PONTES DE PEDRA ANTIGAS COMO PATRIMONIO ESQUECIDO

Texto elaborado por David Pereira Martínez, arquitecto urbanista e investigador da Universidade da Coruña, membro do equipo da Estratexia Rialdarca.

Na primeira parte deste artigo describiuse o patrimonio asociado ós camiños da parte baixa e máis coñecida do Sendeiro de Rialdarca. Nesta segunda parte explicaremos e daremos notas para interpretar mellor os pasos, o territorio e memoria da parte alta e menos coñecida, na contorna e por riba da estrada de Marín (PO-313).

O paso da estrada de Marín: as pontes de pedra antigas como patrimonio esquecido

Durante a elaboración da Estratexia Rialdarca, estudouse con detalle a evolución deste territorio ó longo do tempo. As estradas chegaron moi tardiamente a un país que xa tiña a súa rede camiñeira tradicional (como vimos na parte primeira) e viñéronse a superpoñer a ela, por iso os camiños case sempre continúan a un lado e outro da estrada, porque primeiro foron os camiños e logo chegou a estrada.

Nas seguintes par de imaxes aéreas de 1956 e 2017, coa mesma escala e extensión, pode verse esta rede de camiños tradicionais no territorio e como cambiou o espazo entre Sanchelán e Sabaceda.

RIALDARCA, PATRIMONIO E MEMORIA

Nos interesa explicar este espazo porque aquí se unen os afluentes que forman o Río de Rialdarca, que poden adiviñarse na foto antiga da esquerda seguindo as masas escuras das árbores entre os campos intensamente cultivados. Así mesmo na mesma foto podemos apreciar como estes afluentes cruzaban a estrada de Marín por dúas curvas, hoxe rectificadas nunha soa, onde están as dúas pontes de pedra orixinais da estrada, unha máis próxima a Sanchelán e a outra a Sabaceda.

Non sabemos a datación exacta destas pontes de valor patrimonial, pero alomenos en 1940 xa figura a estrada nos traballos para os mapas do Instituto Geográfico. A traza destas antigas curvas da estrada orixinal son aínda visibles nos ensanches da actual. Non foi ata despois dos anos 70 que se modificou a estrada de Marín e fixéronse as ampliación das pontes que hoxe vemos en formigón armado e que constitúen un paso inferior para cruzar a estrada con seguridade.

Debemos agradecer ós construtores das pontes orixinais que as fixesen de forma ampla, pois estas dimensións históricas foron respectadas na ampliación, nunha época onde xa se facían unhas obras con menor amplitude. Despois nos anos 80 ata o 2000 foron aparecendo a gasolineira e as diferentes naves que vemos na actualidade e a partires do 2000 foron pouco a pouco restando cada vez máis espazo ás beiras do río. 

Nas seguintes imaxes poden apreciarse as pontes de pedra da estrada ás que nos referimos, a esquerda a de Sabaceda e á dereita a de Sanchelán, que xa é utilizada polo Sendeiro de Rialdarca.

RIALDARCA, PATRIMONIO E MEMORIA

Trátase de dúas pontes antigas con notable interese histórico-artístico sobre os dous afluentes de Rialdarca, sendo a máis grande a máis próxima á gasolineira

Non temos unha datación exacta, pero sabemos que son as orixinais da estrada Moaña-Marín e que esta estrada é do cambio de século entre o XIX e XX, ó igual que a estrada Moaña-Vilaboa.

Hai que entender a lóxica destas novas vías na súa época (sen a ponte de Rande e sen coches), para unir Moaña á capital, Pontevedra, mediante as dilixencias e carros de cabalos, por onde antes só se chegaba por corredoiras e camiños de carro – como o do Pedroso e outros que foron explicados na primeira parte.

As dúas pontes presentan as características similares e a máis próxima a Sabaceda está no Catálogo de protección do PXOM. Teñen uns 4m de alto, 2,4m de vao e uns 6m de ancho, que era o que tiña a calzada da estrada orixinalmente. Teñen un baseamento de pedra lixeiramente sobresaínte, muros verticais e arco de medio punto. A súa pedra é de perpiaños regulares e ben traballados.

Estas novas construcións para as novas vías de comunicacións non soamente servían á súa utilidade, senón que bebían dunha grande idea de progreso. A incerteza que acompañaba á técnica na época facía que se tomasen todo tipo de precaucións, como dar máis espazo ós ríos ou engrosar os muros, o que fai que ós ollos dos nosos días nos parezan unhas estruturas maxestosas e moito máis xenerosas que as actuais. Así xeran menos problemas coas crecidas e dan espazo para pasar unha senda por baixo, como xa tiña proposto fai anos Ana Pastoriza do Creativo Rialdarca.

Na ponte máis próxima a Sanchelán xa hai unha actuación da veciñanza que permite utilizala para cruzar por abaixo a estrada, evitando perigos e permitindo observar os seus valores

Na ponte máis próxima a Sabaceda pódese entrar polo lado baixo, mais varias pedras da propia cornixa da ponte dificultan saír cara arriba.

No futuro ambas pontes deberían ser o paso seguro para rutas na natureza que unan o centro de Moaña con Hermelo e o monte Paralaia (Monte da Cruz). É de esperar que no prazo máis breve posible se poida facer unha actuación por parte das administracións (Concello, Augas, AXI estradas) para permitir un paso máis cómodo, unha posta en valor das pontes e unha limpeza e revisión.

A paisaxe de socalcos e levadas da parte alta da cunca de Rialdarca

Ó pasar a estrada, pode continuarse polos sendeiros seguindo os afluentes do río Rialdarca para por un lado ir a San Martiño e Hermelo (Bueu) e por outro ir á Fonte do Cabalo, ós Piñeiros e ó Monte Paralaia. Vamos concentrarnos no primeiro que vai subindo por Sanchelán por detrás do cemiterio municipal seguindo a servidume dunha levada de auga en desuso, como pode verse na imaxe inferior.

RIALDARCA, PATRIMONIO E MEMORIA

Esta é unha paisaxe que cambia respecto á da zona baixa co sendeiro máis consolidado. Agora pasamos por unha zona de campos de labradío – moitos deles hoxe só con herba – que chegan ata un río, xa con menos entidade, e que están dispostos en socalcos para salvar os desniveis do terreo, o que ilustra a típica estrutura agraria da zona.

Como os afluentes na zona alta xa teñen menos caudal, loxicamente a partires de aquí a xente sabiamente non construíu muíños e todas as levadas que veremos foron feitas para o rego dos campos, que os facía ser moito máis produtivos. Estes sistemas de regadío teñen moita relación co destino do sendeiro, con Hermelo e co seu antigo mosteiro, pois foron estes monxes os que introduciron no alto medievo estes sistemas de levadas e rego por gravidade que constitúen aínda hoxe a paisaxe agraria.

Seguindo subindo chegamos ó pé do Monte do Castro de San Martiño, onde como o seu nome indica, se encontra o castro onde vivían os habitantes do lugar antes da fundación da parroquia. Foron atopados diferentes vestixios históricos, e por eles sabemos que foi romanizado na súa última etapa, pero aínda non escavado.

Aquí ó pé do Monte do Castro, pode optarse por ir pola esquerda pola zona vella do Igrexario e admirar a arquitectura popular que rodea a igrexa de San Martiño do século XII, ou ir pola dereita e arrodear o Monte do Castro por unha zona forestal de menor pendente, para así continuar polo corredor verde que nos permite estar máis en contacto coa natureza. Ambos os dous camiños volven confluír por debaixo do corredor, e cruzando este nos levan a Monte Aberto (Área do Leñador) e Hermelo.

O paso do corredor e a conexión do Sendeiro de Rialdarca co monte

Resaltabamos ó comezo do artigo as pontes históricas da estrada de Marín (PO-313) porque nos falan dunha época onde as novas infraestruturas eran de gran calidade e servían a unha grande idea de progreso, integrándose de xeito moito máis natural co medio e permitindo ser atravesadas folgadamente polos ríos e os sendeiros.

Isto contrasta con novas infraestruturas como como o Corredor e Autovía do Morrazo, onde só se deixou unha exigua tubaxe para estes ríos que non permite nin permitirá ningún tipo de posta en valor, nin natural nin para o paso das persoas.

No caso do camiño dende Rialdarca pola Fonte do Cabalo e Os Piñeiros, a conexión co monte está ben solucionada, pois existe un paso superior por riba deste barrio que cruza a autovía e permite continuar o sendeiro ata a Cruz da Paralaia. Pero no caso deste camiño histórico que explicabamos entre San Martiño a Hermelo, esta conexión viuse cortada e hoxe hai que baixar á rotonda do corredor co enlace a Cangas para volver subir por unha costa de grande dureza.

Pola seguridade das persoas e para reconectar a Abelendo co seu monte, é de esperar que nalgún momento se poida facer un paso superior neste punto sobre o corredor que restitúa o camiño histórico e devolva este sentido e memoria a esta ruta, a cal non se pode entender sen a súa conexión con Hermelo.

Esperemos que no marco do desdobre do corredor ou do falso túnel de contención da ladeira a executar, as administracións sexan sensibles para realizar este paso superior que poña en valor e acabe de completar este Sendeiro de Rialdarca que conecta mar e monte, o novo centro de Moaña co antigo centro de Hermelo.

Sirva este artigo en dúas partes como reflexión da potencialidade deste corredor ambiental e cultural, a todos nos tocará reclamar o seu coidado e respecto.

Queremos dar as grazas a David Pereira por regalarnos estes dous interesantes artigos que nos aportan unha visión global da Estratexia Integral para a recuperación do val de Rialdarca.

David Pereira Martínez
+ artigos

Arquitecto urbanista e investigador da Universidade da Coruña

Membro do equipo da Estratexia Rialdarca.

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.