A MESTRA DAS NENAS DA ESCOLA DO PADROADO DE MASSÓ
Texto elaborado por Óscar Rodríguez Martínez, socio fundador da Asociación A Illa dos Ratos, contando coa colaboración de Raquel González Corral, filla de dona Sagrario Corral e con fotos cedidas pola familia e pola A.C A Cepa.

Sagrario Corral Ferreiro naceu no barrio da Banda do Río de Bueu o 2 de novembro de 1914
Dª Sagrario Corral Ferreiro (1914-2007) será recordada sempre en Cangas como “a mestra da escola de Massó“, o lugar onde se gañou o cariño das súas alumnas pola súa proximidade e onde demostrou que para ela a súa gran paixón era a ensinanza.
Dª Sagrario naceu en Bueu en 1914, nun contexto marcado pola Primeira Guerra Mundial, no seo dunha familia numerosa. A súa proxenitora chamábase Amalia Ferreiro Otero, ama de casa natural de Ourense e nai de moitos fillos, o seu pai, Serafín Corral Pereira, que era de O Carballiño, dedicábase a compra, secado e distribución de polbo, motivo polo que aquela familia de ourensáns se instalaría en Bueu.
Curiosamente, a pesar da amplitude do seu núcleo familiar, Sagrario sempre dicía que podía presumir dunha segunda familia formada por papá Quinito e mamá Ramona, un matrimonio sen fillos que sempre a quixeron moito dende nena e cos que sempre podía contar cando precisaba algo.
Moitas mulleres da súa familia seguiron o camiño da docencia, seguramente inspiradas na súa avoa que fora a primeira muller directora das escolas do Carballiño alá polo ano 1880
A nai de Sagrario era moi relixiosa e acudindo regularmente a misa fíxose boa amiga de Dª Amalia Bolívar Sequeiros, a muller de D. Gaspar Massó García. Esta influencia facilitou que Sagrario fose seleccionada para unha praza de administrativo na fábrica de Massó, curiosamente en detrimento de D. Eugenio González Martinez (1913-2001), que anos despois se convertería no seu marido e no encargado dos pagos na fábrica de Massó en Cangas.

Pero a aspiración da moza non era ocupar o seu tempo neses mesteres. Sagrario quería ser mestra, como fora a súa avoa do Carballiño, unha vocación que tamén foi xurdindo en todas as mulleres da familia debido a que a medida que as máis maiores ían conseguindo a súa praza como mestras, axudaban as súas irmás máis novas a prepararse e as animaban para que fixesen o mesmo para obter un traballo que lles permitise ter unha independencia económica no futuro.
Aos 32 anos, logo de sacar a carreira de Maxisterio e as oposicións no 1945, Dª Sagrario Corral casou con D. Eugenio en abril de 1946 e meses despois incorporouse no seu primeiro destino como mestra en Monterrei (Ourense) nunha escola na parroquia da Magdalena onde vivía nunha pequena habitación na casa dunha familia do lugar.
Aqueles eran tempos duros, de moitas carencias, nos que a maioría da xente non o tiña sinxelo para conseguir alimentos ou pasar un inverno medianamente confortable.
As edificacións que acollían aquelas pequenas escolas tan apartadas no rural deixaban moito que desexar e que dicir do transporte do alumnado que as veces se realizaba en burro.
O soldo era moi pequeno e facía bo aquel dito de “pasas máis fame que un mestre de escola”. A morriña da familia tamén estaba moi presente, pero todo se soportaba grazas ao agarimo co que as xentes do lugar trataban aos mestres.
No ano 1952 Sagrario Corral volve ao Morrazo para facerse cargo da nova Escola do Padroado de Massó
No ano 1952 inaugurase dentro do complexo industrial en Cangas a Escola do Padroado de Massó, unha institución creada co obxectivo de que os fillos e fillas das mulleres da conserva e doutros empregados da fábrica puidesen recibir unha educación acorde cos valores da época.
Nese momento Dª Sagrario Corral estaba destinada en Muradás Beariz (Ourense) e xa fora nai do seu primeiro fillo, así que D. Eugenio non deixou escapar a oportunidade de propoñerlle a empresa que a reclamasen para facerse cargo da nova escola e que así puidera producirse o reagrupamento familiar.
Foi deste xeito como a mestra incorporouse con grande ilusión ao seu novo posto e comezou a impartir as súas clases a preto de cen nenos e nenas de idades comprendidas entre 6 e 14 anos, nunha aula mixta que estaba situada no ático do Hotel de Massó que se construíra dentro do complexo para facilitarlle un lugar onde pasar a noite ás persoas que viñan facer algunha xestión relacionada coa fábrica, e tamén para os traballadores solteiros que así o solicitasen.
Que a escola se constituíse como un Padroado, implicaba que o Estado era quen achegaba os mestres e a empresa debía encargarse de poñer un local acondicionado onde impartir as clases, o mobiliario, o material e facerse cargo do mantemento das instalacións.
A aula tiña un baño para os nenos e outro para as nenas e tamén un bebedeiro dos de pulsar para a auga. Tamén dispoñía dunha pequena cociña onde se quentaba o leite en po que proviña da axuda americana.
Moitas das súas alumnas lembran con nostalxia aqueles recreos co cheiro ao leite feito con auga fervendo e ao que cadaquén lle engadía o cacao que traía da casa envolto nun cachiño de papel. Tamén recordan con agarimo aquel bendito radiador que lles facía levar mellor aqueles invernos tan fríos.

Dª Sagrario Corral e a súa familia viviron durante moitos anos nunha das casas do barrio do Salgueirón
Durante uns anos Dª Sagrario Corral viviu xunto a súa familia nunha das vivendas sociais do complexo industrial, moi cerca da escola, e quizais por iso cando saía da casa tiña o costume de levar caramelos no seu peto cos que agasallar a algúns dos pequenos que vivían tamén no barrio do Salgueirón.
Daquela eran veciños de Luis Baliño, tiñan un Seat 600 que aparcaban no garaxe da empresa (as”cocheras”) e como todos os que residían no barrio desfrutaban de auga corrente, algo que non había no pobo, e tiñan a súa disposición aos empregados da fábrica para o mantemento do inmoble.

Alí foi moi feliz xunto o seu fillo J. Carlos (1947), a súa filla Raquel (1958) e o seu marido, D. Eugenio González, que xa era o responsable de pagos da fábrica de Cangas, pero a partir de 1986 a familia mudouse a unha casa na Avda de Vigo que lle mercaron precisamente aos Massó. En todo caso, a mestra sempre estivo residindo no entorno da fábrica e iso lle facilitaba moito os seus labores.
Co paso dos anos as escolas de Massó dividíronse en tres seccións: Don Paco Gil Ambrosiani para os nenos, Dª Sagrario para as nenas e a señorita Montse para infantil
Cando Ana María Soto Landeira, a asistenta social de Massó, e D. Gaspar Massó García impulsaron a construcción do parque de vivendas sociais dentro do complexo industrial da empresa en Cangas, decidiron reformar o seu hotel para transformalo en 11 vivendas.
Nese intre, tomouse tamén a decisión de pasar a escola mixta que estaba no ático do edificio á planta baixa onde existía a antiga recepción do hotel e alí habilitar dúas aulas: unha para a educación das nenas, da que se encargaría Dª Sagrario Corral, e outra para os nenos, que estaría a cargo de D. Francisco Gíl Ambrosiani.

A pesar desta división do alumnado, típica da época, como a natalidade era moi elevada, había moitas alumnas matriculadas. Nesas condicións, a actividade diaria era moi intensa e aínda que as veces viña algunha visita para impartirlle charlas ás nenas e iso lle daba un respiro a Dª Sagrario, porque era máis sinxelo manter a orde cando viña alguén de fóra, o resto do tempo a cousa se poñía bastante caótica e normalmente para poder atendelas do mellor xeito posible, a mestra tiña que botarlle moita imaxinación no día a día para a organización da aula.

Nalgunhas ocasións encargáballe as nenas maiores que se ocupasen das máis pequenas mentres que ela se ocupaba das medianas, as organizaba arredor da súa mesa e alí as poñía a ler nun círculo ou a practicar a súa caligrafía, que daquela era moi importante, ou ben facendo un ditado ou directamente copiando textos dun libro.
Cando tocaba repasar xeografía física e política contaban cunha ducia de mapas moi grandes e a toda cor, que colgaban duns eixos de madeira e que se enrolaban na parte superior do encerado.
Naquela escola aprenderon a ler e a escribir os fillos e as fillas das empregadas da fábrica, pero tamén unha boa parte das persoas que estaban traballando nela aproveitando que a empresa poñía a súa disposición unhas clases nocturnas.
Ademais Dª Sagrario, por vontade propia, abría as portas da súa casa para axudar ao alumnado que necesitaba reforzos fora do horario lectivo, e como era unha muller moi católica e crente practicante tamén preparaba ao alumnado para facer a Primeira Comuñón e distribuía entre eles as huchas e os sobres para pedir diñeiro para “os chinos” nas campañas do Domund.

A pesar dese fervor relixioso que profesaba e da importancia que lle daba aos valores tradicionais, sempre lle inculcou a súa filla que por ser muller, non era menos que ninguén e dende moi noviña fíxolle ver a importancia de lograr a súa independencia económica empregando algunhas frases que calaron nela como “tus horquillas las compras tú“.
No día a día, D. Eugenio tamén axudaba a fomentar a igualdade no fogar e moitas veces se encargaba el de facer a compra ou cociñar, algo que se lle daba moito mellor do que pensaba.
Dª Sagrario Corral incorporouse ao claustro do novo CEIP San Roque de Darbo cando a Escola do Padroado de Massó pechou as súas portas e alí estivo en activo ata os 70 anos
Durante todos eses anos de exercicio das súas funcións, Dª Sagrario Corral contou coa complicidade de Ana María Soto Landeira para mellorar a vida daquelas nenas que en moitos casos acabarían traballando máis tarde na fábrica.
Sempre loitaron porque as familias mandasen á escola a todas as súas fillas e non caesen na tentación de seguir a tendencia habitual, que era enviar soamente a unha delas e deixar o resto na casa para que se encargasen de axudar no coidado dos irmáns pequenos ou nos labores do fogar.
Quizais por esa preocupación que Dª Sagrario demostraba por elas, estableceuse unha relación tan importante de complicidade entre a mestra e as súas alumnas que incluso anos despois de ter rematado a súa etapa escolar, moitas delas non dubidaban en escribirlle unha carta ou acudir a súa casa para pedirlle consellos sobre problemas persoais que lles xurdían en relación ao traballo, a familia ou a crianza dos seus fillos e fillas.
Cando a escola pechou en 1974, ela e o seu alumnado trasladáronse ao novo grupo escolar de San Roque en Darbo que foi inaugurado o 13 de setembro dese mesmo ano coa presenza da canguesa Olga Fernández, que posteriormente sería elixida Miss España, e coa actuación dunha parella de baile galego, preparada por Carmiña Pérez Alonso que deleitou as autoridades presentes.
Dª Sagrario gozou coa súa profesión ata o dia que chegou a súa xubilación, que por certo alongou ata os 70 anos, recibindo moitas mostras de agarimo por parte dos seus compañeiros, do alumnado e da asociación de pais e nais.
Está claro que as boas mestras e mestres, aínda xubilados nunca deixan de selo, e Dª Sagrario Corral sempre será unha mestra moi querida e lembrada polas súas alumnas, e aínda que a súa figura xa pasou a formar parte da memoria colectiva da vila, ben merecería no futuro que o Concello lle dedicase unha rúa cando se urbanice o antigo complexo industrial de Massó.

Queremos agradecer a Raquel a súa colaboración para a elaboración deste artigo sobre a súa nai, da que debe sentirse moi orgullosa tanto polos valores como pola educación que lle inculcou as súas alumnas, mellorando as súas vidas para sempre e deixando un pouquiño da súa esencia en cada unha delas.
Óscar Rodríguez Martínez
Socio fundador de A Illa dos Ratos.
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/02/06/2020
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/20/10/2020
Un comentario
Alberto
Eu como alumno da escolá de nenos de D don Paco coñecin a D Sagrario gran mestra y gran persona e por suposto que se merece unha rúa co seu nome un saudo