O COMEZO DO SENDEIRO DE RIALDARCA: O PONTILLÓN E O RÍO DO INFERNO
Texto elaborado por David Pereira Martínez, arquitecto urbanista e investigador da Universidade da Coruña, membro do equipo da Estratexia Rialdarca.
O Sendeiro de Rialdarca parte da actual praza do Concello, onde está a oficina de turismo, no lugar do Pontillón. E cando comezamos esta ruta, é natural preguntarse: pero onde está O Pontillón? Onde está o seu río? E sobre todo, onde está o Río de Rialdarca? Pois algúns destes elementos seguen aí, visibles ou non, e outros están evocados na memoria colectiva, por exemplo nos nomes dos lugares.
Por iso este artigo tenta describir e axudar a interpretar o que hai, o que foi e o que pode ser o rico patrimonio cultural vinculado ós pasos, camiños e territorio.
Comezando coa primeira pregunta, este lugar chámase O Pontillón porque cando se fixo a estrada no cambio de século (entre o XIX e XX) houbo que facer un paso para salvar o río, e construíuse unha pontella, ou sexa unha ponte con vao pequeno, sen arco
Este Pontillón, cunhas pedras horizontais entre os muros laterais e o soporte central, que moitos aínda lembran en Moaña, pode verse na seguinte fotografía.
Na foto aparece tamén a entrada da finca de Montenegro (hoxe praza do Concello), da cal aínda se conservan as pilastras laterais de pedra. Ambos elementos, Pontillón e pilastras, nos falan da grande labor dos canteiros de Moaña (algúns de orixe portugués como contan os guías de A Illa dos Ratos na súa ruta “Canteiras do litoral de Moaña“) e da calidade do granito da zona.
Este saber facer pode verse aínda na estreita pontella vernácula que se conserva máis o leste, na Porta do Sol, e que, por comparativa, nos explica o sufixo final -ón do topónimo Pontillón, pois era unha pontella ancha de estrada e símbolo monumental da modernidade no cambio de século.
Como aínda se aprecia nesta foto, este lugar era antes moi diferente: era unha gran xunqueira onde se lavaba no río e se tendía a roupa ó clareo.
Desta maneira, este Pontillón – variedade dialectal local de pontillón–é normal que se convertera nun lugar de referencia, pois simbolizaba o progreso ó permitir cruzar a Xunqueira sen ir pola volta, nin mollar os pés. Hoxe O Pontillón está desaparecido pero nos queda o nome do lugar que nos permite contar todo isto.
No Pontillón confluían o Río do inferno e o Río de Rialdarca
E se había un paso, é que había un río inda que agora non o vexamos. Aquí no Pontillón confluían o Río do inferno e o Río de Rialdarca. Desgraciadamente, como pode verse na seguinte foto, hoxe están entubados debaixo das rúas e só se ve a desembocadura ó mar.
O cegado destes ríos, aparte dos problemas medioambientais que causou (rotura entre os ecosistemas río-marisma co arrastre natural de sedimentos e problemas para a fauna, como a anguía), supuxo unha perda da nosa memoria, pois hoxe non se recoñece nin se entende este lugar. É de esperar que nas próximas décadas, coas políticas de adaptación ó cambio climático (maior frecuencia de episodios extremos e leve subida do mar), estes ríos poidan descubrirse como xa fixeron outras moitas cidades. Sería doado de facer no paseo e na Praza do Concello, pero tamén posible cunha humanización das rúas indicadas, quedando así unha zona máis atractiva a carón da oficina de turismo e recuperando a memoria do lugar.
O tramo baixo do Sendeiro de Rialdarca: os camiños de pés e as levadas a muíños e campos
Cando entramos no Sendeiro de Rialdarca, podemos pensar en como eran a maioría dos nosos camiños antes: modestas sendas de pés que se mantiñan polo traballo dos veciños e polo propio camiñar da xente (“pasiño a pasiño, vaise facendo o camiño”).
Por este coidado estaban sempre moi integrados e en harmonía co seu entorno, de aí que hoxe podamos apreciar o seu encanto. Pero tamén tiñan as súas limitacións, por veces cando chovía podían enlamarse e había que dar un rodeo.
Outras veces, como contan as historias das veciñas de idade de cando eran mozas, cando había présa ou se chegaba tarde á festa, se o camiño estaba enlamado –o San Martiño é en novembro – había que coller os zapatos de festa na man e meter o pé na lama, e logo lavar os pés no río ou rego, para chegar á festa cos pés. E é que os camiños son unha parte importante da nosa historia e do noso patrimonio.
Estes camiños de terra arrastraban unha gran sabedoría popular, como pode verse no comezo do sendeiro na seguinte foto na parte da esquerda: o camiño está xusto na parte baixa dos terreos de elevada pendente (aproveitados de sempre con árbores para madeira, xa que non podía ser labrado) e coa levada lateral de auga para rego das fincas do Prado das Barxas – outra vez a toponimia falándonos do carácter do lugar.
A Estratexia Rialdarca pretende recuperar e poñer en valor o sendeiro e os seus elementos patrimoniais sen perder o seu carácter
Neste primeiro tramo público do camiño fíxose unha actuación modesta de limpeza do rego e un paso de madeira que serve de exemplo de como a Estratexia Rialdarca pretende recuperar e poñer en valor o sendeiro e os seus elementos patrimoniais sen perder o seu carácter.
Esta intervención estaba ademais ligada ó primeiro conxunto de elementos que nos imos atopar poucos metros máis adiante e que poden apreciarse na foto da dereita: formado polo Lavadoiro da Xeira, o Muíño da Xeira, unhas escaleiras e a fervenza, que se escoitaba metros atrás.
O estudo do muíño e lavadoiro, así como a propia reparación deste mantendo o seu uso actual como balsa de rego – traballos realizados polo arqueólogo Alexandre Paz Camaño, coautor da Estratexia Rialdarca – teñen o seu interese e valor etnográfico propios, polo que deberán ser explicados convenientemente nun dos próximos paneis informativos a instalar no sendeiro e/ou noutro artigo.
O que si debe avanzar este artigo sobre o patrimonio dos camiños e pasos é a adaptación desta intervención para manter o carácter da senda, por un lado a instalación de pequeniños postes de madeira para protexer a caída na parte horizontal, e por outro a remodelación de escaleiras dun desnivel que non é casual: os muíños están sabiamente colocados nos puntos de maior desnivel, neste caso aproveitando o salto de auga da fervenza, e ó lado dos muíños encontraremos sempre unha subida.
Polo contrario, no resto, o camiño vai seguindo as levadas de auga do rego, que son case horizontais. Tramos sen case pendente e subidas van ser constantes nas seguintes partes do Sendeiro de Rialdarca, o que pode permitirlle ós visitantes recoñecer respectivamente os espazos das levadas de auga e as ruínas dos muíños.
Os camiños de carro: á Gándara, ó Pedroso e ós muíños
O Sendeiro de Rialdarca segue por servidumes (dereitos de paso por terreos con dono) ata chegar ó camiño da Gándara, hoxe asfaltado e ancheado, pero antes camiño de carro como os que comunicaba uns lugares con outros. Este camiño pasa polo conxunto do Muíño de Trigo e a fonte e o lavadoiro da Gándara – que merecerían tamén outra explicación aparte – e termina nun cruce importante de camiños, como pode verse na seguinte imaxe, ó fondo, cun dos postes instalados para marcar as direccións.
Neste cruce por un lado está mencionado camiño da Gándara, que conecta coa parte alta da Seara. Despois o camiño do Pedroso, que por un lado sobe a Abelendo e está asfaltado no primeiro tramo, e polo outro sobe ó alto do Pedroso e continua ata Meira. Na foto poden apreciarse estes tramos como os que parten do sinal do fondo cara á dereita, e do sinal da esquerda cara este mesmo lado.
E por último o camiño de carro que utiliza o Sendeiro de Rialdarca para seguir subindo e para pasar por tres muíños, o de Pereira, o de Saiñeiro e o de Sanchelán. Como explicamos antes, podemos fixarnos en que o río e os regos acompañan ó camiño nos tramos máis horizontais, e que ó lado dos muíños atopamos unha subida ata o seguinte tramo horizontal, onde podemos descubrir a entrada da auga a cada muíño.
Debemos destacar estes camiños de carro pola memoria que os acompaña e pola súa especial escala humana
Por unha parte, estes camiños foron pensados para os lentos carros – de bois ou tirados a man – e eran as principais vías de comunicación dende o medievo entre os lugares, o equivalente das estradas actuais, que só aparecerían co cambio de século do XIX ó XX. Así estes camiños permiten imaxinarnos outra forma de pasar o tempo, sen horarios apertados, pero nos que nos períodos de colleita e moenda eran un ir e vir de xente atarefada.
Estes camiños contaban cos seus elementos de grande valor: muros laterais, pontellas, incluso empedrados nalgúns tramos con máis pendente ou lama. E tamén posúen unha especial escala coa súa reducida anchura de algo menos de 2m, pois esta é unha medida coa que se fai agradable pasear e que integra o camiño en harmonía coa paisaxe circundante.
Moitos destes camiños de carro desvirtuáronse ó ampliarse e asfaltarse como pistas, como o do final da Gándara, pero aínda poden humanizarse con outros acabados máis amables e de forma compatible coas necesidades dos residentes. Pero os camiños que chegaron a nós ben conservados, como o tramo da foto, cómpre coidalos e poñelos en valor para o desfrute das vindeiras xeracións.
Despois do Muíño de Sanchelán, o Sendeiro de Rialdarca continúa ata a estrada e a atravesa, e seguindo ata o monte vai amosando outros camiños, pasos e elementos da memoria, que describiremos nunha segunda parte deste artigo.

David Pereira Martínez
Arquitecto urbanista e investigador da Universidade da Coruña
Membro do equipo da Estratexia Rialdarca.
-
David Pereira Martínez#molongui-disabled-link
2 comentarios
Rialdarca, patrimonio e memoria: pasos, camiños e territorio (II) » A Illa dos Ratos
[…] primeira parte deste artigo describiuse o patrimonio asociado ós camiños da parte baixa e máis coñecida do […]
Rialdarca, patrimonio y memoria: pasos, caminos y territorio (II) » A Illa dos Ratos
[…] La primera parte de este artículo describía el patrimonio asociado a los caminos de la parte baja y más conocida del Sendero de Rialdarca. En esta segunda parte explicaremos y daremos apuntes para interpretar mejor los pasos, el territorio y la memoria de la parte alta y menos conocida, en los alrededores y por encima de la carretera de Marín (PO-551). […]