UN HOME FAMILIAR, CREATIVO, DIVERTIDO E CONVERSADOR

Texto elaborado por Óscar Rodríguez Martínez, socio de A Illa dos Ratos, a partir da información e fotografías subministradas por Berta Pérez e Margot, filla e viúva de Santoro respectivamente.

Para preparar este novo artigo adicado á figura de José María Pérez Santoro, “o fotógrafo da luz”, mantivemos unha fermosa conversa chea de nostalxia e emotividade coa súa filla Berta e a súa muller Margot.

A través dos seus recordos trataremos de achegarnos a faceta máis persoal deste gran fotógrafo cangués e nos faremos unha idea de como era compartir o día a día con el, a súa personalidade e o seu carácter.

José María Pérez Santoro, un pai que sempre respectaba as iniciativas dos seus fillos, aínda que non lle gustaran

Nos anteriores contidos adicados a Santoro falabamos do seu carácter emprendedor e da súa iniciativa e creatividade. A súa filla Berta sempre se asemellou moito a el nese sentido, e iso permitiulle afrontar os retos da súa vida de maneira decidida, sen medo a “tirarse a piscina”, e facendo gala dun humor sarcástico moi característico parecido ao que tiña seu pai.

Del herdou a súa mentalidade inconformista que poderíamos resumir nunha idea que xa manexaba o seu pai cando marchou a Francia para buscarse a vida: “se queres facer algo e non sabes, aprendes e continuas“.

E iso foi o que aplicou Berta nos inicios da súa andadura política. Cando comentou na casa o novo reto que ía emprender, o fixo mostrándose tan segura que os seus pais, lonxe de falarlle dos aspectos negativos de emprender ese camiño ou de convencela para que non dese o paso, lle deron o seu apoio dende o primeiro momento.

Santoro, quizais véndose reflectido nela, ata sentiu ilusión e orgullo de que a súa “pequena” seguise o camiño dos seus antepasados, xa que tanto o seu pai como o seu avó foran alcaldes de Cangas.

JOSÉ MARÍA PÉREZ SANTORO
Serafín Barros foi o avó de Santoro e alcalde de Cangas.

Berta foi de número dous nas listas que o Partido Popular presentou ás eleccións municipais de Cangas do ano 2011, e tras os resultados, foi nomeada como Tenente de alcalde, cargo que compaxinou entre 2011 e 2015 co de Concelleira de Turismo, Comercio e Emprego. No ano 2012 tamén formou parte da lista que o PP presentou para ás eleccións autonómicas ao Parlamento de Galicia e tivo a honra de exercer como deputada autonómica na lexislatura 2012- 2016.

Para Berta foi unha moi boa experiencia que afrontou tendo moi presente o sabio consello que lle regalou o seu pai: “lévate ben con todos e fala con todos”

Grazas a esa experiencia política, o seu nome foi pouco a pouco tendo certa proxección dentro do PP e iso fixo que cando chegaron as eleccións municipais de 2015, como residía en Bueu, o partido pensara nela para encabezar a lista á alcaldía da vila.

Os resultados electorais deron maioría absoluta ao BNG e levaron ao PP a ter que exercer a oposición. Logo de 5 anos exercendo cargos públicos con dedicación exclusiva, Berta quedaba sen remuneración e como durante ese tempo tivera que pechar a súa clínica de fisioterapia en Moaña porque non podía atendela, tocáballe buscar un novo traballo.

Para reciclarse foi a facer un curso a Madrid e alí coñeceu un mozo que traballaba en Francia. Comentoulle que estaba encantado das condicións laborais que ofrecían naqueles lares e iso fixo que Berta falase do tema co seu marido.

Seguindo os pasos de seu pai, decidiu probar sorte no país galo e alí continúa ata o de agora, sendo unha “mariñeira de terra“, traballando 3-4 meses en Francia e pasando un preto da familia na súa residencia de Moaña, unha situación pola que no 2017 decidiu deixar a política.

Algúns recordos da infancia de Berta nos mostran un Santoro familiar, divertido e moi creativo

Cando lle preguntamos a Berta polo primeiro recordo que lle vén a cabeza cando pensa no seu pai, automaticamente xorde a imaxe dunha lancha laranxa que habitualmente estaba varada no molle de Aldán e na que ían cada día á praia de Menduíña cando pechaban o negocio as 13:30 h.

Jorge, o fillo de Santoro e Margot, aos mandos daquela lancha laranxa que tan bos recordos lles trae a memoria de toda a familia.

As fins de semana Santoro tiña moito traballo coas vodas e colleron a costume de facer uns bocadillos, ir no coche ata Aldán, coller aquela pequena “zapatilla laranxa” e reunirse na praia de Menduíña cos amigos, moitos deles membros das sagas dos Ocaña, Lagoa ou Ojea cos que tiñan lazos familiares.

Alí estaban ata as 16:30h porque tiñan que volver a abrir o negocio pola tarde, pero aquela forma de vivir o verán converteuse para eles nun ritual: “a nosa praia é Menduíña, e que mellor forma de ir que na nosa lancha”.

A José María Pérez Santoro lle encantaba contar as moitas historias de Cangas que vivira ao longo da súa vida

A pesar da súa aparencia seria, os que tiveron a sorte de coñecer a Santoro falan del como unha persoa moi sociable. Cando collía confianza se mostraba como un gran conversador e facía gala dun humor moi característico de seu e tamén de Berta, que sempre era a primeira en coller as súas bromas.

¿Un rolo de papel hixiénico con billetes como regalo ou como decoración de Nadal?

Santoro era moi amigo das bromas, e nalgunhas delas demostraba a súa gran creatividade. Nunha ocasión polo Nadal, puxo pola casa un rolo de papel hixiénico estirado do que colgaban varios billetes collidos con alfinetes. Cando a familia se levantou e viron aquilo non sabían moi ben que facer, dubidando se coller os billetes ou deixar o papel posto a modo de decoración do Nadal.

Cando Santoro pediu un asento do avión con portelo para poder abrila si se mareaba

Durante moitos anos, Santoro fartouse de escoitar dos beizos da súa filla que cando cumprise 18 anos, marcharía da casa. Seguramente non a tomaba moi en serio pero o certo é que cando chegou o momento, Berta cumpriu a súa palabra e informou aos seus pais de que marchaba a Madrid para cursar estudos de azafata e relacións públicas.

Seguindo a súa liña habitual de deixar facer aos fillos aínda que non compartise as súas decisións, Santoro lle dixo que se quería facelo, adiante, pero que el a acompañaría naquela primeira viaxe a Madrid. Chegaron ao aeroporto e cando estaban sacando os billetes do avión, díxolle todo serio á azafata “queremos dous billetes, un deles de “ventanilla” para min, porque se me mareo podo abrila un pouco…“. A empregada da aeroliña puxo cara de póker ao tempo que Berta se botou a rir porque sabía que se trataba dunha das súas bromas, esas que soltaba cando ninguén o esperaba, e que eran un dos seus acenos de identidade.

Logo desa primeira viaxe, Berta estivo estudando e vivindo experiencias na capital durante un ano. Non lle foi ben coa compañeira de piso pero tivo a gran sorte de que Marta Carballo, irmán de Jesús Carballo, o campión olímpico de ximnasia con orixes galegos, a quen coñecía con anterioridade ofreceuse a acollela na súa casa e estivo vivindo con eles en Madrid.

Rematados os seus estudos, regresou a casa e Santoro, que seguro que a botara moito de menos, picaba nela de vez en cando dicíndolle: “Mucho irte de casa a los 18 pero aquí estás…” e ela lle seguía o xogo respostándolle cunha retranca similar “Y no te mentí, porque te dije cuando me iba pero no cuando iba a volver”.

José María Pérez Santoro participaba na organización das celebracións do pobo acompañado sobre todo polo seu inseparable Suso Caramuxo

Como comentábamos nos artigos adicados ao seu gran amigo Suso Caramuxo e a Avelino Avilés, Santoro participaba activamente nas celebracións que se realizaban no pobo durante todo o ano, aportando ideas e traballo na Batalla das Flores, na organización da tradicional caravana de coches de San Cristóbal, e especialmente no Nadal e o Entroido de Cangas.

JOSÉ MARÍA PÉREZ SANTORO
Santoro participou en varias ocasións na organización das Cabalgatas de Reis, e incluso encarnou as súas maxestades xunto a Avelino Avilés e Suso “Caramuxo”.

Para unha das xuntanzas da Asociación de Radioafeccionados “Arca Bravos”, toda a familia tivo que traballar a reo pegando no coche, un a un, unha morea de papeliños de cor vermello e branco.

Noutra ocasión, polo Entroido para transformar aquel Ford Capri vermello que tiñan no coche da famosa serie de TV Starsky & Hutch, Santoro decidiu pintarlle unha gran liña branca nos laterais do vehículo e unha vez rematada a faena, colocoulle uns altofalantes no capó e saíu disfrazado cos amigos percorrendo o pobo ante o asombro e admiración dos seus veciños.

José María Pérez Santoro tratou de inculcar nos seus fillos o amor que el sentía pola fotografía, pero ningún deles seguiu os seus pasos

Santoro tratou sempre de inculcarlles aos seus fillos a súa paixón pola fotografía e dende que eran pequenos trataba de que perdesen o medo a cámara e lles daba algunhas indicacións básicas: “así no se coge la cámara; la cuelgas primero en el cuello utilizando el lanyard y luego le das dos vueltas en la mano para asegurarte de que no se te va a caer si tropiezas o te empujan sin querer“.

Moito lle tería gustado que os seus fillos tomaran o seu relevo no negocio familiar, e aínda que ningún deles seguiu ese camiño, o certo é que algunha cousiña si que aprenderon. Jorge, o irmán de Berta, quizais teña máis habilidade para a fotografía pero ela ten un espírito máis crítico e esixente cando se pon a facer fotos e recoñece que non lle serven sacadas de calquera maneira.

Ambos tiveron a oportunidade de compartir co seu pai algunhas inquedanzas relacionadas coa fotografía, e tiveron influencia na introdución de Santoro no uso das novas tecnoloxías.

Recordan que cando saíron os primeiros móbiles con cámara, a pesar de ser un gran defensor do uso das cámaras analóxicas de toda a vida, conseguiron que sentise curiosidade pola fotografía dixital e animouse a empregar o teléfono para sacar fotos.

Esa nova forma de expresar a súa arte foise normalizando no seu día a día e chegou a darlle certa importancia ata o punto de que cando lle tocaba renovar o teléfono, no que máis se fixaba eran nas características técnicas da cámara e non nas outras que analizaríamos calquera de nós.

Queremos agradecer a Berta e Margot que nos abrisen as portas da súa casa e as dos seus corazóns para falarnos con nostalxia e emoción sobre unha persoa tan importante nas súas vidas. Os seus recordos e vivencias son unha fonte de incalculable valor para coñecer mellor a José María Pérez Santoro, o fotógrafo da luz e gran responsable da memoria fotográfica da Cangas da segunda metade do século XX.

Óscar Rodríguez Martínez
Presidente A Illa dos Ratos en | + artigos

Socio fundador de A Illa dos Ratos.

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.