Sendeiro de Rialdarca
Unha senda con identidade propia
Dende o ano 2005 ata a actualidade, veciños dos barrios deste val de Moaña, decidiron organizarse para tratar de poñer en valor un entorno ao redor dunha senda que durante moito tempo fora unha vía de comunicación moi empregada entre o centro do pobo e os barrios próximos a San Martiño e a "Moaña alta", dentro dunha zona cun enorme uso agrario, muiñeiro e para o lavado tradicional de roupas. No ano 2019, da man do concello de Moaña, vén de elaborarse unha estratexia para converter a medio prazo este entorno nun corredor ambiental que vertebre diferentes barrios desta zona da vila. Daremos un dobre enfoque á ruta:
- Por unha banda, seguindo un enfoque ambiental, trataremos o problema das especies invasoras e outras ameazas ambientais que se aprecian neste entorno natural e dos seus efectos sobre o ecosistema autóctono no que atopamos especies ameazadas como a anguía europea, anfibios endémicos de Galicia, aves rapaces e ata 15 especies de árbores autóctonas.
- Por outra, centrarémonos no aspecto etnográfico e utilizaremos as características, historias e anécdotas de Rialdarca como exemplo para coñecer como era a vida no rural galego baseada no cultivo do campo, especialmente de millo e viño, que xogaban un papel moi importante na economía familiar.
A vida no rural galego
Ruta axeitada para todo tipo de persoas que gusten da natureza e lles interese coñecer como era a vida no rural baseada na agricultura e o cultivo e moenda do millo.
Fervenzas, carballos e muíños
Seguindo o cauce do río veremos fermosas fervenzas e pasaremos por varios antigos muíños que xogaban un papel moi relevante na vida dos nosos antergos.
Percorrido
Este é o itinerario que faremos na ruta
DESCUBRE MOAÑA
Se queres coñecer Moaña dunha forma diferente e guiada, consulta as seguintes rutas que temos deseñadas