RECOÑECER BUEU NA PRIMAVERA DE 2026
Texto elaborado por Óscar Rodríguez Martínez, socio de A Illa dos Ratos.
Logo de cumprir 10 anos de actividade con máis de 900 rutas realizadas nos tres concellos do Morrazo e a punto de superar os 26.500 asistentes, este ano volvemos a organizar un programa de rutas guiadas en Bueu.
A Asociación A Illa dos Ratos organiza o programa “Recoñecer Bueu 2026”, un programa de dez rutas guiadas gratuitas que se desenvolverán ao longo de todo o ano nas que trataremos de poñer en valor a historia e a cultura dalgúns espazos da vila, que será posible grazas ao apoio de A Centoleira, Pastelería Nel Freire, Clínica Veterinaria Bueu, O´Farol, Cafetería Jardín, Centro de Día Pescadoira, Casa Videira, Librería Miranda, Abril centro educativo e Panadería A Bicha.
“Recoñecer Bueu na primavera 2026” a través de catro rutas
O noso obxectivo será que os asistentes coñezades dun xeito ameno e didáctico algúns dos lugares máis importantes e fermosos de Bueu, resaltando os seus valores naturais, culturais e etnográficos.
O programa comezará o vindeiro 14 de marzo coa ruta titulada “Mulleres da historia de Bueu”, e continuará o 22 de marzo coa “Intermareal de Agrelo”, o 26 de abril con “Massó, a orixe” e o 24 de maio con “Ermelo, o berce do Morrazo”
Na ruta “Mulleres da historia de Bueu” faremos un percorrido durante o que coñeceremos algunhas das mulleres e colectivos femininos máis importantes da historia da vila, figuras importantes de diferentes épocas con nome propio como a mestra Matilde Bares, a filántropa Amalia Domínguez Búa, a recadeira “A Mundina”, ou as poetas Lucía Novas e Miriam Ferradáns. As súas achegas a sociedade se mesturarán con alusións a colectivos máis anónimos como as peixeiras, as mariscadoras ou as redeiras, protagonistas do matriarcado do mar.

A “Intermareal de Agrelo“ será guiada pola oceanógrafa e educadora ambiental Lucía Sotelo e percorrerá o entorno natural no que se atopan as praias de Loureiro, Agrelo e Portomaior, un espazo con gran biodiversidade e riqueza natural.
Visitaremos as pozas da zona intermareal da praia de Agrelo para observar a flora e a fauna mariña que vive nelas e que ten que adaptarse cada día ás condicións cambiantes que se producen cando sobe e baixa a marea.
Trátase dunha ruta moi interactiva na que se poderán ver e tocar diferentes especies como os ourizos, os tomates de mar ou algunha estrelamar.

A terceira ruta prevista será “Massó, a orixe” na que contaremos a historia da conserveira Massó e das diferentes xeracións que se encargaron de coller o relevo de Salvador Massó Palau, que chegara a Bueu en 1816.
Poremos especial atención a evolución das súas actividades industriais, primeiro de salgadura no «Almacén do Rei» e logo da conserva en «La Perfección» e na moderna fábrica de Bueu inaugurada en 1926 e pechada en 1992.
Tamén haberá tempo para curiosidades e anécdotas: como era o día a día das traballadoras, as súas ocupacións e preocupacións e a importancia que tivo a actividade conserveira para a súa incorporación ao mundo laboral.

Para completar o programa remataremos coa ruta “Ermelo, o berce do Morrazo“ na que faremos unha viaxe no tempo para coñecer a relevancia histórica dese núcleo poboacional do que xa no Concilio II de Braga, aló polo ano 572, se falaba como o “berce do Morrazo”.
Tras varios séculos de esplendor, o seu importante mosteiro foi entrando en declive debido a diversas circunstancias como o escaso número de habitantes, a marcha dos monxes beneditinos que atendían o mosteiro, ou a eclosión das outras parroquias da nosa contorna.

Os participantes en “Recoñecer Bueu na primavera 2026” terán un 10% de desconto en Pink Souba Clothing
Os participantes nas nosas rutas de primavera en Bueu poderán beneficiarse dun 10% de desconto en Pink Souba Clothing presentando na tenda un flyer que entregaremos ao rematar as rutas.

Se estades interesados en asistir teredes que darvos moita présa porque as prazas son limitadas e a demanda moi elevada
Os interesados deben inscribirse previamente por whatsapp no 611 08 08 53 indicando un nome completo, a ruta e o número de persoas que desexan asistir.
Nun principio teremos un límite de 35 prazas por ruta e unha vez sexan completadas, habilitaremos as correspondentes listas de espera que xestionaremos de forma activa.
Coma sempre as nosas rutas son totalmente gratuítas pero ao finalizar os percorridos, @s nos@s guías ofrecerán aos asistentes a posibilidade de facer unha colaboración simbólica e voluntaria a favor da nosa asociación que empregaremos para a realización doutros proxectos.

VÉN DE RUTA COS RATOS ¡¡¡
Óscar Rodríguez Martínez
Socio fundador de A Illa dos Ratos.
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/02/06/2020
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/20/10/2020

Deixa a túa resposta