O  VELLO MILITAR REPUBLICANO

Texto elaborado por Luis Chapela Bermúdez, coñecido popularmente como Luis da Roxa, de Tirán en Moaña.

Estreamos esta sección de relatos que gardan relación coa guerra civil española e que foron elaborados no seu día polo autor e cedidos agora ao noso blog.

Neste primeiro relato Luis da Roxa inspirouse nun veciño de Moaña, que era afiliado a CNT e que fixo o xordo para librar da Mariña. Faise referencia a un lugar chamado a Fonte do Ollo Corno que está na zona do Redondo e que antigamente pertencía ao Pazo do Rosal. Agardamos que vos guste ¡¡¡

” Aquel home vello e enfermo, sempre vestido con aquela gabardina de militar, para min comezou a vivir aquela tarde de primavera que o atoparon morto nun banco do paseo da beiramar, tapado coa propia gabardina.

Foi unha tarde como esa, cando me contou estas cousas Sra. Carmela, máis coñecida por “ a fala pouco “, ela si coñeceu aquel home e incluso lle tiña dado de comer algunha vez.

Díxome que lle parecía que se chamaba Xacinto. Penso que algo de maldade e inhumano había dentro daquela sociedade que facía que aquel home, quizais un migallo trastornado non se soubera de que vivía, nin de onde, nin como, incluso a maioría da xente non sabia o seu nome e iso que pasaba todos os días polo medio da xente, ante a indiferenza de moitos e os insultos de outros.

Certo que na guerra e na posguerra se convertera como algo normal a brutalidade e a falta de sentimentos de case todos, perseguían e humillaban as persoas solitarias.

Recordo a unha muller chamada Lidia que bailaba e bailaba nas fontes con vestidos de moitas cores, bailaba sen descanso nas romarías, pero tamén traballaba fregando casas de xeonllos é non era para pedir perdón, nin para ir o ceo, se non era para sobrevivir.

Cando tocaba de andar co legón nas veigas, máis do mesmo, pero como era moi alegre e lle gustaba moito bailar, estaba mal vista e caia encima dela un feixe de comentarios mal soantes.

Aquel home, militar republicano e ex prisioneiro de guerra era primo de Lidia. Ela era moi coñecida e de comportamento moi gracioso, alegre, pero por suposto non loitara en ningún bando daquela guerra incivil.

Por outra banda Xacinto era un vencido, un pobre, por iso non se sabia nada del, durante moitos anos nin sequera o seu nome. A educación polo imperio e por deus nós deixou sen humanidade e sen memoria, nola secuestraron durante moitos anos.

El paseou a súa botella de viño tinto a medio encher polos camiños e rúas, se sentaba nos bancos, escadas e sempre coa botella ao lado. Foi a súa amante e o seu consolo, a súa fuxida e o seu esquezo.

Como xa dixera morreu so deitado nun banco e so tiña o seu lado a botella de viño tinto, desta vez baleira. O seu cadáver estaba tapado coa gabardina gastada e descoidada pola vida.

Aquela gabardina non deixou de poñela ningún día, a si fora verán ou inverno, despois das malleiras de fame que sufriu nas cárceres, onde o meteran por cumprir co seu deber e ser leal a democracia e a liberdade.

Un día antes pola maña seica pasou pola fonte do Ollo Corno, moi cedo coma sempre, lavouse un pouco, ninguén sabia onde ía durmir cada día. O vello militar se transformara en un alcohólico, vencido e insultado unha e mil veces polos mozos e non tan mozos daquela maldita posguerra, quizais pensou que so lle quedaba aquel camiño da liberdade, a botella de tinto.

Con todo  eu penso que este home nunca se rendeu, nunca. Desde aquela conversa con Sra. Carmela, pensei unha e outra vez que si ninguén chorou polo vello Xacinto, eu si, o recordo agora moito tempo despois e choro por el.

Sempre hai xente que di que algúns seguimos con historias dos avós, pois e certo, seguimos porque foron parte da humanidade e das boas persoas. Algúns como o vello militar, so con a súa botella, outros metidos en si mesmos e moitos mortos e exiliados da súa terra, da súa vida, polo tanto todos deberiamos respectalos e recordalos.

Xacinto pasaba ao lado da xente, calado, en calma, sen inmutarse escoitaba os insultos, as burlas que o réxime ensinara os cativos e mozos, a el entrábanlle aquelas palabras

“ Roxo, cabrón, tiñan que matarte na guerra…. “ e outras cousas. So cando pasaba por fronte do cuartel da garda civil, algunha maldición saia da súa boca. Era un personaxe que non lle gustaba a cor verde dos uniformes, seguro que moitas razóns tiña o home.

Pastora Salgueiro era a dona dunha taberna que estaba preto de catro camiños, ela era das poucas que sempre o respectou e o chamaba polo seu nome. Sr. Xacinto, así o recordan as súas fillas sendo unhas nenas, a súa nai o trataba ben, coma un señor.

Preguntando a outras persoas maiores contáronme que Xacinto fora enterrado no vello cemiterio, na terra, onde unha placa poñía “ o vello Xacinto Paredes Vilar “. De cando en vez a súa tumba tiña flores frescas, pero ninguén sabia quen as poñía, que seria o de menos.

Coa construción do novo cemiterio, desapareceu o vello e con  el os restos, que foron levados para unha tumba común. Ao final o vello militar non se sentira tan so, como cando transitaba os camiños en vida.

Aquela crueldade da posguerra durou o que durou. Despois viñeron uns anos onde todo se calmou e se volveu máis civilizado ata que a crise do capitalismo no 2008, trouxo de volta a crueldade da desigualdade e a pobreza de moitas persoas.

Canto vai durar, eu non o sei, eu so quería recordar a un fillo da guerra, a un militar republicano.

Non hai moito tempo camiñando atopei a un señor octoxenario sentado naquel mesmo banco onde acontecera o que contei, comezamos a falar e non sei porque lle dixen , sabe que neste banco fai moitos anos morreu un señor, respondeume si, xa o sei pero non era militar, a xente pensaba que si pola gabardina, pero esa peza de roupa era dun veciño da súa aldea que si fora a guerra… non sei si isto e verdade ou non, pero esta e outra historia para outra ocasión.

Luis Chapela Bermúdez , primavera 2017, Tirán

Luis Chapela Bermúdez, "Luis da Roxa" de Tirán
+ artigos

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.