18 XULLO: UNHA HOMENAXE REPUBLICANA EN SAN SIMÓN

Texto elaborado por Aitor González Bamio, estudante de Historia na Facultade de Xeografía e Historia da USC. Fotografías do evento publicadas en redes sociais e posteriormente cedidas para este artigo pola Asociación 28 de agosto de Cangas.

O 18 de xullo correspóndese co aniversario do golpe de Estado contra a II República española e o inicio dunha Guerra Civil (1936-39) cuxo desenlace asentaría no poder -violencia mediante- ao bando sublevado. Con Francisco Franco á fronte, España pasaría por unha ditadura de case catro décadas onde non habería lugar para a reconciliación, a paz ou o perdón dos vencidos. 

Iniciativa Galega pola Memoria organiza cada ano un acto na Illa de San Simón 

Co foco posto en velar pola reivindicación das vítimas do franquismo, as asociacións encargadas da memoria histórica dos arredores coordínanse anualmente (Iniciativa Galega pola Memoria) para organizar un acto na illa de San Simón.

Na edición deste ano, cun número de prazas tristemente atenuado pola pandemia, a xornada comezou cunha visita guiada a través do complexo. As explicacións a cargo do profesor Matías Rodríguez da Torre fixéronnos empatizar co terror e o desacougo que en cada recuncho se respiraba oitenta anos atrás, no escenario onde todo o relatado ocorreu.

A ruta comezou na illa de San Simón e, tras percorrela por completo, todos cruzamos pola fatídica ponte que conecta a illa coa súa irmá menor, San Antón, onde se atopa o cemiterio.

Xeralmente cando un preso cruzaba esta ponte camiñaba cara a súa execución. De feito, San Antón foi unha illa aciaga xa dende os tempos do Lazareto.

No contexto do campo de concentración, a función desta illa de menor envergadura consistía en albergar e dar acubillo aos gardas que estaban ao servizo do réxime, axentes do terror e da represión no lugar. 

Non existía mellor lugar para a homenaxe que a Illa de San Simón e unha vez todos estabamos en San Antón deu comezo o groso do encontro

O acto central centrouse en recordar o calvario físico e psicolóxico ao que se vían sometidos os reclusos, pero sen esquecer tampouco a desolación da que eran partícipes os seus seres queridos alén daquela fronteira natural inexpugnable.

Era especialmente significativo o papel das mulleres dos presos. Coma ben se di no museo de libre entrada, era común albiscalas ao outro lado da ribeira. Na súa desesperación, introducían comida en berces coa esperanza de que lle chegaran a flote aos seus maridos.

Moitas destas mulleres e familias viñan de moi lonxe e, asumían que tras o gasto que supuña desprazarse ata a illa, só podían ver aos seus maridos a través dunha reixa, xa que non estaba permitido o contacto físico nos locutorios.

Ademais, eran humilladas polos gardas da prisión especialmente nas ocasións nas que trataban de levarlles aos seus maridos algo para xantar. O medo a que os gardas quedaran coas racións que con tanto agarimo lle levaban aos presos estaba á orde do día.

A fame era tal que os reclusos explotaban a riqueza e biodiversidade das costas da illa para mariscar. Papaban os moluscos crús e moitas veces isto traía como consecuencia que fosen vítimas de indisposicións dixestivas. 

Durante toda a xornada, o evento foi adornado polo glorioso son dos Gaiteiros da Memoria

Xa antes de comezar o acto central estes Gaiteiros da Memoria interpretaron o Himno de Riego, son da liberdade fronte a opresión: en 1820 fronte ao absolutismo de Fernando VII e a partires de 1936 fronte ao fascismo de Franco.

Desta vez, o acto contou coa intervención de diversas celebridades: A primeira de todas foi a da escritora Eva Mejuto, autora de “A lavandeira de San Simón. Dende o micrófono, leunos a todos unha das pasaxes máis conmovedoras e ilustrativas do seu libro e dedicoulle unhas palabras fermosísimas á causa.

Acto seguido, interveu Carlos Babío, coautor de “Meirás: un pazo, un caudillo, un espolio”. A continuación, a xove promesa viguesa Sheila Patricia fixo galardón da súa fermosísima voz. Interpretou cancións da súa propia colleita e máis unha versión musicada dun poema de Lorca (Pequeno vals vienés), unha das víctimas máis signficativas do conflito fratricida español.

Os gaiteiros despediron a homenaxe tocando o himno galego, que foi acompañado polo coro de voces de todos os alí presentes. A lingua galega, que carga con todos os prexuízos que lle deixou o afán de unificación franquista, actúa como unha vía de loita e rebeldía sen parangón. Por último, fíxose unha ofrenda floral. O lema do acto foi: “fascismo nunca máis”. 

Gustaríame dende aquí mandar unha serie de agradecementos. O primeiro de todos á Asociación 28 de agosto de Cangas, destinada á recuperación da memoria histórica no noso pobo. En particular a Camilo Caamaño e a Xoán Chillón e, en xeral, a todos os seus membros. Cómpre non esquecer que esta foi unha homenaxe emprendida por e para o pobo, sen a intervención de organismos superiores.

A crítica é unha pantasma inevitablemente presente na visita. A illa parece máis un complexo turístico que unha illa adicada á concienciación e a preservación da memoria histórica. Se ben é certo que  non é para menos, pois poucos lugares existen con máis historia que San Simón cando a súa terra foi pisada por monxes das máis diversas ordes, piratas e leprosos, debería ser unha illa que -como campo de concentración-, actúe como recordo das atrocidades que a humanidade é capaz de cometer. Referímonos a San Simón polo pseudónimo de “a illa da memoria”, pois como ben citaba o noso guía todo galego da época coñecía a alguén que ficara preso ou pasara polo complexo penitenciario.

Adóitase dicir que en Galicia non houbo “guerra”, tan só represión e esta illa é o emblema do sufrimento da máis inmediata posguerra. Porén, alí ficaron presos moitos homes de nacionalidades diferentes.  

Retomando os agradecementos, unha mención especial a Alba. Esta rapaza tan riquiña acolleume ao seu carón e, experta e curtida en coñecemento polas asistencias previas a este evento anual, actuou coma a miña guía persoal. E ao seu pai, un home moi sabio. Por último quero enviar un agarimoso saúdo a Sabela, a quen coñecín nesta interesante visita, e a Mario e a Silvia, os profesores que me guiaron na investigación histórica dos tempos máis recentes. 

Video da CRTVG sobre os actos celebrados este 18 de xullo na Illa de San Simón.
Aitor González Bamio
+ artigos

Estudante de Historia na Facultade de Xeografía e Historia da USC.

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.