O PASO DE “VIVIR DA FOTOGRAFÍA” A “VIVIR A FOTOGRAFÍA”

Texto elaborado por Óscar Rodríguez Martínez, socio de A Illa dos Ratos, a partir da información e fotografías subministradas por Xosé Gago.

Como xa comentamos nos artigos anteriores desta serie adicados a José María Pérez Santoro, foron moitos os anos nos que o noso protagonista adicouse á fotografía convencional empregando cámaras analóxicas e facendo revelados cos métodos tradicionais, pero ao cumprir 50 años, sufriu unha crise profesional e buscou vivir a fotografía dun xeito diferente.

Neste artigo trataremos de explicar desde un punto de vista máis técnico porque Santoro chegou a ser considerado como un dos mellores fotógrafos do país e se converteu nun referente dentro do sector da fotografía.

José María Pérez Santoro foi un mestre á hora de facer as fotografías pero tamén no momento do revelado

Antes da chegada dos kits de revelado, para tratar de reproducir as cores orixinais do xeito máis realista posible sobre o papel fotográfico, había que empregar os químicos de fotografía no laboratorio, facendo todas as misturas a man, polo que a pericia do fotógrafo á hora de aplicalos xogaba un papel moi relevante para acadar un bo resultado final, e non era sinxelo de conseguir.

No revelado tradicional de branco e negro, se empregaba bromuro de prata, unha mistura de nitrato de prata con bromuro potásico, que viña a ser o constituínte digamos, normal, tanto das películas como de todos os papeis fotográficos que se usaron masivamente hasta entrada do sistema dixital.

Santoro foi un dos poucos fotógrafos que fixeron manualmente fotografía de color, algo que normalmente se mandaba a facer a grandes laboratorios en Madrid e Barcelona, se ben pouco a pouco se foron establecendo eses grandes laboratorios en tódalas provincias, e en Vigo había dous. Un deles era “Copi color” e o outro “Extra Color”.

Por ese motivo Santoro tiña que facelo todo manualmente, o que non é de pouco mérito, dado que a fotografía en color sen maquinas automáticas de procesado era un asunto que requiría grandes coñecementos e una pericia especial para que as imaxes fosen correspondentes aos orixinais, pois as chamadas “dominantes de color” facían de non corrixilas ben, que as imaxes resultaran ou ben azuladas por todo, ou alaranxadas, ou ben cun unha dominante encarnada que as facían inservibles.

Pero tamén existen outros procedementos fotográficos, chamados pigmentarios, que non son habituais, e que están constituídos por pigmentos como o negro de fume, ou por óxidos metálicos, que poden dar imaxes doutras cores, como por exemplo: encarnados e amarelos empregando pigmentos de cadmio; o verde cromo, ou o azul de cobalto, entre outros.

JOSÉ MARÍA PÉREZ SANTORO
Fotografía icónica de Cangas na que se poden ver unha parella de bois tirando dun carro sobre a area da praia do Sinal.

Ademais do sistema clásico moderno da fotografía de sales de prata que se usou masivamente ata a entrada de Época Dixital, Santoro tamén dominaba estes outros sistemas fotográficos pigmentarios, que non necesitaban prata como elemento a empregar no sistema rápido de obtención de imaxes que primaba hasta fai ben pouco, xa que na actualidade o que prevalece é a tinta das impresoras.

Coa chegada de novos sistemas de revelado, a finais de 1980 e toda a década de 1990, os resultados conseguiron estandarizarse permitindo lograr imaxes moi chamativas sobre o papel de branco e negro, e iso provocou que o mesmo Santoro acabara empregando moito estes novos métodos no seu estudo.

Un deles era o sistema COLORVIR. Se trataba dun proceso de orixe francés para facer fotografía creativa que permitía obter imaxes sobre papel en branco e negro en cores diversos e outros efectos como solarizados, creando tamén cores falsos pero moi orixinais.

Os revelados lográbanse aplicando os produtos químicos que se servían nun kit preparado composto por unha mistura de tinguiduras, virados, e outros reactivos químicos que “atacaban” á prata e que permitían obter imaxes distintas a todo o que se obtiña aplicando o sistema tradicional de papeis fotográficos de branco e negro comerciais.

Logo chegarían os MINILABS, máquinas automáticas de pequeno formato que comparadas con calquera máquina industrial das que tiñan os grandes laboratorios, facían todo o proceso e se lograban fotografías en cores automáticos.

Santoro, sempre na vangarda do sector, foi un dos primeiros fotógrafos en dispoñer dese novo sistema no seu estudio a pesar de ser un elemento moi custoso. Os MINILABS puxeron ao alcance de tódolos fotógrafos que se quixeron meter a facer color, o poder prescindir de mandar aos grandes laboratorios a súa produción, e con isto tamén puideron acceder así a poder facer as fotos dos carretes que traían os fotógrafos afeccionados, e que antes había que mandar aos laboratorios industriais, sen haber outra opción posible.

No ano 1991, José María Pérez Santoro cumpriu os 50 anos de vida e comezou a reflexionar sobre a súa traxectoria profesional

Cando cumpriu os 50 anos, Santoro adicou un tempo a repasar a súa traxectoria profesional e como estaba “cansado de vivir da fotografía e decidido a vivir a fotografía“, decidiu deixar a un lado os sistemas convencionais e a temática social para centrarse na creatividade artística e na experimentación. Foi entón cando decidiuempregar un día á semana a dedicarse a ser fotógrafo, facer as fotos que soñei; investigar procesos antigos e melloralos ou encontrar novas técnicas máis duradeiras“.

Santoro, que aparece nesta imaxe supervisando a maquillaxe antes dunha sesión de fotos, xa era un referente no mundo da fotografía pero necesitaba novos retos.

Todos estas novas liñas as explorou acompañado de Xosé Gago, fotógrafo e alquimista que conseguiu revolucionar e renovar a fotografía emulsionada, partindo de procesos antigos.

Xosé Gago comezou na fotografía dun xeito bastante accidental

O pequeno Xosé Gago entrou na escola cando contaba 5 primaveras e ao ano seguinte, debido a súa capacidade para devorar un libro tras outro e por demostrar unha gran capacidade de comprensión lectora, foi nomeado xefe do grupo de lectura.

Esa gran afección non desapareceu co paso do tempo e cando cumpriu os 16 anos embarcou nun barco de pesca que faenaba preto de Canarias e estando no mar tiña como refuxio precisamente unha maleta chea de libros que renovaba cada 3 meses cando ían a terra e acudía a unha libraría de segunda man de Las Palmas.

Nunha ocasión atopou un texto no que se explicaba como facer fotografía empregando goma bicromatada (goma arábiga, misturada con dicromato de potasio), A goma arábiga era un produto que por aqueles tempos empregaban os nenos para pegar os seus cromos nos álbumes. Esa lectura chamou poderosamente a súa atención ata o punto que na súa seguinte parada en terra interesouse por conseguir máis libros sobre o tema.

As súas inquedanzas foron crecendo e foi cando decidiu quedar en terra durante un ano para ver se era capaz de materializar aquelas ideas que lle parecían tan innovadoras.

Ese sería o punto de partida da súa vocación pola química fotográfica e os sistemas antigos de fotografía. Para facer os seus experimentos, precisaba de materiais como a chamada “película litográfica”, que por aquela época só se empregaba no sector das artes gráficas, concretamente nas imprentas, para copiar documentos.

Cando intentou facer o pedido comprobou sorprendido que unicamente llo servían se se convertía en fotógrafo profesional polo que se viu obrigado a abrir un estudio fotográfico na rúa Bastarreche número 4 en Marín.

A idea inicial que tiña era abrir o negocio, recibir o material que precisaba para emprender os seus experimentos e poñer o negocio en traspaso pero namorou da fotografía e mantivo aberto o seu estudio máis de 35 anos na súa localización orixinal.

Ese foi o motivo polo que a diferencia de outros profesionais de referencia no sector, Gago foi totalmente autodidacta e non aprendeu de ningún outro fotógrafo. Tivo que facer da fotografía o seu medio de vida, sen renunciar ás BBC (“bodas, banquetes e comunións), pero chegou un momento no que se lle facían moi pesadas e como a súa prioridade foi sempre investigar, acabou por deixar de facelas. 

Poñía no escaparate do seu estudio fotográfico de Marín aquelas cousas raras que non se podían ver en ningún outro sitio e cando Santoro descubriu o que facía Gago, pensou en facer o mesmo.

A gran amizade entre Gago e Santoro xurdiu tras coincidir nunha exposición e comprobar que tiñan moitas cousas en común respecto a fotografía

O primeiro contacto entre Gago e Santoro foi debido a que Gago tiña moita humidade no seu laboratorio e enterouse que José María vendía deshumidificadores no seu estudio de Cangas. 

A viaxe rematou coa venta de dous aparatos. Ambos quedaron satisfeitos con aquela transacción e non volveron a ter contacto ata que coincidiron nunha exposición e sería a partir de ese momento cando xurdiu entre eles unha gran complicidade, converténdose en inseparables.

JOSÉ MARÍA PÉREZ SANTORO
Santoro e Gago retratados polo seu amigo Marcelino Vázquez.

Comezaron a ter unha relación máis estreita, a facerse visitas con asiduidade e a compartir ideas sobre as que traballaban ata convertelas en realidade empregando diferentes procesos químicos.

Cando había algunha reunión de fotógrafos ou exposicións quedaban para ir xuntos sempre que os seus respectivos horarios de traballo o permitían, e grazas a iso puideron asistir e expoñer en grandes eventos fotográficos e tamén impartiron talleres e conferencias por varios puntos da xeografía galega e incluso de Portugal.

Santoro dominaba moitas das técnicas sobre as que investigou Gago como a goma bicromatada, a oleotipia, o carbón directo e o carbón transportado

Cando pedimos a Xosé Gago que nos falase sobre a calidade dos traballos de Santoro non pode evitar recordarnos que cando el comezaba no mundo da fotografía, Santoro xa era un referente. Estaba considerado un gran profesional, sempre preocupado por dispoñer dos sistemas e equipos máis novidosos e dominaba como ninguén o uso da luz nas súas fotografías.

Moitos clientes demandaban os seus servizos simplemente por iso, pero ademais Santoro facía gala dunha especial sensibilidade antes de pulsar o botón da súa cámara e adicaba o tempo que fose preciso para compoñer a atmosfera que envolvía cada instantánea, combinando con mestría o ángulo axeitado, a escala de grises e o equilibrio de luz e sombra para dotala de profundidade coma se de un pintor se tratase.

Ao longo da súa traxectoria, Santoro empregou moitas das técnicas sobre as que Gago traballou e experimentou durante toda a súa vida

Gago adicou a súa vida a investigar e experimentar con sistemas pigmentarios, e dicir, en lugar de usar sales de prata ou prata nos revelados, empregaba emulsións de goma bicromatada ou xelatinas (que é como se chama á “fotografía ó carbón”, porque foi o carbón moído moi finamente o primeiro pigmento que se usou con xelatina) misturadas con diferentes pigmentos que eran os que aportaban cor ás fotografías, xa que nas súas propias palabras, “o óxido dos metais aguanta moi ben o efecto da luz ou o que sexa“.

Santoro tamén tiña unha gran habilidade empregando a química no seu laboratorio e co paso dos anos dominou moitas técnicas diferentes, incluíndo os virados, os branqueos con lixivia (sendo coñecido tamén entre os seus amigos como “o fotógrafo da lexía” por eses manexos) que lle daban espectaculares imaxes creativas, ou os propios sistemas pigmentarios investigados por Gago.

O virado é unha técnica que consiste en mellorar unha fotografía en branco e negro aplicando un baño químico que fai que a imaxe vire total ou parcialmente a outra cor: sepia se se aplica sulfuro sódico, azul se se aplica ferro, verde se empregamos vanadio, amarelo en caso de usar titanio ou un ton ladrillo se aplicamos cobre ou ouro.

Para lograr estes efectos, teñen empregado incluso, sobre todo Santoro, sal de uranio radioactiva (nitrato de uranilo), un elemento que se caracteriza por ser fotosensible por si mesma e que daba lugar a imaxes encarnadas chamadas “uranotipias”, pero deixaron de facelo porque a xente tiña un medo infundado por achegarse as fotos pola radiación. 

No caso dos sistemas pigmentarios, Santoro chegou a dominar a técnica con mestría e a realizar moita obra e para compartir todos os seus coñecementos e experiencias sobre fotografía organizou durante máis de 15 anos uns talleres con grupos reducidos de 15-20 alumnos organizados en diferentes niveis nos que mostraba unha gran capacidade para o ensino e daba moita importancia á parte práctica, algo que agradecían moito todos os alumnos que cada ano participaban naquelas clases maxistrais.

Na súa última etapa profesional, Santoro foi considerado un dos mellores fotógrafos do país

Nesa última etapa experimental e creativa, Santoro converteuse nun recoñecido mestre na composición e iluminación fotográfica o que o levou a ser considerado un dos mellores fotógrafos do país e un dos profesionais máis demandados para participar en congresos nacionais e internacionais.

Impartiu charlas, conferencias e leccións maxistrais sobre creatividade artística e experimentación, fotografía emulsionada e sobre soportes non convencionais, e de maneira especial sobre a súa mestría referida á composición e estudo da luz.

Tamén foi merecedor de múltiples premios, entre outros:

1º Premio de Composición no Concurso Europeo de Fotografía “Ángel Font” 1992.

3º Premio en Fotografía Profesional na Convención Internacional “Arco Fotográfico” 1994.

1º Premio de Iluminación no Concurso Europeo de Fotografía “Ángel Font” 1995.

Fotógrafo Distinguido pola Federación Española de Profesionais da Imaxe.

Ademais polo seu importante labor artístico e de investigación, a revista “Foto”, de ámbito estatal, dedicoulle unha ampla reportaxe de nove páxinas, cunha das súas fotografías na portada do número 132, en decembro de 1993. Tamén a revista “Foto/Ventas” publicou en cinco páxinas do seu número 237, outra ampla e merecida reportaxe á obra de Santoro.

Con esa gran experiencia no ano 2002 comezou a facer traballos de estudio con cámara dixital, pero Santoro comentaba que sempre preferiu facer fotografía de autor coa súa clásica “Pentax”, que tan boa compañeira de viaxe fora para el, e revelar en papel fotográfico baritado aplicando procesos antigos.

Nos seus últimos anos en activo participou das investigacións do seu compañeiro Xosé Gago 

Os últimos catro anos antes de xubilarse, Santoro e Gago estiveron buscando a forma de crear os negativos a partir de imaxes procedentes de fotografía dixital, para empregalos nos procesos pigmentarios, xa que facer os negativos ampliados que se requiren para tales sistemas era un traballo delicado, e o logro de negativos ampliados polo proceso dixital eran dunha facilidade incrible en comparación cos sistemas analóxicos.

O malo foi que as densidades ou opacidades requiridas, que empregando prata sempre daban sempre ben, non era posible conseguilas empregando as tintas das impresoras dixitais daquela época, que deixaban moito que desexar nesa cuestión.

Santoro incluso mercou unha impresora moi cara, pero aínda así non conseguiron ter éxito porque a tinta seguía sen ter a densidade axeitada para que o negativo tivera a opacidade necesaria para dar imaxes da mesma calidade que daban os negativos de prata.

Queremos agradecer a Xosé Gago a súa colaboración para a elaboración deste artigo. As súas explicacións sobre as diferentes técnicas de revelado e composición fotográfica nos aportan unha visión máis técnica da súa profesión e nos axudan a entender mellor e apreciar aínda máis a traxectoria e a dimensión como profesional de José María Pérez Santoro, o fotógrafo da luz.

Óscar Rodríguez Martínez
Presidente A Illa dos Ratos en | + artigos

Socio fundador de A Illa dos Ratos.

Un comentario

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.