UN HOME CON TALENTO QUE LEVOU MALA VIDA
Texto elaborado por Óscar Rodríguez Martínez a partir das fotografías e información recollidas no libro “Taberna de Soños”, facilitadas por Fernando Cuñarro Pintos, secretario da A. C. A CEPA.
Tratando de resumir a vida desta figura propia da bohemia canguesa, poderiamos caer no erro de falar de Serafín como un simple poeta popular, amigo do bo viño e que por necesidade era amigo do alleo, pero o certo e que vendo a súa traxectoria vital con perspectiva, tamén poderiamos consideralo, á súa maneira, un peculiar cronista do seu tempo.
Serafín Graña Rúa apenas sabía ler e escribir e aínda así compoñía versos sobre todo o que pasaba ao seu arredor
O 25 de marzo do 1907 chegou a este mundo Serafín Graña Rúa. Vivía no número 25 da rúa Benigno Soage, antiga rúa Aurora, e sendo moi noviño asistíu á escola onde aprendeu malamente a ler e a escribir.
Co paso dos anos o sino de Serafín foi malvivir polas rúas e tabernas. Non tiña traballo coñecido e vivía grazas á xenerosidade das xentes da ribeira, que lle daban algo de peixe para que puidera comer. Tamén contaba coa axuda solidaria que lle prestaba Manolo, propietario do Bar Rincón que era o lugar onde Serafín pasaba gran parte do seu tempo.
Esta taberna era un dos lugares onde daba renda solta a súa capacidade para improvisar versos sobre calquera tema relacionado co día a día da vila e as súas xentes.
Era un home de pouco comer mais beber, bebía algo máis do debido naquelas xerriñas brancas con bico, coñecidas popularmente como “palomitas”, e que agora véndense como recordo para os turistas.
Non precisaba moito máis. Para os outros pequenos gastos do día a día contaba coa súa gran habilidade para buscar nas carteiras mal coidadas dos cidadáns de Vigo, cidade onde “traballaba” e onde foi facéndose popular polas falcatruadas que cometía.
Tiña unha gran capacidade para improvisar versos sobre temas que estaban de actualidade
Serafín tiña unha gran capacidade para improvisar versos sobre calquera tema, circunstancia ou acontecemento. En palabras de Pepe Poeta, outra persoa relevante na historia da cultura canguesa, “Serafín, o das coplas, compón versos cunha facilidade extraordinaria e sempre con sentido crítico“.
Dese xeito tan persoal, Serafín fíxose eco ao longo da súa vida de temas moi diversos como as preocupacións dos mariñeiros pola problemática creada pola petición de legalizar o “can” para pescar a ameixa. Tamén escribiu sobre a chegada da Democracia, as protestas dos veciños pola suba dos prezos das lanchas que rematou cunha folga na vila, os novos aterrados ou a subida dos prezos do Vitrasa en Vigo.
Tamén tivo tempo para realizar composicións sobre a súa propia vida mediante versos que constitúen unha auténtica autobiografía e que deixaron resumido o seu xeito de vivir:
Ai Serafín, ai Serafín
levas mala vida
vas a ter mal fin.
Non tes quen te queira
nin muller nin fillos
tanta borracheira
non tes calzoncillos.
A xente de Cangas coñece múltiples anécdotas con Serafín como protagonista
Con motivo do centenario do nacemento de Serafín, a A.C. A CEPA editou un libro titulado “Taberna de Soños” no que se recollían datos biográficos, poemas e múltiples anécdotas con Serafín como protagonista das que nos facemos eco a continuación.
Serafín sempre dicía que él non “traballaba” en Cangas. Aínda que todos daban por feito que non roubaba en Cangas, cando chegaban as Festas do Cristo Serafín marchaba do pobo porque sabía que os carteristas de fóra da vila viñan a Cangas a roubar e él prefería non estar para que non lle colgasen o San Benito.
Serafín, e ti cantos anos tes?. Nunha ocasión contan que Serafín estaba falando co párroco no adro da igrexa cando unha señora entremeteuse na conversa, preguntándolle: Serafín, e ti cantos anos tes?. O poeta, que era unha persoa con moita retranca, respostoulle: – Señora, se me pregunta en castellano que cantos anos teño, contesto que uno sólo e se me preguntou en galego direille que non teño ningún año porque non teño ovellas. Así que váiase e non interrompa.
O billete agochado na boca da pescada. Noutra ocasión andaba o pillabán de Serafín pola zona do Berbés, onde tiña costume de “traballar”. Xa era moi coñecido entre os mariñeiros e un deles regaláralle unha pescada que levaba orgulloso baixo o brazo.
De súpeto apareceu a policía e detiveronno por roubarlle supostamente un billete de 1.000 pesetas a un veciño, unha cantidade moi importante daquela. Serafín foi conducido a comisaría de Tomás Alonso onde o billete verde non aparecía por ningures a pesar de que o cachearon a conciencia. Agarrado firmemente á pescada, Serafín abandonou a comisaria vitorioso e co sorriso na boca porque os policías non se decataran de abrirlle a boca o peixe onde escondera o billete ben dobradiño.
Serafín detrás do can que lle roubou o pan. Outra anécdota que contan fala dun día no que Serafín estaba na Taberna de Arturo, onde hoxe está “O Porrón”, e gardara un billete de 20 pesos dentro dun anaco de pan para que a súa irmá non llo requisara e o usase para atender os gastos da casa.
Nun momento que saíu fora, un can botoulle a boca ao pan e escapou con él… Había que ver correr a Serafín detrás do can mentres Arturo lle dicía “Non corras home, non corras… que si é polo pan douche eu outro anaco”.
“Sr. Gobernador, voume presentar...”. Outra anécdota moi graciosa aportada neste caso polo pintor Camilo Camaño aparece neste libro sobre Serafín editado por A CEPA . Os feitos sucederon con ocasión dunha visita que o Gobernador Civil da provincia fixera a Cangas para entrevistarse co alcalde no antigo consistorio situado na rúa Real.
Segundo parece, ao chegar a hora do xantar, baixaron e atoparon a Serafín na fonte do Cabalo collendo auga no seu particular balde de envase de folla de lata.
O alcalde dirixiuse a él, en presenza do sr. Gobernador e díxolle: -Pillín, pillín. Este é un pillín. Leva moi mala vida. O Gobernador saúdao e, de alí a un pouco, despídense e van comer a Casa Filgueira.
Serafín marchou para a súa casa bastante enfurruñado pola presentación que o alcalde fixera del diante de xente forasteira. Pasada unha hora, cando as autoridades están acabando o xantar, Serafín achegouse a eles e lles dixo: – “Sr. Gobernador tome o bolígrafo e a carteira que son súas. ¡Ah! Voume presentar. Chámome Serafín Graña Rúa”. E dando media volta marchou por onde viñera.
Escribiu un poema sobre o controvertido traslado da Capela do Hospital
Cangas ía medrando co paso dos anos e como precisaba novos espazos urbanísticos nos que asentar equipamentos públicos, fixéronse novos aterrados gañándolle terreo ao mar.
No ano 1965, a pesar de que o alcalde D. Antonio Camiña Bastos intentou impedilo por todos os medios, prodúciuse o derrubamento da capela do Hospital para construír no seu lugar un enorme edificio que acollería as oficinas da Caixa de Aforros de Vigo. Foron anos de moita controversia veciñal sobre esta cuestión ata que finalmente se desmontou a capela e Serafín recolleu no seguinte poema ese sentimento que había ao respecto en gran parte do pobo:
“Corren moi malos rumores
polo pueblo en xeneral
que queren tirar, señores,
coa Capela do Hospital.
A mellor obra de arte
que temos na población,
como chegue a derrubarse
hai unha revolución”.
Finou na súa casa rodeado dos gatos que lle facían compañía e lle daban calor no inverno
Despois dunha vida chea de vivencias e historias contadas coa súa peculiar visión da realidade, atoparon morto a Serafín rodeado de gatos, un 11 de decembro de 1983, na mesma casa e na mesma céntrica rúa de Benigno Soage que o viu nacer, á idade de 76 anos.
O ano seguinte da súa morte, organizouse na vila un recital poético na súa honra. Foi no colexio Compañía de María e no acto interviñeron 25 destacados poetas galegos entre os que se atopaban Manuel María, Xosé Luis Mendez Ferrín ou Bernardino Graña, entre outros.
Óscar Rodríguez Martínez
Socio fundador de A Illa dos Ratos.
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/02/06/2020
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/15/06/2020
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/09/07/2020
Deixa a túa resposta