A MULLER QUE PON VOZ Á PAIXÓN POLO DEPORTE CANGUÉS
Texto elaborado por Óscar Rodríguez Martínez, socio fundador da Asociación A Illa dos Ratos, para a serie “Cangueiras 2026” en colaboración coa Concellaría de Igualdade do Concello de Cangas. Fotografía do encabezamento cedida polo diario La Voz de Galicia e o seu autor Xoán Carlos Gil.

“Se levo no meu corazón o Balonmán Cangas e grazas ao meu avó Serafín”.
Sheila Lorenzo Fernández
Quedamos con Sheila Lorenzo (Cangas, 07/11/1990) para tomar un café en El Bribón de la Habana e comezamos a conversar sobre a súa faceta como speaker nos partidos do Balonmán Cangas no Gatañal e do Alondras C.F no Campo do Morrazo.
Atopámonos cunha muller que vive o deporte con auténtica paixón, a mesma que sente pola Semana Santa de Cangas e que tamén se percibe cando nos fala do orgullosa que se sente da familia que vén de formar con Iago, o amor da súa vida, e do seu pequeno Raúl (2023), así como dos valores que lle transmitiron na casa.
O seu pai, Álvaro Lorenzo Fernández, traballou moitos anos como mariñeiro de altura, facendo mareas de ata 11 meses. Esa situación fixo que a súa nai, Esther Fernández Paredes, asumise practicamente soa a crianza da súa filla, contando coa axuda dos seus pais, que vivían na Choupana, un lugar onde Sheila pasou boa parte da súa infancia.

Sheila Lorenzo tivo unha infancia feliz na que foi descubrindo algunhas das afeccións que segue tendo hoxe en día
A pequena Sheila estudou no CEIP Nazaret e, dende moi noviña, asistiu a clases de balé e tamén de baile galego, neste último caso baixo a dirección da profesora Diana Martínez López.

Posteriormente cursou a E.S.O e o Bacharelato no IES María Soliño. Foron anos nos que, grazas ao seu carácter aberto e sociable, fixo grandes amizades e comezou a desenvolver unha paixón especial polo deporte, que comezou a ocupar un espazo importante na súa vida, practicando balonmán, fútbol e mesmo atletismo nas filas do Vila de Cangas.
Ao rematar os seus estudos, cursou o Ciclo Superior de Produción Audiovisual no IES AV Bouzas. Como non atopaba traballo, animouse a facer un curso de “Auxiliar administrativa e atención ao cliente” do SEPE e, grazas a esa formación, desde maio de 2020 traballa como auxiliar de clínica en Prosaúde Cangas.
A afección de Sheila Lorenzo polo balonmán non podería entenderse sen a figura do seu avó materno
A nosa protagonista recorda con enorme cariño e emoción aqueles anos nos que, sendo unha nena, acudía ao Gatañal da man do seu avó materno. Chamábase Serafín Fernández Sotelo e era mariñeiro. O seu carácter afable facía que mantivese unha excelente relación con todo o mundo.
Nos partidos, como se levaba moi ben con Camiña, o mítico presidente do Balonmán Cangas, adoitaba bromear con el sobre a súa neta, que soñaba con ser periodista. Dicía que algún día sería ela quen relatase para un importante medio de comunicación as grandes fazañas do club.
Quizais por este motivo, durante un encontro da tempada 2003-2004, Camiña, que aquel día exercía circunstancialmente de speaker debido a ausencia dos irmáns Moldes, decidiu darlle a moza a responsabilidade de cantar os números do tradicional bingo que se celebraba nos descansos dos partidos.
A experiencia gustoulle tanto que, no seguinte partido disputado no Gatañal, Sheila, con tan só 13 anos, xa foi a encargada de dar as aliñacións antes de comezar o encontro. Desde aquel momento nunca máis deixou de facelo, converténdose na voz que guía a afección do Gatañal en cada partido, sempre coa inestimable colaboración da Marea Azul e quizais por iso, tamén mantén unha relación cordial e incluso de amizade con moitos dos xogadores históricos como Muratovic, Moi Simes ou Suso Soliño, pero tamén con figuras máis recentes como Dani Fernández, Quintas ou mesmo o ex-adestrador Moyano.

Para Sheila, o Balonmán Cangas é unha paixón, un sentimento, e para ela as persoas que forman parte ou colaboran co club son membros dunha gran familia da que se sente moi orgullosa, tal e como quedou reflectido perfectamente nunha publicación que compartiu en Instagram ao remate da pasada tempada:

Dende 2012, Sheila Lorenzo tamén exerce como speaker nos partidos nos que o Alondras C.F xoga no Campo do Morrazo
Co paso do tempo, Sheila transmitiulle ao seu marido o amor polo balonmán e el tratou facer o mesmo co fútbol. No ano 2011 comezou a acompañalo a ver os partidos do Alondras C.F no Campo do Morrazo e, como vían que era unha habitual, propuxéronlle exercer tamén como speaker e ela aceptou encantada.

Sheila Lorenzo tamén é unha figura moi recoñecida pola súa vinculación coa Semana Santa canguesa
Ademais da súa gran paixón polo deporte cangués, a nosa protagonista tamén participa activamente na Semana Santa de Cangas, unha celebración moi arraigada na vila e coa que a súa familia sempre estivo moi vinculada.
Os seus avós maternos foron “mordomos” da Confraría da Misericordia a finais da década dos oitenta, e o seu avó exerceu durante moitos anos como costaleiro tanto da Irmandade da Virxe dos Dolores e da Soidade como da Confraría do Santísimo Cristo do Consolo e Buen Jesús.
Ademais disto, a súa nai tamén protagonizou un feito histórico ao converterse na primeira muller en participar como costaleira nun paso da Semana Santa de Cangas. Tiña unha promesa polo seu pai e quería cumprila levando o Cristo do Consolo, precisamente a última que el portara en vida, e grazas ao apoio de moitas boas persoas conseguiu facelo realidade.
Todas esas vivencias familiares alimentaron a vocación de Sheila para participar activamente nas celebracións de Semana Santa. Conta con orgullo que tomou parte da súa primeira procesión con apenas ano e medio de vida e que, dende entón, nunca faltou a ningunha.

Pronto se converteu en penitente da Irmandade dos Dolores e con tan só 13 anos, mentres a súa nai portaba o Nazareno, ela estreouse levando unha María da Confraría da Misericordia.
No ano 2008, Sheila e a súa nai incorporáronse a xunta directiva da Irmandade dos Dolores. Curiosamente, naquela mesma directiva tamén estaba Iago, quen anos despois se convertería no seu marido e a quen aínda non coñecía.

Outro dos fitos dos que se sente especialmente orgullosa foi formar parte do grupo de mulleres, entre elas tamén a súa nai, que participaron como costaleiras na primeira procesión da Soidade de María do Mércores Santo. Aquel momento serviu ademais como homenaxe ao seu avó Serafín, que falecera en febreiro.

A partir dese momento, Sheila desempeñou diferentes responsabilidades dentro da irmandade como vocal e secretaria, ata que en outubro de 2022 se converteu na primeira presidenta da historia da “Venerable Hermandad de la Santísima Virgen de los Dolores y la Soledad de Cangas” dende 1748.
Queremos agradecerlle a Sheila a súa colaboración na elaboración deste artigo, co que pretendemos achegar a sociedade canguesa a historia desta muller que se sinte orgullosa das súas orixes, da súa familia e amizades e sobre todo que presume de ser cangueira e leva Cangas por bandeira aló por onde vai.
Óscar Rodríguez Martínez
Socio fundador de A Illa dos Ratos.
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/02/06/2020
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/20/10/2020
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/27/11/2020

Un comentario
Carmen Iglesias Rosales
Grazas por compartir conmigo as tuas facetas culturais, e parabens para Sheila, polo polifacética que é. Bicos para toda a tua familia. Mi