UN PERCORRIDO POLA HISTORIA DE BUEU DENDE AS SÚAS ORIXES ATA A ACTUALIDADE

Arturo Sanchez Cidrás

Texto elaborado por Arturo Sánchez Cidrás, autor do blog acidras.blogspot.com onde recolle un impresionante traballo de investigación sobre a historia da Vila de Bueu.

Convidado polos amigos da Asociación A Illa dos Ratos a participar deste interesante proxecto que están sacando adiante, neste pequeno artigo vou achegarlles só unhas pinceladas do Bueu que se debe ter en conta sexas ou non veciño deste querido pobo que, segundo Gonzalo Torrente Ballester, “Era unha liña branca de casas á beira do mar, e máis casiñas brancas que rubían polas ladeiras do val… e anos despois, todo segue máis ou menos igual. As casas quizais non sexan todas brancas, quizais pruritos de modernidade estragasen a sinxeleza antiga e campesiña. Pero, de lonxe, non se nota…”

A súa paisaxe permítenos gozar de lugares onde o monte aínda agocha a maxia dalgunha carballeira e móstranos as fendas por onde baixa auga, muiñeira do millo, para alimentar de dozura un mar que cambia a súa faciana conxuntándoa coa cor do ceo.

Un mar que nos trae un litoral con louras praias salpicadas nunha costa onde a rocha e o verde enfróntannos á “Banda do mar” que se introduce no océano a través das illas de Ons e todo dentro dun marco cambiante de dourados atardeceres.

Vista xeral de Bueu tomada dende Chans.

Bueu foi un dos lugares onde xurdiron asentamentos poboacionais no Morrazo no periodo romano

Dende a máis remota antigüidade a Península do Morrazo acolle a pequenos grupos familiares que co tempo acabaron asentándose en outeiros. Os achados arqueolóxicos, tanto na parte continental do municipio como illado de Ons, remóntannos dende o neolítico, época castrexa, romanos, …

Moitos son os asentamentos que teñen como adscrición cultural o período romano. A maioría prolónganse ata o medievo ou, xa fondamente modificados, ata os nosos días. Destaca Pescadoira, complexo romano recentemente escavado no que podía apreciarse: unha pequena vila romana, forno ou alfar, salgadoiro,…, pedras de prensado, muíños de man, moedas, … e centos e centos de fragmentos de cerámicas, cristais, etc. Onde algunhas destas pezas amosan a singularidade de ser únicas no finis terrae peninsular: coitelo con mango, tapón cerámico con rosca,… (Depositados no Museo Massó).

Relevante é outro alfar anteriormente atopado nunha zona próxima, seguramente pertencente ao mesmo complexo. Nel había ánforas e tellas de distintas tipoloxías, algunha delas que poderíamos chamalas “tipo Bueu”. (as pezas atópanse no Museo Provincial de Pontevedra).

Dos séculos inmediatos á época romana temos referencias previsigóticas nun achado de relevancia como é unha fibela áurea do s. V atopada no lugar de Pescadoira. Esta xoia estaba entre as lousas de perpiaño e nichos dun pequeno cemiterio suevo…

De toda esta etapa é incluso anteriores é recomendable interesarse por algunhas pezas depositadas no Museo Massó (machados, lascas, …), visitar diversos petróglifos (os tres de Ons, Punta Escandiña en Beluso,…), ou diversas mámoas (Castiñeiras, Rapadoiro, Paralaia, Chan de Cela…) e castros (Mte. Castro e Udra en Beluso, Castrillon, Ons,…) ou a calzada romana ou verea de Meiro. Tamén existen algunhas estelas e aras romanas (Sabarigo e Meiro) e unha fibela que están no Museo P. de Pontevedra.

Na época medieval a Igrexa de Santiago de Ermelo foi perdendo importancia en favor de novos núcleos fundamentalmente agrícolas que darían lugar as parroquias de Santa María de Cela, San Martiño de Bueu e Santa María de Beluso.

No medievo entramos coa presenza de eremitas polos montes de Ermelo e máis tarde co seu agrupamento nun pequeno cenobio cunha pequena igrexa románica. Nos extremos da parede testeira da igrexa hai unhas inscricións conmemorativas da restauración (1104) da igrexa ordenada polo bispo Xelmirez.

HISTORIA DE BUEU - IGREXA DE SANTIAGO DE ERMELO EN BUEU
Fachada principal da actual Igrexa de Ermelo.

O profesor Romaní cualifica estas inscrición “Gelmiriana” como “unha peza de altísimo valor histórico para Galicia […] ser a única inscrición epigráfica que, aludindo a Diego Gelmírez expresamente, conta cunha completa datación”. A finais do s. XV Ermelo pasa a ser priorado dependente do mosteiro de S. Xoán de Poio para, co paso do tempo quedar abandonado, e desaparecer.

Entre tanto e ao ir espallándose pequenos núcleos de poboación, fundamentalmente agrícolas, foron aparecendo próximos a estes igrexas como as románicas de Cela (anterior a 1187), de S. Martiño de Bueu (antes do 1227) e a antiga de Beluso. Estas dúas últimas foron refeitas e fortemente modificadas pasados uns séculos.

Mais non será ata finais do S. XIII onde a nosa contorna véxase reflectido na literatura con referencias directas como nas “Cantigas de amigo” de Johán de Cangas a San Mamede e ata poderíamos contar, entre nós, coa figura de  Macías o Namorado.

En canto á arqueoloxía civil aparece aos inicios do s. XV o Pazo do Casal (ou “dos Picos”). Pero non será ata mediados do s. XVII cando, con Fernando de la Rúa abade de S. Martiño, alcance unha grande esplendor en Bueu coa fundación do Pazo de Santa Cruz. Este mesmo abade mandou construír a, Capela de Santa Ifixenia e a antiga capela dos Santos Reis hoxe desaparecida e posteriormente, baixo a mesma advocación levantouse (1953) outra deseñada polo pintor Urbano Lugrís.

Capela de Santos Reis deseñada por Urbano Lugrís.

Para coñecer estes entornoe e moi recomendable facer a Ruta dos Abades polas igrexas e capelas e a Ruta dos pazos que levan anos sendo promovidas polo Concello de Bueu.

O desenvolvemento do Bueu na era moderna estivo ligado á pesca e a súa industrialización

Aínda que o espazo é limitado e xa teño que rematar quedando no aire moitas e variadas cuestións non o farei sen facer referencia ao motor da nosa economía ao longo dous últimos séculos: a pesca e a súa industria.

É a finais do s. XVIII cando xorde o inicio do que chegaría a ser unha próspera industria ao longo de moitos anos. Refírome á instalación en Beluso da primeira compañía salgadora que formaba parte dun primeiro intento de repartir por toda a costa galega “Factorías pesqueiras” (Gerónimo Hijosa e Pedro Marich-1786).

Esta industria medrou sobre todo no século que vai dende mediados do XIX ata mediado do XX nos que compartiron espazo máis de 25 salgadoiros e varias conserveiras. Todo isto ocorre xa sendo Bueu concello (1836) no que se incluían ás parroquias de O Hío e Aldán (segregadas no 1873) e ao que se lle engadiu a adscrición das illas Ons  e Onza (1844). Para coñecer máis en profundidade este aspecto da nosa historia temos a posibilidade de facer unha visita a Ons, ou pasar polo Museo Massó preto da lonxa ou o peirao.

O certo é que nos atopamos co Bueu actual … ese Bueu que cada ano mudou con estilos que apenas o identifican… un Bueu onde a sinal fabril dou paso a “outras cousas”… Nin mellor nin peor. É outro Bueu que nos ten que facer ensoñar e engaiolar cando miramos cara o mar e o seu horizonte… cando tratamos cás súas xentes… ou cando coñecemos e respectamos o seu pasado.

foto arturo sanchez cidras
Arturo Sánchez Cidrás

Maestro e escritor, é autor do blog acidras.blogspot.com onde recolle un impresionante traballo de investigación sobre a historia da Vila de Bueu.

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.