O santuario galaico-romano do Facho, na parroquia do Hío (Cangas) destaca polo gran número de aras votivas atopadas no lugar. Unhas 150 pedras que, alá polo séculos II-III debía ser como un bosque de pedra asomando no cumio dun monte que mira cara o occidente, cara onde se pon o sol. Tamén ten importancia que todas as aras con inscricións fagan referencia a un deus Lar Berobreo, agradecendo ou pedindo unha curación.
O monte en si, aínda cando o xacemento non estaba escavado xa era un lugar especial. Moita xente subía (e segue subindo) para contemplar desde alí as magníficas postas de sol, co astro rei desaparecendo pouco a pouco na liña do horizonte que forma o mar infinito. E quizais foi esta unha das razóns para que os nosos antepasados decidisen que ese debía ser un lugar sagrado.
Durante as escavacións levadas a cabo hai poucos anos descubriuse un lacus, unha especie de pía de pedra asociada a cultos relixiosos. Este lacus pertencía ao período no que o castro estivo habitado, é dicir, ata o s. I d.C. Por razóns que descoñecemos, este castro quedou abandonado ata que, anos despois, xa no s.II-III, sobre os restos das antigas construcións (e aproveitando algunhas delas tamén) estableceuse alí o lugar de culto que daría lugar ao “bosque de aras”. Algo debeu pasar para que os habitantes do lugar revivisen un lugar sagrado aparentemente abandonado.
É curioso ver como as aras non especifican os nomes dos donantes en moitos casos, deducindo entón que estas xentes eran suficientemente coñecidas como para ter que deixar constancia deses datos. Pero outras si o especifican, facendo referencia a nomes que podiamos interpretar como de lugares próximos, ou non tan próximos. Estariamos falando pois, de xentes que viñan expresamente ao Facho para facer unha ofrenda a un deus específico do lugar.
O nome do deus non está claro. Hai expertos que consideran que “DEO LARI BEROBREO” se pode interpretar como o deus lar (deus local, ou familiar) Berobreo, e outros moitos que entenden que o que quere dicir esa frase é “ao deus Lar de Beróbriga”. Por tanto o lugar chamaríase Beróbriga e o deus sería tan coñecido que non necesitarían especificar o seu nome.
Pero se o pensamos un pouco, non nos resulta coñecido todo este proceso relixioso? Non coñecemos outros casos de xente que vai a un lugar específico para pedirlle algo concreto a un santo ben milagreiro? Non estamos falando dunha romaría tradicional? É que aínda hoxe non se vai a San Benitiño de Lérez (o deus lar de Lérez) para que nos cure as verrugas? É que non nos soa a virxe das Cabezas? E das Angustias?… Non será o Facho unha proba de que as tradicións cristiás tan arraigadas no noroeste peninsular son un proceso de asimilación de cultos moitísimo máis antigos?
Pero aínda hai quen vai máis aló. Tamén hai xente que seguindo esta liña de pensamentos asegura que o propio camiño de Santiago non é outra cousa que a oficialización dunha tradición prerromana de peregrinacións cara o occidente, seguindo o sol, ata que non se pode avanzar máis, ata o Finisterrae. Porque o Facho é iso tamén, un Finisterrae occidental, igual que Fisterra, que o Finistère francés ou o Land’s End británico. É pois o Facho pasado ou presente? Arqueoloxía ou tradición?
X. Guardado
Redacción A Illa dos Ratos
-
Redacción A Illa dos Ratoshttps://ailladosratos.org/author/admin/05/02/2016
-
Redacción A Illa dos Ratoshttps://ailladosratos.org/author/admin/
-
Redacción A Illa dos Ratoshttps://ailladosratos.org/author/admin/
-
Redacción A Illa dos Ratoshttps://ailladosratos.org/author/admin/
Deixa a túa resposta