España amosan as súas coleccións a un nivel non competitivo, editando en cada ocasión, material diverso, como un mataselos conmemorativo, selos personalizados e sobres conmemorativos.

SOCIEDADE FILATÉLICA NUMISMÁTICA CANGUESA
Algúns dos membros da Sociedade Filatélica-Numismática Canguesa posando diante da Capela do Hospital de Cangas (2016).

No ano 2008, coincidindo co XXV aniversario da Sociedade Filatélica-Numismática Canguesa, chegamos a organizar no Auditorio municipal, unha EXFIGALICIA, que é unha mostra competitiva de selos de España e Portugal, con coleccións de moito renome, axudados polo Concello e respaldados pola Federación Galega. 

SOCIEDADE FILATÉLICA NUMISMÁTICA CANGUESA

En definitiva, aportamos o noso pequeno gran de area a este “hobby” tan culto e enriquecedor, e tamén contribuímos a levar a imaxe de Cangas polo mundo, pois os selos personalizados que elaboramos con cada exposición se fan circular a onde un queira. Foron xa moitos os deseños que se fixeron nestas dezaseis exposicións, tanto para selo como mataselos: a industria conserveira e Massó, as escavacións arqueolóxicas e o Facho, o Xacobeo 2010 e a Fonte do Cabalo, a muller e o mar, a Semana Santa, e un longo etcétera.

Tamén nos imos adaptando aos tempos e demos novos pasos, coleccionando tamén outros produtos, como son os mataselos turísticos, do cal Cangas tamén ten un propio, no que van os tres elementos mais representativos do noso patrimonio histórico: o Facho, a Ex Colexiata e o Cruceiro do Hío.

Mataselos cedidos pola Sociedade Filatélica e Numismática Canguesa e que gardan relación con Cangas 

Os selos dende fai xa moito foron sempre embaixadores da cultura, pois neles se estamparon as conmemoracións das mais importantes efemérides, de personaxes (escritores, cineastas, deportistas, músicos..), aniversarios de institucións e de determinadas actividades, difusión do patrimonio (castelos, igrexas,…), etc.

Poderíase definir os selos como obras de arte en sí mesmos porque acollen un deseño nun espazo minúsculo; tamén como pílulas de coñecemento que, postas nunha lista, contarían a historia da humanidade; como tarxetas publicitarias que promocionan a identidade dun país por todo o mundo e son testemuñas permanentes da historia, todas elas cualidades que converten ao selo no motor dunha das actividades de coleccionismo mais grandes do mundo.

Selos relacionados con Cangas cedidos pola Sociedade Filatélica e Numismática Canguesa

RESUME DE EXPOSICIÓNS E ACTIVIDADES REALIZADAS

1974:  Mostra Filatélica. Organizada polo Grupo Filatélico de Vigo. Sobre e matasellos co deseño do escudo de Cangas

1978:  III Bienal de Arte de Pontevedra. Mataselos co deseño do Cruceiro do Hío

1983:  Mostra Filatélica. Organizada polo Grupo Filatélico de Vigo. Sobre e mataselos co deseño das baleas

2002:   I Mostra Filatélica.  “Cruceiro do Hío”

2003:   II Mostra Filatélica.  “Semana Santa”

2006:   III Mostra Filatélica.  “Campionato do Mundo de Catamaráns”

2007:

  • IV Mostra Filatélica. “Arqueoloxía no Monte do Facho
  • I Campaña Escolar “El Mundo de los Sellos” no CEIP San Roque

2008:             

  • V Mostra Filatélica. “Reloxos”
  • XXVI Mostra Filatélica de Galicia e Portugal. Exfigalicia. “A industria conserveira”

2009:

  • Certame Cartas de Amor
  • VI Mostra Filatélica. “O mar e a conservación dos alimentos”
  • II Campaña Escolar “El Mundo de los Sellos” no CEIP Nazaret

2010:   VII Mostra Filatélica. “Cangueses no Camiño”

2011:   VIII Mostra Filatélica.  “Festas do Cristo”

2012:   IX Mostra Filatélica. “Cangas co deporte”

2013:   X Mostra Filatélica. “Cangas coa música”

2014:   XI Mostra Filatélica.  “Os medios de transporte”

2015:   XII Exposición “Cangas coa natureza”

2016:   XIII Exposición “Encontro de Cofradías Penitenciais de Semana                  Santa”

2017:   XIV Exposición “María Soliño e o desembarco dos turcos”

2018:   XV Exposición “A muller e o mar”. Emisión do mataselos turístico de Cangas

2019:   XVI Exposición “Patrimonio de Cangas: Coiro”

Queremos agradecer a Asociación A Illa dos Ratos a oportunidade de darnos a coñecer entre os seus seguidores con este artigo no  “Blog dos Ratos”. Se alguén comparte a nosa afección e quere unirse ao noso colectivo, será ben recibido. Podedes contactar con nos a través do email socfilcan@yahoo.es.

Beatriz Iglesias Barreiro
+ artigos

Técnico de Turismo.

Secretaria da Sociedade Filatélica-Numismática Canguesa.

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.