FOTOGRAFÍAS QUE NOS ACHEGAN A CANGAS DO SÉCULO XX
Texto elaborado por Fernando Cuñarro Pintos, secretario da A.C A Cepa. Fotografías do arquivo da A.C A Cepa.
Con motivo da presentación do libro “Ocaña, unha saga de fotógrafos” editado pola A.C A Cepa, Fernando Cuñarro nos achega este artigo no que coñeceremos aspectos moi interesantes da vida do que está considerado o fotógrafo da Cangas do século XX.
Ramón Ocaña aprendeu o oficio no estudo fotográfico do seu pai en Vigo, antes de emigrar durante tres anos a Cuba
Ramón Ocaña nace no ano 1881 en Bilbao. O neno Ramón será o sexto dos oito fillos do matrimonio Ocaña Larrín e figurará inscrito no rexistro cos nomes de Ramón Enrique Basilio.
Coma todos os seus irmáns aprenderá o oficio no estudo fotográfico do seu pai en Vigo onde traballará como aprendiz retocando clichés e facendo labores varios no taller.
No 1904, con 23 anos, emigra a Cuba. Na Habana traballa no taller Otero y Colominas, “un estudio fotográfico e debuxo con taller de fotogravado a medio tono” onde perfecciona os seus coñecementos.
Ao seu regreso abre o seu estudo de fotografía en Cangas e casa en Aldán con Marina Barros coa que terá oito fillos
Despois de tres anos en Cuba, regresa a Vigo e trasládase a Cangas onde instala o seu estudio fotográfico.
Un ano despois, en 1908, casa en Aldán con Marina Barros, filla da valisoletana Bonifacia de Lamo e do que fóra alcalde Serafín Barros propietario da coñecida como Granxa de Barros no monte de San Cibrán.
O matrimonio Ocaña-Barros compartiron unha longa vida en parella. Tiveron oito fillos: Ramón, Marina, Serafín, Enrique, Carlos, Enma, Luís e Fernando que lles deron moitos netos e varios bisnetos e tataranetos.
Nunca chegaron a ter vivenda de seu. Viven de alugueiro en varias casas do centro de Cangas: rúa Real, Fomento, avenida Montero Ríos, rúa Méndez Núñez e barrio do Forte. Ramón Ocaña vive do seu traballo coma fotógrafo, pasan os anos e vai cambiando de locais, mellorando as instalacións con galerías acristaladas que permitían unha mellor entrada de luz natural.
Ramón Ocaña ten realizado numerosos retratos de importantes cargos da vida política e social de Cangas
Ademais de realizar numerosos retratos a importantes persoas da vida política e social de Cangas, tamén fotografou algúns dos acontecementos máis importantes ocorridos na vila que publicou na revista Vida Gallega e no xornal El Pueblo Gallego. No 1929 participa como socio fundador do Alondras Club de Fútbol.
No ano 1931 un incendio destrúe o seu estudo na rúa Fomento. Ramón Ocaña é un emprendedor que inicia novas e diversas actividades. Traballa como representante comercial, abre un estanco na ribeira, o Lyon Bar, unha leitería e o popular salón de baile Danubio Azul, acondicionando unhas antigas naves nos areais de Rodeira onde se celebraron comidas e actividades sociais e políticas .
Na posguerra e axudado polas súas fillas Marina e Enma monta e dirixe espectáculos de teatro. Estivo á fronte do local do Auxilio Social que organizou os comedores infantís que alimentaron a moitos nenos nos anos terribles da posguerra.
Moitos negativos e cristais fotográficos do seu estudio arderon e foron retirados ao limpar o local na de Cervera. Xentes de Cangas teñen recollido do lixo cristais fotográficos con negativos da súa autoría. Agora e grazas ás redes sociais recuperamos algúns deses materiais.
Un legado importante da obra de Ramón Ocaña son as postais que realizou sobre Cangas a principios do século XX
Ramón Ocaña deixounos unhas magníficas series de tarxetas postais de Cangas en coidadas edicións. Nelas percorre a vila ao longo dos primeiros anos do século XX. As coleccións tiveron moitas reedicións ao longo dos anos e déronlle ao fotografo un gran prestixio e popularidade.
O que consideramos primeiro álbum, “Cangas Antigo” preséntanse coas imaxes unidas cunha grampa e formando un caderno do que se podían desprender para ser enviadas por correo. Forman unha colección de postais con 12 fotografías. Editou en cartón duro un segundo álbum na litografía de Buceta.
A terceira das coleccións, a chamada “Serie Azul” podemos datala polo 1920 tendo en conta a roupa e os elementos construtivos.
O cuarto dos traballos, tamén da “Serie Azul”, contén, unha colección de 12 fotografías que corresponderían a 1925.
POSTAIS DAS DIFERENTES COLECCIÓNS DE RAMÓN OCAÑA
Ramón Ocaña falece en Cangas no 1977, aos 96 anos, vivindo no barrio do Forte
Anos despois da súa morte, o colectivo Arte-Visual recuperou parte do seu traballo fotográfico nunha Exposición Antolóxica na Casa da Cultura en abril de 1995.
Cangas débelle imperecedoira gratitude por legarnos tantos testemuños gráficos da nosa vila no século XX e para facerlle unha pequena homenaxe, a A.C A Cepa organiza unha exposición fotográfica os vindeiros 1,2,3 e 4 de decembro na Capela do Hospital e presentará o libro “Ocaña, unha saga de fotógrafos”.
Fernando Cuñarro Pintos
Secretario da Asociación Cultural A Cepa de Cangas.
2 comentarios
Asociación Cultural A Cepa » A Illa dos Ratos
[…] Nós últimos anos sacamos un libro coas actividades realizadas na asociación nos seus primeiros XXV anos de vida adicados a cultura de Cangas e outro sobre a obra do fotógrafo Ramón Ocaña. […]
Visitantes ilustres de Cangas (II) » A Illa dos Ratos
[…] Abandonou o seu labor literario e periodístico cando aprobou a oposición a notaría no ano 1897. Comezou a exercer como notario no Grove e Cambados e posteriormente na vila de Cangas dende 1916 ata 1930, nun despacho situado onde hoxe está a Cafetería Náutico de Rodeira, preto da gasolineira do molle, xunto ao laboratorio fotográfico de Ramón Ocaña. […]