A NENA CURIOSA QUE SEMPRE FACÍA MOITAS PREGUNTAS
Texto elaborado por Óscar Rodríguez Martínez, socio fundador da Asociación A Illa dos Ratos, para a serie “Cangueiras 2026” en colaboración coa Concellaría de Igualdade do Concello de Cangas.

A infancia de Lara, a pesar de que vivía en Cangas cos seus pais, transcorreu entre o CEIP O Hío e a casa dos seus avós. Daquela as clases eran tamén pola tarde así que como tiñan o Bar Castellano en Pinténs, un establecemento que tiña ese nome porque parte da súa familia materna era de Zamora, quedaba con eles.

Cando rematou a súa etapa escolar decidiu que o paso seguinte na súa educación sería cursar o bacharelato no IES María Soliño de Cangas. Sempre fora unha boa estudante pero como en 4º da ESO custáralle moito sacar as matemáticas e a súa mestra Arancha lle recomendara que no futuro se decantase polas letras, dicíndolle abertamente “isto non é o teu”, Lara Graña fixo o bacharelato de letras puras.
Se por algo se caracterizaba a nosa protagonista naquela etapa da súa vida era porque sempre estaba preguntando cousas. Tivo a sorte de que o profesorado fomentaba a participación activa do alumnado nas súas clases e iso alentaba a Lara a continuar dando renda solta a esa curiosidade insaciable e a sentirse motivada para facer algúns traballos voluntarios sobre temas que lle parecían moi interesantes como a república ou o mar.
Precisamente recorda especialmente un estudo que realizou sobre a folga de 1934 para a materia de Historia que impartía Ismael Vide, no que empregou como recurso unha gravación que o mestre lle facilitou onde un home coñecido como Sr. Antonio “O Traila” recordaba que durante esa folga lle quitaran o quiñón.
Aquela época non lle era allea porque a súa avoa Nina tamén lle contaba historias que sucederan naqueles anos como a dun irmán seu que morrera sendo moi noviño no naufraxio do Azaña en 1932 e que non aparecera.
Tampouco o tema do mar era descoñecido para Lara. Os momentos de pesca co seu avó ou co seu padriño cando volvía dalgunha marea no banco canario – sahariano tamén lle serviron a moza para coñecer de primeira man a dureza da vida no mar, sobre todo as penurias que vivían os mariñeiros e detalles dalgúns dos moitos naufraxios con xente da vila como protagonista.

Antes de cursar periodismo, Lara Graña plantexouse facer a carreira de dereito e ser fiscal
Ao rematar o instituto, a principal idea que tiña Lara Graña na súa cabeza para o seu futuro era ser fiscal, pero sabía que era un camiño complexo pola necesidade de ser moi aplicada para cursar primeiro a carreira de dereito, logo facer a especialidade e finalmente preparar e sacar a oposición. Estaba chea de dúbidas pero como moitas veces pasa na vida, un encontro casual, aparentemente sen importancia, resultaría moi relevante para o seu futuro.
Un día, no barco que fai o traxecto entre Cangas e Vigo, atopouse con Xela Cuñarro, a filla de Fernando Cuñarro, mestre e alma da A.C A CEPA. Foron falando das súas respectivas situacións e esa breve conversa de apenas 20 minutos foi a que animou a Lara a seguir os pasos de Xela e matricularse en periodismo na USC.
Iniciaron xuntas o curso con moitas expectativas e ilusión pero cando viron que a carreira non ía ser exactamente como imaxinaran, decidiron xuntarse con outros compañeiros e facer actividades máis prácticas pola súa conta como por exemplo un programa de radio.
Daquela etapa, Lara ten un gran recordo de Juan Antonio Hernández Les, o seu profesor de “Teoría e Historia do Periodismo“, unha persoa bastante peculiar e pouco convencional do que aprendeu a gozar coa lectura.
Foi tal a súa influencia sobre Lara que a moza chegou a mercar algúns libros de filosofía e doutros temas que o mestre lle recomendaba e que lle axudaron a evolucionar o seu espírito crítico e a asentar os piares para aprender a comentar textos con máis criterio.
Esa motivación crecente provocou que, mentres estaba na carreira, tamén aproveitase cada verán para facer prácticas e completar a súa formación. Iso permitiulle coñecer o funcionamento de diferentes medios como a prensa escrita, no Faro de Vigo – Edición O Morrazo (2005), ou a radio, en Radio Redondela (2006).
Nese mesmo ano pechou o círculo e comezou a traballar durante un ano na TVG, no “Galicia-Noticias”, un informativo local en Santiago con reportaxes.

Lara estivo durante un tempo cubrindo a actividade política no Parlamento de Galicia para a Cadena Ser – Galicia e a partir de 2008 a actualidade económica no “Xornal de Galicia”
Cando Lara rematou a carreira incorpouse na Cadena Ser – Galicia en Santiago de Compostela. Alí ela e dous compañeiros da carreira foron escollidos como locutores para un magazine pero ao pouco tempo pasou a cubrir a actualidade política no Parlamento de Galicia, onde estaba como presidenta Dolores Villarino, antes de formar parte do equipo doutro programa de noticias tamén a nivel galego.
Estivo a piques de quedar na Cadena Ser durante un ano máis cunha bolsa FEUGA pero finalmente non saíu e Lara rematou traballando nunha web de información en galego durante un tempo.
No 2008 nacía “Xornal de Galicia” en edición impresa e dixital e Lara enviou o seu currículo e a chamaron para facerlle unha proba que consistía nunha especie de exame presencial na universidade no que había que elixir unha noticia e simular unha entrevista e un editorial sobre a mesma.
Logo de pensar sobre os posibles temas a tratar, Lara decidiuse por simular unha crónica dende Wall Street o día no que saían os empregados de Lehman Brothers coas caixas na man logo da quebra da empresa, e debeu facer un bo traballo porque a chamaron para ser a correspondente de economía do diario.
A economía era un tema que lle interesaba moito pero sobre o que non tiña coñecemento real así que estudaba pola noite para autoformarse. Non enganou a ninguén porque os directivos o sabían pero confiaban na súa capacidade para aprender sobre diferentes temas para mellorar o seu desempeño no traballo.
No “Xornal de Galicia” estivo 3 anos levando todo o relacionado coas noticias do campo económico, practicamente exercendo como xefa de departamento, e se lle daba realmente ben pero o periódico comezou a ter problemas debido a liña editorial que mantiña e no ano 2011 acabou pechando tras presentar un ERE de extinción.
En 2012 implicouse na fundación de PRAZA.GAL, un periódico dixital en galego, e chegoulle unha oferta do Faro de Vigo
No ano 2012 Lara recibiu unha proposta para participar na fundación dun novo periódico en galego con edición unicamente dixital que se chamaría PRAZA.GAL. Decidiu incorporarse ao proxecto e entre novembro e febreiro estivo traballando intensamente nel ata que recibiu unha chamada de Irene Bascoy, xefa da sección Galicia do Faro de Vigo.

Naquel momento en PRAZA.GAL aínda que normalmente podía teletraballar, moitas veces tiña que ir pola AP9 a Santiago. Ademais so eran catro persoas e iso facía que tivera que levar ela soa as seccións de economía, laboral – sindical, política e entrevistas.
A oferta do Faro de Vigo significaba volver a casa e retornar a prensa escrita así que Lara decidiu acudir a entrevista co director do periódico, Juan Carlos Da Silva. Unha vez alí dixéronlle que estaban seguindo a súa traxectoria facía algún tempo e que admiraban a súa capacidade para afrontar novos retos e a súa valentía para abordar temas complexos con bo gusto e respecto.
Lara aceptou aquel traballo de redactora con moita ilusión e os seus superiores non tardaron moito en asignarlle temas tan controvertidos como a problemática derivada das Preferentes ou a crise de Pescanova nos que para lograr unha boa cobertura informativa tivo que facer uso de todas as súas habilidades e bo facer.
O punto de inflexión na carreira periodística de Lara Graña foi o seu labor de investigación no caso de Pescanova
No verán de 2012, como unha compañeira da sección Mar estaba de baixa, Lara foi a encargada de cubrir a crise do caladoiro de Mauritania, todo o referente ao contrato de Pemex e posteriormente a problemática de Pescanova.
Sería esta última noticia a que suporía un punto de inflexión na carreira profesional de Lara Graña xa que foi ela quen conseguiu en primicia a información de que a empresa ía entrar en preconcurso de acredores.
A empresa estaba tardando máis do habitual en presentar as súas contas e tras comentar o tema con algún cargo da empresa, Lara estaba pendente de calquera indicio que puidese explicar os motivos e unha noite mentres estaba revisando algunhas fontes de información atopouse con que na CNMV acababan de publicar un comunicado ás 23:40 informando de que Pescanova pedira a CNMV que suspendese a cotización das súas accións ata que formulase as contas anuais do exercicio 2012.
Chamou ao director do periódico para comentarlle o tema. Ante a magnitude da noticia, rapidamente ordeou que se parasen as rotativas e deulle luz verde a Lara para que escribira, dende a súa casa en Pinténs, o texto daquela importante noticia que sería publicada en primicia polo Faro de Vigo.

A situación laboral de Lara, que nese intre era unha humilde redactora que estaba contratada cun contrato de relevo, cambiou radicalmente. No ano 2013 a fixeron fixa, lle deron incluso unha gratificación e a partir de aí comezou a encargarse dos temas importantes.
Súas foron as crónicas da quebra de Pescanova, un tema sobre o que seguiu investigando durante 7 anos e 7 meses, momento no que saíu a sentenza. Durante ese tempo constatou que os irmáns Fernández Sousa a tiñan por persoa non grata, chegou a ter pinchado o seu teléfono e a recibir ameazas anónimas de que sería denunciada se non cesaba nas súas investigacións.
Outro tema importante que acabou abordando foi a evolución do sector pesqueiro e o naval, especialmente todo o referente ao contrato con PEMEX.
No ano 2018 Lara Graña foi nomeada xefa da área de economía do Faro de Vigo e tres anos despois redactora xefa
Comezando o ano 2021 Lara Graña foi nomeada redactora xefa do Faro de Vigo e se encarga da sección Área metropolitana, coordinando contidos co resto de seccións e as outras áreas xeográficas.
Tamén se encarga das seccións de Economía e Mar cando non está o subdirector e segue dedicando tempo as súas investigacións sobre temas moi relevantes mediaticamente como o tráxico naufraxio do Vila de Pitanxo o pasado 15 de febreiro de 2022, o caso da quebra de Hiperxel ou a desaparición da canguesa María del Carmen Fernández Vázquez cando ía a bordo dun dos barcos do CSIC en Gandía.

Lara Graña recibiu varios recoñecementos ao longo da súa traxectoria, destacando o Premio API de Investigación na categoría de periodismo local en outubro de 2024
Como queda reflectivo neste artigo, ao longo da súa traxectoria, Lara Graña foi quen de realizar importantes investigacións que lle permitiron sacar á luz impactantes noticias, pero tamén tivo tempo para entrevistar a persoas relevantes como Paul Krugman, o Premio Nobel de Economía de 2008, ser premiada con varios galardóns e recibir o agarimo e o recoñecemento dos seus veciños e veciñas.





Entre todos eses recoñecementos, Lara Graña recorda con especial emoción cando en outubro de 2024 foi galardoada co “Premio API de investigación na categoría de periodismo local” polos artigos que publicou no Faro de Vigo sobre o caso HIPERXEL.
O motivo da importancia que lle da a este premio e que tras recibir ese recoñecemento, tivo a oportunidade de entrar na API, a Asociación de Periodistas de Investigación, algo do que se sente moi orgullosa porque para poder formar parte dela hai que ter o aval de outros membros e iso leva implicitamente o recoñecemento dos compañeiros da prensa.
Alí coincidiu con periodistas recoñecidos/as polo seu labor de investigación como Antonio Maestre, Antonio Rubio (un dos fundadores), Irene Dorta (El País) ou Juan Carlos Villanueva, entre outros.

Na actualidade, nun tempo onde os bulos informativos se extenden por diferentes medios e redes sociais, Lara continúa desenvolvendo o seu traballo con rigor periodístico e a mesma ilusión que o primeiro día, buscando a verdade e loitando contra aqueles que queren facer bo o dito: “no dejes que la realidad te estropee una buena historia“.
Queremos agradecer a Lara Graña a súa colaboración para a elaboración deste artigo e desexámoslle que continue no futuro exercendo e dignificando a súa profesión como ata agora, facendo que o seu pobo se sinta orgullosa dela, e servindo de exemplo para as vindeiras xeracións de cangueiras.
Óscar Rodríguez Martínez
Socio fundador de A Illa dos Ratos.
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/02/06/2020
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/20/10/2020
Deixa a túa resposta