LIBRO DENDE O MORRAZO PARA O MUNDO, E VICEVERSA.

Texto elaborado por Anxa Correa, editora en Rinoceronte. 

Rinoceronte Editora é unha pequena editorial radicada en Cangas de tradución de literatura internacional ao galego, que comezou a súa actividade hai xa quince anos. Nos últimos tempos, publicamos no noso selo principal un par de obras de autores estranxeiros que ofrecen o seu punto de vista sobre este recuncho do mundo, durante as súas viaxes ou estadías no noso país.

Autores extranxeiros cunha visión persoal e diferente de O Morrazo 

O primeiro deles é John S. Potter, un cazatesouros estadounidense que nos anos 50 chegou á ría de Vigo coa intención de recuperar o tesouro da Batalla de Rande, cun equipo de mergulladores.

No libro Tras o rastro do Santo Cristo de Maracaibo recóllense algúns acontecementos da época que tiveron gran repercusión en Moaña, coma o seguinte:

“Na mañá do 10 de novembro de 1956, coa marea baixa, acháronse os corpos afogados e machucados de dous mariñeiros na costa das illas Cíes, no seu lado que daba a mar aberto. Unha arrepiante noticia circulaba entre varias familias estreitamente emparentadas de Moaña, unha pequena vila pesqueira na beira norte da ría de Vigo. Un dos seus barcos pesqueiros desaparecerá no mar. A bordo ían vinte e cinco homes e rapaces.”

Os titulares do xornal do día seguinte confirmaban a terrible noticia:

Consternación en toda a ría pola catástrofe do Ave del Mar

Chega a mil o número de persoas afectadas por esta gran traxedia

Nalgún momento da noite do día 9, cando o pesqueiro de vinte toneladas con ese romántico nome buscaba no medio da néboa e da choiva o camiño de regreso a porto, batera contra os arrecifes do lado das illas Cíes que daba ao océano, e fora esnaquizado polo axitado mar.

Dende Vigo enviaron dous mergulladores a buscar os corpos das vítimas. Deixáronse caer á auga coas súas cordas e mangueiras de aire, e chegaron a un leito mariño de ásperas agullas de pedra e barrancos retortos, cubertos baixo unha selva de algas. Limitados polo seu aparatoso escafandro, tiveron que renderse sen atopar nin un só fragmento dos restos do naufraxio.

Potter retrata a sociedade daquela época na nosa comarca dende a perspectiva dun norteamericano. Algo diferente ao que ofrece Christina Lilliestierna en Vivir na fin do mundo,  no que a xornalista e escritora sueca relata a súa nova vida na Galicia de finais da década de 1960.

Lilliestierna non é unha viaxeira que vén a Galicia buscando tradición e primitivismo, senón que se converteu na nosa paisana sueca. Dende o Pazo do Cadro de Marín, escribe sobre os vellos costumes dos nosos devanceiros, as súas prácticas máxico-relixiosas, o xeito de cultivar a terra e de enfrontarse as doenzas. Destacamos o episodio no que a autora planea unha exposición de artistas locais  na súa casa e ten que ir ao Hío a buscar a Manuel Coia:

“A aldea chámase Hío. Está na punta do Morrazo e ten sona polo seu gran cruceiro de pedra, no que unhas vinte persoas forman un grupo arredor do crucificado. A estrada remata na aldea. Preguntamos por Manuel Coia, o escultor: onde vive? Ninguén sabe, menean a cabeza. Non hai ningún escultor. Será o carpinteiro? Pero o carpinteiro chámase Pérez. Seguimos preguntando. Imos ata a igrexa, a carón do cruceiro. O cura terá que saber. Pero antes de chegar xunta o crego batemos cun rapaz:

–Sabes onde vive Manuel Coia Franco? –mellor evitar o termo “escultor”. Si que o sabe, pero non é aquí, senón máis aló, nunha aldea máis pequena. El pode amosarnos o camiño. É moi ruín, pero pódese chegar no coche.

Nerga está aínda máis metida no mar. Alí remata o camiño de todo, de súpeto, diante dunha casoupa branca. Haberá sequera luz eléctrica? Seguimos a pé polas rodeiras dos carros no granito, entre maceiras e valados tortos que medran sobre as rochas. O rapaz pasa diante e indícanos unha porta nunha costa; alí vive Coia. E desaparece coma se tivese medo de que o visen.

A porta lévanos a un galiñeiro pequerrecho. Media ducia de galiñas de pescozo desplumado peteiran nunha eira porcallenta. Ábrese unha ventá por riba das galiñas e aparece unha vella:

–Agarden, agarden, agora baixo.

E baixa a escaleira do que pensabamos que era o galiñeiro. É unha muller fraca e encurvada cun pano negro sobre o cabelo gris. A consabida trenza asoma coma unha corda luída. Leva un neno con mocos no colo, envolto nunha saia vella.

Alí, entre as galiñas e as estrugas, preguntamos outra vez por Manuel Coia, o escultor.

–Manolo, si, vive aquí –fai unha indicación sinalando todo o galiñeiro. Sempre anda con cachos de madeira, pero non sabería dicir se iso é ser escultor ou un preguiceiro redomado. Agora non está, pero se queremos podémolo agardar na rúa, que xa chegará.

Agardamos “na rúa”, e a vella acompáñanos. Semella enfurruñada e de mal humor. Pregúntalles coa súa voz dura ás mulleres das casoupas próximas:

–Vistes se Manolo foi ás patacas ou quedou sentado na beira do mar, coma sempre?

As mulleres aseguran que Manolo foi ás patacas e que virá axiña.

A vella cóntanos as coitas que lle causa o xenro:

–Non quere traballar coma a xente normal e pode pasar o día enteiro na beira da mar ollando as ondas e fumando. Poderiamos ter unha vaca, coma os demais, pero el métese na bodega coas súas madeiras, e está ás veces día e noite. Ademais pecha con chave, e non se pode coller un toro de leña ou unha raíz para facer lume cando fai falla. Porque nin pola leña se preocupa. Nin falar! A mellor madeira que atopa agóchaa aí dentro: corta, brune, peta co martelo e bota noites enteiras aí metido, que nin durmir pode unha. É unha desgraza, un castigo, unha calamidade.”

Rinoceronte tamén ten algunhas publicacións relacionadas directamente co Morrazo

O Morrazo está presente noutro dos selos de Rinoceronte, Edicións Morgante, de carácter máis xeralista:

A carpintería de ribeira en Galicia (1940-2000) é unha obra de José María de Juan-García Aguado que explica de xeito detallado o proceso para construír unha embarcación de madeira de xeito prácticamente artesanal, acompañado de fotografías, ilustracións e gráficos. Achega información sobre os mestres construtores en Galicia, moitos deles de Moaña, como Marcelino Cancelas, Victoriano Santomé ou Pedro Rioboo Casqueiro, e sobre os astaleiros do Morrazo.

A historia dalgunha das industrias máis importantes da comarca está presente tamén na obra  As canteiras do litoral moañés de Tamara Campo Táboas, unha investigación novidosa e amena sobre a actividade de extracción de pedra nos montes de Moaña durante a primeira metade do século XX, e a raíz da cal a Asociación A Illa dos Ratos deseñou a ruta “Canteiras do litoral de Moaña”.

Redacción A Illa dos Ratos
+ artigos

3 comentarios

  1. Rutas guiadas na primavera de 2024 » A Illa dos Ratos

    […] “As illas dos Deuses” (Serafín Parcero, cortesía da Editorial Xerais), ou “Canteiras do litoral de Moaña” (Tamara Campo Táboas, cortesía de Rinoceronte Editora e o seu selo […]

  2. Rutas guiadas de primavera 2024 » A Illa dos Ratos

    […] de Moaña), «As illas dos Deuses» (Serafín Parcero, cortesía de la Editorial Xerais), o «Canteiras do litoral de Moaña» (Tamara Campo Táboas, cortesía de Rinoceronte Editora a través de su sello […]

  3. Rutas guiadas para a primavera de 2023 » A Illa dos Ratos

    […] “As illas dos Deuses” (Serafín Parcero, cortesía da Editorial Xerais), ou “Canteiras do litoral de Moaña” (Tamara Campo Táboas, cortesía de Rinoceronte Editora e o seu selo […]

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.