MULLERES QUE COIDAN DAS ARTES DE PESCA TRADICIONAIS
Texto elaborado por Lucía Sotelo Nogueira, socia de A Illa dos Ratos e fotografías cedidas por A.C. A Cepa
Hoxe en día estar na rede é estar conectada co mundo, comunicarse e informarse, pero houbo un tempo atrás no que as redes eran só iso: un aparello de fíos e cordas que se entrelazaban co desexo de que con elas chegase unha boa marea.
As que somos de vilas mariñeiras sabemos da súa importancia, pero poucas persoas son conscientes da dificultade deste oficio e da pericia que hai detrás desas mulleres de mans fortes e habilidosas, rápidas, pero certeiras, curtidas polo frío e o paso da navalla, que xunto coa agulla son as súas ferramentas de traballo.
Son as mans de centos de mulleres redeiras e atadeiras que desde hai máis dun século veñen tecendo e arranxando avarías para que os barcos poidan traer o peixe a casa.
As redeiras e atadeiras non son unicamente un grupo de mulleres que reparan redes, porque en realidade as redes nunca foron só iso, sempre foron moito máis
Cando unha nena nacía nunha familia mariñeira no século pasado, sempre se dicía con ledicia “xa temos unha atadeira máis”, e isto sucedía porque arranxar as redes era unha tarefa considerada doméstica e que pasaba de nais a fillas, por iso resulta difícil avaliar cantas traballadoras había no oficio.
Hoxe en día as redeiras seguen desempeñando unha labor manual, tradicional e cualificada, unha arte sen a cal os barcos non poderían saír a pescar. Como elas din: “sen redes non hai pesca, sen pesca non hai redes”.
Segundo os datos do estudo “Diagnose sociolaboral das redeiras de Galicia” levado a cabo en 2022, o colectivo de redeiras estaba formado por un 91% de mulleres, un total de 342 traballadoras, onde tres de cada catro redeiras de España eran galegas, un dato que serve para destacar a importancia do mar na nosa terra e dar, se cabe, máis importancia a este traballo que nin as máquinas máis modernas son capaces de igualar.
A continuación enlazamos un vídeo sobre esta profesión no que se destaca o seu carácter esencial na cadea de axentes que interveñen na pesca, elaborado coa colaboración da Xunta de Galicia e co patrocinio do Xacobeo 21-22.
A integración das diferentes asociacións galegas nunha federación, foi clave para a visibilización do traballo das redeiras e atadeiras
Para dar a coñecer esta profesión, loitar pola súa dignificación e coordinar as actividades das diferentes asociacións de redeiras existentes en Galicia, constituíuse no ano 2004 a Federación Galega de Redeiras “O Peirao”.
Entre os seus obxectivos están loitar contra o intrusismo laboral, garantir o relevo xeracional, conseguir o recoñecemento das continxencias profesionais derivadas do seu traballo, e mellorar tanto as súas condicións económicas como laborais.
Para logralos levan a cabo numerosos proxectos e se forman en sostibilidade e reciclaxe, coñecedoras de que controlar o impacto do seu sector sobre o medio ambiente é vital para conservalo.
E sabendo que a rede non é só o que teñen entre as mans, dende outubro de 2018 desenvolven o proxecto “Redeiras nas redes”, unha iniciativa para amosar o seu traballo ao mundo e para que a xente que desexe formarse como redeira poida telo máis fácil, avanzando así na profesionalización do sector.
Para visibilizar e dignificar o seu traballo e lograr o recoñecemento das doenzas profesionais e a igualdade, no ano 2020 desprazáronse ata Bruxelas xunto con outras mulleres do mar, logrando o que nunca antes conseguirán: que as escoitasen en Europa.
Foi unha gran vitoria, pero as viaxes, reunións, o duro traballo e os esforzos realizados durante estes últimos 20 anos, tamén tiveron a súa recompensa a través de numerosos recoñecementos: medalla de ouro ao mérito no traballo, premio de excelencia á innovación para mulleres rurais, medalla Castelao…
Pero quizais o maior premio á súa loita chegou en marzo deste ano: coa nova lei de pesca sostible víronse, por fin, recoñecidos os seus dereitos coa concesión do coeficiente redutor que lles permite adiantar a súa idade de xubilación. De feito, era o único sector da pesca que non o tiña recoñecido.
A consecución deste fito foi celebrada polas redeiras na gala COE que tivo lugar o mes de outubro, onde ademais recoñeceron o mérito ao seu traballo ás 8 compañeiras que se retiraron este ano, sen perder de vista os seguintes obxectivos.
De todos eles, quizais o que máis apreme agora sexa a regulación profesional para que se garanta a supervivencia dun oficio que non ten relevo xeneracional suficiente. Actualmente o 20,4% das redeiras son maiores de 60 anos e a evolución do número de redeiras no réxime especial do mar nos últimos anos indica unha perda importante de profesionais, pasando de 541 mulleres en 2016 ás 342 de hoxe en día.
A das redeiras non é unha profesión sinxela, entre outras cousas porque adestrar as mans para as numerosas artes de pesca que traballan leva entre 3 e 5 anos de duro traballo. Conseguir que o oficio pasase a formar parte da formación profesional sería un avance importante nun traballo no que o apoio das compañeiras é fundamental.
As redeiras e atadeiras de Cangas crearon no ano 2004 a Asociación “O Cerco”, integrada na Federación de redeiras de Galicia
O papel das redeiras e atadeiras de Cangas é clave na actividade pesqueira da nosa vila e ao igual que sucedeu con compañeiras doutros portos mariñeiros, decidiron asociarse para ser máis fortes.
Así naceu no ano 2004 a Asociación de redeiras “O Cerco” de Cangas, formada por mulleres que levan as redes e o mar no sangue. Un exemplo é a súa presidenta, Pilar Nogueira, da que poderíamos dicir que é unha persoa moi orgullosa desa herdanza que a leva a vivir a súa profesión con orgullo e a loitar por mellorar as condicións do seu traballo, algo do que se beneficiarían as vindeiras xeracións.
O soño de Pilar Nogueira, redeira na busca dun tempo novo
Desde que comezou a traballar nas redes con 15 anos, Pili Nogueira xa viviu moitas épocas diferentes nas que houbo conquistas como o logro de ter unha nave para non ter que estar traballando á intemperie e tamén os inicios das loitas por lograr visibilidade ou por acadar a igualdade.
Agora sendo presidenta da Asociación “O Cerco”, representa a 21 socias, que o ano vindeiro serán 18 grazas a que 3 compañeiras poderán xubilarse coa aplicación do coeficiente reductor. Todas elas confían en Pili para levar a cabo a transformación necesaria que lles garanta un futuro mellor.
Queda moito por conseguir, pero como filla e neta de redeiras, estou segura de que o empeño de tantas mulleres non quedará en nada porque aínda que levan ás súas costas o peso das redes, teñen o apoio de todas as persoas que coma min saben o duro da súa profesión, e portan o legado de todas as redeiras que no pasado loitaron por saír adiante.
Mentres continúan loitando polos seus dereitos, elas seguirán traballando con mimo as redes, incluso nas condicións máis extremas, para que os barcos poidan saír ao mar.
Lucia Sotelo Nogueira
Socia fundadora da Asociación A Illa dos Ratos.
Licenciada en Ciencias do Mar pola Universidade de Vigo.
Educadora ambiental.
-
Lucia Sotelo Nogueira#molongui-disabled-link
Un comentario
Ana
Gustoume moito este artígo. Unha moi boa homenaxe.